Que pasou? Estiven unhas semanas fóra e, á volta, encóntrome cun enredo sobre o galego. Non se vos pode deixar solos. A min paréceme que os que levan anos traballando pola lingua temen os resultados da enquisa. Pero, meus reis e miñas raíñas, nin que estiveramos a falar dun idioma con connotacións negativas que puideran reflectirse na enquisa. Iso son contos do pasado. Mirade se o galego goza de boa saúde que pouco falta para que o comparen co inglés. Case parece que che preguntan se prefires inglés ou galego. Nin nos mellores soños de Castelao aparecían ao mesmo nivel.
É unha iniciativa ilusionante porque seguro que a cousa non para aí e nos van seguir preguntando por máis historias. A partir de agora, antes de decidir preguntarán e despois entre eles e os técnicos da materia chegaran á conclusión mellor para todos. Estou tan ilusionado que incluso vou votar, perdón, vou contestar nas cinco enquisas que me pasaron (unha por cada fillo).
No meu edificio hai un cristo dos gordos no 2º A. Só teñen un neno e no matrimonio non opinan igual. Tócalles unha enquisa para dous (o rapaz cala). Problema á vista. A ver en que queda o asunto porque non lles da tempo a facer outro cativo!!
Xa non vos conto o problema no caso dos divorciados con fillos e despois arrimados. A parella actual pensa dunha maneira e o ex doutra. A enquisa non recolle o caso.
E o do 1º. Ten moito carácter (do malo). Está cabreado porque, como non ten fillos en idade escolar, non pode opinar. Xa antes nos miraba mal a todos. Pois, agora...
O animal que temos no 3º C díxome que isto era para cargarse o galego. Que burriño é! Non ves que a primeira das opcións é “todo en galego”? É a lingua A, chaval!! No instituto non che ensinaron aquilo da diglosia e a lingua A e a B?
Ás veces paréceme estar vivindo no nº 13 da rúa do Percebe. Un nome moi galego, por certo. No baixo vive unha tía especialista en leis. Díxome que había consenso no Plan de normalización, pero que no Decreto 124 non, aínda que dicían o mesmo. Ben, pois a recortar o Plan e xa está. Sen consenso nos dous e todos contentos. Faise así:
E pregunto eu: si entregas a enquisa o luns e cambias de opinión o martes, que fas o mércores? Para evitar iso xa non deixan facer campaña. Como se fose unhas eleccións. Non é por se había tortas. Non, non. É para evitar o follón en caso de cambio de opinión. Eh! Que viñeron os da
Mesa e quero cambiar as respostas. Eh! Que escuché a los de Galicia Bilingüe y quiero poner otra cosa. Pois non! A achantar co que se pon. Debían prohibir tamén os sms, os e-mail, os blogs e poñer música clásica na tele e na radio. Toda unha semana!!!
Dan ganas de provocar e facer promoción do uso do galego. A ver se hai “güevos” a expedientar a un. Dúas décadas e media de leis de normalización lingüística con incumprimentos por todas partes e agora, aos 100 días do novo goberno e a 1 semana de acabar o curso, ir preso por dicirlle aos alumnos que as troncais se deben impartir en galego!! Xa o sabedes os dos
equipos de normalización. Tedes vacacións unha semana antes que o resto!!!
A verdade é que son partidario de controlar non dúas, nin tres linguas. Na enquisa podían ter posto o francés, o alemán, o ruso, o chinés, o árabe...e
dous ovos duros!!
Agora en serio. É moi importante saber idiomas. Máis que nada para non facer o ridículo. Imaxinade: comprades un coche super ilusionados, un coche calquera...o Nissan Pixo por exemplo, e chegades á aldea e dicides “Mirade que
Pixo máis bonito teño!” Pufff, matades de risa á metade das vellas. Seguro que aínda sobrevive algunha para contestar: “que pequeno”, porque ademais é un coche pequeno!! Ou imaxinade estoutra situación “esta tarde non podo quedar porque vou lavar o Pixo”. Mortal!!! Hai que avisalos disto cando cambien os Audis!!
Recordade, meus reis e miñas raíñas, o “saber non ocupa lugar”. Hai xente que cre que por saber máis, aprendes menos. Ocorrerálles a eles! Vóuvolo explicar cun exemplo musical: é moi bonito saber tocar o piano, pero se ademais o sabes tocar a catro máns...
Unha aperta. (Bueno, un abrazo que así me entendéis todos)