xoves, 3 de xaneiro de 2013

Presentación da Novela Gráfica "Bóveda"

Hoxe, na Asociación Veciñal de Perlío, tivo lugar a presentación da Novela Gráfica Bóveda, un alegato pacifista contra a inxustiza, con texto de María Xesús Arias, de quen xa tivemos ocasión de falar no Segrel con motivo da presentación da publicación "O Cine na comarca de Ferrol", da que é coautora; e debuxos de Carlos Sardiña magnífico ilustrador a quen coñecemos a través desta novela e non pensamos perderlle a pista, encantounos o seu traballo. 

Esta novela enganchounos dende a súa primeira páxina, pode que tamén axudase o feito de que parte dunha realidade que nos é moi familiar, un rapaz que ten que facer un traballo sobre a figura de Alexandre Bóveda e a súa nai e quen lle bota unha man para facer esa pescuda a través de rede e da información que ela mesma lle facilita. Texto e imaxes métennos de cheo na Galiza de Castelao, de Otero Pedraio, de Ramón Cabanillas, no nacionalismo galego e na guerra civil, e cando rematamos a súa lectura xorde a necesidade de saber máis, de informarnos e de comprobar o actual que hoxe en día está a figura de Alexandre Bóveda, un loitador polas liberdades, un dos grandes do noso país.

Dende O Segrel, os nosos parabéns a Pitusa e a Carlos polo seu magnífico traballo e a todos os que fixeron posible que este proxecto sexa unha realidade.


Ningún comentario:

Related Posts with Thumbnails