mércores, 23 de decembro de 2020

Sesión de contacontos no Segrel

 

Este outono o alumnado de 2º ESO estivo traballando a tradición oral na clase de Lingua Galega. Adaptaron e traduciron ao galego algúns contos clásicos que despois contaron aos seus compañeiros. 

Na biblioteca, e para darlle máis solemnidade a esta estupenda actividade, quixemos organizar dúas sesións de contacontos para dar a coñecer o traballo dos rapaces a todo o alumnado.

Como mostra vos deixamos un vídeo no que Cloé, alumna de 2º ESO A, nos conta unha adaptación do conto "A casiña de chocolate".


luns, 21 de decembro de 2020

venres, 27 de novembro de 2020

Postais contra a violencia machista

O pasado mércores, 25 de novembro, conmemoramos o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Despois dun ano moi complicado, polos motivos sanitarios que todos coñecemos, a situación de vulnerabilidade de moitas mulleres non mudou demasiado e nos vemos na obriga de seguir reivindicando a igualdade, a xustiza e a fin desta lacra machista que cada ano sigue a elevar o número de vítimas.

 

Nesta ocasión propuxemos ao alumnado e profesorado a confección de postais na que mostraran a súa repulsa fronte a esta lacra. Eles deixaron voar a súa imaxinación e fixeron debuxos, simboloxía, escribiron poemas, cancións,... Abaixo vos deixamos unha mostra dos seus traballos.



 

luns, 2 de novembro de 2020

Semana ALFIN - AMI

Entre o 24 e o 31 de outubro celebrouse a semana da alfabetización mediática e informacional, este ano co lema: Resistir a Desinfodemia: Alfabetización mediática e informacional para todos e por todos. Nestes tempos de pandemia, máis que nunca, os bulos, fakes news e a desinformación en xeral son tamén un mal pandémico contra o que debemos loitar formando ao noso alumnado no desenvolvemento do espíritu crítico cando se enfrontan á gran cantidade de información que lles chega.
Nese senso o alumnado de TIC de 1º de bacharelato está a traballar a alfabetización informacional ao longo de todo o mes de outubro, con diversas actividades como a realización de buscas efectivas na rede, a actuación crítica ante os medios de comunicación ou a ética da información mediante o coñecemento de diferentes licenzas de publicación de contidos.
 
Fai click na imaxe para ver o álbum completo
 
 

sábado, 24 de outubro de 2020

15 anos de PLAMBE

No mes das bibliotecas, e concretamente neste día 24 de outubro no que celebramos o día das bibliotecas, nesta edición baixo o lema Bibliotecas, sempre ao teu carón, queremos celebrar 15 anos de presencia no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Quince anos de libros, lecturas, lecturas compartidas, intercambios, apadriñamentos, xincanas, obradoiros, recitais, maratóns de lectura, exposicións, concursos, encontros con autores, clubs de lectura,.... Agradecer a todos os que colaborastes, participastes, ideastes, creastes e disfrutastes das actividades deseñadas con paixón por todos os que pasamos por esta biblioteca. Seguimos, como di o lema, ao voso carón.

Grazas por estar aí. Esperámosvos nas nosas redes sociais.

Blog da Biblioteca

Clubs de lectura do Segrel

O Noso Álbum Fotográfico 

Facebook do Segrel 

Twitter do Segrel

 



Xa estamos de volta!!

Por fin chegou o día. A partir do próximo luns 26 de outubro estaremos facendo préstamos nos recreos que aparecen marcados en verde no horario que tes na porta da biblioteca. Respecta as zonas marcadas como entrada e saída así como o protocolo de préstamos e permanencia na biblioteca, que está no acceso á mesma. Deixámosvos aquí un breve resumo.

Esperámosvos!!!



mércores, 3 de xuño de 2020

Letras Galegas 2020


Este ano non puidemos celebrar como se merecen as nosas Letras Galegas. A mágoa foi maiúscula cando o escritor homenaxeado é unha figura moi vinculada coa comarca de Ferrolterra, Ricardo Carvalho Calero.  Sen embargo, e aínda que as celebracións oficiais quedaron adiadas ata o mes de outubro, non quixemos deixar pasar esta data sen levar adiante diversas actividades.
Desde o centro fixéronse varias propostas abertas a profesores e alumnos. Entre elas destacamos un concurso de Haikus organizado polo Equipo de Normalización Lingüística do que podemos disfrutar dunha mostra na web do noso centro.

Tamén o Kahoot das Letras Galegas organizado polo Departamento de Lingua Galega para diferentes niveis  educativos e do profesorado


Desde a biblioteca do Segrel presentamos unha iniciativa na que participaron profesores e alumnos do noso centro tanto da ESO como de Bacharelato. A actividade consistía en crear nubes de palabras en torno á vida e obra de Carvahlo Calero. Nós propuxemos a aplicación en liña WordArt, aínda que podían traballar coa que quixeran. 

Como os rapaces son uns artistas fixeron cousas tan chulas como a seguinte (pasa por riba da imaxe para ver o movemento das palabras):

Na seguinte presentación podedes ver todas as nubes de palabras. Se facedes click nas imaxes accededes á versión interactiva:


Deixámosvos tamén o seguinte enlace para que as visualicedes no formato de publicación: 


Grazas polo traballo realizado e felicidades a todos polo resultado!!


martes, 28 de abril de 2020

Día do Libro

Este ano no IES de Fene celebramos o Día do Libro desde o confinamento, obrigados pola crise sanitaria. Iso non foi unha excusa para deixar pasa unha data tan sinalada, que coincide, ademais, co aniversario da nosa saída ás redes, pois foi o 23 de abril de 2007 cando este blog viu a luz por primeira vez.

Era necesario rendir unha merecida homenaxe aos libros que nestes días se converteron nos mellores compañeiros, nos permitiron viaxar a lugares marabillosos  e correr mil aventuras sen movernos das nosas casas. Para iso os departamentos de Lingua Galega e Castelá propuxeron á nosa comunidade dúas actividades que resultaron emotivas e inspiradoras e nos deixan marabillados da capacidade de imaxinación dos nosos nenos e tamén dos nosos profes.

Nunha destas actividades, "Mi libro favorito", o alumnado e profesorado tiña que facerse unha foto, ao carón dunha fiestra, cun libro que teña un significado especial. Vos deixamos unha mostra das propostas recibidas, na presentación que tedes a continuación:




Para a outra actividade, "Os libros escriben historias", os participantes debían seleccionar unha serie de títulos e inventar unha historia con todos eles. De aquí saíron relatos espectaculares dos que vos deixamos unha mostra:
 


Podedes atopar máis historias das que contan os libros do noso alumnado e profesorado no seguinte enlace




Felicidades a todos os participantes polo traballo feito!!!

luns, 16 de marzo de 2020

Día da Muller. 8M

Nesta ocasión, co motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller o equipo da biblioteca quixemos facer unha exposición dos novos fondos bibliográficos adquiridos dentro do programa Fondo de Igualdade, que complementamos títulos dos que xa dispoñíamos na sección de Feminismo. Podedes ver algunhas destas adquisicións nas nosas suxestións para o 8M

Dentro das novas adquisicións podemos atopar todo tipo de xéneros. Non faltou a narrativa xuvenil e para adultos, poesía, ensaio ou álbum ilustrado.

Esta mostra estivo acompañada polos carteis que compoñen a exposición "A Muller na Ciencia", elaborada hai un tempo polo equipo da biblioteca, e que recolle unha pequena biografía e as achegas dalgunhas das mulleres cuxo papel foi relevante para o desenvolvemento científico e tecnolóxico. Esta mostra lembra figuras como Hipatia, Ada Lovelace, Rosalind Franklin, Jane Goodall, Margarita Salas ou Laura Sánchez, entre moitas outras.

https://photos.app.goo.gl/tkPdXTUsf1JZGQXD9
 
 Fai click na imaxe anterior para ver todo o álbum

Para finalizar coas actividades fixemos unha proposta aberta a todas e todos, que demos en titular "As Mulleres na Comunidade do IES de Fene". Tratábase de que o que quixera se tomase unha fotografía cunha muller, ou máis dunha, que fose importante ou referente na súa vida, acompañada, se era posible, dun texto ou frase. Coas achegas montamos unha pequena exposición. A pena foi que a situación provocada pola crise sanitaria non nos permitiu disfrutar dela, pero prometemos retomala para o ano que ben.
 

https://issuu.com/as.bego/docs/exposici_n_mulleres

 Podes ver todas as fotos facendo clik na imaxe superior

luns, 24 de febreiro de 2020

Entroido 2020

Nestes días previos ao entroido, os rapaces de 1º e 3º da ESO fixeron un estupendo traballo nas clases de Lingua Galega compoñendo coplas que nos cantan o que está a pasar na nosa contorna. Ademais tiran de retranca para contarnos como ven eles aos seus profesores.
Deixámosvos unhas mostras que vos farán botar unhas risas.
Aquí temos as de 1º de ESO




E a continuación as dos alumnos de 3º de ESO


mércores, 12 de febreiro de 2020

Día da Muller e a Nena na Ciencia

 Este pasado martes 11 de febreiro conmemoramos o Día da Muller e a Nena na Ciencia. Para esta data, o departamento de Matemáticas conseguiu que tiveramos dispoñible durante toda a semana unha exposición de mulleres científicas que leva por título Matemáticas x matemáticas. A exposición foi realizada pola Universidade de Vigo e cedida ao centro pola asociación de Ensinantes de Ciencia de Galicia,  ENCIGA.

Nesta exposición, que conta con dez paneis explicativos, podemos ver o traballo de relevantes figuras femininas no mundo da Ciencia desde Hipatia ata científicas máis contemporáneas como Julia Hall Bowman Robinson, sen esquecer a Ada Lovelace ou Sofia Kovalevskaya. Ademais de achegarnos á vida destas mulleres, a exposición ofrece a súas achegas ao mundo da ciencia así como unha proposta de actividades.
Acompañaron á exposición distintos carteis confeccionados pola nosa compañeira Cristina e os seus alumnos de 1º da ESO. Tamén había unha pequena mostra de fondos da nosa biblioteca, moitos deles de recente adquisición dentro do Plan de Igualdade.
Por último a profesora de Matemáticas, Laura, propuxo aos seus alumnos de 2º de FP Básica de Mantemento de Vehículos, facer unha versión do coñecido xogo "Quién es quien?", nesta ocasión con mulleres, a maioría científicas. Deixaron unha mostra deles na biblioteca, o cal tivo moito éxito entre os alumnos que soen acudir nos recreos.

https://photos.app.goo.gl/DBN6eZwrNkGZXmhj8

 Fai click na foto superior para acceder a todo o álbum

xoves, 30 de xaneiro de 2020

Poesía e Música pola Paz

Este xoves, 30 de xaneiro, celebramos o Día Escolar da Paz e desde O Segrel quixemos poñer o noso gran de area a prol da paz e a solidariedade e o noso rexeitamento a calquer tipo de violencia, con poesía e música. Organizamos unha lectura de poemas coa participación de alumnado de ESO e Bacharelato co acompañamento de música de guitarra. Para finalizar o acto, o noso compañeiro Bautista puxo o broche con música de gaita, interpretando unha versión de "Amazing Grace"

 
Os pequenos de 1º da ESO non quixeron participar na lectura de poemas, seica por vergoña a ler en público, pero non se perderon a celebración. Recortaron e decoraron pombas que pegaron formando a palabra PAZ. 

Moitas grazas a todos os que colaraborastes nesta actividade!!!
Click aquí para ver o álbum

xoves, 16 de xaneiro de 2020

Charla de divulgación científica

Este mércores, 15 de xaneiro, tivemos a oportunidade de asistir a unha charla de divulgación da ciencia, unha iniciativa que nos últimos anos partiu do concello de Narón e este ano organizou o IES de Fene coa colaboración dos IES Telleiras e Terra de Trasancos e a participación de varios centros da comarca.
Esta charla, dirixida a rapaces de 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato enmárcase dentro das actividades para a conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, pero por motivos de axenda e avaliacións foi preciso adiantala a este mes de xaneiro.
En Galicia temos científicas e investigadoras moi relevantes por iso este ano invitamos a Dna Elena Vázquez Cendón, Decana da Facultade de Matemáticas da USC. O título da charla foi "A auga, o sangue e o tráfico movéndose coas matemáticas da mesma familia". 
Dous alumnos do noso centro, Gabriela Rey, de 1º de bacharelato, e Carlos Ardá, de 2º, foron os encargados de facer a presentación da ponente e a introducción da charla.
O obxectivo da charla era facer un percorrido pola historia da Matemática Industrial, compartindo referentes galegos e internacionais que teñen feito valiosas aportacións neste ámbito das Matemáticas.
Así comenzou falando de Domingo Fontán quen, despois de 17 anos de traballo percorrendo a nosa comunidade e tomando medicións, conseguiu presentar a Carta Xeométrica de Galicia, a mediados do século XIX, primeiro mapa realizado en España con métodos científicos.
Tamén vimos o que son as Matemáticas preventivas que axudan a mellorar a calidade das nosas rías mediante o estudo do emprazamento de dispositivos de tratamento e emisións de residuos. Ou como contribúen á conservación da fauna dos nosos ríos, facilitando que as especies podan salvar presas mediante escalas.
Ademais os métodos numéricos matemáticos permiten permiten realizar simulacións do comportamento do sangue nos vasos sanguíneos e o deseño de válvulas cardíacas.
Cando a ponente remotou a súa exposición abriuse un turno de preguntas para que os preto de 600 rapaces alí reunidos poideran amosar as súas inquedanzas. Varios preguntaron pola dificultade dos estudos ou polas saídas laborais posteriores. Como conclusión poderiamos decir que se a un lle gusta o que fai e lle pon pasión será quen de conseguir o que se propoña e que as posibilidades profesionais son moi amplas como puidemos observar.


martes, 14 de xaneiro de 2020

Open Matemático 2020

Desde onte luns, 13 de xaneiro, o IES de Fene ten a oportunidade de participar no Open Matemático 2020, un concurso nacional de resolución de problemas no que o Departamento de Matemáticas está a participar coa colaboración do Club de Ciencias e do equipo da Biblioteca do IES de Fene. O concurso consta de 5 xornadas de resolución individual de 3 ou 4 problemas semanais e dunha xornada final que será presencial. Todos os membros da comunidade educativa poden participar na resolución destes problemas, que este ano xirarán en torno a unha temática: O CUBO. Os problemas a resolver son os mesmos para todos os participantes, sen importar o curso que estuden nin a idade. As bases, os prazos, e o resto da información do concurso, así como as follas cos enunciados e a caixa onde deben entregarse os problemas resoltos poden atoparse na Biblioteca do centro. 



ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!
Related Posts with Thumbnails