Un novo 25 de novembro, e xa van 40 anos, conmemoramos internacionalmente o día para a eliminación da violencia contra as mulleres. Todo comezou alá por 1981 en memoria das irmás Mirabal, mulleres comprometidas e valentes que combateron contra o rexime dictatorial do xeneral Trujillo na República Dominicana e foron asasinadas o 25 de novembro de 1960.
En España, so este ano, van xa 37 mulleres asasinadas pola violencia machista que deixan ademais 24 menores orfas e orfos. Por enriba, dúas menores pereceron a mans dos seus proxenitores varóns que puxeron fin á vida das súas fillas so para facer dano ás nais.
No IES de Fene, como cada ano, seguimos a reivindicar un NUNCA MÁIS!! para esta violencia absurda. Nesta ocasión foron un grupo de rapazas de 1º e 3º de ESO as que leron un pequeno manifesto e os nomes de todas e cada unha das vítimas.
Como xa sabedes, todos os 24 de outubro celébrase o día das bibliotecas. A edición deste ano, baixo o lema "Bibliotecas: leer, aprender, descubrir", céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres, diversos e abertos para o acceso á cultura e o coñecemento.
E iso é o que fixemos!!
Os venres, nos recreos, xuntámonos para falar de libros e empezamos por "O meu libro favorito" e engadimos... favorito, por agora, porque se xa escoller un libro, ás veces é difícil, moito máis mantelo.
O pasado venres, Laura falounos dun dos seus libros favoritos, polo de agora, Crepúsculo. Non so lle gusta a historia, senón tamén o ambiente, as personaxes e o espazo físico no que transcorre a historia. Seguidora tamén das películas, recoñece que lle gusta moito esta saga e xa está rematando o segundo.
Seguro que ti tamén tes un libro favorito ou acabas de descubrilo!
Con motivo do Día das Letras Galegas convocouse concurso para o deseño de marcapáxinas, xunto co departamento de Lingua Galega. A temática dos marcapáxinas xirou arredor da figura de Xela Arias, escritora homenxeada este pasado 17 de maio.
Esta mañá entregáronse os premios ás gañadoras, tres alumnas de 2º de ESO, Paula, Miriam e Celtia, cuxos traballos foron seleccionados de entre todos os presentados.
Tamén se entregaron os premios aos gañadores da fase interna do Certame Literario Carmela Loureiro, Antón e Roi de 1º de ESO.
Este ano celebramos o día da nosa fala por todo o alto. Baixo a coordinación da vicedirección organizouse no centro unha gran olimpiada cultural que se desenvolveu en dúas xornadas, os días 19 e 20 de maio, nas catro últimas horas da mañá. O alumnado de ESO e 1º de bacharelato organizado en grupos cun máximo de 10 rapaces e rapazas, foi pasando por diferentes obradoiros. En total 20 equipos para 20 obradoiros en cada un dos oito períodos lectivos. Non faltaron os kahoots, memes, xogos matemáticos, creación de paus de chuvia, obradoiros de creación de historias, robots, drones, Galeoke,... E así ata vinte actividades.
Dende a biblioteca organizamos dúas actvidades para poñer en valor a nosa lingua e a creatividade da rapazada. Por unha banda o Regalízate para o alumnado de 1º e 2º de ESO. A proba consistía en elixir palabras da nosa fala e deseñalas e pintalas de xeito especial. Ao finalizar recibían como agasallo rolos de regaliz. Total que ademais de pasalo estupendamente, recibiron lambetadas.
A outra das actividades, para o alumnado de 3º e 4 de ESO, tiña por obxecto homenaxear a Xela Arias, escritora á que se adicou este ano o 17 de maio. Consistía en facer nubes de palabras en torno á figura de Xela Arias, a súa biografía e obra. Esta proba xa a propuxemos o pasado ano cando estabamos en pleno confinamento e recibimos traballos moi bos, por iso quixemos repetir.
A verdade é que resultaron unhas xornadas moi satisfactorias tanto para alumnado como para o profesorado. É que despois dun ano, como pouco diferente, xa tiñamos gañas de facer algo divertido.
Como todos sabemos este 23 de abril, como todos os anos, conmemoramos o Día Internacional do Libro e desde O Segrel queremos regalar lecturas.
O alumnado de Lingua e Literatura Castelá de 2º de ESO traballou na elaboración de BookBox, despois da lectura da obra "Nunca seré tu héroe", da autora María Menéndez Ponte.
Un BookBox é un xeito orixinal de regalar lectura. Para a súa elaboración partiron dunha caixa baleira (cereais, zapatos ou similar) que debían forrar ou decorar libremente con motivos variados e nas súas caras tiñan que engadir información da obra lida, título, autora, resumo, etiquetas sobre os temas ou materias que se tratan na obra, información sobre os personaxes,... Algúns ata fixeron unha reprodución magnífica da portada orixinal. Outros incluso lle puxeron bolsos para gardar parte da información. A continuación tedes algúns detalles.
Traballo no que se reproduce a portada da obra
Detalles dun dos traballos
Parécenos un xeito diferente de promocionar e recomendar lecturas.
O pasado venres, 26 de marzo, tivemos o pracer de contar con Érika Diz Pita, graduada en Matemáticas, que actualmente está facendo o doutorado e exerce como profesora na facultade de Matemáticas da USC no departamento de Estatística, Análise Matemático e Optimización.
Este encontro organizouse en colaboración co Club de Ciencia do IES de Fene, ConCiencia Fene, para poñer o punto final a marzo, mes da Muller e das Matemáticas, e que mellor que contar con Érika, muller, matemática e por riba exalumna do noso centro.
O título da charla foi "Algoritmos, que son? e para que serven?" e a ela acudiu o alumnado de 1º de bacharelato. Nela, Érika explicou, de xeito sinxelo, que os algoritmos non son algo novo, aínda que nos últimos tempos se fala moito deles en relación co acceso á información, senón que desde a antigüidade se describiron multitude de algoritmos coa intención de solucionar diversidade de problemas. Falounos de como se utilizan habitualmente para actividades como asignar profesionais ao seu posto de traballo ou como, grazas tamén a un algoritmo, nos vemos máis favorecidos cando aplicamos un filtro a unha imaxe.
Tamén lle deixou unha mensaxe clara ao alumnado, que estuden aquelo que lles guste e lles faga felices, que non se deixen levar polo que teña máis saída ou o que lle digan os demais senón que se decanten polo que en realidade lles fai disfrutar.
A continuación prestouse a que un grupo de rapaces lle fixeran unha pequena entrevista na biblioteca. Nela falou do seu paso polo instituto, dalgunha anécdota graciosa, daqueles profesores que deixaran pegada e como se sentía despois de varios anos sen pisalo. Tamén nos comentou que é o que máis lle gusta das Matemáticas, que querería dedicarse á docencia e mesmo de como ve ela o papel da muller no ámbito da ciencia e da tecnoloxía. Resultou unha conversa moi agradable como poderedes ver no vídeo que aparece a continuación. Ao final mesmo firmou no noso libro de "personalidades".
Para rematar a xornada axudounos na entrega de premios de varios concursos organizados polo Club de Ciencia e o departamento de Matemáticas, algún deles pendente dende o curso pasado debido á pandemia.
O pasado 30 de xaneiro conmemoramos o Día Internacional da Paz e a Non Violencia, pero ademáis tamén celebramos o Día da Ilustración, coincidindo co nacemento de Castelao.
Como non queriamos deixar unha actividade pola outra ocorréusenos, en colaboración cos departamentos de Normalización Lingüística, Lingua Galega e Plástica, convocar un concurso de ilustración con lema. Os participantes debían elixir un poema, relato, frase ou lema sobre a paz ou a non violencia e ilustralo. O texto podía ser orixinal ou de autoría coñecida.
Despois das deliberacións xa temos gañadoras dos tres premios. En primeiro lugar María Alfonso Doval de 1º de ESO A e empatadas na segunda posición Claudia Iglesias Sanmartín, tamén de 1º ESO A e Rosa Mª Gómez Pita do Ciclo Medio de Mantemento Electromecánico.
Neste 24 de febreiro quixemos sumarnos ao Día de Rosalía conmemorando así o 184 aniversario do nacemento dunha das máis grandes figuras da cultura galega.
Con motivo desta data o alumnado de 2º de ESO prepararou textos en galego, castelán, inglés e francés e organizamos na biblioteca unha pequena sesión, dada a limitación de aforo, para a lectura dos poemas.
Grazas á rapazada por prestar as súas voces para dar vida á obra da nosa Rosalía.
O 11 de febreiro, como nos últimos anos, vimos conmemorando o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. É unha data que non nos gusta demasiado porque significa que aínda é preciso recordar que na investigación científica, como en moitos outros aspectos da vida, aínda non se acadou a igualdade entre mulleres e homes e temos que seguir loitando ata que chegue ese momento.
Ben é certo que nestes últimos tempo se está dando visibilidade a multitude de mulleres que
dedicaron e dedican a súa vida á investigación científica e que co seu
traballo contribúen ao desenvolvemento e a mellora das condicións e da
calidade de vida. Arquitectas, enxeñeiras, biólogas, químicas,
matemáticas, astrónomas, programadoras, xenetistas, entomólogas,
físicas, biotecnólogas, meteorólogas,...
Ao longo de toda a semana e en
colaboración co Club de Ciencia, ConCienciaFene, e o alumnado do
centro estamos enchendo o noso mapa interactivo,
Científicas do Mundo, mostrando o máximo número de lugares onde unha científica
desenvolve o seu traballo. Queremos que elas sexan un referente e un
modelo a seguir para que as nosas nenas se decanten polas chamadas
carreiras STEM.
Padlet aberto a todos os que queirades participar.