venres, 27 de abril de 2007

Arte e artistas no IES de Fene

Pois si, hai moito arte e moitísimos artistas arredor da nosa biblioteca ultimamente. As rapazas e rapaces de 4º de ESO xunto coa súa profe de debuxo, Luísa Parada (deseñadora do carné da biblioteca), están a deseñar os logos da nosa CDU, e teño que dicirvos que están a saír cousas moi boas e divertidas. ¿Que me dicides do cine, e os cómics?
Pois xa veredes o resto, agora mesmo non volos podemos ensinar xa que están no taller

Pero a creación non remata con estes deseños, nin moito menos!!. Deseñaron tamén dous magníficos murais, si, lestes ben, dous murais, que estarán nas paredes exteriores da nosa biblioteca, un deles dentro do instituto, nunha das paredes da zona de exposicións e o outro, o que aquí vedes, no exterior do centro.

¿Tiña eu razón ou non ao afirmar que hai moito arte e moitos artistas ao noso carón? Pois que cunda o exemplo da nosa compañeira e do seu alumnado. Parabéns Luísa !! Tódolos deseños

martes, 24 de abril de 2007

10ª Olimpíada do Saber

Xa estou aquíiiiii!!

Despois de nove anos ininterrompidos aparecendo no noso Instituto por estas datas (ou quizais un pouco antes....) aquí estou eu, no meu 10º Aniversario, e coa mesma ilusión do primeiro día. Espero que a vós, sufridos participantes e arriscados organizadores vos colla coas mesmas forzas, ou se cabe con máis, que as enerxías renovadas sempre veñen moi ben.

Imos estar xuntos durante unha tempadiña, así que ánimo, ímolo pasar moi ben, e os que cheguedes ao final teredes moitas e boas sorpresas.

Se entrades neste enderezo http://osegreldopenedo.googlepages.com/aolimp%C3%ADadadosaber atoparedes toda a información que necesitades, dende as bases do concurso ata todo tipo de probas. Pero se aínda así queda algunha dúbida, xa sabedes, ide á biblioteca e falade con Inma (Ela ten todas as respostas, esa muller sábeo todo!!)

Pero non podemos rematar sen agradecer a Xosé Manuel M. Fraguela a súa participación na elaboración das Apostas. Este benquerido compañeiro, aínda que nos abandonou pola capital hai uns anos, sempre seguirá connosco. Querémoste!!

O logo da nosa Olimpíada foi deseñado, hai bastantes anos, por Francisco Beltrán, un verdadeiro artista que pasou con nós algúns cursos e de quen temos moi bos recordos. Por certo, este non foi o único deseño que nos fixo.


luns, 23 de abril de 2007

Feliz Día do Libro!!


Cool Slideshows

Hoxe, 23 de abril, Día do Libro, queremos traer a esta bitácora as primeras páxinas do Libro dos nosos favoritos. Este libro, que temos colocado nun atril á porta da biblioteca, está formado polos libros favoritos propostos por todos aqueles membros da nosa comunidade educativa que así o desexan.¡Que o disfrutedes! O Libro dos Nosos Favoritos



domingo, 22 de abril de 2007

O Segrel do Penedo

Esta era a forma coa que se autodesignaba Pérez Parallé. Vexamos as motivacións de tan singular denominación.

SEGREL: O segrel era o poeta da lírica medieval, autor e intérprete das súas composicións, que cobraba polo exercicio da súa arte. Procedían das capas intermedias da sociedade (baixa nobreza, burguesía...) e aparecen nos Cancioneiros designados con nome, apelido e, se é o caso, lugar de procedencia, fronte aos xograres (intérpretes de composicións alleas), de orixe popular e designados só co nome seguido do alcume ou, ás veces, só o alcume, e aos trobadores (autores, non intérpretes e que non cobran) que procedían da nobreza, figurando nos Cancioneiros con nome e apelidos precedidos do tratamento de “don”.

Xosemaría Pérez Parallé asistiu ás clases de Armando Cotarelo Valledor, catedrático de Literatura da Universidade de Santiago, quen, desde a correspondente sección do Seminario de Estudos Galegos, realizou por primeira vez o labor de estudo sistemático e divulgación nas aulas universitarias galegas da nosa lírica medieval. A súa transcendencia foi tal que varios dos seus discípulos (Bouza Brey, Cunqueiro, Álvarez Blázquez...) imitaron en maior ou menor medida os temas, técnicas, procedementos e lingua das cantigas medievais. O propio Parrallé foi permeable a estes influxos no seu facer poético e, identificándose co facer dos segreis medievais, adoptou esa denominación.

Nos anos 70 xorde en Barallobre un grupo musical, do que forma parte o propio poeta e canta composicións del, e que como nome OS SEGRELES. Pódese escoitar aquí (http://www.archicompostela.org/barallobre/)

O PENEDO: Aínda que nacera o 4 de agosto de 1909 no barrio ferrolán de Canido, pasou a meirande parte da súa vida na parroquia de Barallobre. Vivía no Casal de Sandulfe no lugar do Penedo e alí foi onde creou a práctica totalidade da súa obra.

Desde o IES de Fene vemos o mundo enteiro!!


Create Your Own

Desde as ventás do noso instituto adiviñamos o outeiro no que houbo un castro; vemos a Casa do “Adriano”, co emigrante cun facho e unha maleta na súa cúpula, o piñeiro centenario, que case é o último resto do Pazo de Barallobre, un pouquiño de Astano, que sempre será Astano, Ferrol e os seus barcos, as luces da Coruña e o sol que se esconde cada tarde por detrás de Monte Faro.
Na biblioteca é onde máis ventás hai. Son miles de páxinas, centos de minutos de películas e dous pares de ordenadores.

No noso instituto gústannos estas ventás polo que supoñen de apertura a outros mundos, a outras culturas, ventás que nos traen coñecemento, liberdade e novas amizades.

Hoxe, 23 de abril, Día do Libro, abrimos o noso blog “O Segrel do Penedo”, que ven a ser como unha ventá pero do revés, porque está feita para ver o que hai dentro. Invitámosvos, non só a mirar a través desta ventá, senón a que nos acompañedes nesta aventura marabillosa de facer das nosas bibliotecas escolares puntos de encontro e aprendizaxe.

Benvid@s!!

Related Posts with Thumbnails