Este ano celebramos o día da nosa fala por todo o alto. Baixo a coordinación da vicedirección organizouse no centro unha gran olimpiada cultural que se desenvolveu en dúas xornadas, os días 19 e 20 de maio, nas catro últimas horas da mañá. O alumnado de ESO e 1º de bacharelato organizado en grupos cun máximo de 10 rapaces e rapazas, foi pasando por diferentes obradoiros. En total 20 equipos para 20 obradoiros en cada un dos oito períodos lectivos. Non faltaron os kahoots, memes, xogos matemáticos, creación de paus de chuvia, obradoiros de creación de historias, robots, drones, Galeoke,... E así ata vinte actividades.
Dende a biblioteca organizamos dúas actvidades para poñer en valor a nosa lingua e a creatividade da rapazada. Por unha banda o Regalízate para o alumnado de 1º e 2º de ESO. A proba consistía en elixir palabras da nosa fala e deseñalas e pintalas de xeito especial. Ao finalizar recibían como agasallo rolos de regaliz. Total que ademais de pasalo estupendamente, recibiron lambetadas.
A outra das actividades, para o alumnado de 3º e 4 de ESO, tiña por obxecto homenaxear a Xela Arias, escritora á que se adicou este ano o 17 de maio. Consistía en facer nubes de palabras en torno á figura de Xela Arias, a súa biografía e obra. Esta proba xa a propuxemos o pasado ano cando estabamos en pleno confinamento e recibimos traballos moi bos, por iso quixemos repetir.
Fai click aquí para ver o álbum de fotos completo