Amosando publicacións coa etiqueta Ferrolterra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Ferrolterra. Amosar todas as publicacións

sábado, 28 de xaneiro de 2012

Roteiro polas Bibes de Ferrolterra (VII) - CPI San Sadurniño

O pasado mércores, e como xa é habitual, o grupo do Plambe-Ferrolterra tivo a súa reunión mensual. Nesta ocasión a cita foi no CPI San Sadurniño. Ás cinco da tarde reunímonos alí os coordinadores e coordinadoras das bibliotecas escolares da comarca co obxectivo de seguir dando pasos nese proxecto "Conocernos para querernos" que a maioría deste grupo está a levar a cabo cos rapaces e rapazas de Smara o campamento de refuxiados saharauis en Tinduf. Un proxecto que está moi presente en San Sadurniño nun fermoso álbum que montaron coas 101 fotos que Palma nos enviou e que nos levan pola historia dese marabilloso soño feito realidade que é o Bubisher e cunha fantástica jaima que montaron no edificio de primaria e onde @s nen@s poden disfrutar de momentos especiais de lectura.

Para recibirnos alí estaban os nosos compas Juan e Bea que nos fixeron un percorrido polos distintos espazos que ocupa a biblioteca e os puntos de lectura que enchen de libros o centro. Unha biblioteca presidida pola súa mascota Sansiño, a quen os profes se encargan de "tunear" dependendo da ocasión..., na que non falta unha gran variedade de libros, marabillosos álbumes ilustrados, e un fermoso Kamishibai con textos trilingues que fan as delicias de pequenos e non tanto.

E claro, como toda reunión que se precie, non faltou un fermoso marcapáxinas co que fumos agasallados e un bo cafeíño cuns exquisitos doces que deron aínda máis calor a unha reunión na que botamos en falta a Rosana, Maribel e Begoña ... Esperámosvos na próxima que será o martes 14 de febreiro no IES Fraga do Eume. Unha reunión moi "amorosa" e con cea incluída!!!!

Grazas compas pola boa acollida e o voso magnífico bo facer.

luns, 2 de maio de 2011

"O Cine na Comarca de Ferrol" (1897-2010)

Hoxe, O Segrel quere recomendarvos un libro ben especial "O cine na comarca de Ferrol. As súas xentes. Os seus recursos (1897-2010)". Especial porque fala de cine, e xa sabedes o cinéfilos que somos, especial porque fala do cine na comarca de Ferrol, das súas xentes e os seus recursos, pero tamén é moi especial porque unha das súas coautoras é membro do noso club de lectura, María Xesús Arias Rei, "Pitusa" para todos nós.

Un ensaio sobre o cine da nosa comarca que vos recomendamos porque como nos lembran os seus autores na súa presentación...


"Es una noble misión rescatar del olvido a quienes merecen ser recordados"
Plinio el Joven

Na súa presentación no Casino de Perlío (Fene) Pitusa falounos dos cines de Fene, daquelas oito marabillosas salas das que hoxe non se conserva ningunha... a última, o cine perla, pechou no 2005 -sobran comentarios, non si?- pero tamén lembrou aquela primeira vez cando, ben pequerrecha, foi ao cine Cardoeiro cos seus pais a ver "Psicosis" e aqueles pesadelos nos que era asesinada por "Pepín o das barcas", pero non na bañeira, no seu caso, Pitusa morría no horta da casa... Un momento moi especial ao que contribuiron moitos dos asistenten contando as súas anécdotas e lembranzas.

E con tanta lembranza veunos á cabeza o noso primeiro día de cine ... O primo Carucho, quen anos despois tamen foi quen nos aprendeu a liar os pitos, (que ben recrea a escea o gran Luis Seoane) levounos ao cine de Covas, un edificio que soubemos, gracias a este libro, que é obra de Rodolfo Ucha... Aquela foi a nosa primeira saída nocturna e non somos quen de lembrar que película fumos ver! Máis o que nunca esqueceremos son os asubíos do público cando no momento en que os protagonistas estaban a piques de bicarse o que seguía era un "oportuno" corte... ai, aquela censura! Unha censura da que non se librou tampouco a literatura galega...

E non podemos esquecer o "Cinema" e aquelas pelis que íamos ver sempre e cando "houbera moza", é que doutro xeito non nos gustaban... que novas éramos!!, e o "Avenida" e a nosa primeira peli para "maiores", o "Teatro Jofre", o Rena, o Capitol, o Callao, o Madrid-París... e tantos outros hoxe en día xa desaparecidos en Ferrol... Cantas lembranzas!!

Non deixedes de ler este ensaio, que como di na súa contraportada...
"Esta publicación, sobre o cine e a súa impronta na comarca de Ferrol trata de recoller a memoria colectiva dunha centena de anos e a súa importancia na sociedade"

xoves, 7 de abril de 2011

Roteiro polas Bibes de Ferrolterra (III) - CEIP O Ramo

O pasado xoves, e seguindo con esta boa costume de facer as reunións do Grupo de Bibes de Ferrolterra de visita polas distintas bibliotecas escolares da comarca, chegoulle o turno á Biblioteca do CEIP O Ramo de Fene.

Unha biblioteca que está a ser renovada e á que xa se lle ve o marabillosa que quedará despois da ampliación. Pero antes de entrar na biblioteca, Flor e Rebeca fixéronnos un percorrido polo centro. Quedamos abraiadas polas marabillosas portas que están a deseñar para cada unha das aulas e que o alumnado, durante a hora de titoría, se encarga de facer utilizando distintos materiais, plastilina, serrín,... e cores, moitas cores.

Un centro que ten unha marabillosa ludoteca, un recuncho cheo de maxia e que, estamos seguras, fai as delicias de grandes e pequechos.

E unha vez feito o percorrido e xa na biblioca falamos de proxectos e ultimamos os detalles da homenaxe a Xoán Farias do pasado día 2, mentres dábamos conta de dúas deliciosas tartas con café e infusións. Que estas anfitrionas non perden detalle e xunto co café chegaron chocolates e libretiñas de notas para cada unha das asistentes.

A reunión foi tan estupenda, que a piques estivemos de esquecer darlles o cariño que lles levamos... Un exemplar de "La verdadera historia de los tres cerditos" Ufffffffffffff, vaia despiste!!!!

Foi unha tarde ben aproveitada e dende aquí o noso agradecemento as dúas magníficas anfitrionas coas que xa estivemos a argallar algunha actividade conxunta.


A próxima reunión podería ser o 27 de abril na Biblioteca Saturnino Hemida do IES Concepción Arenal de Ferrol. Que che parece Ana?

sábado, 2 de abril de 2011

2 de Abril con Xoán Farias



Noraboa a todos os nenos e nenas, mozos e mozas que participaron e encheron de vida os libros de Xoán Farias.

Preme no cartel para acceder ás actividades dos distintos centros que participan nesta homenaxe.

Related Posts with Thumbnails