xoves, 29 de outubro de 2009

Presentación de "Sol de Inverno"

Onte, BlogFesquío e O Segrel, xunto cun bo número de lectores e lectoras, asistimos á presentación de Sol de inverno de Rosa Aneiros na Galería Sargadelos de Ferrol. Unha presentación na que a autora estaba acompañada por Manuel Bragado, director de xerais, que falou de Rosa Aneiros como "unha escritora excelente" e de Sol de Inverno como "a mellor obra de todos os premios xerais". Con eles, unha das cinco persoas escolleitas pola editorial entre lectores e lectoras para formar o xurado do premio e a quen a autora lle pediu que fixera a presentación.

Unha presentación na que, baixo a forma dunha entrevista, Rosa falou das personaxes da súa novela, das que confesou que "todas teñen algo do que aprendín", de Ludivina dixo ser "pola que sentía debilidade", de Inverno "a quen nunca deixei ser feliz porque non me cadraba" , falounos da súa permanente construción da derrotada, da súa historia de perdas e prequenas vitorias que se nega a ver. Falou tamén da recreación do espazo, da importancia da memoria e da identidade, de xogos, trampas... "Toda realidade é un xogo, un xogo de palabras que acaba cadrando", para rematar afirmando que para ela "a literatura é xogar coas túas propias espectativas, pero sobre todo coas dos lectores"

Ao remate, e cando nos acercamos para que nos asinara o noso exemplar de Sol de inverno, non puidemos deixar de confesarlle que disfrutabamos coa lectura dos seus libros, pero que nos encantaba escoitala dende aquela primeira ocasión nas pasadas Xornadas de Clubs de Lectura.

E como non podía ser menos, xa organizamos un encontro cos membros dos clubs de lectura do Fernando Esquío e do Segrel con esta fantástica escritora de Ferrolterra para a vindeira primaveira na Casa da Cultura de Neda.


martes, 27 de outubro de 2009

O Club de Lectura do Segrel no Tibet

O pasado luns celebramos a segunda reunión do club de lectura de rapaces e rapazas de ESO, e aínda que con algunha ausencia por mor dun autobús que non pasou pola parada... a xornada dou ben de si.

Hai quince días, na primeira xornada do club, decidimos que o primeiro libro que leríamos este curso sería "Un loto na neve" de Gonzalo Moure un fermosísimo libro que nos levou ata o Tibet!

Se ben esa viaxe non a realizamos físicamente, o noso espíritu sobrevoou o Monte Everest e soubemos do chamado mal de altura, visitamos Lhasa, subimos ao Potala, escoitamos as fermosas cancións dos traballadores e traballadoras durante a súa longa xornada laboral. Coñecemos aos monxes do Mosteiro de Drepung, vimos rezar aos fieis ante o Templo de Jokhang e contemplamos os seus cilindros de oración, algúns deles tan grandes que hai que rodealos. Os hai feitos dos máis diversos materiais e nós temos un de oso de yak, un animal moi apreciado neste país.

Coñecemos algunhas das tradicións do pobo tibetán, comprobamos que fan a sega como na Galiza de non hai tantos anos, vimos mulleres fiando, entramos na imprenta dun mosteiro, admiramos os seus libros de oracións e falamos de Mantras, Thangkas, Mandalas...

E que dicir da súa música! Aprendemos a tocar un cuenco tibetán e escoitamos unha marabillosa canción típica cantada por un rapaz cunha fermosísima voz.

E xa para rematar aprendemos a poñernos un sari, o noso non é vermello porque eses son para as mulleres casadas e nós aínda somo moi novos... Non diredes que mentimos cando vos dixemos que a tarde dera ben de si, no? Pois isto aínda non rematou, na próxima xuntanza seguiremos falando do Tibet, un pobo marabilloso que nos ten roubado o corazón.

domingo, 25 de outubro de 2009

Xornadas de Bibliotecas Escolares 09

Este fin de semana celebráronse en Santiago de Compostela as Xornadas de Bibliotecas Escolares baixo o lema "Novas lecturas, novos lectores" inauguradas polo Conselleiro de Educación que estivo acompañado polo Director Xeral de Educación e o Director Xeral de Centros.

Unha cita obligada, dende hai xa tres anos, para centos de docentes de toda Galicia -este ano 1.200- aos que nos une un mesmo obxectivo común, poñer en valor as nosas bibliotecas escolares e convertilas nun recurso educativo imprescindible na nosa labor docente.

A organización inmellorable e o programa magnífico:
O venres a conferencia inaugural correu a cargo de Daniel Cassany "Como axudar a aprender a ler aos nativos dixitais" a quen seguiu Luis Iza Dorronsoro que nos falou do "Plan lector de centro".

O sábado comezamos con quen para moitos de nós foi o gran descubrimento destas xornadas, Guadalupe Jover, profesora de lingua e literatura castelá do IES Infanta Elena de Galapagar (Madrid) que tratou o tema "Escola e literatura: A educación do Imaxinario".

Guadalupe comezou a súa conferencia facéndonos unha confesión "las comunidades en las que no se ha apostado por las bibliotecas escolares como en Galicia os miramos con envidia y profunda esperanza" e a partir desa declaración de principios falounos do sentido da lectura, de educación literaria, do lugar que ocupa a literatura na escola do século XXI, de libros que forman lectores e recomendounos tres que dixo non deberíamos deixar de ler:
Michèlle Petit: "El arte de la lectura en tiempos de crisis"
Aidan Chambers: "El ambiente de la lectura"
Tzvetan Todorov: "La literatura en peligro"
Aos que nós engadimos o libro de Guadalupe "Un mundo por leer".

Tras a pausa do café chegou a mesa de experiencias onde varias compañeiras doutros centros falaron do seu Plan Lector de Centro, da súa experiencia cos Clubs de lectura -Fantástica a experiencia do Club de lectura de primaria presentada por Cova do CEIP Brea Segade de Taragoña - e a posta en práctica da chamada "Hora de Ler" - Interesantísima a experiencia do IES Río Miño de Rábade

E despois do xantar tivemos entre nós a Tiscar Lara, un placer poder ver en directo a quen hai tanto que seguimos na rede. O título da súa conferencia "Alfabetizar na cultura dixital".

O remate das xornadas correu a cargo de Glória Durban coa conferencia "A biblioteca escolar, un recurso educativo útil: o desenvolvemento de entornos presencias de aprendizaxe e lectura". A súa páxina "La dinamización de la Biblioteca Escolar" é ben coñecida e utilizada polos docentes que están ao fronte das nosas bibliotecas escolares.

Pero non hai xornadas que non rematen cunha gran sorpresa, e nesta ocasión chegou da man do actor, autor e director galego Carlos Blanco que nos ofreceu un magnífico fin de festa. (Xa en Radio Barullo a través do Canal YouTube de O Segrel)

Parabéns a Cristina Novoa e Pilar Sampedro que ano tras ano fan gala do seu bo facer.


Todos os materiais das Xornadas están dispoñibles na plataforma Moodle da Rede de Bibliotecas Escolares.

Pero para moitos de nós, estas Xornadas tiveron un agasallo especial, polo inesperado. Entre os asistentes atopámonos con Rosa Piquín, pioneira no Traballo por Proxectos gran amiga das Bibes Galegas a quen seguimos e admiramos.

sábado, 24 de outubro de 2009

Día da Biblioteca Escolar



Hoxe, 24 de outubro celebramos o Día da Biblioteca Escolar dun xeito ben festivo. Estivemos nas Xornadas de Bibliotecas Escolares que durante estes dous últimos días celebráronse en Santiago de Compostela baixo o lema "Novas Lecturas, Novos Lectores". Mañá teredes a crónica en O Segrel.

Este ano, o cartel que conmemora esta data foi deseñado por Miguelanxo Prado (A Coruña 1958) un dos nosos autores de BD máis recoñecido a nivel internacional.

xoves, 22 de outubro de 2009

Fetiche

Entre a sorpresa e a nostalxia, Josefita Barallobre atopou a historia dun namorado que gardaba obxectos da súa amada. Recordáballe a aquel noivo habanero que lle cantaba...

luns, 19 de outubro de 2009

Creando Historias con Anxo Fariña

O pasado venres tivemos o pracer de asistir ao encontro do alumnado de 1º e 2º de ESO con Anxo Fariña coñecido e recoñecido ilustrador, escritor -e non sei cantas cousas máis- galego. Un verdadeiro artista que engaiolou a mozos e non tan mozos.

Comentounos que lle gusta contar historias de todo tipo, para lectores de todas as idades. Que experimenta con cores, estilos, técnicas e que traballa tanto con sistemas tradicionais como con sistemas dixitais. E logo de darnos unhas cantas pistas fomos quen de crear as nosas propias historias, microrrelatos que nun momento provocaron algunhas risas.

Contounos como xurdiron as historias dos Megatoxos. Historias ambientadas na Idade Media, porque segundo nos confesou gústalle a historia e tamén debuxar espadas, e falounos dos Templarios, de Mosteiros, das marcas de canteiro, de gárgolas -un personaxe que non tiña pensado que aparecera no libro pero que xurde despois de tanto visitar estes lugares- e dos personaxes, aos que lles presta especial atención porque para el son o elemento principal da historia. Ensinounos o seu "Moleskine" e puidemos ver bocetos dalgúns deles. Para crealos inspírase na moda, na xente, leva a realidade ao papel. Para el, "un libro é algo vivo que evoluciona segundo o vas escribindo"

Antes de rematar quixo deixar ben claro a importancia do esforzo "ás veces, para facer o que nos gusta temos que facer algo que non nos gusta", "para facer unha cousa ben temos que practicar. Non nos vai sair á primeira"

Adiantounos que está a piques de sair publicado o terceiro libro dos Megatoxos que está ambientado na época da Revolución Industrial e comeza nunha viaxe, unha das súas paixóns "Para min viaxar é unha forma de liberar a mente"

Ante a pregunta dun rapaz que quería saber se lle gustaría facer unha peli dos Megatoxos a Anxo abríronselle os ollos dúas cuartas e soltou un "home claro!" cheo de ledicia, e cando lembra a idea dun amigo de facer un videoxogo non pode reprimir un eufórico "vamos, eu toleaba cun videoxogo, con esas cousas se tolea!"

E falando de cine pedímoslle que nos recomendara algunha película e dounos tres títulos ben diferentes das últimas que tiña visto:

UP: "Unha película de animación -porque me ven do gremio- Pero é unha película estupenda que ten moitas lecturas e moitas dobles lecturas"

Distrito nueve: "Porque aínda que teóricamente é unha película de extraterrestres, en realidade non trata diso. Trata da marxinación, de como somos os seres humanos. Unha película que tamén ten varias lecturas".

Ágora
: "Película histórica do cine español que conta a historia de Hipatia e trata o tema da astronomía que a min me gusta moito"

E logo destas recomendacións insistiunos en que visitáramos o blog dos Megatoxos onde pronto poderemos descargar un capítulo da terceira entrega, para ir abrindo boca. Animounos a que lle escribíramos asegurándonos que, aínda que polo moito traballo ás veces tarda un pouco, el sempre contesta. Así que a partir de agora seguirémolo na blogosfera.

Grazas Anxo por facer deste encontro unha experiencia moi motivadora e por deixarnos os debuxos de Ruxe que colocaremos nun lugar especial en "O Segrel do Penedo"


Axiña en Radio Barullo dende o Canal You Tube de O Segrel

sábado, 17 de outubro de 2009

Xuntos contra a Pobreza

"Xuntos contra a Pobreza" é o lema deste ano no Día Internacional para a erradicación da Pobreza.

O 17 de outubro foi declarado pola ONU no ano 1993, como o Día Internacional para a erradicación da Pobreza co obxectivo de promover unha maior concienciación sobre as necesidades de acabar c0a pobreza no mundo.

No ano 2000, 189 xefes de estado comprometéronse a cumplir os chamados Obxectivos do Milenio entre os que está o de reducir á metade o número de persoas que pasan fame no mundo. Hoxe, nove anos despois, e a tan só seis de chegar á data límite para acadalos (2015) podemos comprobar que esta promesa, como tantas outras, está ben lonxe de cumplirse.

Pero estes obxectivos non son só unha tarefa dos gobernos, todos e todas nós podemos e debemos traballar para conseguilos. Cada un de nós, dentro das súas posibilidades, debería actuar de xeito responsable, debería velos como parte dos seus "Obxectivos de Vida". Rebélate contra a Pobreza!


Xornalistas e ONGs propoñen Sete Claves para comezar a loitar contra da pobreza.

IntermonOxfam achéganos as súas Propostas de Traballo na Aula




Médicos sin fronteras preséntanos o xogo "Y comieron felices"

Otro Mundo es posible danos a súa "Receta para pasar hambre"


O mundo da cultura, do cine, da música... únese tamén neste mesmo obxectivo común:

XUNTOS CONTRA A POBREZA!!

NÓS SOMOS A PRIMEIRA XERACIÓN QUE
PODEMOS ACABAR COA POBREZA EXTREMA!!

A QUE ESTAMOS A ESPERAR??




Non vos perdades o Making Off de "El grito de mi generación"(vídeo 2), fermosísimo exemplo de traballo en equipo, do positivo de sumar, de aunar esforzos en prol dun obxectivo común.

luns, 5 de outubro de 2009

Vinganza

A principios dos anos 70, James Lovelock, escritor e prestixioso investigador que chegou a traballar para a NASA, fixo pública a hipótese Gaia. É unha visión de como funciona o planeta. Ao parecer, os seres vivos serían capaces de controlar as condicións que permiten a vida. A pesar do interese que suscita esta idea nos ambientes New Age, estamos a falar dun enunciado científico que desde un primeiro momento descarta a posibilidade de que ese control se faga dunha maneira consciente. Estaríamos máis ben a falar dun mecanismo que se autoregula a escala planetaria.

Ata aquí todo ben. Pero unha posible conclusión desta hipótese é que se unha especie é prexudicial para o resto, o planeta podería eliminala. Aí entra o ser humano: de todos é sabido que nos estamos cargando o mundo.

Pois ben, estou en condicións de aportar imaxes que demostran que o resto dos habitantes da Terra veñen a por nós, sen cortarse un pelo nin cos mandatarios internacionais.

A ver como explicades isto:


Que probabilidades hai de que, logo de espantar unha mosca, se che pouse na man e sexas capaz de matala? Que estaba a facer a mosca para non darlle tempo a escapar?

E que me dicides do da semana pasada en Praga, nun ambiente superpulcro e refinado?

E a vós non vos picou ningún bicho este verán?

mércores, 23 de setembro de 2009

O Premio é chegar!

Comezamos o curso cunha charla a cargo de Edgar Vigo e Fátima Ameneiro, antigos alumnos do instituto, e membros do primeiro equipo galego mixto que participou no Mongol Rally Solidario dende o 17 de xullo ata o 24 de agosto, data na que fixeron entrega da axuda á Christina Noble Children's Foundation. Unha experiencia que os levou a cruzar toda Europa e que según as súas propias palabras será imposible de esquecer .

Na súa magnífica e por momentos emocionantísima exposición deixáronnos ben claro que neste rally tan especial, "o premio era chegar" e que tras esta durisima experiencia - física e psicolóxica- non só polos moitos kilómetros que tiveron que percorrer ata acadar a súa meta, "Entregar axuda en Mongolia" senón por todas as persoas que coñeceron e coas que compartiron esta marabillosa vivencia, a súa orden de prioridades mudou completamente.

Durante a súa visita, unha das principais ideas que quixeron transmitirlle ao noso alumnado foi que dende Fene, dende o noso pequeno pobo, podemos facer calquera cousa que queiramos, só temos que propoñérnolo e traballar para acadar a nosa meta, que con esforzo os nosos soños se poden facer realidade.

Moitas grazas Fátima e Edgar, foi un verdadeiro pracer escoitarvos.



Se queredes coñecer todos os detalles desta fantástica viaxe, visitade o seu blog Scratch Galicia.

xoves, 17 de setembro de 2009

Nada novo baixo o sol?

1982

2009

Comezamos.

sábado, 4 de xullo de 2009

Pechamos por Vacacións !!!!

Remata o curso.

Memorias enviadas, seguimento da programación feito, actas asinadas, organizado o calendario dos exames de setembro, avaliacións dos distintos niveis coordinadas... todo o papeleo listo.

Agora chega o momento de botar a vista atrás e ver todo o que aconteceu nestes nove meses. Tempo de analizar o traballo feito e o que quedou por facer, pero sobre todo é tempo de descansar, de coller novos folgos e prepararse para levar a cabo os proxectos do vindeiro curso.

Así que ...
PECHAMOS POR VACACIÓNS!!!

Chega ese tempo marabilloso que tanto ansiamos. Tempo de lecer, de disfrutar da familia, das amizades, das lecturas abandoadas en espera dun momento mellor, desa viaxe apaixoante que nos teñen preparada... en definitiva, tempo para nós!!

Pero non podemos marchar sen lembrar a tod@s @s que facedes desta andaina que agora remata unha fantástica experiencia: Grazas Plambeir@s polo voso bo facer, grazas compañeir@s pola vosa complicidade, grazas AMIG@S por ser como sodes, grazas a todos e todas pola vosa infinita comprensión, solidariedade e agarimo!!!!!!

Ata a volta, sede felices e xa sabedes... Saúde, libros e bicos!!

venres, 3 de xullo de 2009

Os Nosos Venres Musicais (LII)

Hoxe queremos falar de soños e de desexos, deses soños que esperamos se cumplan algún día e podamos dicir como Louis Armstrong, aquelo de...

What a Wonderful World !!



I see trees of green, red roses too
I see them bloom for me and for you
And I think to myself what a wonderful world.

I see skies of blue, clouds of white,
Bright blessed days, dark sacred nights
And I think to myself what a wonderful world.

The colours of a rainbow, so pretty in the sky
Are also on the faces of people going by
I see friends shaking hands saying how do you do
They’re really saying I love you.

I hear babies cry, I watch them grow.
They’ll learn much more than I'll never know
And I think to myself what a wonderful world

The colours of a rainbow, so pretty in the sky
Are there on the faces of people going by
I see friends shaking hands saying how do you do
They’re really saying I love you.



"My whole life, my whole soul, my whole spirit is to blow that horn"

"What we play is life"


mércores, 1 de xullo de 2009

O Galego Serve para Entendernos!!!

Vía Brétemas, un dos nosos blogues amigos, puidemos disfrutar coa lectura desta "carta", aparecida no Faro de Vigo hai unhas semanas, asinada por José Manuel Atanes Limia baixo o título de "O Galego serve para entendernos" e non queremos deixar de achegárvola.

Podese dicir máis alto, pero dubido que se poida facer de xeito máis claro.

Que para que serve o galego dicen algúns, pois para que vai servir??

O GALEGO SERVE PARA ENTENDERNOS!!!

Puxémoslle nome ás persoas: Suso, Maruxa, Mariña... apelido: Vázquez, Nogueira, Lagoa.... e alcume: o Bichoguizo, a Rachaoferro, as Piricas,....
Puxémoslle nome ás nosas árbores: amieiro, freixo,
teixo,... e apelidos: Carballa da Rocha, Castiñeiro da Capela, Carballeira de Mandiá...
Botamos aturuxos, arroutadas, regueifas.... e damos colo, apertas,
bicos....
Puxémoslle nome ás froitas: pexego, mazá,
abruño....
Aos arbustos: silva, xesta, piornos....
Ás nosas herbas: camariña, herba de namorar, fiuncho...
Ás comidas: grelos, cacheira,
cachelos.....
Puxémoslle nome aos insectos: vagalume, escornabois,
avelaiña......
Aos peixes: xouba, ollomol,
merlón .... e aos mariscos: vieira, zamburiña, navallas....
Ás nosas praias: de Rodas, A Rapadoira,
Ponzos, Areamaior, Lariño, Boca do río, ...

Ás serras: O Larouco, A Capelada,
Outes...
Aos montes: A Zapateira, O Galiñeiro,
A Bailadora...
As rochas: Pena Corneira, A Pedra de Avalar,
Os Cabalos...
Aos ríos: Toxa, Xallas, Eume, ...
Aos pobos: Soutelo, Peroxa, Lubre....
Aos males: Mal de Ollo, O Arangaño, O folgosalvo...
Aos nosos medos: A Santa Compaña, O Negro Meigallo, O home do saco...
Aos nosos heroes: O Foucellas, Roi Xordo, María Soliña...
Aos monstros: Sacauntos, Fendetestas, Urco...
As vacas: Marela, Xeitosa,
Roxa, ....
Aos disfraces: Peliqueiro, Boteiro, Choqueiro...
Aos sentimentos: morriña, agarimo,
aloumiño...
Aos santos: A Franqueira, O Corpiño,
San Andrés..
Ás nosas festas: A Rapa das Bestas, O Magosto,
Os Maios...
Á musica: os alalás, a chouteira,
as folías.......
Aos xogos: a billarda, a porca,
as lombas, ......
Ás partes do corpo: as costas, os xeonllos,
os beizos...
Aos paxaros: paporrubio, rula,
xílgaro...
Ao vestido: saia, polaina,
pololos...
Puxémoslle nome ás partes do carro: sabexugeuiro, chavella, fungueiros, caínzas,...
Inventamos verbos: acabicornar as vacas, rapaz a lá das ovellas ou o mel das abellas,...
Puxémoslle nome ás partes dea lareira; camballeira, fornela, tres pes, ...
En galego digo sacabeira e araucaria.
En galego sáeme dicir birbiqué e pendrive.
En galego podo dicir Obradoiro e Taj Mahal
e tamén sei dicir Afonso X e Michael Jackson
Digo axóuxere, nai, fala, e cada vez que falo galego ten sentido a nosa historia, ten sentido a vida da miña avóa, dos meus pais,...

....e agora veñen que para que serve o galego, pois e obvio, para entendernos.

E como nos propón Manuel Bragado, que vos parece se entre todos e todas imos ampliando esta fermosísima carta con esas marabillosas palabras que nos axudan a entendérmonos?

Animádesvos? Pois adiante!!!!

Actualizado o 2 de xullo. Grazas!!

Actualizado o 3 de xullo. E seguimos ampliando... Anímate, ti tamén contas!!

sábado, 27 de xuño de 2009

Despedida Club de Lectura !!


O pasado xoves celebramos a xa tradicional comida de celebración de fin de curso do Club de Lectura de pais, nais e profes.

Foi unha comida, como sempre que nos reunimos, moi agradable, onde houbo risas, emocións e sobre todo moitísima complicidade, froito de tantos e tan bos momentos nos que compartimos algo máis que boas lecturas.

Despois dos postres chegaron os agasallos. Todos eles recibiron unha bolsa das Bibliotecas Escolares Galegas e un caderno de notas coa portada chea de fotos dalgúns dos momentos das reunións do club. Un pequeno detalle que lles lembre as nosas citas dos luns.

En cada bolsa levaban "os deberes" para o verán:
"El consuelo" de Ana Gavalda, préstamo do Club de Lectura Ars Legendi.
"El Club de la calceta" de María Reimóndez, préstamo do Club de Lectura Arao.
E, por suposto, como podedes imaxinar se nos seguíchedes nas nosas lecturas, "La reina en el palacio de las corrrientes de aire" de Larsson.

Despois dos bos ratos que nos proporcionaron os dous primeiros títulos da triloxía e a adaptación cinematográfica de "Los hombres que no amaban a las mujeres", -tamén nós tivemos "cine palomitas"- non me perdonarían que non tivera feitas as reservas na nosa libería habitual.

Eles, sempre tan agarimosos, agasalláronme cun libro ben fermoso "El jardín de Hipatia" de Olalla García, no que deixaron unhas dedicatorias que me emocionaron.

"Gracias por enseñarme "el mundo de los libros"" (Ana)

"A lectura e a amizade, o mellor do mundo" (Mª Carmen)

"¡Y ya van 2 cursos!" (Rosi)

"Gracias por dejarme compartir estos momentos con vosotros" (Marga)

"Cantas verbas malgastamos antes de decir o que de verdade sentimos. As diferenzas non sempre fan distancias: tenden pontes. Incluso aos ratos" (Maribel)

"A raíña dos contos, das historias, dos poemas a medio facer.
A raíña das emocións, dos encontros concertados o luns.
Grazas polo "chispazo"
Non é doado reunir ás persoas. Ti o fas, porque todos temos algo en común. "A aprendizaxe" Para Loly (Mariola)


"Gracias por pasar unos momentos tan entrañables en el mundo de la lectura" (David)

"Con afecto" (Bau)

"Te queremos" (Pilar)

"Para una Ferrolana de pro" (Jose)

"Por esos momentos que pasamos que siempre se hacen muy cortitos. Con cariño" (Meren)

"Gracias por los buenos ratos que pasamos" (Begoña)

Emocionantes, moi emocionantes!!

Eu, só podo darvos as GRAZAS!!:

"Grazas por tanto como aprendo con todos vós e de todos vós."

"Grazas por permitirme disfrutar dunha das miñas paixóns en tan boa compañía."

"Grazas por compartir "afectos" e "efectos""

"Grazas por tantos e tan bos momentos cheos de complicidade"

"Grazas pola vosa amizade"

"Grazas por querer seguir esta andaina un ano máis "aínda que teñamos que mercar nós os libros" como confesou Ana durante a comida..."


Se pode pedir máis?

Queridos amigos e amigas, ata o vindeiro curso. Espero volvervos a ver a todos e cos deberes feitos !!!

Se queredes ver as fotos dalgunhas das sesións do noso club, só tedes que entrar no noso Álbum

venres, 26 de xuño de 2009

Os Nosos Venres Musicais: "Michael Jackson: In Memoriam"


Michael Jackson faleceu onte nos Ánxeles, víctima dunha crise cardiaca.

Neno prodixio nos anos 60, formou xunto a catro dos seus irmáns o famoso grupo "Os Jackson Five", que abandonou, para iniciar a súa carrera en solitario, no ano 1972.

O seu disco "Thriller" marcou un hito na historia da música moderna, do que se venderon máis de 100 millóns de copias en todo o mundo e conseguiu oito premios Grammy e 60 discos de platino.

Marcado por unha vida chea de excentricidades, a súa constante obsesión pola cor da súa pel e a súa polémica paternidade, fixeron correr ríos de tinta da denominada prensa do corazón.

Pero quen fora considerado "O rei do pop" sempre será lembrado por ser un referente no mundo da música e do baile modernos.



Dende A Rúa: Un Sacapenas Moi Especial !!


Onte recibimos un "Sacapenas" moi especial agasallo dos nosos AMIGOS do CEIP A Rúa.

Un envío urxente dirixido "Á atención das persoas que colaboraron no envío de Sacapenas a Gaza"

Nada máis abrilo a sorpresa foi enorme. Unha fermosísima moneca Sacapenas, cun meniño precioso da mán, dábanos as Grazas "en Galego e en Árabe" (vaia exemplo máis ben traído de que as linguas "sempre" suman...)



Grazas por compartir unha ilusión
Grazas por facela posible

Grazas polo traballo ben feito

Grazas por sumar afectos

Grazas por construir unha escola aberta ao mundo

G
razas :-)


Que dicir que non sexa darvos as Grazas por ser como sodes?

Grazas por compartir o voso soño
Grazas por permitirnos facer o camiño con vós
Grazas por unir esforzos e afectos
Grazas por levar amor onde hai tanta tristura

Grazas pola vosa infinita xenerosidade

Gr
azas :-)

O voso Sacapenas sempre estará nun lugar moi especial da nosa Biblioteca en compañía de boas amizades e vós, por sempre nos nosos corazóns!!

Máis fotos no noso álbum

martes, 23 de xuño de 2009

Festival Fin de Curso !!


Hoxe, como estes últimos cursos -xa vos comentamos que dende que Bárbara, a profe de música, chegou ao noso centro, os finais de curso son de gran festa- profes e alumnado celebramos que o curso chegou ao fin, ou o principio das vacacións, como prefirades...

Nesta ocasión comezamos ás 10.30, despois do primeiro recreo, e rematamos ás 14.00, cun programa ben completo ao que podedes botarlle unha ollada. Non me digades que non hai música para todos os gustos, eh?

O alumnado da ESO demostrou os seus progresos ao longo do curso. Que ben o fixeron! Pero os profes, como comprobaredes nuns días no canal You Tube de O Segrel, tampouco o fixemos nada mal. Como se entere algún caza talentos veredes onde acaba máis dun, ou dunha!!

Velaí vos deixo unha pequena mostra do que aconteceu hoxe no noso salón de actos...


Se queredes ver máis fotos, entrade no noso Álbum

E nuns días, como xa vos comentei, teredes máis en Radio Barullo e no Canal You Tube de O Segrel.

luns, 22 de xuño de 2009

Publicidade

sábado, 20 de xuño de 2009

Vicente Ferrer: In Memoriam

Onte deixounos Vicente Ferrer, máis o seu espíritu seguirá connosco a través da súa marabillosa obra de amor e paz na India.

Na súa loita contra a pobreza creou a Fundación Vicente Ferrer, unha ONG de desenvolvemento comprometida co proceso de transformación das comunidades máis desfavorecidas de Anantapur, á que lle dedicou os seus últimos 40 anos. Toda unha vida dedicada a erradicar a pobreza, axudando a 2.500.000 persoas de 1800 pobos.

"A pobreza non está para que a entendan, está para que a solucionen"

"Na pobreza máis extrema, na humanidade espida, teño atopado a riqueza máis grande"

"O único que importa, o que non podes dubidar, é de facer o ben, o ben concreto"

"Sen unha acción boa, o mundo estaría baleiro e non tería sentido ningún"

"Se non existirán a solidariedade e a compaixón neste mundo, entón a humanidade non tería dereito á existencia"

"A utilidade dos libros é que inspiran e axudan ao home para entender e descifrar o seu propio corazón"

"Cando penso na morte, penso na felicidade!"


VICENTE FERRER, TODA UNHA VIDA DEDICADA AOS DEMAIS!!



venres, 19 de xuño de 2009

Os Nosos Venres Musicais (L)

"No line on the Horizon" é o título do último disco da banda irlandesa U2 que comezará a súa xira mundial "U2 360º tour" no Camp Nou.

Dende o 1 de xuño, os compoñentes da mítica banda atópanse en Barcelona onde o vindeiro 30 de xuño tocarán o seu primeiro concerto, do que se esgotaron as 90.000 entradas postas á venda en 54 minutos, todo un record!!

Disfrutade cunha pequena historia deste tema!!

mércores, 17 de xuño de 2009

Suxestións de Lecturas Verán 09

Por un verán cheo de lecturas compartidas!!




martes, 16 de xuño de 2009

Os monólogos de Tony River

Que pasou? Estiven unhas semanas fóra e, á volta, encóntrome cun enredo sobre o galego. Non se vos pode deixar solos. A min paréceme que os que levan anos traballando pola lingua temen os resultados da enquisa. Pero, meus reis e miñas raíñas, nin que estiveramos a falar dun idioma con connotacións negativas que puideran reflectirse na enquisa. Iso son contos do pasado. Mirade se o galego goza de boa saúde que pouco falta para que o comparen co inglés. Case parece que che preguntan se prefires inglés ou galego. Nin nos mellores soños de Castelao aparecían ao mesmo nivel.
É unha iniciativa ilusionante porque seguro que a cousa non para aí e nos van seguir preguntando por máis historias. A partir de agora, antes de decidir preguntarán e despois entre eles e os técnicos da materia chegaran á conclusión mellor para todos. Estou tan ilusionado que incluso vou votar, perdón, vou contestar nas cinco enquisas que me pasaron (unha por cada fillo).
No meu edificio hai un cristo dos gordos no 2º A. Só teñen un neno e no matrimonio non opinan igual. Tócalles unha enquisa para dous (o rapaz cala). Problema á vista. A ver en que queda o asunto porque non lles da tempo a facer outro cativo!!
Xa non vos conto o problema no caso dos divorciados con fillos e despois arrimados. A parella actual pensa dunha maneira e o ex doutra. A enquisa non recolle o caso.
E o do 1º. Ten moito carácter (do malo). Está cabreado porque, como non ten fillos en idade escolar, non pode opinar. Xa antes nos miraba mal a todos. Pois, agora...
O animal que temos no 3º C díxome que isto era para cargarse o galego. Que burriño é! Non ves que a primeira das opcións é “todo en galego”? É a lingua A, chaval!! No instituto non che ensinaron aquilo da diglosia e a lingua A e a B?
Ás veces paréceme estar vivindo no nº 13 da rúa do Percebe. Un nome moi galego, por certo. No baixo vive unha tía especialista en leis. Díxome que había consenso no Plan de normalización, pero que no Decreto 124 non, aínda que dicían o mesmo. Ben, pois a recortar o Plan e xa está. Sen consenso nos dous e todos contentos. Faise así:


E pregunto eu: si entregas a enquisa o luns e cambias de opinión o martes, que fas o mércores? Para evitar iso xa non deixan facer campaña. Como se fose unhas eleccións. Non é por se había tortas. Non, non. É para evitar o follón en caso de cambio de opinión. Eh! Que viñeron os da Mesa e quero cambiar as respostas. Eh! Que escuché a los de Galicia Bilingüe y quiero poner otra cosa. Pois non! A achantar co que se pon. Debían prohibir tamén os sms, os e-mail, os blogs e poñer música clásica na tele e na radio. Toda unha semana!!!
Dan ganas de provocar e facer promoción do uso do galego. A ver se hai “güevos” a expedientar a un. Dúas décadas e media de leis de normalización lingüística con incumprimentos por todas partes e agora, aos 100 días do novo goberno e a 1 semana de acabar o curso, ir preso por dicirlle aos alumnos que as troncais se deben impartir en galego!! Xa o sabedes os dos equipos de normalización. Tedes vacacións unha semana antes que o resto!!!
A verdade é que son partidario de controlar non dúas, nin tres linguas. Na enquisa podían ter posto o francés, o alemán, o ruso, o chinés, o árabe...e dous ovos duros!!


Agora en serio. É moi importante saber idiomas. Máis que nada para non facer o ridículo. Imaxinade: comprades un coche super ilusionados, un coche calquera...o Nissan Pixo por exemplo, e chegades á aldea e dicides “Mirade que Pixo máis bonito teño!” Pufff, matades de risa á metade das vellas. Seguro que aínda sobrevive algunha para contestar: “que pequeno”, porque ademais é un coche pequeno!! Ou imaxinade estoutra situación “esta tarde non podo quedar porque vou lavar o Pixo”. Mortal!!! Hai que avisalos disto cando cambien os Audis!!
Recordade, meus reis e miñas raíñas, o “saber non ocupa lugar”. Hai xente que cre que por saber máis, aprendes menos. Ocorrerálles a eles! Vóuvolo explicar cun exemplo musical: é moi bonito saber tocar o piano, pero se ademais o sabes tocar a catro máns...

Unha aperta. (Bueno, un abrazo que así me entendéis todos)
Related Posts with Thumbnails