Amosando publicacións coa etiqueta Novas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Novas. Amosar todas as publicacións

xoves, 7 de outubro de 2010

Mario Vargas LLosa: Premio Nobel de Literatura 2010

Mario Vargas LLosa, o escritor de orixe peruano que tamén obtivo a nacionalidade española no ano 1993, recibe o Premio Nobel de Literatura 2010.

O autor de obras como "La tía Julia y el escribidor", "¿Quién mató a Palomino Molero?", "Lituma en los Andes" (Premio Planeta 1993) ou "Travesuras de la niña mala" é o primeiro escritor en lingua española que recibe o premio Noble despois de vinte anos.

"El Nobel se lo debo tanto a la Academia Sueca como a España"

"El Nobel reconoce el español y la literatura hispanoamericana"

O vindeiro 3 de novembro sairá publicada a súa última novela "El sueño del celta". Podedes ler as primeiras páxinas aquí.

Escritores en lingua española premiados co Nobel de Literatura

Crédito da imaxe

xoves, 22 de xaneiro de 2009

O Poder da Palabra

Hai xa uns cantos días, que a actualidade, tozuda ela, fixo que este artigo se retrasara, o primeiro que fixen nada más sair da casa foi coller o xornal e, como todos os días, a primeira ollada foi para o artigo de opinión da última páxina. E alí as atopei, alí estaban da man de Rosa Montero, Mari e as súas amigas, e tras elas apareceron Julia e outra Mari... Cantas máis?

En España, hai casi un millón de persoas, a maioría mulleres, que non saben ler nen escribir. Mulleres que tiveron que sair adiante sen máis axuda que a súa forza e a súa valentía para enfrontarse a un mundo moi difícil, a un mundo terriblemente hostil cando non contas coa axuda destas ferramentas case imprescindibles na nosa vida cotiá.

Pero estas mulleres, con esa mesma valentía, decidiron non rendirse, decidiron que os anos non tiñan que ser un obstáculo para acadar o que tanto ansiaban, que o tempo, terrible enemigo, ía ser un aliado co que logarían chegar a disfrutar do poder da palabra.

Crédito da imaxe

María cóntanos que para ela, a posibilidade de aprender supuxo "ver un ceo aberto", un ceo aberto polo que a luz entraba a raudales para acabar coa terrible escuridade na que estivera sumida durante case toda a súa vida

Que a luz dese ceo, ilumine sempre a vosa palabra e a vosa vida.

sábado, 15 de decembro de 2007

A Formación dos Nosos Usuarios e Usuarias

Este curso, e como ven sendo habitual, a formación de usuarios realizouse durante o mes de novembro.

Para os grupos de 2º, 3º e 4º de ESO levouse a cabo en dúas sesións, unha na biblioteca e outra nunha das aulas de informática. No caso dos grupos de 1º de ESO, esta formación completouse coa visita á Biblioteca Municipal e ao Museo do Humor de Fene.

Xaquín Marín, director do Museo, recibiunos á chegada da Casa da Cultura. Alí, dividímonos en dous grupos para facilitar as actividades a desenvolver.

O encargado de dirixir a visita a través do Museo foi o mesmo Xaquín Marín, todo un luxo engadido. Explicounos, entre outras cousas, algunhas das características dos debuxos chineses, como son os matices nas cores, a fraxilidade do papel de arroz que utilizan algúns debuxantes…

Sonia, a bibliotecaria municipal, e que xa coñecía moi ben a algúns dos nosos rapaces e rapazas, usuarios habituais, falounos da organización e funcionamento da biblioteca. Algúns dos rapaces aproveitaron para sacar o seu carnet ese día.

A segunda parte desta formación, levarémola a cabo durante o segundo trimestre con distintos xogos, concursos e actividades, cos que poñeremos en práctica todo o aprendido. Xa volo contaremos!!



mércores, 24 de outubro de 2007

A 1ª Galescola de Fene

Hoxe asistimos, en palabras do noso alcalde, con gran ledicia, á inauguración da primeira Galescola en Fene, acto que correu a cargo do vicepresidente do goberno galego.
Anxo Quintana lembrou aos alí presentes algúns dos obxectivos das Galescolas “Asegurar que os nenos e nenas galegas aprendan a nosa lingua e a nosa cultura” e “Formar cidadáns abertos ao mundo”. Falou asimesmo das Galescolas como instrumento para a igualdade “Temos unha débeda coas mulleres de Galiza e este é un xeito de pagala"

Sabedes como rematou a inauguración? Pois cos nenos e nenas xogando e rindo sen preocuparse de autoridades e visitas, é máis, sen darse de conta do que alí acababa de acontecer.
Bendita inocencia!!!!
É preciosa a nosa Galescola, vaian dende aquí os nosos parabéns!!

Como chegar á Galescola

domingo, 21 de outubro de 2007

Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia

Unhas xornadas ás que acudimos mais de 1000 profesionais da docencia, durante o noso período de lecer, o que amosa as nosas inquedanzas e gañas de traballar cada día mellor (máis, vai ser que xa non se pode!!).

Xornadas nas que como moi ben dicían dende a Asesoría de bibliotecas reflexionamos sobre a lectura no contexto escolar, compartimos inquietudes e reforzamos(máis se cabe!!)amizades.

Parabéns ás organizadoras!!

Algunhas das frases das Xornadas:

Carlo Frabetti: “ Para min, o gran descubrimento foi ver que había libros que non intentaban ensinarme nada

Mónica Baró: “A Biblioteca Escolar é a clave para Aprender a Aprender

Pilar Pérez Esteve: “Aprender é aprender a afondar, promovendo os máximos aprendizaxes, garantindo a todos os imprescindibles, para seguir aprendendo ao longo da vida, ese é o reto”

José Luis Polanco:“ Ensinar a ler é educar a mirada” “Ler é aprender a escoitar a voz dos outros

Julián PascualO PLC estimula o traballo cooperativo do profesorado e favorece a innovación educativa e o desenvolvemento profesional docente”

Cristina Novoa: “Temos que recrear as ideas das que nos vamos alimentando

O Decálogo dos Dereitos do Lector de Daniel Pennac “Como una novela”

(Co que nos agasallou Montserrat Erausquin)

O dereito a non ler

O dereito a saltarse as páxinas

O dereito a rematar un libro

O dereito a reler

O dereito a ler calquera cousa

O dereito ao bovarismo (enfermidade textualmente transmisible)

O dereito a ler en calquera lugar

O dereito a picotear

O dereito a ler en voz alta

O dereito a calarnos


Máis comentarios en:

A Nosa Biblioteca

Blog do CEIP de Quintela-Moaña

Blog da Asesoría de Bibliotecas Escolares

BlibioArzúa

Mesturas

Trafegando Ronseis

Blog do CEIP Fermín Bouza Brey

Blog do IES Fernando Esquio

Hora de Ler

mércores, 3 de outubro de 2007

El dinosaurio




Cuando despertó, el dinosaurio todavía estaba allí.






Augusto Monterroso


Esta é unha historia real que lle ocorreu a Manolo, "O Gafas", natural dunha parroquia de Monterroso, alá entre a Terra Cha e o Xistral. Foi o sábado pasado, cando levou á muller e aos fillos a un centro comercial de Lugo. Quedouse no coche, botando unha sesta e cando espertou viu o que viu. O home aínda tivo valor para facerlle unha foto.

Este ano, no San Froilán non se falará doutra cousa.


venres, 22 de xuño de 2007

Festival no Día da Música

Disque o prometido é débeda e aquí estou eu, disposta a facer unha crónica do acontecido no Festival de Fin de Curso

Algún de vós estará pensando que ten que ver un festival de fin de curso co blog da biblioteca. Pois moitísimo. Onte era o Día da Música, e nós, no IES de Fene, celebrámolo por todo o alto... e nesa celebración, e como non podía ser menos, participamos todos os membros do equipo da biblioteca. Gústanos a lectura, a música, e como non a festa... Queredes velos? Pois aquí os tedes a todos e todas...

Alexandre: Na parte técnica

Inma e Mª Carmen: Titanic (Non veu Celine Dione, pero non a botamos de menos!!), Déjame e Guantanamera (Coros)

Ánxeles, Begoña e Loly: Déjame (Non son "Los Secretos" son "Woman's Secret") e Guantanamera (Coros)

Conchi: Guantanamera (Coros e percusión)

Sabela: Guantanamera (Baixos)

Xoán e Antonio: Guantanamera (Acompañamento)

Miguel Anxo: Guantanamera (Batería)

Xunto co resto do profesorado. De 44 profes que formamos o claustro, enriba no escenario ou abaixo cantando, aplaudindo e animando, practicamente estivemos todos. Tampouco faltaron os conserxes (son deles a maioría das fotos!!). Pero o mellor de todo o alumnado. As actuacións de 2º, 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato así como a presentación a cargo de Samantha e Lourdes de 1º de bacharelato foron un éxito. E como público estiveron entregados dende o principio pois escoitaron con moitísima atención as interpretacións dos seus compañeiros e compañeiras e non deixaron de animar e corear todos os temas nos que participamos o profesorado. Ao final non había quen os botara do salón de actos. Querían seguir, pero o deber agardaba e tivemos que comezar as avaliacións!!

Pasámolo moi ben, algún de nos “desmelenámonos” cun micro na man.... Debemos repetir este tipo de celebracións. De feito xa hai quen está a pensar o que vai facer co seu alumnado o próximo curso!!

Dende aquí queremos darlle a noraboa á nosa compañeira Bárbara, a profe de música, que non escatimou horas e horas de traballo para que todo saíse á prefección. Vaia repertorio!!. Bárbara PARABÉNS!! Unha experiencia FANTÁSTICA!!

xoves, 21 de xuño de 2007

Xornada Festeira

Pois iso é, o que será a xornada de mañá, bueno a xornada de hoxe, pois a estas horas xa estamos a xoves 21 de xuño.

Unha festa por todo o alto, non hai mais que ver o programa fantástico artellado pola nosa compañeira Bárbara Mourelo, a profe de música.

Estarán connosco, entre outros, “Los Secretos”, “Celine Dione”... e moitos máis. Máis de 20 actuacións que darán moitísimo que falar.

Que vos parece?

Como, que non decides nada? Quedáchedes sen palabras?

Non é para menos, con tanta “celebridade” en Fene. Pódovos asegurar que nunca tal se víu...

Pero non vos preocupedes, a reportaxe gráfica mañá. Non a perdades!!

XOVES 21, UN DÍA MEMORABLE!!

E para ir facendo boca, ahí vai un video de "Los Secretos" e unha das súas máis famosas baladas "Déjame" acompañados de algúns dos mellores artistas do panorama musical español. Unha pequena xoia!!

venres, 15 de xuño de 2007

Axuda urxente para "O Courel"


(Vía SOS Courel) Luar na Lubre: Terra

“SOS COUREL”

Que se pide?
  • Que se declare O Courel Parque Natural
  • Que se devolva á Rede Natura a superficie da cunca do Lor
  • A posta en marcha dun Plan Urxente para a recuperación ambiental do patrimonio arqueolóxico, etnográfico, arquitectónico, e da paisaxe tradicional...




Queda moi pouco tempo!!

O prazo desta campaña remata o vindeiro xoves 21 de xuño.

Axuda urxente para O Courel

xoves, 31 de maio de 2007

sábado, 19 de maio de 2007

Día das Letras e Día de Internet

Onte, nós celebramos ámbalas dúas datas. Tivemos unha mañá esgotadora, pero moi gratificante. Preparamos actividades para todos os cursos da ESO ao longo de toda a xornada, de 08.30 a 14.05 e a verdade é que os rapaces e rapazas participaron e o máis importante pasárono moi ben.

Comezamos ás 08.30 cunha webquest sobre María Mariño para o alumnado de 3º e 4º de ESO, webquest que preparamos o grupo de apoio da biblioteca. Mentres, os de 1º e 2º de ESO tiñan que completar o seu libro de poesías de autores galegos “Poemas para un Día”

Ás 10.00 recreo de 20’ e comeza a 2ª parte.

Nesta ocasión os de 3º e 4º tiñan a actividade “As caras das letras”, similar á dos poemas para un dia, pero nesta ocasión o que cambiaban eran as fotos e caricaturas de 22 dos escritores/as aos que se lles dedicou en algunha ocasión o Día das Letras .

Preparamos para os de 1º e 2º unha xincana cultural, composta de preguntas, enigmas, xeroglíficos, poemas para completar... 10 probas moi diferentes que para resolver tiñan que utilizar internet, os fondos da biblioteca, o seu enxeño e imaxinación, en fin moi variada e que lles gusta moito.

Ás 12.00 da mañá o 2º recreo de 20’ tralo que entramos na recta final.

Xogos populares que algúns profesores, recordando vellos tempos, aprenderon aos rapaces e rapazas, e paralelamente un obradoiro de barro impartido polo ceramista Francisco Xosé Pérez Porto, fillo de Xosémaría Pérez Parallé (O Segrel do Penedo) e con quen todos os que participamos, tanto alumnado como profesorado disfrutamos moitísimo. Vaia pezas que saíron!

Chegamos ás 13.50, hora de prepararse para coller o autobús e volver á casa. O alumnado encantado con todas as actividades e os profes que participamos moi contentos pola súa resposta, pero esgotados... despois dunha mañá onde a literatura galega e es TIC estiveron tan presentes, pero na que non nos quixemos esquecer das tradicións e dos traballos artesáns.

Dende aquí o noso agradecemento a Fran P. Porto, e a todos os rapaces e rapazas que participaron con tanto entusiasmo e nos fixeron esquecer todo o traballo destas dúas últimas semanas. Que non foi pouco!! Poemas para un Día Xincana Cultural Álbum fotográfico

venres, 27 de abril de 2007

Arte e artistas no IES de Fene

Pois si, hai moito arte e moitísimos artistas arredor da nosa biblioteca ultimamente. As rapazas e rapaces de 4º de ESO xunto coa súa profe de debuxo, Luísa Parada (deseñadora do carné da biblioteca), están a deseñar os logos da nosa CDU, e teño que dicirvos que están a saír cousas moi boas e divertidas. ¿Que me dicides do cine, e os cómics?
Pois xa veredes o resto, agora mesmo non volos podemos ensinar xa que están no taller

Pero a creación non remata con estes deseños, nin moito menos!!. Deseñaron tamén dous magníficos murais, si, lestes ben, dous murais, que estarán nas paredes exteriores da nosa biblioteca, un deles dentro do instituto, nunha das paredes da zona de exposicións e o outro, o que aquí vedes, no exterior do centro.

¿Tiña eu razón ou non ao afirmar que hai moito arte e moitos artistas ao noso carón? Pois que cunda o exemplo da nosa compañeira e do seu alumnado. Parabéns Luísa !! Tódolos deseños

domingo, 22 de abril de 2007

Desde o IES de Fene vemos o mundo enteiro!!


Create Your Own

Desde as ventás do noso instituto adiviñamos o outeiro no que houbo un castro; vemos a Casa do “Adriano”, co emigrante cun facho e unha maleta na súa cúpula, o piñeiro centenario, que case é o último resto do Pazo de Barallobre, un pouquiño de Astano, que sempre será Astano, Ferrol e os seus barcos, as luces da Coruña e o sol que se esconde cada tarde por detrás de Monte Faro.
Na biblioteca é onde máis ventás hai. Son miles de páxinas, centos de minutos de películas e dous pares de ordenadores.

No noso instituto gústannos estas ventás polo que supoñen de apertura a outros mundos, a outras culturas, ventás que nos traen coñecemento, liberdade e novas amizades.

Hoxe, 23 de abril, Día do Libro, abrimos o noso blog “O Segrel do Penedo”, que ven a ser como unha ventá pero do revés, porque está feita para ver o que hai dentro. Invitámosvos, non só a mirar a través desta ventá, senón a que nos acompañedes nesta aventura marabillosa de facer das nosas bibliotecas escolares puntos de encontro e aprendizaxe.

Benvid@s!!

Related Posts with Thumbnails