Hoxe despedimos o ano os Clubs de lectura da rapazada de 3º e 4º e o de pais e nais, a semana pasada fixémolo co de 1º e 2º de ESO.
No de rapaces, dando boa conta dunhas exquisitas pastas da Pastelaría Martínez de Fene, son a nosa perdición..., comentamos "El fantasma anidó bajo el alero" de Emilio Pascual. Falamos do poema Ítaca de Cavafis e, como non, da Odisea, e ao fío saiu o tema das lecturas obrigatorias, dos itinerarios lectores pechados e a rapazada expresou, e de que xeito..., a súa opinión.
Formando cidadáns críticos, non si?
E trala rapazada chegaron os pais e as nais. Hoxe tocaba un dos clásicos da literatura inglesa "Cumbres borrascosas" e que mellor que comezar visionando a adaptación dun dos grandes directores de todos os tempos, William Wyler, protagonizada por Sir Laurence Olivier. Extraordinaria! Unha ocasión perfecta para celebrar a despedida do ano e o santo de Yolanda, polo que non faltaron o café e os doces variados. Que nunca nos poñemos dacordo e logo pasa o que pasa... Tarta de queixo, pastas, bombóns, cocadas, bizcoito, galletas, en fin, que non faltou de nada para endulzar a tarde.
A próxima xuntanza será o martes 14 de xaneiro. Nesa ocasión darémoslle a benvida ao 2014 co club da rapazada máis nova e os pais e nais. Co grupo dos máis novos (1º e 2º ESO), comentaremos "A miña planta de laranxa lima" de José Mauro de Vasconcelos e co de pais e nais analizaremos dúas grandes obras da literatura universal "Cumbres borrascosas" (1847) e "Os Pazos de Ulloa" (1886) escritas ambas por mulleres, Emily Bronte e Emilia Pardo Bazán .
Bo comezo de ano, non vos parece?
Velaí tedes o grupo de 3º e 4º a falta de Noelia, Sergio, Patricia e Andrea.
Vémonos no 2014!!
Saúde e libros !!
Ningún comentario:
Publicar un comentario