mércores, 24 de febreiro de 2016

Día de Rosalía de Castro

Hoxe conmemórase o Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro, data do seu nacemento. Dende a AELG proponse encher as redes sociais cos seus poemas, a súa voz, sempre viva. 

Dende os centros de secundaria enviaremos o hastag #mobilizarosalia co verso "Trocando en sonrisas Queixiñas e choros" e unha imaxe de Rosalía. Dende O Segrel, animámosvos a secundar esta fermosa iniciativa.



Imaxe vía IES A Guía

#mobilizarosalia nas Redes Sociais




xoves, 18 de febreiro de 2016

Febreiro, Un Mes Moi Amoroso

A través da Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia tivemos a posibilidade de gozar dunha extraordinaria exposición que baixo o título “Cartas de Amor: 15 artistas contra a violencia de xénero” achegounos unha fantástica mostra do cómic galego sobra a violencia de xénero con debuxos de autores como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, José Luis Méndez, Jack Mircala, Javier Olivares, David Pintor, Pirusca, Primitiva, Sonia Pulido, Paco Roca, Sergi San Julián, Eva Vázquez, Óscar Villán e Anxos Sumai. Un exposición cuxo obxectivo principal era o de sensibilizar á rapazada, facelos reflexionar sobre a existencia de violencia nos seus modos de relacionarse, axudarlle a detectala e,  así mesmo, a erradicala.


sábado, 30 de xaneiro de 2016

Dia da Ilustración

Hoxe, e por terceiro ano consecutivo, celébrase en Galicia o Día da Ilustración. A data foi elixida por coincidir co aniversario do nacemento de Castelao unha das máis grandes figuras da nosa cultura. 

Para conmemorar esta data, no Segrel organizamos unha fantástica exposición de caricaturas "Pola Cara", préstamo do Museo do Humor de Fene. A mostra está formada por 33 caricaturas realizadas por importantes debuxantes e caricaturistas galegos (Leandro Barea Pernas, Abraham Carreiro, Gogue, David Pintor, Carlos Sardiña, Sex e Gonzalo Vilas), españois (Ché, Álex Gallego, Raúl Iglesias, Pareja, María Picassó, Moi, Polar, Mónica Ruiz...) e internacionais (Husein Adel, Yuosof Alimohadami, Ulises Araujo, Sebastián Fábrega, Adnane Jabir, Jiwenk, Davir Lara, Raquel Orzuj, Marlene Polhe, Polo, Xavi...). 

Esta exposición acompañámola cunha pequena selección da obra de Castelao así como algúns dos álbumes e poemas ilustrados que forman parte dos nosos fondos.


martes, 22 de decembro de 2015

Felices Festas!!


xoves, 17 de decembro de 2015

Visita á Casa da Cultura

Museo do Humor e BPMHoxe, como ven sendo habitual cada primeiro trimestre, e dentro das actividades organizadas dende a nosa Biblioteca Escolar, o grupo de 1º ESO visitou a Casa da Cultura de Fene.

Recibíronnos Almudena, coordinadora do Museo do Humor, e Silvia a bibliotecaria municipal.

Comezamos coa visita á Biblioteca Municipal, onde Silvia nos falou da súa organización e das actividades que nela se desenvolven. A continuación agasallounos cun pequeno obradoiro de debuxo que nos permitiu descubrir algúns artistas entre a nosa rapazada.

Trala visita á biblioteca, Almudena fíxonos un fantástico percorrido pola Exposición "Francisco Ibáñez, el Mago del Humor" achegándonos á figura de Ibáñez o as súas personaxes. Visita que complementamos cunha proxección de debuxos de Mortadelo e Filemón.

Velaí tedes unha pequena mostra de como transcurriu esta mañá chea de humor...

* Clicar na imaxe para ir ao álbum



venres, 27 de novembro de 2015

Neira Vilas In Memoriam

"Galicia é a nai e é a patria. O meu principio e o meu fin. A miña razón de vivir. A nosa lingua é o meu orgullo"

"Temos o deber moral e o deber patriótico de enriquecer o noso patrimonio histórico e cultural. O que herdamos dos nosos antepasados e o que sexamos capaces de crear co aporte de todos. Galicia espera iso de nós. O pobo que non ten unha cultura de seu acaba sendo parásito de culturas alleas"

"Temos o dereito e o deber de ser rebeldes"

Un pregoeiro de honra
A noticia na prensa
Sermos Galiza
Praza Pública
La Voz de Galicia
La Opinión
Faro de Vigo
El Correo Gallego
El Progreso
20 Minutos
El diario.es
La Verdad
El Pais
El Mundo
ABC
Europa Press


mércores, 25 de novembro de 2015

venres, 6 de novembro de 2015

Novembro, Mes da Ciencia

Celebrando o mes da Ciencia nas Bibliotecas Escolares cunha pequena exposición de parte dos fondos da nosa biblioteca. 

Un xeito de amosar aos membros da nosa comunidade eses fondos de narrativa, cine, álbum ilustrado, cómic e, por suposto, parte do fondo informativo que non queremos que se quede esquecido nos andeis...

O científico Jorge Mira é o autor do Manifesto con motivo desta celebración.


mércores, 28 de outubro de 2015

Samaín no Segrel

Samaín
Xa estamos de volta e pensamos que non hai mellor xeito que celebrando o Samaín.

O Segrel "vestiuse" para a ocasión. Sairon dos andeis algúns dos nosos fondos de lendas, historias de medo, terror... e como non, fantásticas cabazas recén chegadas dende Lugo, que o noso compañeiro Xoán se encargou de decorar e, dende o laboratorio de ciencias, chegaron un esqueleto e algunha caveira terrorífica... Vamos, que non nos falta nada como poderán comprobar os nosos visitantes.

Feliz Samaín!!!


martes, 19 de maio de 2015

Roteiro Pérez Parallé (O Segrel do Penedo)

Dende hai xa varios cursos, un dos nosos obxectivos é achegar a figura de Xosémaría Pérez Parallé (O Segrel do Penedo) ao alumnado que se incorpora ao noso centro en 1ºESO. Para tal fin,  en colaboración co departamento de galego, organízase un roteiro pola zona nos primeiros meses do curso, pero nesta ocasión, o inverno mantívonos pechados no centro ata o 19 de maio, no que amenceu un fermosísimo día primaveral que nos levou a percorrer os lugares nos que O Segrel pasou a meirande parte da súa vida.



A primeira parada foi na Casa da Sociedade, "Casa de oficios varios e peóns de Barallobre", a segunda, no Casal de Sandulfe, lugar onde se atopa a casa da familia Pérez Porto. No xardín da casa, diante das esculturas homenaxe aos clásicos: Rosalía, Curros e Pondal, léronse poemas como "Microbiografía" de Parallé, "Cartafol da saudade", "Cantigas dun serán avesío" e "Non falarei, non", entre outros. Logo visitamos o pequeno museo etnográfico onde se conserva a campá da igrexa do Bon Xesús do Pazo de Barallobre, one hoxe está o noso instituto. Rematamos o percorrido na antiga "Casa de curtidos" propiedade da familia da muller de Parallé.

Antes de rematar, Sabela e Lorena, alumnas de 1ºESO, fixéronlle unha entrevista a Francisco Pérez Porto, recoñecido ceramista e fillo do Segrel, a quen lle queremos agradecer o seu labor de cicerón neste marabilloso roteiro que nos levou aos lugares onde O Segrel pasou a meirande parte da súa vida.

Álbum de fotos

sábado, 25 de abril de 2015

Día do Libro

O pasado xoves, 23 de Abril, celebramos o Día do Libro. Foi unha xornada ben completa, pero as celebracións comezaron uns días antes, cando organizamos as exposicións para conmemorar tal día.

Comezamos o luns nalgunhas das aulas da ESO. Primeiro pensamos naquel libro que, por calquera que fora o motivo, deixara pegada en nós. Logo decoramos con eles as pegadas que recortaramos en cartolinas e ó día seguinte utilizámolas para decorar a zona de exposicións. Posteriormente montamos unha exposición con aqueles libros informativos ben fermosos dos nosos fondos e que aínda había quen non os coñecía... mágoa. Erro solucionado!!


O xoves, Día do Libro, algúns grupos da ESO baixaron á biblioteca para compartir os seus libros favoritos co resto do seu grupo. Eses favoritos cos que elaboramos un fantástico libro que deixamos no atril á porta da biblioteca. Foi unha xornada ben fermosa que seguro repetiremos. De cantos libros  marabillosos falamos, cantos lembramos... unha verdadeira celebración do libro e a lectura!!

Álbum de fotos


luns, 20 de abril de 2015

xoves, 16 de abril de 2015

Francisco Rodríguez e Rosalía de Castro

O pasado martes 14 de Abril, e dentro das actividades desenvolvidas nos Clubs de Lectura do Segrel, o club de lectura de pais e nais celebrou un extraordinario encontro con Francisco Rodríguez o recoñecido escritor, mestre e político, arredor da figura de Rosalía de Castro.

Este encontro xurdiu trala lectura de "A memoria da choiva" de Pedro Feijoo. Na xuntanza do club, algúns dos seus membros preguntábanse canto de certo habería da vida de Rosalía no argumento desta fantástica obra así que decidimos que ninguén mellor, para aclararnos todas as nosas dúbidas, que Francisco Rodríguez, estudoso da súa obra e autor, entre outras, de "Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria".

Francisco Rodríguez clarificounos moitos aspectos da vida e da obra de Rosalía. botando fóra tópicos e prexuizos e amosándonos o seu carácter de muller culta, descendente dunha familia fidalga do rural, sen ningún tipo de trauma por ser filla de solteira e de crego, familia que tivo especial cuidado na súa formación. Rosalía estudou francés, música, literatura europea..., e tiña aspiracións para ser independente. Unha imaxe ben diferente da que se proxectou dende as institucións.

Francisco deixou ben claro que so hai que lela para coñecela porque na obra de Rosalía está "todo"...
  • "En las orillas del Sar": A Rosalía derrotada, a súa visión de Santiago.
  • "Jamás lo olvidaré": Conflitos entre a burguesía e o arzobispado de Santiago.
  • "Follas Novas" - "Nin ás escuras", "O encanto da pedra chan": Afectividade sexual, identidade de xénero, travestismo, homosexualidade...
  • "Eva": Un poema feminista.

Francisco leunos poemas e algunha das cartas nas que Souto Freire ou Pondal, entre outros, confesan a súa fonda amizade con Rosalía. 

E máis, moito máis, todo o que dou unha interesantísima e esclarecedora charla que durou máis de catro horas e que, de non ser que deron as nove da noite, aínda estaríamos de conversa... polo que non descartamos unha nova xuntanza.



mércores, 25 de marzo de 2015

Celebración do Día da Poesía

Hoxe, O Segrel encheuse de poesía, "Poesía por un tubo" que diría o noso admirado Carlos Negro, ou "Poemas susurrados" como nos propuxo hai uns días Gracia Iglesias no seu fantástico obradoiro "Si la vida te da limones... ¡haz poesía!".

Gústanos a poesía, así que para nós, calquera día e bo para celebrala, polo que non houbo problema para que o fixéramos o día 25 de marzo, cando o seu día foi o pasado sábado 21. 

A nai da Carla agasallounos cunha enorme caixa chea de tubos pequenos, que a rapazada se encargou de decorar, tamén prepararon os seus carteis de "Susurrador/a de poemas" e xa so quedaba elixir ese poema especial que logo "susurrarían" aos elexidos entre todos os membros da nosa comunidade, aínda que, por iso da vergoña, que a certas idades é moita..., todos os seus elixidos non foron outros que os seus compañeiros e amigos.

A verdade é que o pasamos ben facendo os preparativos, e tamén "susurrando poemas". Foi un xeito diferente de celebrar un día ben especial para todos nós.


mércores, 11 de marzo de 2015

Encontro Poético con Gracia Iglesias

O pasado martes, o Segrel encheuse de poesía e creatividade. A artífice desa tarde máxica foi Gracia Iglesias a quen descubrimos a través dos seus marabillosos "Gritos Verticales" que vos recomendamos. Unha xoia!


La tarde rompe en gritos verticales
y sobre sus espaldas
el aliento del mundo pesa herido de noche.
No es más que un espejismo este silencio


No encontro coa rapazada de 4ºESO, Gracia agasallounos cun fermosísimo recital de "Versos Diversos". Comezou con "Aunque cubras mi cuerpo de cerezas", e falounos do "Pudor", da "Tristeza", de "Un beso" e dun "Valiente" con "Distintos métodos para hacer elfantes"  achegounos a "El refugio" e amosounos "Los tacones de Ruth"  e con "Gritos verticales" falounos de "Un pájaro y su sombra".

Xa nos tiña totalmente engaiolados e, a partir de aí, unha performance "La cruda realidad" e as súas moi persoais formas de converter un limón nun poema. Os marabillosos poemas visuais de Chema Madoz,  máxicos "Corazóns lateversos", "Poemas sorpresa", "Poemas susurrados" e moito, moito máis. 

Logo chegou o tempo do profesorado. Gracia amosounos mil e un recursos para achegar a poesía á rapazada, Falounos de "Romper Haikus", de "Poemas susurradores", de mesturar poesía e música con "O cadaver exquisito", de como "facer voar as palabras"... de moitos e moi variados xeitos de construir o relato poético.

Foi esta unha fantástica experiencia que aínda ben non rematou, xa estabamos pensando nun próximo encontro con esta extraordinaria muller. Graciñas Gracia pola paixón que pos no que fas, polo teu amor pola poesía, e a forza coa que o transmites. 

Esperamos repetir este Encontro!!


domingo, 8 de marzo de 2015

Día da Muller


Este ano, como xa ven sendo habitual, o alumnado de 1º e 2ºESO participou na iniciativa organizada pola Concellería de Igualdade "Fene lendo mulleres" adicado este ano ás veciñas que contribuíron a escribir a historia de Fene. A lectura levouse a cabo o venres 6 ás 10.30.


No instituto organizouse unha exposición na que pretendíamos amosar o papel da muller na ciencia ao longo da histoira "A Muller na Ciencia", "Mulleres galegas" do mundo da ciencia e a cultura, e unha pequena "Visión Intercultural da Discriminación de Xénero". 

Esta exposición complétase cunha selección dos fondos da biblioteca de literatura (novela, Banda Deseñada, Álbum ilustrado, poesía...) e cine que trata a temática da muller dende distintas perspectivas.

Álbum Fotográfico

sábado, 28 de febreiro de 2015

Día de Rosalía

O 24 de Febreiro celebramos o Día de Rosalía, pero nesta ocasión a celebración "Lectura de poemas e música" desenvolveuse en dúas xornadas, o martes 24 e o venres 27.

O 24 foi o alumnado de 2º de ESO, o protagonista desta lectura poética, mentres o venres foron o resto dos grupos da ESO. Nesta segunda xornada antes da lectura de poemas, visionouse un vídeo sobre Rosalía coa música de Negra Sombra interpretada por Luz Casal e Carlos Núñez. Un vídeo elaborado polo alumnado de 4ºESO e montaxe de Miriam Martínez e Javier Fernández.



Related Posts with Thumbnails