sábado, 21 de decembro de 2019

Suxestións de Nadal

Bo Nadal!!

Nestas datas os alumnos de primeiro da ESO, animados polas súas titoras, quixeron retomar o tradicional costume das tarxetas de Nadal, que as novas tecnoloxías e a inmediated que supoñen,  foron mudando desde hai uns anos, para dar paso ás felicitacións dixitais.
Deixámosvos unha mostra do seu traballo, que ademais aproveitaron para decorar o corredor.
O Segrel deséxavos... BO NADAL E DITOSO ANINOVO!!
 

xoves, 28 de novembro de 2019

Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

Este pasado luns, 25 de novembro, o IES de Fene quixo poñer o seu gran de area na loita contra a violencia machista. Esta conmemoración naceu en 1981 en memoria das irmás Mirabal, activistas políticas dominicanas que foron asasinadas polo réxime dictatorial do Xeneral Trujillo, o 25 de novembro de 1960. Sen embargo non foi ata 1999 cando a ONU asumiu esta reivindicación e convidou a todo tipo de organizacións a fomentar actividades para sensibilizar sobre o problema da violencia contra as mulleres.

No noso país son xa 52 voces menos as que este ano berraron NIN UNHA MÁIS!!

Nós levamos a cabo unha serie de actividades que tiveron como eixe central mostrar as mans contra a violencia de xénero. Neste senso os alumnos de 1º da ESO escribiron un poema de Gioconda Belli de xeito colaborativo e debuxaron as súas máns violeta para mostrar a súa repulsa.

Ademais do anterior habilitamos espazos de "mans brancas" esixindo a fin da violencia machista onde todos os que quixeron puideron plasmar a súa man en branco.

No segundo recreo fixemos unha foto nas pistas traseiras do centro en torno a un gran lazo violeta que colocaron os nosos compañeiros dos ciclos formativos de grao medio de 1º de Electromecánica e 2º de Soldadura.

Alumnos de 3º traballaron o tema da violencia contra as mulleres nas horas de titoría a través da visualización da película "En tierra de hombres" que mostra a loita pola igualdade entre homes e mulleres e pola fin das agresións machistas.

Por último desde a biblioteca quixemos sacar ao hall unha selección de fondos que teñen como temática a violencia contra as mulleres, coroada por carteis elaborados polos alumnos de 2º da ESO, con frases reivindicando a loita en contra desta lacra.


venres, 8 de novembro de 2019

Samaín no Segrel

Esta pasada semana celebramos o Samaín no IES de Fene. Ademais do tradicional magosto, quixemos ambientar un pouco a nosa biblioteca para a ocasión. Para iso fixemos unha pequena selección de fondos que nos recordan estas datas, contos de medo e terror, bruxas, trasnos e ata a Santa Compaña paseáronse pola biblioteca do IES de Fene e enchéronse de tearañas tecidas para a ocasión. Candeas, cabazas e mesmo un esquelete e unha caveira que, desde o laboratorio de Ciencias, non quixeron faltar á festa.


Fai click na imaxe para ver o álbum

Deixámosvos unha selección de lendas para a ocasión.
Disfrutade!!!

xoves, 24 de outubro de 2019

Comezo dos clubs de lectura

Un ano máis, e xa van trece, estamos botando a andar os clubs de lectura do Segrel. Este curso teremos dous grupos de rapaces, un de alumnos de 1º e 2º da ESO e outro con alumnos de 3º e 4º, e un grupo de adultos onde contamos non so coa participación de nais e pais dos nosos rapaces, senón tamen co que nos gusta chamar amigos do Segrel, nais e pais de antigos alumnos que atoparon no club de lectura un lugar onde compartir e comentar as lecturas ou como din algúns un motivo para atopar e ler libros que quizais non terían lido noutras circunstancias.

A semana pasada foi a quenda dos máis pequenos, os rapaces de 1º e 2º da ESO, que teran a súa reunión semanal o segundo martes de cada mes entre as tres e as catro da tarde. Elixiron como primeira lectura "Billy Elliot" de Melvin Burgess, que conta a historia dun rapaz apaixonado pola danza.

Este pasado martes tivemos doble sesión. Por unha banda os rapaces de 3º e 4 da ESO que, no mesmo horario que os seus compañeiros máis pequenos pero o terceiro martes do mes, comezarán con "Eskoria" de Alfredo Gómez Cerdá, sobre o tema do bulling e o maltrato entre iguais. Máis á tardiña tivemos o encontro con club de pais, nais e amigos do Segrel, que se reunirán tamén o terceiro martes do mes pero a iso das seis da tarde. Os adultos comezarán lendo a novela de Santiago Lorenzo "Los asquerosos".
 


Desexámosvos que sigades disfrutando de lecturas compartidas.

luns, 10 de xuño de 2019

martes, 21 de maio de 2019

Pecha Kucha "Por un Fene Sostible" II

E chegou o día, hoxe, martes 21 de Maio, ás 9 da mañá, representantes dos distintos partidos políticos do Concello de Fene participaron na Biblioteca do Segrel nunha Pecha Kucha organizada polo alumnado de 3ºESO que está a desenvolver un proxecto sobre sostibilidade “A sustainable Fene” na materia de Inglés. Asistiu tamén o alumnado de 4ºESO da materia de Bioloxía.

Connosco estiveron D. Xoán M. Bastida (Compromiso por Galicia), D. Joám L. Ferreiro (BNG), D. Gumersindo Galego (PP), Dona Mª del Carmen Martínez (EU-IU) e D. Antón Noceda (PSG-PSOE) que expuxeron os seus proxectos sobre sostibilidade para o Concello de Fene. 

O encontro foi presentado e dirixido por dúas alumnas de 3ºESO, Lucía e Adriana quen tras explicar as regras dunha Pecha Kucha fixeron o sorteo das quendas de palabra.

Comezou o representante do PSG-PSOE. Os seus obxectivos; reducir a contaminación, facer un concello sostible, transformación de combustibles fósiles, edificios eficientes e traballar para mudar os nosos hábitos. Facendo fincapé no problema económico destas iniciativas.

A seguinte foi a representante de EU-IU, para quen é fundamental a recuperación dos espazos naturais, a limpeza dos montes, a ampliación de zonas verdes, promover o uso de paneis solares, a reciclaxe e a educación ambiental dende os colexios e o concello.

Para o representante do BNG é fundamental que coñezamos a nosa contorna, falou das tres R's, a necesidade de pasar de fósiles a renovables e buscar o xeito de aforrar o consumo.

En cuarto lugar foi o representante de Compromiso por Galicia quen quixo deixarnos ben claro a diferencia entre sustentabilidade e sostibilidade, falou dos 17 compromisos para un futuro sostible promovidos pola ONU e da necesidade de urbanizar sen prexudicar ás xeracións futuras. 

En último lugar o representante do PP fixo fincapé no feito de que todos, independentemente das cores que cada quen representaba, estaban de acordo na loita por un Fene sostible. Falounos do Pacto dos alcaldes europeos por unha enerxía sostible local, da implantación dos contedores marróns para os restos orgánicos e da depuración das augas.

Logo, abriuse unha moi interesante quenda de preguntas por parte do alumnado que amosou o seu interese por saber os motivos polos que a planta de reciclaxe permanece pechada, a posibilidade de creación dun carril bici, o uso de enerxías renovables, a limpeza do fondo da ría, a creación de zonas verdes, a protección da flora e a fauna autóctonas...

Así transcorreron as case dúas horas que durou esta interesantísima experiencia na que a política entrou no instituto da man dun proxecto da materia de inglés no que o seu principal obxectivo e concienciar ao noso alumnado da importancia do noso papel na loita por un futuro mellor.


https://photos.app.goo.gl/Vn4iLT6xooHfwmsU6
Clicar na imaxe para ir ao Álbum

domingo, 19 de maio de 2019

Pecha Kucha "Por un Fene sostible"


O vindeiro martes, 21 de maio ás 9.00 am, os distintos partidos políticos con representación no Concello de Fene participarán no IES de Fene nunha Pecha Kucha organizada polo alumnado de 3ºESO que está a desenvolver un proxecto sobre sostibilidade “A sustainable Fene” na materia de Inglés.


Cada candidato disporá dun máximo de 6 minutos para expoñer os seus proxectos sobre sostibilidade para Fene. Tras as distintas exposicións abrirase unha quenda de preguntas por parte do alumnado. 


Este proxecto se está a desenvolver ao longo deste 3º trimestre no que xa tiveron lugar distintas actividades:

Charla presentación da estratexia ecolóxica práctica para enfrontarse ao Cambio Climático baseada nos principios de: Simplicidade, Eficiencia e Renovabilidade.

Simplicidade, reducción de consumos superfluos e innecesarios.

Eficiencia, realizar accións axustadas aos principios de sostibilidade cun factor de aproveitamento maior dos recursos.

Renovabilidade, uso de fontes enerxéticas limpas descentralizadas e locais de orixe Solar.

Presentouse así mesmo o Proxecto Precious Plastic. 

Esta charla correu a cargo de Xabier Picos educador de ASPANEPS e membro da Asociación Picos do Sol.


Visita ao centro ocupacional de ASPANEPS onde se desenvolve un extraordinario programa de Compostaxe Comunitaria e horta ecolóxíca.


Exposición sobre a Pegada Ecolóxica.


https://photos.app.goo.gl/pjYPnuo62s1FmBrU7 
 Clica na imaxe para ir ao Álbum

O obxectivo xeral deste proxecto é concienciar ao noso alumnado da importancia do noso papel na loita por un futuro mellor.


venres, 17 de maio de 2019

Día das Letras Galegas

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, no Segrel organizáronse distintas actividades. 

 
O EDLG organizou I Concurso Galeoke, celebrándose a gran final o mércores 15 que rematou coa actuación do grupo Arredemo formado por alumnado de 4ºESO e 2ºBacharelato. 

Charla sobre "O Galego no Cine" a cargo de Brais Romero licenciado en Comunicación Audiovisual.


 
Xunto a exposición sobre Antón Fraguas, o equipo da biblioteca organizou unha pequena mostra dos nosos fondos en galego; novela, poesía, cómic, álbum ilustrado, cine, música e libros informativos.


O xoves, durante o recreo, Gabi e Sabela (3ºESO) leron o poema "A Fala" de Manuel María. Poema que, xunto cun marcapáxinas, foi o agasallo que recibiron profesorado e alumnado neste Día das Letras.

https://photos.app.goo.gl/5HTo1vdXTMnXpj4K7
  Clica na imaxe para ir ao Álbum


martes, 23 de abril de 2019

Día do Libro

Nesta ocasión a celebración do Día do Libro, xunto cunha exposición das últimas novidades chegadas á nosa biblio, o grupo da biblioteca preparou un pequeno agasallo para alumnado e profesorado. Un agasallo co que achegar as nosas suxestións de lectura dun xeito orixinal: "Un título e unha rosa", rosa feita de papiroflexia coa axuda de Laura, profe de inglés e unha experta en origami. 
 
Un agasallo que encantou aos nosos usuarios!

https://photos.app.goo.gl/DBamWaAHuJUoBMqw6
 Clica na imaxe para ir ao Álbum

xoves, 21 de marzo de 2019

Día da Poesía

https://photos.app.goo.gl/jExZobHu3rso8hPp9O 21 de Marzo, como cada ano, no Segrel celebramos o Día Mundial da Poesía. Nesta ocasión organizamos unha exposición con parte dos fondos de Poesía da nosa biblioteca incluídos algúns exemplares elaborados por alumnado e profesorado como: "Escolma Poética Matemática", "Poemas Ilustrados", "Encontro con Carlos Negro", "Poemas Pola Paz", "Día de Rosalía", "Poemas de Amor", "Miguel Hernández", "English Poems", "Illustrated Poems and Songs", entre outros.

Clica na Imaxe para ir ao Álbum

venres, 8 de marzo de 2019

Día da Muller

https://photos.app.goo.gl/yJLcJu2j6NC6MiKw8Este mes de marzo, con motivo do Día da Muller, organizamos unha sección específica no Segrel sobre Feminismo á que, aos títulos que xa formaban parte dos nosos fondos, se engadiron algúns imprescindibles como:  
"Senlleiras", "El feminismo es para todo el mundo", "Feminismos y LGTB+ ¡Imparables!", "Feminismo para principiantes", "Feminismo Ilustrado", "El futuro es femenino", "Todos deberíamos ser feministas", "Mamá quiero ser feminista", "Todos los seres humanos nacen libres e iguales" e "Morder la manzana.
 
Con parte deses fondos organizamos unha exposición da que aquí tedes unha pequena mostra gráfica así como unha "Suxestión de lecturas"

  Clica na imaxe para ir ao álbum

 

luns, 11 de febreiro de 2019

Día da Muller e a Nena na Ciencia


Hoxe, 11 de Febreiro, celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e no Segrel organizamos varias actividades para conmemorar esta data.

         Clica na Imaxe para ir ao Álbum
https://photos.app.goo.gl/Sj2HHvSuj4YoRnH58Ao longo deste trimestre estamos a desenvolver en 2ºESO o proxecto "Women in Science" na materia de Inglés. O produto final será unha liña temporal na que amosaremos todas aquelas mulleres que, ao longo da historia, tiveron un papel fundamental nos avances científicos de todos os tempos a pesar dos moitos atrancos cos que se tiveron que enfrontar polo mero feito de ser mulleres.

En novembro de 2017 a ONU proclamou o 2019 como o Ano Internacional da Táboa Periódica dos Elementos Químicos. Con tal motivo, a enxeñeira química Teresa Valdés-Solís publicou a Táboa Periódica das Científicas, reservando as Terras Raras ás españolas.
 



Nos grupos de 4ºESO debatemos o vídeo "Mi hija quiere ser ingeniera" 

Así mesmo, organizamos unha exposición cunha breve reseña biográfica dalgunhas destas mulleres, en Galego e Inglés e os fondos de que dispoñemos na nosa biblioteca tanto de literatura como de cine.


mércores, 30 de xaneiro de 2019

Día da Paz

Como cada 30 de Xaneiro, alumnado e profesorado participamos nas actividades que se organizan dende distintos departamentos. Nesta ocasión os encargados da tarefa fomos o departamento de Matemáticas e a Biblioteca.

Fixemos un mural partindo das simetrías de Escher que acompañamos da palabra PAZ escrita en distintas linguas. 

Estanse a rematar as grúas de papiroflexia que, ao longo das vindeiras semanas, polo traballo que leva, utilizaremos para decorar a nosa biblioteca cun arco da vella. 

Na Hora de Ler, nos cursos da ESO, cada alumno leu un poema da escolma "Poemas pola Paz" que organizamos para esta data.

Velaí tedes como se desenvolveu a xornada...

https://photos.app.goo.gl/M7AwEqfJnM1ZfJjx6
Clica na imaxe para ir ao álbum
Related Posts with Thumbnails