mércores, 7 de novembro de 2007

Inauguración de "O Segrel do Penedo" (III)

Ou dos sentimentos e as emocións que se mesturaron nesa xornada tan “especial”. E que difícil é expresar o que sentimos, polo menos o é para min.
Comezou o día cos nervios propios do que estaba a piques de acontecer.
Despois de dezasete anos, o noso soño era unha realidade. E inevitablemente ao botar a vista atrás, que diría o poeta, vimos a todos os compañeiros e amigos que apoiaron, animaron, colaboraron, traballaron, e tamén a todos os que criticaron, tentaron poñer pedras no camiño (que tamén os houbo) e o mellor de todo e que nesa mirada non hai nin unha pinga de rancor ou un mal sentimento, todo o contrario, todas esas experiencias, incluso as negativas, fixéronnos crecer como persoas e como profesionais. Ao volver a vista atrás vemos unha andaina non exenta de dificultades pero moi chea, ateigada de compañeiros e compañeiras, amigos e amigas que fixeron desa andaina unha tarefa común. Queríamos contar todas esas experiencias tan enriquecedoras e decidimos facelo publicamente, nesa xornada de celebración. Que mellor momento podería haber para recoñecer o papel fundamental que Toño desempeñou e segue a desempeñar na nosa biblioteca! Como non agradecer a todos e todas os compañeiros e compañeiras que sempre estiveron ao noso carón traballando a cotío, a todos os PLAMBEIR@S a súa xenerosidade, o seu exemplo e o seu bo facer. E agradecémosllo á representación alí presente, a Gracia e a súa biblioteca virtual a súa loita polos dereitos humanos (algo moi importante vai pasar e alí estaremos nós), a Concha e as súas ideas para crear o curso pasado o noso primeiro club de lectura, e neste curso o noso “Recanto da Poesía”, e a Antonio esas mans que non deixan de levarnos a todas as bibliotecas escolares galegas dentro e fóra de Galicia. E a Cristina e Pilar polo seu traballo e por estar sempre aí. (Non había moito tempo, pero gañas e motivos non nos faltaban para seguir agradecendo con nomes e apelidos, outra ocasión haberá...)
Sentímonos arroupados polos amigos. Notamos algunhas ausencias, pero canto encheron as presencias, foron o ungüento que todo o alivia, que todo o cura. Os abrazos nos deron a enerxía necesaria para continuar e non saír correndo, os bicos acougaron os nervos... E chegamos á casa e vemos a entrada no blog de “Biblioafonso”, as mensaxes, os correos, (son os bicos e as apertas virtuais que nunca nos faltan) e nos sentimos tan abraiados que non fomos quen de escribir nada. E hoxe as grazas de “A Nosa Biblioteca” e “Eu tamén estiven alí” de “Trafegando Ronseis” (Si que debías dicir “nós”) E nos faltan palabras para agradecer tantas mostras de cariño, só podemos darvos as grazas por ser como sodes e dicir que non sabemos que puidemos facer para merecer AMIG@S tan fantásticos. Con xente coma vós a AMIZADE sempre se escribirá con maiúsculas!!!!

4 comentarios:

Anónimo dixo...

ola a todo o equipo do segrel do penedo, os meus parabéns pola biblio, sentimos non estar alí, pero foime imposible (cuestións domésticas), pero si estiven co pensamento e as 12.30 sonoume o móbil e contactei con vos mediante a mente, seguro que me oístedes, porque eu tamén estiven alí co corazón.
Moitos bicos
MARINA

O Segrel do Penedo dixo...

Grazas Marina. Por suposto que estiveches e sempre estarás connosco. "O teu favorito" acompañaranos sempre!!
Bicos

#***xano#*** dixo...

Ola a toda a xente!

Parabéns a Loli e a todo o equipo da biblioteca, fixechedes un traballo estupendo,que a todos nos encantou e esperamos ir sempre que poidamos a nova biblio.
Apertas,

XANO

O Segrel do Penedo dixo...

Grazas Xano.
Todo o que fixemos e seguimos a facer é por e para vós, o noso alumnado, o verdadeiro protagonista da xornada de inauguración.Que ben o fixéchedes!
Ah, estamos a preparar moitas novidades das que moi pronto teredes noticias!!

Related Posts with Thumbnails