Dende as catro e media da tarde ata as oito da noite (que rápido pasou o tempo!) sairon regueifas que falaban de profes, rapaces, de Fene, a favor e en contra do botellón e ata nos presentamos regueifando.
Cantas risas, canta diversión e canto nos aprenderon. Faláronnos do pasado o presente e o futuro da Regueifa, da súa estrutura, dos distintos tipos de Regueifa... Saímos con moitísimas ideas... concursos, unidades didácticas e volvemos á casa sen deixar de regueifar.
E para que vexades que vimos coa lección moi ben aprendida, aquí vos deixo unha Regueifa que fala, como non, da nosa teima "AS BIBLIOTECAS ESCOLARES" e que espero vos inspire e vos anime a continuala, sería todo un detalle pola vosa parte...
Ánimo compas, que estamos na Semana da Literatura de Tradición Oral!!!
O Benito e o Josiño
se lles faia a inspiración
falarán de bibliotecas
ai teñen un bo filón.
Regueifando as bibliotecas
lembrarán as direccións
non esqueceran aos claustros
veredes canta tensión.
Esta tensión da que falo
a causa a administración
o traballo que facemos
non nos recoñecen non.
Antes dicían "coordina"
seique agora "dinamiza"
se aparecemos no ROC
será pa axudar na misa.
E aquí deixo esta Regueifa
non a quero rematar
os compas das outras "Bibes"
teranna que continuar...
Pero como podedes imaxinar, aquí non remata esta fantástica xornada...
O vindeiro venres, Benito Lobariñas e Josiño da Teixeira en Radio Barullo!!!
E ademáis... Programa de Actividades sobre a Literatura de Tradición Oral
Martes 11 de novembro: Regueifando con "O Xordo e O Caco"
Martes 02 de decembro: Tradición oral con "Antón Castro"
Martes 09 de decembro: Lendas con "Antonio Reigosa"
Non vos parece un programa fantástico para reivindicar a forza da oralidade?

















