xoves, 16 de xaneiro de 2020

Charla de divulgación científica

Este mércores, 15 de xaneiro, tivemos a oportunidade de asistir a unha charla de divulgación da ciencia, unha iniciativa que nos últimos anos partiu do concello de Narón e este ano organizou o IES de Fene coa colaboración dos IES Telleiras e Terra de Trasancos e a participación de varios centros da comarca.
Esta charla, dirixida a rapaces de 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato enmárcase dentro das actividades para a conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, pero por motivos de axenda e avaliacións foi preciso adiantala a este mes de xaneiro.
En Galicia temos científicas e investigadoras moi relevantes por iso este ano invitamos a Dna Elena Vázquez Cendón, Decana da Facultade de Matemáticas da USC. O título da charla foi "A auga, o sangue e o tráfico movéndose coas matemáticas da mesma familia". 
Dous alumnos do noso centro, Gabriela Rey, de 1º de bacharelato, e Carlos Ardá, de 2º, foron os encargados de facer a presentación da ponente e a introducción da charla.
O obxectivo da charla era facer un percorrido pola historia da Matemática Industrial, compartindo referentes galegos e internacionais que teñen feito valiosas aportacións neste ámbito das Matemáticas.
Así comenzou falando de Domingo Fontán quen, despois de 17 anos de traballo percorrendo a nosa comunidade e tomando medicións, conseguiu presentar a Carta Xeométrica de Galicia, a mediados do século XIX, primeiro mapa realizado en España con métodos científicos.
Tamén vimos o que son as Matemáticas preventivas que axudan a mellorar a calidade das nosas rías mediante o estudo do emprazamento de dispositivos de tratamento e emisións de residuos. Ou como contribúen á conservación da fauna dos nosos ríos, facilitando que as especies podan salvar presas mediante escalas.
Ademais os métodos numéricos matemáticos permiten permiten realizar simulacións do comportamento do sangue nos vasos sanguíneos e o deseño de válvulas cardíacas.
Cando a ponente remotou a súa exposición abriuse un turno de preguntas para que os preto de 600 rapaces alí reunidos poideran amosar as súas inquedanzas. Varios preguntaron pola dificultade dos estudos ou polas saídas laborais posteriores. Como conclusión poderiamos decir que se a un lle gusta o que fai e lle pon pasión será quen de conseguir o que se propoña e que as posibilidades profesionais son moi amplas como puidemos observar.


Ningún comentario:

Related Posts with Thumbnails