Hoxe, no IES de Fene, tivemos a enorme fortuna de poder disfrutar da presenza de Agustín Fernández Paz.Esta mañá e durante hora e media, que nos soupo a ben pouco, reunímonos o alumnado de 2º e 3º de ESO, os membros do Club de Lectura e algúns profes, con este home extraordinario e que fixo a ledicia de todos e todas nós. Tamén tivemos unha “invitada especial” Antía, alumna de 2º de bacharelato, unha boa lectora e mellor escritora, e cuxo libro favorito, que recoñece saber case de memoria, é “Corredores de Sombra”. Como é lóxico, non quixemos que perdera a oportunidade de escoitar ao seu escritor favorito.

Agustín falounos do “chispazo”, de como xorden as ideas das que despois saen as historias, de cal é o proceso que el segue para escribir as súas novelas, dos 6 ou 7 borradores previos ao definitivo “Salvo aos xenios, e eu non o son, ás persoas normais as cousas non nos saen á primeira”. Ensinounos o seu borrador cero, esa marabillosa libreta amarela, unha xoia que nos permitiu non só ver, senón ler e fotografíar.
Este home tan cercano, afable, e fantástico contador de historias, engaiolounos a todos, e notouno nos nosos ollos, e así nolo fixo saber na súa despedida.
Como dixo Inma, profe de Ciencias, “Se alguén non tivera lido un dos seus libros, despois de escoitalo non deixaría de facelo. Vaia xeito de fomentar a lectura!”E rematada a conversa algúns rapaces e profes achegámonos co noso libro favorito para que no lo asinara. Por suposto que tamén asinou no Libro de Ouro de O Segrel do Penedo.
Non podería haber xeito mellor de comezar a celebración do Mes das Letras.
Nuns días, e a través de Radio Barullo, poderedes disfrutar do video desta conversa con Agustín Fernández Paz.
























