luns, 27 de novembro de 2023

Conmemoración do 25 N

Este sábado 25 de novembro conmemorouse o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. No Segrel adiantamos as actividades para o venres 24. Nesta ocasión o alumnado da ESO, tomando como referencia o alcume de Mariposas, como se coñecía ás irmás Mirabal, elaboraron bolboretas de papel e nelas escribiron mensaxes en contra da violencia sobre as mulleres que xa ten causado moitas vítimas no que vai de ano. Con todas estas bolboretas e a colaboración de Antía Riveiro, alumna de 3º ESO, elaboraron un mural que colocamos no hall de saída ás pistas polideportivas.

Por outra banda, no segundo recreo reunímonos alumnado e profesorado de todo o centro para ler poemas e amosar o noso rexeitamento contra esta lacra.


Podedes ver o álbum completo na ligazón



martes, 7 de novembro de 2023

Feliz aniversario Sra Curie

Hoxe, 7 de novembro, conmemórase o nacemento dunha das pioneiras na ciencia, Marie Curie. Foi a primeira muller en recibir o Premio Nobel e a única galardoada con dous. O primeiro recoñecemento foi o Premio Nobel de Física en 1903 xunto a Henri Becquerel e Pierre Curie, o seu home, e o segundo, xa en solitario, foi o Nobel de Química en 1911. Foi ademais a primeira muller profesora na Universidade de París, toda unha pioneira.

Mes de novembro, mes da ciencia no Segrel.


No seguinte enlace podedes acceder ao trailer da película Madame Curie omde se narra a súa vida


mércores, 1 de novembro de 2023

Unha noite na biblioteca

A noite do 27 de outubro o alumnado de 2º da ESO quedou a durmir na biblioteca do centro, O Segrel do Penedo. Pasámolo estupendamente pintando cabazas e monstros, desfilando nun concurso de disfraces e ata xogamos a verdade ou reto, xogo no que a rapazada mostrou unha grande valentía desenvolvendo os retos máis tenebrosos que poidades imaxinar. Despois de cear e xa máis entrada a madrugada contamos lendas e historias de medo e vimos unha película espeluznante.

Unha noite inesquecible. 


Fai click aquí para ver o álbum completo



Related Posts with Thumbnails