xoves, 27 de marzo de 2008

Xoldas, Roteiros, Xuntanzas Gastronómico-Plambeiras e... Webquest!!!

Os GBI (Biblioafonso, A Nosa Biblioteca e O Segrel do Penedo) non só sabemos írmonos de xolda, visitar Bibliotecas Escolares, acudir a todas as Xuntanzas Gastronómico-Plambeiras… Este tipo de actividades facémolas ás mil marabillas. E para mostra, aquí tedes unha pequena presentación de tan só 25 segundos



Pero é que ademais, e de cando en vez, só moi de cando en vez, que conste, poñémonos a currar, pero só unha miaxiña…

E nesta ocasión queremos traervos aquí o produto do noso último traballo colaborativo.
Unha webquest sobre X. M. Álvarez Blázquez, autor a quen se lle adica este ano o Día das Letras.

Botádelle unha ollada e se vedes que vos pode ser útil co voso alumnado pois xa sabedes, é toda vosa.

Os GBI estamos encantadísimos de poder compartir con todos vós o froito de tantísimas horas de duro traballo cheo de noites de pouco durmir, días sen sair, amigos sen visitar e montóns de libros fantásticos sen poder ler…. En fin, toda unha penuria!!!

E como somos tan, pero tan xenerosos, estamos dispostos a que non pasedes polas mesmas penalidades.

Que somos así, de natureza solidaria, colaborativa…. podedes seguir engadindo todos os calificativos marabillosos que se vos ocorran (non temos avóas, que lle imos facer!)

Ah, esquecíamonos do máis importante, a ligazón a tremendo traballo!!!!

Próximamente Xa nos outros GBI Blogues:

martes, 11 de marzo de 2008

Entrevista ao profesor Van Helsing


Nathaniel Van Helsing (Amsterdam, 1924) está de visita no instituto para entrevistarse co noso director. É bisneto de Abraham Van Helsing, o cazavampiros da novela “Drácula” de Bram Stoker. A pesar da idade, mantén un aspecto atlético e fala cun ton cheo de vitalidade. Tivo a amabilidade de concedernos esta entrevista para o blog.
- Que o trae por aquí, profesor Van Helsing?
- Walkraft, o vampiro.
- Perdón?
- Pertenzo a unha familia que leva séculos perseguindo vampiros. Ademais de meu bisavó Abraham, tamén están os meus tíos Cornelius e Abelard. Pola miña parte, dediquei toda a vida a Walkraft, o discípulo avantaxado de Drácula.
- E iso que ten que ver con nós?
- Este outono, encontrei esta cruz de pedra en memoria duns náufragos nunha praia do Vicedo. (O profesor ensínanos a fotografía que ilustra esta entrada) Chamoume a atención que nela se mencionara o nome das vítimas, pero non o do barco. Investiguei e no libro “Os naufraxios da Galicia Norte” (Hixinio Puentes, Editorial Lea) atopei que ese barco era o “Drácula”. Walkraft é descaradamente vaidoso, gústalle deixar pistas para retarnos e facer alarde da súa intelixencia. Pense que foi o responsable de que Bela Lugosi rematara a súa vida créndose Drácula. Vampirizouno diante do mundo enteiro, deixando a súa obra gravada no celuloide.
- Non mo tome a mal, pero ese barco podía chamarse así e non ter nada que ver co que nos está a contar.
- Recorde, que na novela de Bram Stoker, o conde Drácula chega a Inglaterra en barco...logo de causar o seu naufraxio cunha tormenta. Walkraft homenaxea a Drácula sempre que pode, así que a pista é cen por cen fiable.
- Disculpe a insistencia, pero que ten que ver isto co nós?
- Coñecendo a Walkraft como o coñezo, podo asegurarlle que, despois do naufraxio, utilizou durante un tempo algún castelo da comarca (Moeche, Narahío ou Andrade). Pero un vampiro coma el non pode estar vivindo entre ruínas medievais eternamente. Necesita sentirse nun ambiente... digamos que...da súa "categoría". A comarca ferrolá, pola súa densidade poboacional, é ideal para que unha criatura tan monstruosa poda vivir durante moitos anos sen que ninguén se decate. Seguramente o atraeu un topónimo fenés como é “O sartego”. De aí debeu pasar ao Pazo, onde está o colexio de secundaria en Barallobre. É ideal para el. O nome fai referencia a un pasado señorial, ten unhas excelentes vistas á ría que lle permiten controlar a entrada e saída de barcos e, para maior comodidade, hai un instituto...
- Aclárenos isto, por favor.
- Que máis pode pedir un vampiro que un lugar polo que pasa moita xente e, ademais, xente moza.
- Comprenderá que non resulta fácil compartir a súas ideas?
- Si. Iso mesmo me dixo o director. Pero deixou de rirse cando lle preguntei pola porcentaxe de alumnos e persoal do centro que di estar anormalmente canso. Que raro... Uns adolescentes sen folgos para saír a xogar ao patio, que prefiren estar nas aulas ou sentados nas escaleiras interiores aínda que quente o sol.
- Non sei que dicirlle.
- Non se preocupe. Comprendo a súa incredulidade.
Van Helsing deixounos moi impresionados. Foi unha mágoa que se nos descargara a batería da cámara e non puideramos fotografalo. A charla que mantivemos na cafetería será inesquecible. Sempre recordaremos o seu porte elegante á vez que austero até nos máis mínimos detalles: non quixo tomar nada, porque tal como nos dixo cun sorriso “eu nunca bebo...refrescos”.

luns, 10 de marzo de 2008

Roteiro polas Bibliotecas Escolares (III)



Tras o magnífico xantar previo a calquera inspección do GBI (Grupo de Bibliotecas Interdisciplinar Intercentros), o pasado mes, os roteiros polas bibliotecas escolares galegas, compartiron unha tarde con Dona Carmen Loriga. Ademais de rendirlle admiración e pleitesía por aquel premio acadado hai xa varios anos (unha minucia de nada de 36.000 euros) e que a ela non lle gusta que llo lembremos, ademais de discutir de problemas varios dos centros, inspeccionamos a fondo a BIBLIOTECA UXÍO NOVONEYRA do IES ÁNXEL CASAL da Coruña.

Unha biblioteca pode ser vista con moitos ollos. Cos ollos materialistas, e, entón, diríamos “que biblioteca tan fantástica” (ou mellor dito “isto é unha biblioteca!”). Cos ollos informáticos, para dicir “un equipamento insuperable!”. Con ollos documentais: “que fondo tan completo, equilibrado e variado!”. Mais cos ollos docentes só podemos dicir “que bibliotecaria tan magnífica!”.

Todos e todas sabemos a importancia das persoas e, sen dúbida, en moitas ocasións ao pensar en bibliotecas escolares as relacionamos coas persoas que coordinan, cos equipos humanos de cada unha. Pero no caso do IES Ánxel Casal non é que a súa bibliotecaria liderara no pasado un proxecto que deu lugar aos froitos que todos coñecemos, recoñecemos e admiramos, senón que Carmen Loriga, analizando no día a día o comportamento e as necesidades dos seus usuarios e usuarias, ten xa na cabeza o deseño da biblioteca que ten que ser no futuro inmediato. Un espazo en continua mutación, que permanentemente se adapte ás novas necesidades e usos. A capacidade de tratar de adiantarse aos tempos é impresionante. Con Carmen Loriga nunca se chegará tarde a nada. PARABÉNS.

Outros Roteiros:

CEIP Milladoiro-Malpica

CEIP José Cornide (A Coruña)


Tamén nos outros GBI Blogues:


A Nosa Biblioteca

Biblioafonso

sábado, 8 de marzo de 2008

8 de Marzo "Día da Muller"

¿Ata cando?

Balbina vive nunha aldea pequena moi perto de Compostela. Érguese moi cedo. Mentres Manuel e o neno durmen, ela alista os animais, prepara a pota da comida que deixará cocendo toda a mañá co lume baixiño e fai o almorzo.

Levanta ó neno e prepárao para ir á escola.

Érguese Manuel, almorza e prepara o tractor para marchar.

Botan a mañá traballando nas leiras.

Ó mediodía volven á casa. Balbina pon a comida na mesa e comen. Despois de comer, o neno marcha para a escola, Manuel vai botar unha siesta e Balbina, despois de recoller a cociña vai ó río: lava, pon a roupa ó clareo se non chove… Cando volve á casa Manuel xa se ergueu, prepáranse e van traballar a outras leiras.

Volven coa tardiña. O neno xa chegou e está xogando. Manuel aséase e vai á lareira de Alfredo, o veciño, a saber das novidades.

Balbina muxe as vacas e acomoda os outros animais. Fai de cear mentres axuda a José Manuel cos deberes. Cean todos xuntos. O neno déitase. Manuel pónse a ver a televisión e Balbina tamén, mentres repasa unhas pezas de roupa que recolleu hoxe do tendal.

Esta historia é real e tódolos personaxes tamén.

Para Balbina, e para tódalas balbinas que , mentres facían todo esto non podían abrir unha conta no banco sen o permiso do marido, nin quitar o pasaporte…. A tódalas mulleres que non pudieron votar a Constitución española porque non tiñan vinteún anos e viron como os seus compañeiros de dazaoito sí o facían.

¿por canto tempo, aínda balbinas?

A Muller Galega do Século XXI
(Clica na imaxe para ver o álbum)


A Muller Galega de principios do Século XX




Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

venres, 7 de marzo de 2008

Reflexións sobre a Muller. Para pensar?


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón

Imos Contar Mentiras!!!!

Imos contar mentiras...

Ou non.

Soñamos con que algún día nada disto sexa unha triste realidade. Con que homes e mulleres sexan exactamente iguais e gocen exactamente dos mesmos dereitos. Con que non haxa nin unha soa muller que sexa violada polo simple feito de selo. Con que non existan os burkas, nin os medos. Con que o traballo doméstico sexa realizado por dúas persoas e non por unha. Con que os salarios sexan exactamente os mesmos. Con que as oportunidades sexan as mesmas. Con que non haxa unha soa muller que teña medo a ser nai por non quedar sen traballo. Con que non existan diferenzas.

Cando teñamos unha sociedade, un planeta inequívocamente solidario, no futuro pensarán que nada disto é real.

Home e muller, ombreiro con ombreiro, sorriso con sorriso, loitando porque a atmósfera sexa máis respirábel.

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

Textos e debuxos do vídeo

xoves, 6 de marzo de 2008

Mulleres e Arte


“A historia da arte
nega ás mulleres e afirma á muller”
Marián L.F.Cao (Profesora da Universidade Complutense de Madrid)

Ata hai ben pouco as mulleres concretas e individuais cos seus desexos e preocupacións non aparecían nas plasmacións artísticas porque tiñan moi restrinxido o acceso como productoras de arte e non dominaban o ámbito que a sociedade patriarcal define e valida como arte verdadeira. Deste modo, as mulleres foron rexeitadas como creadoras e por tanto, a súa visión do mundo e de si mesmas case nunca foi exposta aos demais. As poucas mulleres que malia as enormes trabas acadaron importantes logros foron, en xeral, ignoradas pola Historia do Arte. Por outra banda, a arte e, na actualidade, tamén a publicidade, constrúen unha muller inventada e pouco cambiante. Prescíndese, en xeral, das mulleres de carne e oso xerando unha construcción universal que contenta as fantasías e os desexos que os homes desenvolven nunha sociedade onde a eles tamén se lles impoñen uns determinados valores tipificados como masculinos e bos. Certamente unha análise seria amosará outras produccións artísticas que non encaixarán neste esquema tan simplista. Porén, é innegable que non facer unha reflexión desde unha perspectiva de xénero é ocultar o papel que a arte ten como xustificadora de roles e constructora de conciencias.



Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

Rita Levi-Montalcini: Loitadora pola Igualdade

Rita Levi-Montalcini unha muller a quen a opresión de todo tipo acompañou ao longo da maior parte da súa vida. Non só pola súa decisión de ser científica, algo inconcebible na sociedade italiana de principios do século XX, senón tamén pola súa pertenza a unha familia liberal e xudea que fixeron da súa vida en aqueles anos un inferno continuo.


Rita Levi-Montalcini, un admirable exemplo de solidariedade e de loita pola igualdade

Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

A Muller na Literatura Española ata o S. XIX

Afírmase que o feminismo xurdiu cando unha muller aprendeu a ler, pero isto é certo se engadimos que foi cando tamén aprendeu a escribir. A maior parte das mulleres foron reducidas a unha especie de semianalfabetismo durante moito máis tempo cós homes. E necesitaron moito máis tempo aínda para acceder á liberdade intelectual de escoller os seus temas de lectura. Pero a loita máis longa tivérona que protagonizar para conseguir seren recoñecidas pola súa produción escrita. Moitas veces practicada en segredo, agochada baixo nomes masculinos, imos ver como moitas delas tiñan acceso á escrita grazas aos muros dos conventos, situación que cambiará a partires do século XIX. Pondo o hábito, as mulleres gañaban un pouco en mobilidade social, pagando un alto prezo: renunciar á súa feminidade e á súa sexualidade.




Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

mércores, 5 de marzo de 2008

10 Mulleres de Cine no Século XXI

O cabo dalgúns anos quen queira ter unha idea de como era a sociedade do 2008 e que papel tiña a muller nela terá que votar mán do cine.

Hoxe, anticípándonos aos acontecementos, propoñemos: dez miradas ao mundo fiminino a través de dez historias que nos mostran diferentes etapas das súas vidas.

Empezaremos por ver a aquelas que se incorporan o mundo, pero pola vía da adopción e vindo de lonxe en La pequeña Lola.

Votaremos unha ollada a aquelas nenas que difrutan unha infancia chea de comodidades e o mesmo tempo chea de histerismo, falamos de Pequeña Miss Sunshine.

Moitas mulleres procedentes de outras culturas, por adopción ou emigración, deben loitar na súa xuventude por compatibilizar as súas tradicións co seu contorno e iso e o que fan en Quiero ser como Beckhamn.

E seguindo co inevitable e marabillosa mestizaxe que nos invade, asistiremos a ruptura de tópicos que nos amosan en Las mujeres de verdad tienen curvas.

Pasada a xuventude: toca a vivir, e se non se dan as cousas como se soñaron e preciso poñerse á tarefa e tratar de cambialo todo e iso é o que fai Amelie.

Outras ven truncados os seus anhelos antes de poder cambialos, pero tratan de deixarnos un mundo mellor , como a protagonista de Mi vida sin mí.

En cualquera caso , a consigna e vivir dignamente e iso é o que tratan de facer as mulleres de Mataharis.

Claro que hai cousas que non cambian e os violentos
inimigos da convivencia e a igualdade fan das súas en
Te doy mis ojos.


Pero como dicía unha consigna: podedes arrincar as flores, pero non impediredes a chegada da primavera. Vemos isto no mundo que se inventa a granxeira de La suerte de Emma.

E acabamos cunha dura visión da idade madura en Diario de un escándalo. Que se ben non nos mostra un gran exemplo de vida si nos invita a una profunda e última reflexión.

Buscade estas películas nas bibliotecas, nas tendas ou mesmo nas carteleiras e gardádeas na memoria. Veredes como nuns poucos anos convírtense en documentos de vida deste 2008.


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da IGUALDADE.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

martes, 4 de marzo de 2008

Maruja Mallo: A Gran Transgresora do 27

Poucos saben que a soberbia triloxía formada por Lorca, Buñuel e Dalí, de sobra coñecida por todos, foi en realidade un cuarteto. Quen era esa cuarta figura, estrañamente silenciada pola historia? Por que foi relegado ao esquecemento o seu nome? Maruja Mallo foi, sen lugar a dúbidas, unha pintora xenial, á que unha suma de adversidades históricas e prexuízos sociais negaron de xeito insólito o recoñecemento que merece.

A súa peripecia vital é a de quen irrompeu na escena artística madrileña dos anos vinte decidida a romper os estereotipos e os moldes que encorsetaban tanto a arte coma as mulleres, condenadas a desempeñar o papel exclusivo de fieis esposas e lánguidas amas de casa. Os seus extravagantes atuendos, o seu desenfado, as súas correrías noturnas da man de Dalí e dos seus compañeiros da Residencia de Estudantes por un Madrid sacudido polo impacto do cine, do jazz e das ideas máis radicais, así coma o seu xogo deliberado coa ambigüidade sexual, converteron a esta moza galega, miúda e fráxil, nun emblema temperán da liberación feminina. Pero pagou a súa ousadía. En 1937 viuse obrigada a exiliarse a Arxentina, de onde voltou vinte anos despois, só para comprobar que os escándalos asociados ao seu nome remataran desdebuxando a súa verdadeira fisonomía e por eclipsar a portentosa valía da súa obra.

Nada en Viveiro no ano 1902, a profesión do seu pai -funcionario de aduanas- levouna a residir en distintas provincias españolas até a definitiva instalación da familia en Madrid en 1922. Ingresa na Academia de Belas Artes e empeza a relacionarse coa nova xuventude de poetas e artistas que irrompen na escena española. Coñece a Salvador Dalí e á poetisa Concha Méndez, que a introducen no círculo da Residencia de Estudantes, onde estreita lazos de amizade e camaradaría con Lorca, Buñuel e con Rafael Alberti, co que mantén unha relación amorosa importante e longo tempo silenciada tanto na súa biografía como na do poeta. Concha Méndez e Maruja pasearon por Madrid como mulleres modernas e emancipadas, manexando bicicletas, facendo deporte, asistindo aos cafés, a eventos literarios ou a verbenas populares. Nestes anos, Maruja crea a súa propia linguaxe artística, atenta aos ecos das distintas vangardas que empezan a chegar a España -futurismo, surrealismo, cine- e cos ollos abertos á arte popular. Mestura todo coa súa particular interpretación.

En 1928 Ortega y Gasset bríndalle os salóns da Revista de Occidente para realizar a súa primeira exposición. O debut estivo arroupado por comentarios e recensións de prensa, referendado por intelectuais e pola alta sociedade madrileña fascinada por a
quelas combinacións de elementos festivos e burlescos, pola alegría da cor, as distorsionadas composicións das súas verbenas e polas atléticas mulleres que protagonizan as súas estampas deportivas.

A finais de 1928 pasa por unha inflexión e un acercamento particular cara ao surrealismo froito dos seus avatares persoais e da relación que establece con Alberto Sánchez e Benjamín Palencia. Baixo o nome da Escuela de Vallecas percorrerán as paisaxes desapracibles e duras que rodean Madrid, as zonas finais do urbano e o inicio do contorno rural. Até 1931 explora este tipo de paisaxes que darán lugar á serie "Cloacas e campanarios".

No 1931 viaxa a París onde expón a súa obra. Numerosos intelectuais e artistas como Picasso e André Bretón visitan e acollen con entusiasmo a mostra. O seu regreso a Madrid, a finais de 1932, supón un novo xiro no seu estilo. As súas novas series "Arquitecturas minerais", inspiradas en pedra, e "Arquitecturas vexetais", poboadas por estrañas froitas, son teas que aínda que manteñen a sobriedade cromática someten agora as súas formas a esquemas xeométricos. Durante esta época combina o seu traballo artístico cunha intensa actividade de compromiso coa República.

Previo ao estalido da Guerra Civil, no 1936, realiza una obra clave para o período artístico que desenvolverá ao outro lado do Atlántico: "La sorpresa del trigo". Este cadro mural, primeiro da serie "La religión del trabajo", presidirá a súa derradeira exposición en España, promovida polo grupo ADLAN. A Guerra Civil sorpréndea en Galicia, onde permanece até 1937, marchando a Bos Aires onde é recibida como unha artista de renome. Dará numerosas entrevistas e conferencias, escribe artigos e realiza a súa obra pictórica "Arquitectura humana". Seguirá traballando en lenzos que compoñen un amplo ciclo dedicado a dous temas principais: o mar e a terra. Realiza varias series: "Retratos bidimensionais" sobre rostros femininos de fronte e perfil, imaxes planas e prototípicas; "Bailarinas"; "Máscaras"; esquemáticos debuxos reunidos en "Arquitecturas" e, finalmente, "Naturezas vivas", variacións sobre estraños seres zoomórficos inspirados na xeoloxía e na fauna sudamericana. Estas últimas son unha serie de gravados, debuxo e óleo que se alongan até o ano 1960, cando decide voltar a España.

A súa obra é cada vez máis valorada por galeristas e críticos, especialmente a crítica española máis nova, que ve nela a encarnación dunha vangarda ocultada polo franquismo. Tras a morte de Franco chégalle o recoñecemento total; a súa culminación podería establecerse na Medalla de Ouro de Belas Artes, no ano 1982, e na exposición antolóxica que en 1993 lle dedica o Centro Galego de Arte Contemporánea. Para entón Maruja está xa moi enferma. Morre o 6 de febreiro de 1995 na residencia de anciáns Menéndez Pidal de Madrid.


Para saber máis:
Biografía en Cutlura galega feita pola catedrática de historia da arte contemporánea Mª Luisa Sobrino
Biografía en Wikipedia
En Ciudad de Mujeres
Entrevisa a J.L. Ferris autor da última monografía editada sobre M. Mallo


Bibliografía
GÓMEZ DE LA SERNA, R., Maruja Mallo, Buenos Aires, Losada, 1942.
MARUJA Mallo, Madrid, Galeria Guillermo de Osma, 1992
VIDAL, C., Maruxa Mallo. Vigo, A nosa terra, 1999
MARUJA Mallo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, 2003.
FERRIS, J.L., Maruja Mallo. La gran transgresora del 27, Madrid,Temas de hoy, 2004, (Biografías).


Traballo colaborativo dos Blogues das Bibliotecas Escolares Galegas en prol da Igualdade.
Se te queres unir a esta iniciativa tes o código nesta ligazón.

luns, 3 de marzo de 2008

8 de Marzo - Día da Muller

A celebración do día Internacional da Muller ten a súa orixe no movemento internacional de mulleres socialistas de finais do século XIX, para promover a loita polo dereito ó voto das mulleres. Neste tempo festexábase en datas diferentes segundo os paises. Será en 1914, cando á proposta das mulleres alemanas, se fixe no día 8 de marzo, reivindicando o dereito de voto, a ocupar cargos públicos, o dereito ó traballo, á formación profesional e a non discriminación laboral.

Hoxe, caseque 100 anos despois, seguimos a celebrar o 8 de marzo, como día de homenaxe a todas as mulleres que fixeron posible que mulleres e homes teñamos os mesmos dereitos diante da lei, como día para seguir reivindicado o dereito a VIVIR en igualdade: na casa, no traballo, na escola e nas rúas, e como día de denuncia e solidariedade internacional con todas as mulleres que no Extremo Oriente, Africa ou o Sudeste Asiático , morren e viven día a día sen coñecer a palabra “igualdade”.


Vía: Cadernos de Vide

Non deixedes de visitar este blogue!!

Related Posts with Thumbnails