xoves, 20 de marzo de 2025

Concurso de poesía


Con motivo do 21 de marzo, Día da Poesía e comezo da primavera, e co obxecto de fomentar a creación literaria entre o alumnado, a biblioteca O Segrel do Penedo ven de convocar un novo concurso de poesía no que poderá participar todo o alumnado do centro. Establécense tres categorías, ESO, bacharelato e ciclos formativos. As composicións poéticas terán unha extensión máxima de 25 versos e poderán escribirse en lingual galega ou castelá. Os traballos poderán presentarse ata o 10 de abril e a entrega de premios será na semana do libro.

Pódese acceder a toda a información da convocatoria no documento do enlace.

Convocatoria do concurso de poesía

martes, 11 de marzo de 2025

Encontro con Fernando Lalana

Este pasado luns o alumnado de 2º da ESO e o do club de lectura de 3º e 4º tivo un encontro co escritor aragonés Fernando Lalana, autor de multitude de libros entre eles La tuneladora, que é o que leu o noso alumnado. Fernando Lalana mostrouse encantado de participar nesta actividade coa rapazada do IES de Fene. Contoulles que aínda que estudou Dereito nunca exerceu porque encamiñou o seu traballo cara a escritura, primeiro á Literatura Infantil e máis tarde á Literatura Xuvenil, e non literatura para adolescentes como quixo deixar ben claro.

Unha vez feita a presentación e a primeira toma de contacto foron os rapaces e rapazas que participaban no encontro os que tiveron a ocasión de plantexarlle preguntas moi interesantes que sacaron á luz detalles das súas obras como que se valeu do coñecemento do cuartel de Melilla, onde el fixo o servizo militar, para ambientar a coñecida obra Morirás en Chafarinas e que se sentiu moi contento cando lle propuxeron levar esta obra ao cine. Tamén lle preguntaron sobre as súas coñecidas aficcións como son a colección de trens e as plumas. A este respecto contoulles que, aínda que se inspira en lugares e persoas coñecidos, en ningún caso utiliza os nomes reais salvo na novela Amsterdam Solitaire na que un dos seus personaxes é un amigo dono dunha tenda de estilográficas e na que o detective Fermín Escartín debe investigar o roubo da estilográfica máis cara do mundo. 

Todas estas anécdotas e moitas máis nos fixeron disfrutar dun momento marabilloso co autor ao que agradecemos que quixera vir a coñecer a estes xóvens lectores deste recuncho da Península.


 Podes ver o resto de fotografías neste enlace do noso álbum fotográfico

Acceso á web de Fernando Lalana

martes, 4 de febreiro de 2025

Flocos de millo pola paz

O pasado venres 31 de xaneiro conmemoramos no Segrel o Día Escolar da Paz e a Non Violencia que se celebra todos os anos o 30 de xaneiro. Para esta ocasión organizamos diversas actividades. Por unha banda desde a semana anterior está montada na biblioteca unha exposición de fondos que tratan sobre a guerra, a violencia e a paz; nesta exposición podemos atopar diversos xéneros, desde narrativa, poesía, banda deseñada e incluso cine.

O mesmo venres durante o primeiro recreo tivemos unha lectura de poemas acompañados da música que Celtia, alumna de 4º ESO, interpretou ao chelo, escollendo para a ocasión o fragmento O cisne da obra O carnaval dos animais. Ao remate da lectura as alumnas de Música de 1º de bacharelato, xunto coa nosa compañeira Navia Rivas, profesora de Filosofía, interpretaron Let it be dos Beatles. Marabíllanos como tocan o ukelele en tan pouco tempo que levan con el.

Finalmente os usuarios que nese día utilizaron o servizo de préstamo foron agasallados cun cucurucho de flocos de millo en referencia a este día tan sinalado.

Podedes ver un anaco da interpretación no seguinte vídeo.

 
 
Ademais convidámosvos a ver todas as imaxes da xornada na seguinte ligazón 

Related Posts with Thumbnails