luns, 30 de xuño de 2008

III Encontro Edublogs

III Encontro Edublogs

3, 4 e 5 de Xullo

Facultade de CC da Educación da USC



Deíxovos aquí o programa, para que lle botedes unha ollada...

Vémonos alí !!!!

xoves, 26 de xuño de 2008

Xornada de Clubs de Lectura en Santiago

Hoxe, os responsables de 104 clubs de lectura creados noutros tantos centros públicos de Galicia, tivemos a oportunidade de xuntarnos na EGAP, en Santiago, para disfrutar dunha xornada dedicada a falar das nosas experiencias de lecturas compartidas con distintos membros da nosa comunidade.

A xornada abriuna Blanca Calvo, directora da
biblioteca pública de Guadalajara e un dos referentes a ter en conta cando se fala de Clubs de Lectura.


"Un club de lectura é unha experiencia para compartir, un estímulo para a sociabilidade"


"Debemos demostrar á xente como sen darse de conta, eles están interesados na lectura"




Blanca falounos das distintas modalidades de clubs de lectura, do perfil do seu coordinador ou coordinadora, dos obxectivos a conseguir, de distintas actividades a desenvolver despois da lectura de cada libro, de como solucionar algúnhas das dificultades que nos podemos atopar.. e contounos a súa experiencia de lectura compartida cun club de lectura italiano.



O encargado de pechala foi Pep Bruno escritor e contacontos que nos enganchou cos seus contos e as súas suxestións de lectura.

Ademáis houbo dúas mesas de experiencias, unha pola mañá, onde se falou dos clubs de lectura para o alumnado, e outra pola tarde dedicada aos clubs de lectura abertos ao resto dos membros da comunidade.

Toda unha experiencia de lecturas compartidas, de propostas de distintas actividades, e de bo facer a cargo dos fantásticos profesionais que se atopan nas nosas Bibliotecas Escolares Galegas.

Canto por aprender, canto por facer... pero estamos no bo camiño!!

Parabéns ás organizadoras.



Actualización (28/06/08)
Tamén en Biblioafonso

martes, 24 de xuño de 2008

Momentos de Lectura Compartida: Os Nosos Clubs de Lectura

Hoxe queremos compartir con todos e todas vós a nosa experiencia cos Clubs de Lectura "O Segrel".

Unha experiencia que comezou o pasado mes de novembro e que nos trae ata o día de hoxe no que botando a vista atrás vemos un fantástico camiño percorrido cheo de novas experiencias e amizades, de momentos compartidos arredor dos libros, da lectura ...

Unha experiencia que permitiu a un dos membros do club:
"facer sitio no meu tempo - sempre tan escaso de ratos libres- para dedicarme ao pracer de ler"

Unha experiencia na que entre os aspectos máis salientables algúns destacan:
"A iniciativa en si mesma"
"A valentía de levala a cabo"

"Retomar o gusto pola lectura"
"O esforzo que facemos todos para buscar tempo para ler e para reunírmonos"


Entra no noso club e disfruta dalgúns deses momentos de Lectura Compartida.


Preme en Open Publication se queres velo máis ampliado.

luns, 23 de xuño de 2008

Roteiro polas Bibliotecas Escolares (VI): IES Río Cabe (Monforte)

Chegou o día 17, data sinalada para a visita ao IES Río Cabe de Monforte, e os GBI partimos á nosa cita.

Que nos podía levar a percorrer 300 km. nunhas datas cheas de exames, avaliacións, reunións, proxectos, memorias, estatísticas…?
Que esperábamos atopar nese cole que nos facía deixalo todo e sair cara a terras luguesas?
Realmente existe alguén que se mereza tal esforzo e interés por parte do Grupo de Bibliotecas Intercentros, vamos dos GBI?

A verdade é que non as tiñamos todas con nós, intentamos postpoñer tal visita, (que se temos que ir a Vigo, Julio Verne está de paso e non queremos deixar de admiralo…, que se non conseguimos coincidir nas datas…) pero nada, imposible, dado o interese amosado por “Bea” e “A Paramio” con insistentes correos solicitando a nosa visita, tantas chamadas a terceiras persoas para influir na nosa decisión… en fin que non puidemos negarnos. Así que, como diciamos, chegou o día 17 e partimos cara ao noso obxectivo.

Disque as historias non son como comezan, menos mal, pois chegamos ao lugar acordado e alí non había ninguén...
“Señor, faránse agora de rogar?. Como isto non mellore as cousas pintan ben feas!”
Afortunadamente non se retrasaron moito. E despois dunha boa comida, regada dun non menos bo Rioja, unha amena charla, algunha que outra anécdota e sobre todo moitas risas marchamos para o cole.
“Meu deus, aínda estabamos a medio camiño”!!
“Pero quen nos manda a nós meternos nestas lerias”??

Chegamos ao fin, nada máis cruzar a porta do cole quedamos embelesados ante a exposición, "A volta a Galia" 0u "Le tour de Gaule" e cando nos adentramos no instituto admiramos a exposición “Guernica” outro fantástico traballo do alumnado de 1º de ESO e do profesorado implicado na materia Proxecto Interdisciplinar.

Isto comeza a compensar tantos kilómetros e tantas horas de visita!!

Seguimos o noso camiño cara á biblioteca, os corredores cheos de magníficos traballos sobre “Castelao”, “A Publicidade”, “La Palabra de Neruda”, “La Escritura de Occidente”..., frente a nós a Biblioteca, na súa porta reza “Quod Natura Non Dat Salamantica Non Praestat”...
Pretenderán insinuarnos algo con esta lenda? Veremos...

Amplo e luminoso espazo, cun precioso e colorista recuncho para a lectura informal, máis para “calificar” parte do seu mobiliario utilizaremos as palabras das “dinamizadoras” desta biblioteca escolar “mesas e cadeiras de estilo Racionalista” (no comment!!)

O que si queremos comentar é o que opinamos desas dúas mulleres que están ao fronte desta biblioteca escolar. Non sen antes deixar claro que o “Priscillus” non ten nada que ver nas nosas apreciacións…

Que dicir de dúas mulleres coas ideas tan claras sobre o que debe ser unha verdadeira biblioteca escolar, unhas mulleres que saben transmitir tan ben o seu dinamismo, a súa capacidade de traballo, a súa creatividade, en definitiva o seu bo facer? Unhas mulleres que ademais de todo o aquí exposto son posuidoras dun enorme sentido do humor o que confirma a súa intelixencia?

Parabéns á Paramio e a Bea e por suposto a todo o equipo de profesionais que xunto a elas fan desta unha das bibliotecas escolares galegas máis activa e dinámica e que non fai máis que confirmar un dos nosos lemas “As bibliotecas reflicten a alma das persoas que están ao seu fronte

Nota dos GBI: Non quixéramos facer referencia á súa crónica pois, como é ben sabido en todas as Bibes ás que honramos coa nosa presencia, os membros do GBI non somos persoas “manipulables” en ningún sentido, pero consideramos preciso unha pequena puntualización por parte das nosas “anfitrionas” cando se refiren a nós en termos de “inspección táctil”. Máis que nada para evitar posibles malentendidos…


E con este pechamos os nosos Roteiros por este curso. Ídevos preparando que o vindeiro haberá máis!!!

Outros Roteiros
CEIP Milladoiro-Malpica
CEIP José Cornide (A Coruña)
IES Uxío Novoneyra (A Coruña)
IES de Arzúa
IES Alexandre Bóveda (Vigo)


Tamén nos outros GBI Blogues
A Nosa Biblioteca
Biblioafonso

sábado, 21 de xuño de 2008

Guía de Lecturas para o Verán

Xa están aquí, aínda que moi xustiñas de tempo, as nosas recomendacións de lectura para o verán.

Nesta ocasión son recomendacións feitas por algúns dos membros dos Clubs de Lectura de O Segrel, tanto do alumnado como dos pais, nais e profesorado e das familias que participaron na actividade das Mochilas Viaxeiras.






Para que sigades a disfrutar do pracer das lecturas compartidas, esta guía está pensada para todos os membros da familia, incluídos os máis pequechos.
Hai verdadeiras marabillas para eles e non queremos que se perdan a ocasión de disfrutalas.

(O Segrel quere agradecer a Olga do CEIP Milladoiro Malpica e a Maribel do CEIP Os Casais os seus fantásticos consellos)

xoves, 19 de xuño de 2008

Fran Alonso no Canal You Tube de "O Segrel"

Como xa vos explicamos no post anterior, o pasado luns disfrutamos da visita de Fran Alonso.

Velai vai algúns momentos dese encontro tan especial entre rapaces, pais, nais e profes non só co autor e a súa obra senón un encontro cos libros, a lectura e a vida.

Entrade no noso Canal You Tube de Radio Barullo e poderedes disfrutar de tres deses momentos:

Como xurdiu “Cartas de Amor

O momento en que Fran nos conta “Un dos seus Proxectos de Futuro

Algunha das nosas “Experiencias de Lectura Compartida”

Dende aquí queremos agradecer a Fran o comentario no seu blog Cabrafanada sobre a súa visita a “O Segrel do Penedo”

martes, 17 de xuño de 2008

Fran Alonso cos Clubs de Lectura "O Segrel"

Hoxe foi un día especial para os membros dos clubs de lectura de "O Segrel". Celebramos a última reunión de ambos os dous clubs dun xeito diferente.

Grazas á xenerosidade de Fran Alonso, hoxe, en "O Segrel do Penedo", nais (os pais non puideron vir. É o primeiro día que non acuden a esta cita e a verdade é que os botamos en falta...) rapaces e rapazas despedímonos ata o vindeiro curso cun encontro marabilloso cos libros e o seu autor.

Guía dalgúns dos títulos nos fondos da nosa biblioteca


A xornada comezou esta mañá coa preparación do escenario da visita. Organizamos a exposición e colocamos a biblioteca para facilitar a proximidade co autor.

Pola tarde os rapaces e rapazas chegaron á hora habitual e dedicaron a primeira media hora a cubrir unha enquisa on-line sobre a súa experiencia no club de lectura e a segunda media hora, e mentres esperábamos a Fran, tivemos unha pequena "merenda". Cos pais e nais teremos unha comida a venres 27 da que non pensamos contar nada...

Ás 17.30 chegou Fran, a súa presentación correu a cargo de Xano, unha presentacion que, como lle dixo Fran, estaba moi ben documentada.

E comezou a charla. Fran falounos das súas fascinantes viaxes, de como xordiron algunhas das súas novelas. Falounos das Illas Cabo Verde, dos asentamentos Saharauis, de guerras, de desastres naturais, de emigración, do seu pai, da súa nai, daquel cole que "odiaba"... falounos da vida e doutras realidades que non por estar alonxadas no espazo deixan de sernos próximas.

Todos os que alí estabamos disfrutamos da súa palabra, da súa verba doce e amiga... E chegaron as 18.40 sin dármonos conta, e houbo que "animar" aos máis novos a marchar se non querían perder o autobús. Estaban encantados con todo o que Fran contaba, coas explicacións ás súas moitas preguntas (e pensar que crimos que non se ían atrever a falar!!).

E seguiron os comentarios e as preguntas das nais. Unha delas contounos como ela e a súa filla (que é membro do club de lectura do alumnado) leron e choraron xuntas coa carta "O que nunca me preguntaches". Toda unha experiencia de lectura compartida!

Rematamos coa firma dalgúns dos exemplares de "Cartas de Amor" e do noso Libro de Ouro. Como anécdota contarvos que Laura, unha das nosas lectoras máis novas, trouxo o seu libro "Poetízate" que xa fora asinado, nunha das súas visitas ao noso concello, por Fran quen non dubidou en recoñecer que esta era a primeira vez que asinaba un libro por segunda vez.

Cando xa estabamos a piques de rematar unha das nais preguntou (non sen antes comentar que esta era a primeira vez que estaba cun escritor) se todos os encontros con autores eran sempre tan agradables e divertidos. Engadiu que nunca na súa vida lera tanto como este ano no club de lectura.

Imaxino que agora entenderedes por que dicía ao principio que hoxe fora un día moi especial. Foi un día de experiencias fantásticas e irrepetibles que farán imposible esquecer este achegamento aos libros, a lectura e á vida a través dos Clubs de Lectura da nosa Biblioteca Escolar.

Dende o noso blog queremos agradecer a nais, pais, rapaces e rapazas o facer posible esta nosa primeira experiencia nun club de lectura. Gracias a todos e todas por permitirnos disfrutar dunha das nosas paixóns, a lectura, dun xeito distinto e fascinante que nos axudou a medrar como profesionais pero sobre todo como persoas.



Nota: Mañá teredes no noso Canal de Video a reportaxe desta visita.

domingo, 15 de xuño de 2008

venres, 13 de xuño de 2008

Celebramos a Chegada da "Buxaina"

Chegamos ao cole co noso premio.

A buxaina foi moi ben recibida, os rapaces e rapazas estaban moi contentos co premio e de feito acabaron fotografiándose con el.

Explicámoslles como fora a nosa visita a Barcelona, o ben que alí o pasamos e o que lles contamos sobre o noso blogue e sobre as Bibliotecas Escolares Galegas.


Dixémoslles que tamén falamos deles, do noso alumnado, os principais protagonistas desta historia. Eles, o principal motor desta fantástica experiencia do uso das ferramentas que a Web 2.0 pone á nosa disposición.

E para rematar ben esa celebración saímos ao patio a xogar un partido de fútbol.

O luns, á volta de Barcelona, a clase cos rapaces e rapazas de 1º de ESO foi diferente. Unha clase especial para celebrar un día especial


Parabéns rapaces, as cousas ben feitas sempre obteñen a súa recompensa.





Se queredes ver o vídeo da nosa presentación, entrade en Radio Barullo

xoves, 12 de xuño de 2008

Xornadas Espiral Edublog 08

Voltamos de Barcelona cun feixe de sentimentos e emocións que nos impediron, ata hoxe, escribir este artigo contándovos todo o que alí aconteceu.


Non sabíamos por onde comezar, e despois de moito pensar decidimos facelo polo principio...

As Xornadas Espiral Edublog comezaron o venres día 7 ás 18.00. Un magnífico Programa no que se falou de Redes Sociais e Experiencias de Traballo Colaborativo. Dous temas que nos apaixonan!!

Como sempre que nos xuntamos con xente á que tanto admiramos e da que tanto aprendemos, con xente coa que nos sentimos identificados porque nos une un mesmo obxectivo, un mesmo concepto do ensino, voltamos á casa coas pilas cargadas, pero nesta ocasión, ademáis, e como xa vos comentamos, coas emocións a flor de pel.

Coñecemos a xente fantástica de todo o estado:
Canarias: Pedro Villarrubia
Castellón: Toni Solano
Madrid: Victor Cuevas
Andalucía: Conchi Ruiz
País Vasco: Marcos Cadenato, Patxo Landa, Isidro Vidal
Cataluña: Montse e o Sr. I, Irene Pelegrí, Joan Queralt, Manuel Rino, Pere Marqués, Xavier Sune, Pilar, Pablo...

Blogueiros cos que falamos das nosas Bibliotecas Escolares Galegas.
Están sorprendidos da revolución que hai nas nosas bibes. Preguntáronnos que estaba a acontecer en Galicia, houbo ata quen nos confesou que sentía "envexa" polo labor que na nosa terra se está a desenvolver dende as bibliotecas escolares.

Aquí estou con Montse e o Sr. I. Montse, na presentación do seu blogue, agradeceu o "acompañamento" que lle facían as Bibes Galegas. E lembrou a A Nosa Biblioteca, a Trafegando Ronseis e a O Segrel do Penedo.

E nós, que non podíamos estar máis orgullosas e emocionadas, falamos de todas as persoas que están ao seu fronte, da Asesoría (coas nosas xefas manexando o timón), do traballo colaborativo que estamos a desenvolver, das ilusións, as paixóns, os esforzos compartidos... e seique a mensaxe chegou a todos eles e así nolo fixeron saber.

Velai vai algúns dos comentarios que estas novas amizades nos deixaron no blogue ou na Rede Ning da que tamén somos membros.

Toni Solano: (1º Premio Blog de Profesor)
"Enhorabuena por el premio y por la defensa apasionada del blog que hizo Loly en Barcelona. Somos muchos los que admiramos el trabajo que están haciendo las bibliotecas escolares.
Un saludo"

Marcos Cadenato: (1º Premio Blog Colectivo)
"Ya sin nervios (los mís al menos estaban a flor de piel) os queremos desde Tres Tizas volver a felicitar y asegurar que eltrabajo, el entusiarmo y la ilusión se transmiten. En Barcelona lo lograstéis, sin duda. Zorionak"

Victor Cuevas: (Espiral Madrid - Membro do Xurado)
"Ha sido un placer conocerte en persona y saber quien está detrás de tanto entusiasmo y buen trabajo.
¡Nos vemos en Santiago!"

Irene Pelegrí: (Vicepresidenta Espiral)
"Loly, me encantó vuestra experiencia. Ojalá que se extendiera a cada biblioteca de cada centro. -)"

Pedro Villarrubia: (Parte das fotos da nosa presentación son súas. O noso primeiro traballo colaborativo!!)
"Me sumo a las (buenas) críticas. Como dice Victor, me encantaron las personas que estáis en vuestro proyecto, grandes y pequeños.
Así dan ganas de leer, aprender, disfrutar...
Y cuiden bien la buxaina, que lo mismo se vuelve dorada con los brillos de la ría.
Saludos"

Manuel Rino:
Gracias Loly,
Como dice Pedro, vuestro proyecto y vosotras sois estupendas (en el sentido que decía Valle Inclán, también).

Joan Queralt:
Em vaig emocionar amb els edubogs guanyadors del concurs d'enguany, el de la Biblioteca de Fene, el de la Escola d'infantil de Gines o el de Casa d'oficis de Sant Feliu: Dóna gust veure com encara hi ha professorat amb ganes de fer coses, moltes coses, malgrat els vents de dalt i dels costats bufin en contra."

Xa víchedes a Presentación que levamos, deixámosvos aquí a Ponencia que mandamos a Espiral, coa idea que intentamos transmitir a todos os alí presentes.



Algunhas das fotos desta presentación son obra de Pedro Villarrubia con quen compartimos mesa, charla e risas.
Grazas Pedro, quedou ben este primeiro "traballo colaborativo" entre Canarias e Galicia, non?

mércores, 11 de xuño de 2008

Barcelona, que maca és!!!

Hoxe comezamos coa crónica do que aconteceu en Barcelona durante as Xornadas Espiral Edublog que alí nos levaron a recoller a nosa “Baldufa”


A cidade recibiunos cun tempo marabilloso co que, despois de instalármonos no hotel, decidimos ir a dar un paseo.

Estivemos polas Ramblas, Paseo de Gracia, Praza de Cataluña… trala comida acercámonos ata La Casa Batlló e antes de ir ás Xornadas aproveitamos para tomar un café nunha terraza ao carón de La Pedrera.



O venres á tardiña fomos ao Mercado da Boquería e xa pola noite non nos resistimos a deixar de admirar o porto á luz da lúa e a dar outro paseo polas Ramblas. Que marabilla!!




O sábado, ao remate das Xornadas, e despois dun fantástico café que durou un par de horas (as cousas ben feitas disque levan o seu tempo, non si?) na mellor compañía que poidéramos ter (Pedro, Victor, Joan, Manuel, Xavier, Toni, Irene, Isidro, Charo, …Grazas a todos por facer posible que a nosa visita a Barcelona sexa inesquecible) decidimos recorrer o barrio Gótico. O Palau da Música, a Catedral... perdémonos pola Barcelona máis marabillosa, atrainte e fascinante.





Volvemos ao Hotel unha miaxiña cansas, pero a pesar de todo erguémonos cedo e despedímonos desta marabillosa cidade cunha visita a A Sagrada Familia.





O tempo, xa sabedes, o tempo é o que sempre nos falta, e nesta ocasión non podía ser menos... facturamos cando o carteliño luminoso di
cía “last minute”. Si, no último minuto, pero a tempo.

Ata sempre Barcelona, ata sempre amig@s Blogueir@s!!!

Vémonos en Santiago.

Os III Encontros Edublogs o 3, 4 e 5 de xullo espérannos!!!


Para ver máis edificios de Barcelona (0100-2007)



Nota: Para comezar coa crónica non está nada mal, non?. Mañá contarémosvos as Xornadas...

venres, 6 de xuño de 2008

A pola Buxaina Prateada !!!

Saímos hoxe ás 09.35 de Alvedro e contamos chegar a El Prat ás 11.10.

Do que aconteza despois... teredes cumprida conta á volta.

Deixámosvos a presentación coa que en só 7 minutos –non hai tempo para máis- “O Segrel do Penedo” representará a todas as Bibliotecas Escolares Galegas e a ese fantástico grupo de profesionas que, con blogue ou sen el, traballan para facer das nosas Bibes verdadeiros espazos de liberdade.




O sábado 7, as Bibliotecas Escolares Galegas recollerán a “Buxaina Prateada”.

Esperamos deixar o plantel ben alto!!.

Nota: Nesta ocasión, experimentamos co Slideboom para subir a presentación ao blogue e quedou bastante ben, non si?

Actualización (8/06/08): Recén chegadas de Barcelona o primeiro que facemos e arranxar a presentación. Alá, xa nos comentou Montse que non se podía ver. Seique as "fadas blogosféricas" non permitiron que aparecera antes que nós voltáramos coa "Baldufa"... Así que aquí a tedes de novo, esperemos que desta vez vaia!!

xoves, 5 de xuño de 2008

5 de Xuño - Día do Medio Ambiente

NUNCA É DEMASIADO TARDE...
SE ESTAMOS DECIDIDOS A FACER ALGO.
Vía IES Río Cabe


CUIDEMOS O NOSO PLANETA !!


Para saber máis:

luns, 2 de xuño de 2008

Comezou a Conta Atrás !!!

POIS SI, COMEZOU A CONTA ATRÁS...




O vindeiro venres saimos para Barcelona!!!

Imos recoller a "Buxaina" e esperamos disfrutar dunhas Xornadas que este ano tratarán sobre "Redes sociais e experiencias de aprendizaxe colaborativo".

Durante as xornadas disporemos duns sete minutos para presentar o noso blogue, pero aproveitaremos ben o tempo e, por suposto, levaremos con nós a todos os blogues das bibliotecas escolares galegas.

Á volta teredes cumplida conta da experiencia.

domingo, 1 de xuño de 2008

Premio Espiral


“O Segrel do Penedo” 0 Blogue da nosa Biblioteca Escolar, ven de acadar o 2º premio de Blogues de Centros no II Premio Espiral Edublog

Un blogue que cumpliu un ano o Día do Libro e que recibe este premio na Semana das Letras Galegas. Que bonito, non? Os libros, as lecturas, a nosa cultura… a nosa paixón!!

Un blogue cuios principias artífices comezan a ser os nosos rapaces e rapazas por e para quen diriximos todos os nosos esforzos. Parabéns rapaces, o traballo ben feito sempre ten a súa recompensa.

Pero este premio non é tan só noso, este é un premio que sentimos de todas as Bibliotecas Escolares Galegas que, con blogue ou sen el, traballan para converter as nosas bibliotecas en verdadeiros espazos de liberdade.

Grazas @s Plambeir@s e demais Blogueir@s que nos enlazan, nos visitan, nos apoian, nos animan e sempre nos aprenden.

Grazas a tod@s por estar sempre aí.
Related Posts with Thumbnails