Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto Documental. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Proxecto Documental. Amosar todas as publicacións

martes, 21 de maio de 2019

Pecha Kucha "Por un Fene Sostible" II

E chegou o día, hoxe, martes 21 de Maio, ás 9 da mañá, representantes dos distintos partidos políticos do Concello de Fene participaron na Biblioteca do Segrel nunha Pecha Kucha organizada polo alumnado de 3ºESO que está a desenvolver un proxecto sobre sostibilidade “A sustainable Fene” na materia de Inglés. Asistiu tamén o alumnado de 4ºESO da materia de Bioloxía.

Connosco estiveron D. Xoán M. Bastida (Compromiso por Galicia), D. Joám L. Ferreiro (BNG), D. Gumersindo Galego (PP), Dona Mª del Carmen Martínez (EU-IU) e D. Antón Noceda (PSG-PSOE) que expuxeron os seus proxectos sobre sostibilidade para o Concello de Fene. 

O encontro foi presentado e dirixido por dúas alumnas de 3ºESO, Lucía e Adriana quen tras explicar as regras dunha Pecha Kucha fixeron o sorteo das quendas de palabra.

Comezou o representante do PSG-PSOE. Os seus obxectivos; reducir a contaminación, facer un concello sostible, transformación de combustibles fósiles, edificios eficientes e traballar para mudar os nosos hábitos. Facendo fincapé no problema económico destas iniciativas.

A seguinte foi a representante de EU-IU, para quen é fundamental a recuperación dos espazos naturais, a limpeza dos montes, a ampliación de zonas verdes, promover o uso de paneis solares, a reciclaxe e a educación ambiental dende os colexios e o concello.

Para o representante do BNG é fundamental que coñezamos a nosa contorna, falou das tres R's, a necesidade de pasar de fósiles a renovables e buscar o xeito de aforrar o consumo.

En cuarto lugar foi o representante de Compromiso por Galicia quen quixo deixarnos ben claro a diferencia entre sustentabilidade e sostibilidade, falou dos 17 compromisos para un futuro sostible promovidos pola ONU e da necesidade de urbanizar sen prexudicar ás xeracións futuras. 

En último lugar o representante do PP fixo fincapé no feito de que todos, independentemente das cores que cada quen representaba, estaban de acordo na loita por un Fene sostible. Falounos do Pacto dos alcaldes europeos por unha enerxía sostible local, da implantación dos contedores marróns para os restos orgánicos e da depuración das augas.

Logo, abriuse unha moi interesante quenda de preguntas por parte do alumnado que amosou o seu interese por saber os motivos polos que a planta de reciclaxe permanece pechada, a posibilidade de creación dun carril bici, o uso de enerxías renovables, a limpeza do fondo da ría, a creación de zonas verdes, a protección da flora e a fauna autóctonas...

Así transcorreron as case dúas horas que durou esta interesantísima experiencia na que a política entrou no instituto da man dun proxecto da materia de inglés no que o seu principal obxectivo e concienciar ao noso alumnado da importancia do noso papel na loita por un futuro mellor.


https://photos.app.goo.gl/Vn4iLT6xooHfwmsU6
Clicar na imaxe para ir ao Álbum

luns, 18 de xuño de 2018

Encontro Avós e Avoas - INEIN

Esta mañá, O Segrel tivo unha visita moi especial, as avoas e os avós do alumnado de 1ºESO da materia de Investigación e Tratamento da Información.


Este trimestre fixemos un pequeno proxecto que nos levou ata os anos 50 e 60 do século pasado "A escola dos nosos avós e avoas"


Foi un proxecto ben interesante xa que a rapazada lle fixo unha enquisa aos seus avós e avoas, algúns deles grabaron vídeos e audios, fixeron unha boa pescuda para atopar materiais e a partir de aí déronlle forma ao seu proxecto. 


O máis fermoso, e do que nos sentimos ben orgullosos, foron as conclusións que del sacaron...

"A entrevista co meu avó foi moi interesante, porque cando lle preguntaba algo, eu quería saber cada vez máis. Había preguntas nas que eu alucinaba porque o cambio é moi grande. No seu colexio non había case nada. Con esta entrevista aprendín que aínda que non teñas o mellor colexio, o máis importante é divertise e aprender o máximo"

Iván

"Gustoume moito facer este traballo, xa tiña unha pequena idea dos colexios dos meus avós porque alguna vez falo con eles das cousas dos seus tempos, pero moi pouco, e agora doume de conta de que é moi interesante"


Brais


"Eu creo que os nosos avós tiñan moitas máis dificultades para ir ao cole e gozar, e que nós somos moi afortunados. Aprendín moito facendo o traballo xa que nunca falara cos meus avós sobre este tema"

Roi


"Eu creo que o colexio dos nosos avós era moito peor que o noso porque non tiñas calefacción e os profesores pegábanlles. Este traballo gustoume moito porque descubrín todo o que non sabía sobre como eran as escolas dos nosos avós"


Serxio


"Foi unha boa experiencia realizar esta actividade xa que puiden coñecer mellor como era a vida do meu avó e poder reflexionar coas historias que me contaba"


Aitor


Clica na imaxe para ir ás presentacións






luns, 23 de abril de 2018

Día da Poesía & Día do Libro

Este curso, decidimos celebrar conxuntamente o Día da Poesía e o Día do Libro.

A idea era expoñer algún dos Proxectos "Enjoying Poetry" que na materia de Inglés se veñen realizando en 4º ESO dende hai xa varios cursos. 

A rapazada achégase á Poesía a través de Caligramas, Acrósticos, Haikus... e compoñen os seus propios poemas que logo agasallan, nun soporte deseñado por eles mesmos, a esa persoa especial na súa vida. 

Deste xeito, os seus libros de poemas encheron a sala de exposicións.


domingo, 1 de febreiro de 2015

Tomándolle a temperatura aos DDHH no noso centro - Respostas

O proxecto deste trimestre co alumnado de 2ºESO, un proxecto que elaborarán por parellas, trata o tema dos DDHH. 

Como defensores dos DDHH, viaxarán por distintos paises do mundo (España, Arxelia, Cuba, República Dominicana, Brasil, EEUU, Colombia, Reino Unido...) axudando á xente cuxos dereitos están a ser conculcados.

Pero antes de comezar, que mellor que tomarlle a temperatura aos DDHH no noso centro. Velaí tedes o resultado da enquisa que hai unhas semanas lles pasamos ao alumnado de 2º e 4º ESO.

Podedes sacar as vosas propias conclusións...


martes, 13 de xaneiro de 2015

venres, 13 de xuño de 2014

"Gozando a Poesía" - "Enjoying Poetry"

Durante este terceiro trimestre en 3ºC (PDC) e en 4ºA  na materia de inglés o Proxecto "Enjoying Poetry" tiña como principal obxectivo o achegamento á poesía. 

Andivemos á pescuda de Acrósticos, Haikus, Poemas Dada e Caligramas, e á vista das conclusións da rapazada esta aventura poética foi divertida e ese achegamento foi, para eles, moi novidoso e os sorprendeu moi positivamente.

Velaí algunhas das opinións do alumnado de 4ºESO.

[Despois da visita de Raúl aprendemos que a poesía pode ser doada de entender. Aprendemos tamén que a poesía non é so versos e estrofas, e que podemos facer poesía con ideas sinxelas, incluso se non  somos escritores profesionais." (Noelia e Sarai)

"Finalmente, debemos agradecer a poetas e escritores como Carlos Negro e Raúl Vacas que nos amosasen unha idea distinta do que é a poesía a través dos seus obradoiros e que nos fixesen gozar escribindo poesía."(Juan e Sergio)

"Ao principio do proxecto pensamos que sería moi aburrido, pero agora estamos de acordo en que non foi un mal tema, tendo en conta que realmente non nos gusta ler poesía. Debemos admitir que foi un proxecto interesante co que aprendemos cousas diferentes." (Miriam e Cristina)

"Ao principio asustoume o proxecto, porque non me gusta a poesía en español e  pensei que en inglés sería moito máis difícil, pero finalmente debo recoñecer que me gustou porque este proxecto foi bastante divertido." (Joel)

"Ao principio non estaba encantado coa idea de facer un proxecto sobre poesía durante o terceiro trimestre. Non odio a poesía, pero non me gusta tanto como a narrativa. Tería preferido un proxecto sobre un tema libre. Sen embargo, non estivo mal de todo. Divertinme facendo Haikus, Acrósticos, Caligramas, pero non Poemas Dada, porque son un pouco difíciles. De todos xeitos gustoume facer este traballo. […] Dende o meu punto de vista, moitos dos meus compañeiros teñen gozado coa poesía aínda que non  o admitan. De feito, penso que a maioría fixo un bo traballo e escribiron uns poemas fantásticos. Este proxecto nos dou unha visión diferente da poesía, moi diferente dos poemas que vemos na clase de lingua." (Carlos)

"Con  este proxecto coñecemos distintos tipos de poesía. Aprendemos a escribila, a sentila e a gozala. Tamén aprendemos que a poesía pode ser divertida e interesante e que no é esa cousa aburrida e sentimental que a xente soe pensar. Aprendemos a apreciala e a amala." (Andrea e Ruth)

"Antes de comezar o proxecto pensabamos que sería difícil e aburrido, pero ao final foi interesante e divertido" (Alex e Raúl)

 "Cando soubemos que o proxecto do terceiro trimestre sería sobre poesía, vin caras de desaprobación entre os meus compañeiros, pero eu non era unha deles. Pode ser porque ás veces leo poesía, ou  porque sabía que a poesía é algo máis do que nos imaxinamos. Creo que non lles gustaba porque non a coñecían. Hoxe, saben máis e penso que case todos nós temos unha opinión distinta e un maior coñecemento sobre a poesía do que tiñamos ao principio" (Antía)]
Tras o Encontro con Raúl Vacas, se lles propuxo deseñar un “envase” no que presentar os seus poemas a esa persoa especial nas súas vidas, e practicamente todos aceptaron o reto.
O resultado non puido ser máis creativo… 

Flores e bolboretas voadoras para achegar a unha irmá os nosos afectos dun xeito diferente, as pílulas desa avoa que nunca esqueceremos, un xogo poético para un amigo moi especial, un haiku agochado nun móbil para ese amigo que non se separa del..., todos eles extraordinarios. E cantas emocións contidas mentres nos presentaban os seus fermosísimos "envases poéticos".
Alguén dixo que esta xuventude non aprecia  poesía e que as escolas matan a creatividade? Non sempre adoita a ser así, non sempre... So hai que ver a súa resposta cando conseguimos enganchalos.
Parabén rapaces, foi un verdadeiro placer facer o camiño da ESO ao voso carón. E despois de catro anos xuntos teño que confesarvos que vos botarei en falta, non sabedes canto!!
Todo o mellor na vosa nova andaina!!

martes, 23 de abril de 2013

Día do Libro e dos Dereitos de Autor (II)

O "Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor", é unha xornada moi especial para todos os que amamos os libros e a lectura, e no Segrel queremos celebrala.

Organizamos unha exposición ben especial porque, como afirma Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO, na súa mensaxe con ocasión desta data que estamos a celebrar, "Os Libros son os nosos aliados para difundir a educación, a ciencia, a cultura e a información en todo o mundo"

Unha exposición que completamos cunha serie de citas sacadas dalgúns dos libros lidos nos Clubs de Lectura do Segrel, tanto no de pais e nais como no de alumnado, ao longo destes seis últimos anos. Son citas que nos falan da paixón polos libros e a lectura, de amores e desamores, doutras épocas, doutras culturas,  de relacións humanas,  en definitiva, da vida, e que queremos compartir con todos vós.

"Por grandes e profundos que sexan os coñecementos dun home, o día menos pensado atopa nese libro que menos valor ten aos seus ollos, algunha frase que lle ensina algo que ignora"




E por suposto que aí están tamén os Proxectos que o alumnado de 2º e 3º de ESO elaborou durante o 2º trimestre na materia de Inglés "My favourite book".


Con motivo desta celebración, e como xa ven sendo habitual nestes últimos anos, a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, edita un marcapáxinas cun texto orixinal, nesta ocasión escrito por Paula Carballeira, no que se fala do valor do libro e a lectura.

mércores, 10 de abril de 2013

Poesía, Poesía por un Tubo!!

Poesía por un Tubo!! Que diría o noso admirado Carlos Negro, porque o segundo trimestre estivo adicado á poesía, aínda que a celebración do Día da Poesía no Segrel, por mor da Semana Santa, decidimos pospoñelo á volta deste período vacacional.

O mes de marzo, comezou da man de Carlos Negro que pasou con nós o martes día 5. Primeiro foi un obradoiro para a rapazada do Club de lectura de 3º e 4º de ESO e despois as Xornadas de Lectura Literaria organizadas polo CFR de Ferrol. Un bo comenzo, non si?

En 4º de ESO, na materia de inglés, o alumnado traballou nun proxecto sobre "Música e Poesía" que os achegou a poemas de Neruda, Shakespeare, Poe, Oscar Wilde, Yeats, William C. Williams, Jack Prelutsky, Ted Hughes, Langston Hughes, Roald Dahl. Poemas que non só analizaron senón que tamén se encargaron de ilustrar. Unha experiencia extraordinaria que fixo posible que ese primeiro rexeitamento a desenvolver un proxecto arredor da poesía desaparecera completamente segundo ía tomando forma, e como proba aquí tedes o resultado. Estupendo, non si?


Cos proxectos do alumnado de 4º de ESO, o material elaborado polo alumnado de 3º e 4º no obradoiro con Carlos Negro, unha pequena escolma de poemas e caligramas e unha boa selección dos fondos da nosa biblioteca organizamos unha exposición que completamos cunha pequena actividade a desenvolver no "Recuncho da Poesía" onde todos aqueles membros da nosa comunidade que así o desexen poderán intercambiar poemas tanto de creación propia como doutros autores.
Aquí a tedes...

martes, 7 de febreiro de 2012

Bicentenario de Charles Dickens

Hoxe, 7 de febreiro, celébrase o 2º centenario do nacemento dun dos máis grandes autores da literatura inglesa Charles Dickens, centenario que se está a celebrar en todo o mundo.

Con motivo desta conmemoración, este curso, en varios grupos da ESO, o noso proxecto documental na materia de lingua inglesa xira entorno á figura de tan extraordinario autor da época victoriana.

Achegámosvos unha pequena historieta cómica que nos adentra na vida deste autor e na época que lle tocou vivir.



Para saber máis

English
Castelán


Recomendámosvos a película Oliver Twist de Roman Polansky

domingo, 2 de outubro de 2011

Sáhara: "Coñecernos para querernos"

"Coñecernos para querernos" este é o título dos proxectos documentais que imos desenvolver na ESO e nos Clubs de lectura do alumnado. Proxectos que xirarán en torno ao continente Africano. Queremos saber como son os nosos "veciños", coñecer a súa cultura, as súas tradicións... Comezaremos achegándonos ao pobo saharaui, aos campamentos de refuxiados en Smara e a partires de aí, todo un país por percorre e moito por coñecer...

Pero non pensedes que este proxecto xurde sin máis, non, é un proxecto que comezou a planificarse o pasado mes de xuño e se perfilou nunha inesquecible xuntanza entre os coordinadores de varias bibliotecas escolares de Ferrolterra e o noso benquerido e admirado Gonzalo Moure, un dos artífices do marabilloso proxecto do "Bubisher" do que esperamos formar parte xunto co noso alumnado e demais membros da nosa comunidade educativa.

Para comezar, velaí vos deixamos unha fermosísima curtametraxe onde a través de Lalia nos adentramos na realidade dos habitantes dun campo de refuxiados en Arxelia


Lalia from ASPA on Vimeo.
Para saber máis do problema saharaui e poder chegar a entender a situación na que se atopan na actualidade, tedes unha compilación de documentais que tratan o tema en Radio Barullo, a nosa radio escolar.

sábado, 4 de xuño de 2011

Proxecto Documental "Mark Twain"

martes, 22 de xuño de 2010

English Project: "Xacobeo"

Durante o presente curso académico, e por primeira vez, decidimos traballar cun proxecto en 3º de ESO.

Eliximos o Xacobeo e a experiencia foi moi positiva, sen pasar por alto que tod@s temos moito que aprender na aplicación deste tipo de metodoloxías... decir que o alumnado, en xeral, traballou moi ben e ao longo do curso achegámonos a distintas ferramentas e recursos que a chamada Web 2.0 pon á nosa disposición.

Hoxe, último día de curso, tod@s eles/as pediron continuar utilizando a mesma metodoloxía o vindeiro curso, a pesar de que confesaron que había que traballar máis que utilizando o libro de texto...

Hummmmm, estades de acordo con eles? Vexamos o que fixemos ao longo do curso...

Comezamos realizando distintas actividades ALFIN elaboradas polo equipo da biblioteca e que foron traducidas polo departamento de inglés "Let's do research"

E a partir de aí, pasamos á busca de información e a posterior elaboración de distintos documentos. Primeiro foi unha presentación en PowerPoint, logo, cada alumn@ deseñou o seu propio folleto sobre un aspecto concreto do Xacobeo e finalmente un libro virtual e, como non podía ser menos, velaí tedes o cartel virtual que preparou Ana.

mércores, 10 de febreiro de 2010

O Día a Día do CEIP San Walabonso

Hoxe tivemos a oportunidade de asistir a unha charla de Fernando Gracía Páez, profesor e xefe de estudos do CEIP San Walabonso de Niebla (Huelva). Un centro de referencia cando falamos de Traballos por Proxectos, de ALFIN, de uso das TICs... e que hoxe vos queremos amosar.

O día a día deste centro comeza coa recollida de datos do parte meteorolóxico. Os rapaces e rapazas dos diferentes cursos túrnanse para tomar nota dos datos que logo utilizarán para completar as correspondentes gráficas que posteriormente publican no taboleiro de anuncio do colexio e logo no blog Meteorología Escolar para que todo o pobo poida coñecer o estado do tempo. "Unha tarefa escolar que se converte nunha responsabilidade social"

E despois que?
Despois, as súas tarefas cotias van desde Cazas do Tesouro, Murais, Presentacións, Guías, Cancións, Wikis, Webquest, gravacións en You Tube, Vimeo e Google Vídeos, audio lecturas, audio libros, audio poemas, redacción de contos, artigos no blog do centro,

Pero isto non é todo, queda máis, moitísimo máis... entrade na súa páxina, viaxade a través de todas e cada unha das ligazóns e comprobádeo. Merece a pena!!

Un magnífico exemplo de traballo colaborativo e compartido.

Parabéns a toda a comunidade educativa polo magnifico traballo que están a desenvolver.

venres, 4 de decembro de 2009

Unha de Piratas no CEIP Os Muiños

Hoxe queremos presentarvos un magnífico exemplo de bo facer, de posta en práctica do que ás veces só queda nun mero trámite burocrático.

No CEIP Os Muiños (Muxía), a profe de matemáticas de 6º de primaria decidiu utilizar os recursos que a biblioteca e as novas tecnoloxías poñen ao noso alcance para desenvolver os contidos do currículo.

Este curso o seu proxecto de centro vai de Piratas e os rapaces e rapazas de 6º tamén falan de piratas na clase de matemáticas!!

O seu "Proxecto 2009/10" ten como fío conductor a novela "Os Piratas da Illa da Esperanza" de X. H. Rivadulla Corcón. Velaí tedes aos membros da Tripulación Pirata facendo operacións, calculando superficies, facendo mapas, localizando coordenadas, lendo... Disfrutando mentras aprenden, aprendendo a aprender.

Parabéns a este profesorado realmente comprometido coa súa labor docente!!

Related Posts with Thumbnails