domingo, 28 de setembro de 2014

El templo de las mil puertas

Unha fantástica revista on-line de literatura xuvenil que vos recomendamos se queredes estar ao día das últimas novidades literarias e moito máis.

Clica na imaxe e abriránseche esas mil portas!

http://www.eltemplodelasmilpuertas.com/revista/41/

domingo, 21 de setembro de 2014

Comezamos!!

Así é, xa estamos de volta, e que mellor que facelo cun decálogo para que o curso sexa moito máis doado...
Vía

xoves, 19 de xuño de 2014

Suxestións de lectura, cine e música

Por un verán cheo de fermosos momentos de lecturas compartidas

venres, 13 de xuño de 2014

"Gozando a Poesía" - "Enjoying Poetry"

Durante este terceiro trimestre en 3ºC (PDC) e en 4ºA  na materia de inglés o Proxecto "Enjoying Poetry" tiña como principal obxectivo o achegamento á poesía. 

Andivemos á pescuda de Acrósticos, Haikus, Poemas Dada e Caligramas, e á vista das conclusións da rapazada esta aventura poética foi divertida e ese achegamento foi, para eles, moi novidoso e os sorprendeu moi positivamente.

Velaí algunhas das opinións do alumnado de 4ºESO.

[Despois da visita de Raúl aprendemos que a poesía pode ser doada de entender. Aprendemos tamén que a poesía non é so versos e estrofas, e que podemos facer poesía con ideas sinxelas, incluso se non  somos escritores profesionais." (Noelia e Sarai)

"Finalmente, debemos agradecer a poetas e escritores como Carlos Negro e Raúl Vacas que nos amosasen unha idea distinta do que é a poesía a través dos seus obradoiros e que nos fixesen gozar escribindo poesía."(Juan e Sergio)

"Ao principio do proxecto pensamos que sería moi aburrido, pero agora estamos de acordo en que non foi un mal tema, tendo en conta que realmente non nos gusta ler poesía. Debemos admitir que foi un proxecto interesante co que aprendemos cousas diferentes." (Miriam e Cristina)

"Ao principio asustoume o proxecto, porque non me gusta a poesía en español e  pensei que en inglés sería moito máis difícil, pero finalmente debo recoñecer que me gustou porque este proxecto foi bastante divertido." (Joel)

"Ao principio non estaba encantado coa idea de facer un proxecto sobre poesía durante o terceiro trimestre. Non odio a poesía, pero non me gusta tanto como a narrativa. Tería preferido un proxecto sobre un tema libre. Sen embargo, non estivo mal de todo. Divertinme facendo Haikus, Acrósticos, Caligramas, pero non Poemas Dada, porque son un pouco difíciles. De todos xeitos gustoume facer este traballo. […] Dende o meu punto de vista, moitos dos meus compañeiros teñen gozado coa poesía aínda que non  o admitan. De feito, penso que a maioría fixo un bo traballo e escribiron uns poemas fantásticos. Este proxecto nos dou unha visión diferente da poesía, moi diferente dos poemas que vemos na clase de lingua." (Carlos)

"Con  este proxecto coñecemos distintos tipos de poesía. Aprendemos a escribila, a sentila e a gozala. Tamén aprendemos que a poesía pode ser divertida e interesante e que no é esa cousa aburrida e sentimental que a xente soe pensar. Aprendemos a apreciala e a amala." (Andrea e Ruth)

"Antes de comezar o proxecto pensabamos que sería difícil e aburrido, pero ao final foi interesante e divertido" (Alex e Raúl)

 "Cando soubemos que o proxecto do terceiro trimestre sería sobre poesía, vin caras de desaprobación entre os meus compañeiros, pero eu non era unha deles. Pode ser porque ás veces leo poesía, ou  porque sabía que a poesía é algo máis do que nos imaxinamos. Creo que non lles gustaba porque non a coñecían. Hoxe, saben máis e penso que case todos nós temos unha opinión distinta e un maior coñecemento sobre a poesía do que tiñamos ao principio" (Antía)]
Tras o Encontro con Raúl Vacas, se lles propuxo deseñar un “envase” no que presentar os seus poemas a esa persoa especial nas súas vidas, e practicamente todos aceptaron o reto.
O resultado non puido ser máis creativo… 

Flores e bolboretas voadoras para achegar a unha irmá os nosos afectos dun xeito diferente, as pílulas desa avoa que nunca esqueceremos, un xogo poético para un amigo moi especial, un haiku agochado nun móbil para ese amigo que non se separa del..., todos eles extraordinarios. E cantas emocións contidas mentres nos presentaban os seus fermosísimos "envases poéticos".
Alguén dixo que esta xuventude non aprecia  poesía e que as escolas matan a creatividade? Non sempre adoita a ser así, non sempre... So hai que ver a súa resposta cando conseguimos enganchalos.
Parabén rapaces, foi un verdadeiro placer facer o camiño da ESO ao voso carón. E despois de catro anos xuntos teño que confesarvos que vos botarei en falta, non sabedes canto!!
Todo o mellor na vosa nova andaina!!

martes, 20 de maio de 2014

Unhas Letras de Lenda

Este ano, o día das Letras Galegas  dedicámolo á literatura oral. Como  na materia de  lingua inglesa en 1ºESO estamos a facer un Proxecto documental sobre lendas do mundo, decidimos dedicar o día a contar lendas do noso país, esas lendas que nos contaron os nosos avós, os nosos pais e que tanto nos gusta contar e que nos conten. 


O alumnado decorou a biblioteca, non faltaba detalle para darlle un ambiente de lenda, incluso algúns deles vestíronse para a ocasión.  Foi un mañá chea de misterio Por alí estiveron  a Santa Compaña,  Santa Comba,  San Andrés de Teixido, Roxín Roxal e a Ponte do Porco, o Arco de San Lorenzo, a Lagoa de Doniños e un sen fin delas máis…


Tanto gozamos con esta experiencia que o vindeiro curso pensamos organizar unha semana enteira á tradición oral. Que vos parece a idea? A nós encantounos!

Se estades interesados nas nosas lendas, non deixedes de visitar Galicia Encantada!

luns, 19 de maio de 2014

Día das Letras Galegas


Museo Belas Artes

O martes 19,  as actividades de celebración das Letras trasladámolas á Coruña.  Comezamos cunha visita ao “Museo de BelasArtes”, onde  nos achegamos á obra de artistas galegos como Luis Seoane, Villaamil…, logo  fixemos un  “Itinerario  de  escritores  galegos”, estivemos na  casa de Rosalía, nos monumentos, nos Xardíns de Méndez Núñez, a Curros Enríquez, Castelao, Manuel Murguía e Pondal onde se leron distintos poemas como “Os mozos”, na primeira sé da RAG, na Cova Céltica e,  na  Praza do Humor  e na Praza de María Pita





 https://goo.gl/photos/XngXdtLDiuZp2Kwv6

Xa  pola tarde fomos ao Xardín de San Carlos onde lemos o poema The Burial of Sir John Moore after Corunna de Charles Wolfe e un fragmento do que  Rosalía lle  dedica  titulado  “Na tomba do Xeneral Sir John Moore” e visitamos  a  “RAG e a Casa-Museo de Dona Emilia Pardo Bazán”. Na RAG lemos varios poemas de Díaz Castro, entre eles “Penélope” e “Nimbos”. 


Unhas visitas moi didácticas que fixeron desta unha extraordinaria celebración dun dos días grandes no noso país, o Día das Letras Galegas.


Se clicades nas fotos veredes as reportaxes completas.

martes, 13 de maio de 2014

Encontro con Raúl Vacas no Segrel


Seguindo coas actividades levadas a cabo durante este terceiro trimestre, centradas na poesía, o alumnado de 3º e 4º tivo a oportunidade de asistir a un fantástico obradoiro dirixido por Raúl Vacas quen fixo posible, coa súa mestría e bo facer,  que todos os que alí estivemos gozáramos dunha mañá chea de  poesía e creatividade. 

Unha mañá da que xa estamos a ver os seus froitos nas clases de inglés nas que estamos a desenvolver un proxecto, “Enjoying Poetry”, que está a resultar do máis gratificante, e do que daremos cumprida conta a finais de curso.


mércores, 23 de abril de 2014

Día do Libro

Con motivo da celebración do  Día do Libro, en O Segrel  decidimos  organizar unha “Maratón de lectura”. As obras elixidas “Cando petan naporta pola noite” e “Catro cartas”, foron a nosa pequena homenaxe a un dos grandes da literatura do noso país, o escritor Xabier P. Docampo.  


Ao longo da mañá o alumnado da ESO disfrutou coa lectura destas dúas obras dun dos seus autores favoritos.

mércores, 9 de abril de 2014

Roteiro Literario, Xosé Mª Pérez Parallé "O Segrel do Penedo"

Dende hai xa varios cursos, un dos nosos obxectivos é achegar a figura de Xosé María Pérez Parallé (O Segrel do Penedo) ao alumnado que se incorpora ao noso centro en 1ºESO. Para tal fin,  en colaboración co departamento de galego, organízase un  roteiro  pola zona nos primeiros meses do curso, pero nesta ocasión, o cru inverno mantívonos pechados no centro ata esta mañá, que amenceu cun fermosísimo día primaveral que nos levou a percorrer os lugares nos que O Segrel pasou a meirande parte da súa vida. 


A primeira parada foi  na Casa da Sociedade, "Casa de oficios varios e peóns de Barallobre", a  Segunda no Casal de Sandulfe, onde Julian entonou, e moi ben, un Cantar de cego que nos achega á vida do Segrel. Posteriormente léronse,  diante das  esculturas homenaxe aos clásicos: Rosalía, Curros e Pondal,  poemas como “Microbiografía”  de  Parallé,  “Cartafol  da saudade”,  “Cantigas dun  serán  avesío” e “Non falarei,  non”, entre outros. Logo, visitamos o  pequeno museo etnográfico onde se conserva a campá da igrexa do Bon Xesús do Pazo de Barallobre, onde hoxe está o noso instituto. Rematamos o percorrido na antiga Casa de curtidos propiedade da familia da muller de Parallé.  

venres, 21 de marzo de 2014

Obradoiro de poesía: Antón Cortizas


Este curso, na celebración do “Día da Poesía” acompañounos o noso querido e admirado  “Antón Cortizas” quen impartiu un obradoiro de poesía para  o  alumnado de 1º de ESO.  

Traballamos os Centóns, escribimos acrósticos e gozamos con marabillosos Haikus. Foi un  marabilloso  encontro no que a maxia da  poesía inundou a biblioteca do Segrel e fixo posible que a rapazada amosase a súa sensibilidade e gosto pola poesía. 


Que fermosos acrósticos escribiron algúns deles!.

Cousiñas pequenas.
Anhelos no máis claro luar
Revolven a miña mente
Loitando por ser contados
Aflorando desexos de ser narrados.


Jinete que busca o seu propio mundo
Unha noite sen estrelas
Loitando contra sombras
Imaxinando o meu destino
Afastado da miña vista
No lugar máis agochado da miña mente.

Día Internacional da Poesía


Escolma poética coa que agasallaremos aos visistantes do Segrel no Día da Poesía

domingo, 16 de marzo de 2014

The "Bullying" Experiment

E ti, que farías?...


"Nuestra generación no se habrá lamentado tanto de los crímenes de los perversos, como del estremecedor silencio de los bondadosos" 
Martin Luther King



sábado, 15 de marzo de 2014

As Linguas que nos Unen

Interesante entrevista a Juan Carlos Moreno Cabrera, catedrático de Lingüística General na Universidad Autónoma de Madrid.

"La educación que hemos recibido ha estado de espaldas al multilingüismo de España  [... ] somos sordos a estas lenguas hermanas (gallego, catalán, vasco) cuando no deberíamos serlo"


luns, 10 de marzo de 2014

"Fene Lendo Mulleres" no "Día da Muller Traballadora"

Participación do alumnado de ESO na XIV Maratón de Lectura organizado pola Concellería de Servizos Sociais do Concello de Fene con motivo do "Día Internacional da Muller" que nesta ocasión quixo render Homenaxe á Muller Mariscadora.

Nesta maratón, como xa é habitual, profesorado e alumnado participamos coa lectura de textos escritos por mulleres, respectando a lingua na que foron escritos.

Velaí tedes á rapazada durante a maratón que, para o noso centro, desenvolveuse de 10.30 a 11.45 Faltounos tempo, pois non puideron participar todos os que querían, máis a representación estivo moi ben.

Parabéns e graciñas a tod@s pola vosa participación!!

Fene lendo Mulleres
Clicar na imaxe para ir ao álbum fotográfico

sábado, 8 de marzo de 2014

Mulleres do Mundo

  • Obrigadas a casar sendo nenas
  • Xordania: Cuestión de honor
  • Iraq: A morte en vida dunha muller maltratada
  • Viúvas na India, a pira e o esquecemento
Son algúns dos documentais que forman parte desta serie elaborada por Nacións Unidas.


Mulleres e Homes


Fundación Good Planet "7 Mil Millóns de Outros"


A Igualdade aos Ollos das Mulleres




Historia do Día da Muller



xoves, 27 de febreiro de 2014

Encontro con Victor Moreno no Segrel

O luns, 24 de febreiro, o profesorado que dinamiza a biblioteca do Segrel, acompañado por compañeiros  e amigos de outras bibliotecas escolares de Ferrolterra tivo o pracer de disfrutar do Encontro con Victor Moreno, un dos grandes dentro e fóra do noso pais cando se fala de escritura, lectura e literatura. O que nun principio ían ser dúas horas convertíronse en catro e aínda así quedaron curtas...

Victor comezou léndonos o conto "El unicornio en el jardín" de James Thurber, tal e como sempre facía nas súas clases. Cada día comezaba coa lectura dun conto, ou dun poema, co que ao remate de cada curso eran máis de 170 contos e poemas os que tiñan lidos. Que non é pouco!! Contounos unha divertida anécdota cun grupo de alumnos despois de ler os poemas de Spoon River de Edgar Lee Masters e deixou ben claro que a responsabilidade da competencia textual do noso alumnado é de todo o profesorado, non so dos departamentos de lingua, e que para iso está aí o "Proxecto Lector de Centro". E a partír de aí levounos paso a paso cara ao "Desenvolvemento da competencia escrita". 

Ao longo da tarde podemos descobrir o Victor provocador, irónico, cun enorme sentido do humor e sempre apaixoado da que foi a súa profesión. E claro, houbo tempo para falar do Informe Pisa, da súa experiencia como crítico literario e de poder disfrutar da súa experiencia e bo facer. Todo un pracer!!

Encontro Victor Moreno
Clicar na Imaxe para ir ao Álbum do Encontro



Publicacións na serie Blitz do Goberno de Navarra

martes, 25 de febreiro de 2014

24 de Febreiro: Día de Rosalía

Onte, día 24 de Febreiro, no Segrel, ao longo da mañá, a rapazada da ESO celebrou, como non podía ser menos, o Día de Rosalía cunha festa chea de música e poesía.

Abriuse o acto coa Alborada de Rosalía de Daniel Bellón, un dos mellores gaiteiros de Galicia e antiguo alumno do IES de Fene, escoitamos tamén "A xusticia pola man" na voz de Aid, do seu disco Rapoemas, e despedímonos con  "Negra Sombra" na versión de Luz Casal e Carlos Núñez.

Os grupos de 1º ESO fixéronnos un fermosísimo regalo, Julián cantou a capela, e marabillosamente ben, por certo, "Adios ríos, adios fontes". Un gran día no que descubrimos unha fermosa voz que teremos moi en conta para próximas celebracións. (Podedes escoitalo en Radio Barullo)

Velaí tedes a nosa escolma poética: Unha escolma que comeza co poema "Cantigas dun verán avesío" dedicado a Rosalía por Xosé María Pérez Parallé (O Segrel do Penedo), e remata co poema "A Rosalía" de Manuel Curros Enríquez

Con esta escolma fixemos un pequeno libro de poemas que entregamos a todo o alumnado que participou na celebración.

Logo da lectura de poemas, houbo quen tamén quixo participar nos  "Selfies" #euRosalía. Que nos gustou moito esa proposta. Fantásticos!!

Así foi como sucedeu parte da xornada...

venres, 14 de febreiro de 2014

Un Día moi Poético no Segrel!!


Tíñades que ver esta mañá as caras da rapazada cando entraron na biblioteca durante o primeiro recreo... Os que levaban algún préstamo o viñan devolvelo collían o seu agasallo. Profes e alumnado case deixan o segundo recreo sen agasallos!! 

Cantos poemas se leron hoxe no Segrel. Todo un éxito!!

Logo, durante as clases, as emisarias de Cupido, entregaron fermosas cartas de amor e marabillosos ramos de frores, aos seus destinatarios e destinatarias. 

Velaí tedes o que aconteceu no Segrel nesta mañá tan agarimosa...

No atril que hai á porta da biblioteca, deixamos esta pequena escolma poética:

xoves, 13 de febreiro de 2014

San Valentín Poético

Este ano, porque pensamos que todos os momentos son bos para disfrutar da maxia da poesía, o noso San Valentín ven cargado de fermosos poemas cos que agasallaremos aos visitantes da biblioteca e da cafetería, porque a poesía está en todas partes, so hai que deixarse atrapar por ela...

Velaí tedes como quedou todo organizado. Non faltan árbores cheos de corazóns, caixas moi amorosas que agochan unha sorpresa poética, poemas enrolados en fermosos corazóns e unha pequena escolma poética que saiu dos andeis para estar máis perto de todos nós e así animarnos a disfrutar dela.

E unha pequena sorpresa dedicada moi especialmente á rapazada de 3º e 4º de ESO. Os catro poemas dos que tanto disfrutaron no seu encontro con Juan Mata o pasado luns están agochados neses corazóns.

Related Posts with Thumbnails