O luns, 10 de febreiro, foi un día perfecto no Segrel. Disfrutamos dun extraordinario encontro con Juan Mata mañá e tarde.
Pola mañá, a rapazada de 3º e 4º ESO comprobou dun xeito fascinante "O valor das palabras". Juan comezou léndolles o poema "Palabras" de Gianni Rodari e a partir de aí achegounos á poesía de José Carlos Rosales, Isabel Escudero, Catulo... Descubriron e se emocionaron coa historia de Juul, de Gregie de Maeyer, compartiron aquelas lecturas que os marcaron, algunhas experiencias lectoras que os emocionaron e moito, moito máis. Porque é imposible explicar tantas emocións, sentimentos e sensacións que xurdiron nese par de horas que compartiron con Juan e Andrea, a súa dona. Un encontro do que parece que agromou o xermen dun posible proxecto moi fermoso, pero do que aínda non vos podemos contar nada...
Pola tarde, e dentro do curso "A literatura infantil e xuvenil na Biblioteca Escolar" organizado polo CFR de Ferrol e que se está a desenvolver en distintas bibliotecas escolares de Ferrolterra, tal e como se fixo o curso pasado, Juan Mata nos falou de "A animación á lectura". O ambiente da lectura, a creación do lector e o gusto pola lectura. Falamos de álbumes ilustrados, de poesía, cine... e fixemos un itinerario lector partindo de "La historia de Erika" de Ruth Vander Zee, ata chegar a "Si esto es un hombre" de Primo Levi. Toda unha lección de bo facer.
Como Juan Mata escribiu na dedicatoria do noso exemplar do seu marabilloso e moi recomendabel "Como mirar a la luna"
"Un día feliz en el que hemos hablado de libros, jóvenes, literatura infantil, emociones..."
Dende O Segrel, o noso agradecemento a Juan e a Andrea por compartir con nós un día inesquecible cheo de libros e lectura.
Ningún comentario:
Publicar un comentario