martes, 11 de marzo de 2025

Encontro con Fernando Lalana

Este pasado luns o alumnado de 2º da ESO e o do club de lectura de 3º e 4º tivo un encontro co escritor aragonés Fernando Lalana, autor de multitude de libros entre eles La tuneladora, que é o que leu o noso alumnado. Fernando Lalana mostrouse encantado de participar nesta actividade coa rapazada do IES de Fene. Contoulles que aínda que estudou Dereito nunca exerceu porque encamiñou o seu traballo cara a escritura, primeiro á Literatura Infantil e máis tarde á Literatura Xuvenil, e non literatura para adolescentes como quixo deixar ben claro.

Unha vez feita a presentación e a primeira toma de contacto foron os rapaces e rapazas que participaban no encontro os que tiveron a ocasión de plantexarlle preguntas moi interesantes que sacaron á luz detalles das súas obras como que se valeu do coñecemento do cuartel de Melilla, onde el fixo o servizo militar, para ambientar a coñecida obra Morirás en Chafarinas e que se sentiu moi contento cando lle propuxeron levar esta obra ao cine. Tamén lle preguntaron sobre as súas coñecidas aficcións como son a colección de trens e as plumas. A este respecto contoulles que, aínda que se inspira en lugares e persoas coñecidos, en ningún caso utiliza os nomes reais salvo na novela Amsterdam Solitaire na que un dos seus personaxes é un amigo dono dunha tenda de estilográficas e na que o detective Fermín Escartín debe investigar o roubo da estilográfica máis cara do mundo. 

Todas estas anécdotas e moitas máis nos fixeron disfrutar dun momento marabilloso co autor ao que agradecemos que quixera vir a coñecer a estes xóvens lectores deste recuncho da Península.


 Podes ver o resto de fotografías neste enlace do noso álbum fotográfico

Acceso á web de Fernando Lalana

Ningún comentario:

Related Posts with Thumbnails