martes, 21 de maio de 2019

Pecha Kucha "Por un Fene Sostible" II

E chegou o día, hoxe, martes 21 de Maio, ás 9 da mañá, representantes dos distintos partidos políticos do Concello de Fene participaron na Biblioteca do Segrel nunha Pecha Kucha organizada polo alumnado de 3ºESO que está a desenvolver un proxecto sobre sostibilidade “A sustainable Fene” na materia de Inglés. Asistiu tamén o alumnado de 4ºESO da materia de Bioloxía.

Connosco estiveron D. Xoán M. Bastida (Compromiso por Galicia), D. Joám L. Ferreiro (BNG), D. Gumersindo Galego (PP), Dona Mª del Carmen Martínez (EU-IU) e D. Antón Noceda (PSG-PSOE) que expuxeron os seus proxectos sobre sostibilidade para o Concello de Fene. 

O encontro foi presentado e dirixido por dúas alumnas de 3ºESO, Lucía e Adriana quen tras explicar as regras dunha Pecha Kucha fixeron o sorteo das quendas de palabra.

Comezou o representante do PSG-PSOE. Os seus obxectivos; reducir a contaminación, facer un concello sostible, transformación de combustibles fósiles, edificios eficientes e traballar para mudar os nosos hábitos. Facendo fincapé no problema económico destas iniciativas.

A seguinte foi a representante de EU-IU, para quen é fundamental a recuperación dos espazos naturais, a limpeza dos montes, a ampliación de zonas verdes, promover o uso de paneis solares, a reciclaxe e a educación ambiental dende os colexios e o concello.

Para o representante do BNG é fundamental que coñezamos a nosa contorna, falou das tres R's, a necesidade de pasar de fósiles a renovables e buscar o xeito de aforrar o consumo.

En cuarto lugar foi o representante de Compromiso por Galicia quen quixo deixarnos ben claro a diferencia entre sustentabilidade e sostibilidade, falou dos 17 compromisos para un futuro sostible promovidos pola ONU e da necesidade de urbanizar sen prexudicar ás xeracións futuras. 

En último lugar o representante do PP fixo fincapé no feito de que todos, independentemente das cores que cada quen representaba, estaban de acordo na loita por un Fene sostible. Falounos do Pacto dos alcaldes europeos por unha enerxía sostible local, da implantación dos contedores marróns para os restos orgánicos e da depuración das augas.

Logo, abriuse unha moi interesante quenda de preguntas por parte do alumnado que amosou o seu interese por saber os motivos polos que a planta de reciclaxe permanece pechada, a posibilidade de creación dun carril bici, o uso de enerxías renovables, a limpeza do fondo da ría, a creación de zonas verdes, a protección da flora e a fauna autóctonas...

Así transcorreron as case dúas horas que durou esta interesantísima experiencia na que a política entrou no instituto da man dun proxecto da materia de inglés no que o seu principal obxectivo e concienciar ao noso alumnado da importancia do noso papel na loita por un futuro mellor.


https://photos.app.goo.gl/Vn4iLT6xooHfwmsU6
Clicar na imaxe para ir ao Álbum

Ningún comentario:

Related Posts with Thumbnails