mércores, 31 de marzo de 2021

Encontro con Érika Diz Pita

O pasado venres, 26 de marzo, tivemos o pracer de contar con Érika Diz Pita, graduada en Matemáticas, que actualmente está facendo o doutorado e exerce como profesora na facultade de Matemáticas da USC no departamento de Estatística, Análise Matemático e Optimización.

Este encontro organizouse en colaboración co Club de Ciencia do IES de Fene, ConCiencia Fene, para poñer o punto final a marzo, mes da Muller e das Matemáticas, e que mellor que contar con Érika, muller, matemática e por riba exalumna do noso centro.

O título da charla foi "Algoritmos, que son? e para que serven?" e a ela acudiu o alumnado de 1º de bacharelato. Nela, Érika explicou, de xeito sinxelo, que os algoritmos non son algo novo, aínda que nos últimos tempos se fala moito deles en relación co acceso á información, senón que desde a antigüidade se describiron multitude de algoritmos coa intención de solucionar diversidade de problemas. Falounos de como se utilizan habitualmente para actividades como asignar profesionais ao seu posto de traballo ou como, grazas tamén a un algoritmo, nos vemos máis favorecidos cando aplicamos un filtro a unha imaxe.

Tamén lle deixou unha mensaxe clara ao alumnado, que estuden aquelo que lles guste e lles faga felices, que non se deixen levar polo que teña máis saída ou o que lle digan os demais senón que se decanten polo que en realidade lles fai disfrutar.

A continuación prestouse a que un grupo de rapaces lle fixeran unha pequena entrevista na biblioteca. Nela falou do seu paso polo instituto, dalgunha anécdota graciosa, daqueles profesores que deixaran pegada e como se sentía despois de varios anos sen pisalo. Tamén nos comentou que é o que máis lle gusta das Matemáticas, que querería dedicarse á docencia e mesmo de como ve ela o papel da muller no ámbito da ciencia e da tecnoloxía. Resultou unha conversa moi agradable como poderedes ver no vídeo que aparece a continuación. Ao final mesmo firmou no noso libro de "personalidades".

Para rematar a xornada axudounos na entrega de premios de varios concursos organizados polo Club de Ciencia e o departamento de Matemáticas, algún deles pendente dende o curso pasado debido á pandemia.

Pica na imaxe para ver o álbum completo


1 comentario:

Catherine Tolbert dixo...

I want to always read your blogs. I love them Are you also searching for nursing diagnosis writing services? we are the best solution for you. We are best solution for you.

Related Posts with Thumbnails