mércores, 23 de abril de 2014

Día do Libro

Con motivo da celebración do  Día do Libro, en O Segrel  decidimos  organizar unha “Maratón de lectura”. As obras elixidas “Cando petan naporta pola noite” e “Catro cartas”, foron a nosa pequena homenaxe a un dos grandes da literatura do noso país, o escritor Xabier P. Docampo.  


Ao longo da mañá o alumnado da ESO disfrutou coa lectura destas dúas obras dun dos seus autores favoritos.

mércores, 9 de abril de 2014

Roteiro Literario, Xosé Mª Pérez Parallé "O Segrel do Penedo"

Dende hai xa varios cursos, un dos nosos obxectivos é achegar a figura de Xosé María Pérez Parallé (O Segrel do Penedo) ao alumnado que se incorpora ao noso centro en 1ºESO. Para tal fin,  en colaboración co departamento de galego, organízase un  roteiro  pola zona nos primeiros meses do curso, pero nesta ocasión, o cru inverno mantívonos pechados no centro ata esta mañá, que amenceu cun fermosísimo día primaveral que nos levou a percorrer os lugares nos que O Segrel pasou a meirande parte da súa vida. 


A primeira parada foi  na Casa da Sociedade, "Casa de oficios varios e peóns de Barallobre", a  Segunda no Casal de Sandulfe, onde Julian entonou, e moi ben, un Cantar de cego que nos achega á vida do Segrel. Posteriormente léronse,  diante das  esculturas homenaxe aos clásicos: Rosalía, Curros e Pondal,  poemas como “Microbiografía”  de  Parallé,  “Cartafol  da saudade”,  “Cantigas dun  serán  avesío” e “Non falarei,  non”, entre outros. Logo, visitamos o  pequeno museo etnográfico onde se conserva a campá da igrexa do Bon Xesús do Pazo de Barallobre, onde hoxe está o noso instituto. Rematamos o percorrido na antiga Casa de curtidos propiedade da familia da muller de Parallé.  

venres, 21 de marzo de 2014

Obradoiro de poesía: Antón Cortizas


Este curso, na celebración do “Día da Poesía” acompañounos o noso querido e admirado  “Antón Cortizas” quen impartiu un obradoiro de poesía para  o  alumnado de 1º de ESO.  

Traballamos os Centóns, escribimos acrósticos e gozamos con marabillosos Haikus. Foi un  marabilloso  encontro no que a maxia da  poesía inundou a biblioteca do Segrel e fixo posible que a rapazada amosase a súa sensibilidade e gosto pola poesía. 


Que fermosos acrósticos escribiron algúns deles!.

Cousiñas pequenas.
Anhelos no máis claro luar
Revolven a miña mente
Loitando por ser contados
Aflorando desexos de ser narrados.


Jinete que busca o seu propio mundo
Unha noite sen estrelas
Loitando contra sombras
Imaxinando o meu destino
Afastado da miña vista
No lugar máis agochado da miña mente.

Día Internacional da Poesía


Escolma poética coa que agasallaremos aos visistantes do Segrel no Día da Poesía

domingo, 16 de marzo de 2014

The "Bullying" Experiment

E ti, que farías?...


"Nuestra generación no se habrá lamentado tanto de los crímenes de los perversos, como del estremecedor silencio de los bondadosos" 
Martin Luther King



sábado, 15 de marzo de 2014

As Linguas que nos Unen

Interesante entrevista a Juan Carlos Moreno Cabrera, catedrático de Lingüística General na Universidad Autónoma de Madrid.

"La educación que hemos recibido ha estado de espaldas al multilingüismo de España  [... ] somos sordos a estas lenguas hermanas (gallego, catalán, vasco) cuando no deberíamos serlo"


luns, 10 de marzo de 2014

"Fene Lendo Mulleres" no "Día da Muller Traballadora"

Participación do alumnado de ESO na XIV Maratón de Lectura organizado pola Concellería de Servizos Sociais do Concello de Fene con motivo do "Día Internacional da Muller" que nesta ocasión quixo render Homenaxe á Muller Mariscadora.

Nesta maratón, como xa é habitual, profesorado e alumnado participamos coa lectura de textos escritos por mulleres, respectando a lingua na que foron escritos.

Velaí tedes á rapazada durante a maratón que, para o noso centro, desenvolveuse de 10.30 a 11.45 Faltounos tempo, pois non puideron participar todos os que querían, máis a representación estivo moi ben.

Parabéns e graciñas a tod@s pola vosa participación!!

Fene lendo Mulleres
Clicar na imaxe para ir ao álbum fotográfico

sábado, 8 de marzo de 2014

Mulleres do Mundo

  • Obrigadas a casar sendo nenas
  • Xordania: Cuestión de honor
  • Iraq: A morte en vida dunha muller maltratada
  • Viúvas na India, a pira e o esquecemento
Son algúns dos documentais que forman parte desta serie elaborada por Nacións Unidas.


Mulleres e Homes


Fundación Good Planet "7 Mil Millóns de Outros"


A Igualdade aos Ollos das Mulleres




Historia do Día da Muller



xoves, 27 de febreiro de 2014

Encontro con Victor Moreno no Segrel

O luns, 24 de febreiro, o profesorado que dinamiza a biblioteca do Segrel, acompañado por compañeiros  e amigos de outras bibliotecas escolares de Ferrolterra tivo o pracer de disfrutar do Encontro con Victor Moreno, un dos grandes dentro e fóra do noso pais cando se fala de escritura, lectura e literatura. O que nun principio ían ser dúas horas convertíronse en catro e aínda así quedaron curtas...

Victor comezou léndonos o conto "El unicornio en el jardín" de James Thurber, tal e como sempre facía nas súas clases. Cada día comezaba coa lectura dun conto, ou dun poema, co que ao remate de cada curso eran máis de 170 contos e poemas os que tiñan lidos. Que non é pouco!! Contounos unha divertida anécdota cun grupo de alumnos despois de ler os poemas de Spoon River de Edgar Lee Masters e deixou ben claro que a responsabilidade da competencia textual do noso alumnado é de todo o profesorado, non so dos departamentos de lingua, e que para iso está aí o "Proxecto Lector de Centro". E a partír de aí levounos paso a paso cara ao "Desenvolvemento da competencia escrita". 

Ao longo da tarde podemos descobrir o Victor provocador, irónico, cun enorme sentido do humor e sempre apaixoado da que foi a súa profesión. E claro, houbo tempo para falar do Informe Pisa, da súa experiencia como crítico literario e de poder disfrutar da súa experiencia e bo facer. Todo un pracer!!

Encontro Victor Moreno
Clicar na Imaxe para ir ao Álbum do Encontro



Publicacións na serie Blitz do Goberno de Navarra

martes, 25 de febreiro de 2014

24 de Febreiro: Día de Rosalía

Onte, día 24 de Febreiro, no Segrel, ao longo da mañá, a rapazada da ESO celebrou, como non podía ser menos, o Día de Rosalía cunha festa chea de música e poesía.

Abriuse o acto coa Alborada de Rosalía de Daniel Bellón, un dos mellores gaiteiros de Galicia e antiguo alumno do IES de Fene, escoitamos tamén "A xusticia pola man" na voz de Aid, do seu disco Rapoemas, e despedímonos con  "Negra Sombra" na versión de Luz Casal e Carlos Núñez.

Os grupos de 1º ESO fixéronnos un fermosísimo regalo, Julián cantou a capela, e marabillosamente ben, por certo, "Adios ríos, adios fontes". Un gran día no que descubrimos unha fermosa voz que teremos moi en conta para próximas celebracións. (Podedes escoitalo en Radio Barullo)

Velaí tedes a nosa escolma poética: Unha escolma que comeza co poema "Cantigas dun verán avesío" dedicado a Rosalía por Xosé María Pérez Parallé (O Segrel do Penedo), e remata co poema "A Rosalía" de Manuel Curros Enríquez

Con esta escolma fixemos un pequeno libro de poemas que entregamos a todo o alumnado que participou na celebración.

Logo da lectura de poemas, houbo quen tamén quixo participar nos  "Selfies" #euRosalía. Que nos gustou moito esa proposta. Fantásticos!!

Así foi como sucedeu parte da xornada...

venres, 14 de febreiro de 2014

Un Día moi Poético no Segrel!!


Tíñades que ver esta mañá as caras da rapazada cando entraron na biblioteca durante o primeiro recreo... Os que levaban algún préstamo o viñan devolvelo collían o seu agasallo. Profes e alumnado case deixan o segundo recreo sen agasallos!! 

Cantos poemas se leron hoxe no Segrel. Todo un éxito!!

Logo, durante as clases, as emisarias de Cupido, entregaron fermosas cartas de amor e marabillosos ramos de frores, aos seus destinatarios e destinatarias. 

Velaí tedes o que aconteceu no Segrel nesta mañá tan agarimosa...

No atril que hai á porta da biblioteca, deixamos esta pequena escolma poética:

xoves, 13 de febreiro de 2014

San Valentín Poético

Este ano, porque pensamos que todos os momentos son bos para disfrutar da maxia da poesía, o noso San Valentín ven cargado de fermosos poemas cos que agasallaremos aos visitantes da biblioteca e da cafetería, porque a poesía está en todas partes, so hai que deixarse atrapar por ela...

Velaí tedes como quedou todo organizado. Non faltan árbores cheos de corazóns, caixas moi amorosas que agochan unha sorpresa poética, poemas enrolados en fermosos corazóns e unha pequena escolma poética que saiu dos andeis para estar máis perto de todos nós e así animarnos a disfrutar dela.

E unha pequena sorpresa dedicada moi especialmente á rapazada de 3º e 4º de ESO. Os catro poemas dos que tanto disfrutaron no seu encontro con Juan Mata o pasado luns están agochados neses corazóns.

luns, 10 de febreiro de 2014

Encontro con Juan Mata no Segrel

O luns, 10 de febreiro, foi un día perfecto no Segrel. Disfrutamos dun extraordinario encontro con Juan Mata mañá e tarde.  

Pola mañá, a rapazada de 3º e 4º ESO comprobou dun xeito fascinante "O valor das palabras". Juan comezou léndolles o poema "Palabras" de Gianni Rodari e a partir de aí achegounos á poesía de José Carlos Rosales, Isabel Escudero, Catulo... Descubriron e se emocionaron coa historia de Juul, de Gregie de Maeyer, compartiron aquelas lecturas que os marcaron, algunhas experiencias lectoras que os emocionaron e moito, moito máis. Porque é imposible explicar tantas emocións, sentimentos e sensacións que xurdiron nese par de horas que compartiron con Juan e Andrea, a súa dona. Un encontro do que parece que agromou o xermen dun posible proxecto moi fermoso, pero do que aínda non vos podemos contar nada... 

Pola tarde, e dentro do curso "A literatura infantil e xuvenil na Biblioteca Escolar" organizado polo CFR de Ferrol e que se está a desenvolver en distintas bibliotecas escolares de Ferrolterra, tal e como se fixo o curso pasado, Juan Mata nos falou de "A animación á lectura". O ambiente da lectura, a creación do lector e o gusto pola lectura. Falamos de álbumes ilustrados, de poesía, cine... e fixemos un itinerario lector partindo de "La historia de Erika" de Ruth Vander Zee, ata chegar a "Si esto es un hombre" de Primo Levi. Toda unha lección de bo facer. 


Como Juan Mata escribiu na dedicatoria do noso exemplar do seu marabilloso e moi recomendabel "Como mirar a la luna" 

"Un día feliz en el que hemos hablado de libros, jóvenes, literatura infantil, emociones..."

Dende O Segrel, o noso agradecemento a Juan e a Andrea por compartir con nós un día inesquecible cheo de libros e lectura.

venres, 31 de xaneiro de 2014

Celebración do Día da Paz e da Ilustración

Así transcurriu a mañá do xoves. Esta foi a nosa particular celebración do Día da Paz e do Día da Ilustración.

Non esquezades que ambas as dúas presentacións fotográficas levan os seus pés de foto...

MÚSICA E POEMAS POLA PAZ



EXPOSICIÓN NOVIDADES NO FONDO DE ILUSTRACIÓN 

mércores, 29 de xaneiro de 2014

30 de Xaneiro, Día da Ilustración

Celébrase este ano, por primeira vez, o Día da Ilustración. A data elixida é o día 30 de xaneiro coincidindo co nacemento de Castelao. O obxectivo é poñer en valor este sector no noso país.

Velaí tedes unha pequena mostra do que se está a facer dentro e fóra do pais... Clicade na imaxe!

http://www.pinterest.com/lolylago/illustrators-illustrations/

"Non están todos os que son, pero son todos os que están

Non deixedes de facer un pequeno percorrido polo listado de ilustradores da AGPI 

 Cartel obra de Miguelanxo Prado
 

domingo, 26 de xaneiro de 2014

Escolma Poética Pola Paz

Ás de Paz

Con motivo da celebración do Día da Paz, o vindeiro xoves 30 de xaneiro, dende O Segrel queremos levar a cabo a actividade "Ás de Paz" na que esperamos que se impliquen os membros da nosa comunidade educativa.

A idea, que nos achegou o noso admirado Antón Cortizas, consiste en fabricar avións con papel de cores e nas súas ás escribir a estrofa dun poema pola Paz. Deixaremolos nunha caixa que para tal efecto colocaremos na Biblioteca e, o Día da Paz, cada un dos participantes na celebración "Música e Poemas pola Paz" terá como agasallo un deses avións de papel. 

A música correrá cargo de Sergio Malvar, alumno de 4º de ESO, que nos acompañará co violín.

Esperámosvos na Biblioteca ás 10.05 e ás 12.05

Estades todos invitados.

E se queredes adentravos no mundo do "Origami" podedes descargar gratis "Papel, Piel y Palabra" Plegados de Daniel Naranjo 

venres, 20 de decembro de 2013

Felices Festas

Vía 

"- Yo sé que Santa Claus no existe.
 - Con todo, tienes que hacer que tu hija crea que esas cosas son reales.
- ¿Por qué, si no creo en ellas?
- Porque -explicó Mary Rommely con sencillez- la niña tiene que poseer algo muy valioso que se llama imaginación"
Betty Smith
"Un árbol crece en Brooklyn"

martes, 17 de decembro de 2013

Despedindo o Ano cos Clubs de Lectura

Hoxe despedimos o ano os Clubs de lectura da rapazada de 3º e 4º e o de pais e nais, a semana pasada fixémolo co de 1º e 2º de ESO. 

No de rapaces, dando boa conta dunhas exquisitas pastas da Pastelaría Martínez de Fene, son a nosa perdición..., comentamos "El fantasma anidó bajo el alero" de Emilio Pascual. Falamos do poema Ítaca de Cavafis e, como non, da Odisea, e ao fío saiu o tema das lecturas obrigatorias, dos itinerarios lectores pechados e a rapazada expresou, e de que xeito..., a súa opinión.
Formando cidadáns críticos, non si?

E trala rapazada chegaron os pais e as nais. Hoxe tocaba un dos clásicos da literatura inglesa "Cumbres borrascosas" e que mellor que comezar visionando a adaptación dun dos grandes directores de todos os tempos, William Wyler, protagonizada por Sir Laurence Olivier. Extraordinaria! Unha ocasión perfecta para celebrar a despedida do ano e o santo de Yolanda, polo que non faltaron o café e os doces variados. Que nunca nos poñemos dacordo e logo pasa o que pasa... Tarta de queixo, pastas, bombóns, cocadas, bizcoito, galletas, en fin, que non faltou de nada para endulzar a tarde.

A próxima xuntanza será o martes 14 de xaneiro. Nesa ocasión darémoslle a benvida ao 2014 co club da rapazada máis nova e os pais e nais. Co grupo dos máis novos (1º e 2º ESO), comentaremos "A miña planta de laranxa lima" de José Mauro de Vasconcelos e co de pais e nais analizaremos dúas grandes obras da literatura universal "Cumbres borrascosas" (1847) e "Os Pazos de Ulloa" (1886) escritas ambas por mulleres, Emily Bronte e Emilia Pardo Bazán . 

Bo comezo de ano, non vos parece?


Velaí tedes o grupo de 3º e 4º a falta de Noelia, Sergio, Patricia e Andrea.

Vémonos no 2014!!

Saúde e libros !!
Related Posts with Thumbnails