Dende hai xa
varios cursos, un dos nosos obxectivos é achegar a figura de Xosémaría Pérez Parallé (O Segrel do Penedo) ao alumnado que se incorpora ao noso centro en
1ºESO. Para tal fin, en colaboración co
departamento de galego, organízase un roteiro pola zona nos primeiros meses do
curso, pero nesta ocasión, o inverno mantívonos pechados no centro ata o 19 de
maio, no que amenceu un fermosísimo día primaveral que nos levou a percorrer os
lugares nos que O Segrel pasou a meirande parte da súa vida.
A primeira parada foi na Casa da Sociedade, "Casa de oficios varios e peóns de Barallobre", a segunda, no Casal de Sandulfe, lugar onde se atopa a casa da familia Pérez Porto. No xardín da casa, diante das esculturas homenaxe aos clásicos: Rosalía, Curros e Pondal, léronse poemas como "Microbiografía" de Parallé, "Cartafol da saudade", "Cantigas dun serán avesío" e "Non falarei, non", entre outros. Logo visitamos o pequeno museo etnográfico onde se conserva a campá da igrexa do Bon Xesús do Pazo de Barallobre, one hoxe está o noso instituto. Rematamos o percorrido na antiga "Casa de curtidos" propiedade da familia da muller de Parallé.
Antes de rematar, Sabela e Lorena, alumnas de 1ºESO, fixéronlle unha entrevista a Francisco Pérez Porto, recoñecido ceramista e fillo do Segrel, a quen lle queremos agradecer o seu labor de cicerón neste marabilloso roteiro que nos levou aos lugares onde O Segrel pasou a meirande parte da súa vida.
Álbum de fotos