domingo, 11 de decembro de 2011

"I'm Scared! - Teño Medo!"

Se mentres vemos este vídeo a angustia non fai presa de nós, é que na nosa viaxe pola vida pasamos por alto algunha peaxe...

Canto camiño queda aínda por percorrer para que ese "terror" desapareza?

"STOP BULLYING!"

Vía Twitter

MOI RECOMENDABLE!!

Grazas Aramis, botamos en falta a túa presenza nesta "nosa" bibe!!

sábado, 10 de decembro de 2011

10 de Decembro: Día dos DDHH

63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Máis aínda así cabe pensar que un outro mundo é posíble, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Penísula e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.

Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!

Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.


Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)


venres, 9 de decembro de 2011

Os Nosos Venres Musicais (LIV)




Esta semana, retomamos os nosos venres musicais dedicándolle a nosa entrada a quen 31 anos despois daquela data fatídica seguimos e seguiremos lembrando!!

xoves, 8 de decembro de 2011

Revista Bloc Online

A través da Revista Babar coñecemos a noticia de que están dispoñibles para ler online os números da desaparecida revista de Arte e literatura infantil Bloc.

Bloc, unha publicación bilingüe (castelán-inglés), dedicada á literatura infantil en todos os seus ámbitos (arte, fotografía, cine, deseño, ilustración…), naceu no ano 2007 e desapareceu no 2010.

Velaquí tedes os seis números publicados

BLOC O


FOTOGRAFÍA


CIDADES ILUSTRADAS


ABECEDARIOS ILUSTRADOS
HOMENAXE A JUAN FARIAS


OS INTERROGANTES


CINE E LITERATURA INFANTIL


OS XOGUETES COMO MATERIA PRIMA DOS ÁLBUMES ILUSTRADOS

Vía Twitter

mércores, 7 de decembro de 2011

"The Can" ou "O poder da publicidade"



Mención de Honra á película de animación 2D no Hyde Tube Festival de París (2009)

domingo, 4 de decembro de 2011

Chico y Rita

"Chico y Rita", de Fernando Trueba, Javier Mariscal e Tono Errando, elixida mellor película de animación na Gala dos Premios Europeos do Cine.

"Chico y Rita" narra a historia de amor entre unha fermosa cantante e un pianista cubanos. A trama desenvólvese nos anos 40 na Habana, París, Hollywood e Nova York.

sábado, 3 de decembro de 2011

Doa 1 Día!

Axuda a combater a desnutrición

Doa os teus mellores días, para que outr@s teñan días mellores!


Porque 1000 días poden previr a desnutrición. Clica na imaxe e verás eses 1000 días en menos de 2 minutos.


venres, 2 de decembro de 2011

Os Nosos Venres Musicais (LIII)


Onte celebrouse o Día Mundial da Loita contra a Sida, e nós, hoxe, queremos retomar unha "vella celebración" máis non esquecida... "Os nosos venres musicais" con "Positive Generation", un proxecto musical de Médicos Sen Fronteiras (MSF). "Voces por un futuro sin Sida"


A música como vehículo de información sobre a SIDA nos proxectos de MSF en Zimbabue.


Vía

xoves, 1 de decembro de 2011

Que importante é saber Inglés!

Vídeo especialmente dedicado @s meus benquerid@s alumn@s.

Ai, que importante é saber idiomas!!


Graciñas Sabela!!

Para saber máis visitade "Les Luthiers"

martes, 29 de novembro de 2011

Aprendendo Xuntos con Scoop.it !!

Cada curso comezamos con enerxías renovadas, as pilas a tope e sempre co desexo de innovar, mellorar e sobre todo disfrutar aprendendo co noso alumnado. E vaia que se aprendemos, de tod@s e con tod@s el@s!!


Hoxe queremos presentarvos o último achádego que fixemos da man de Javi Varela de 1º de ESO (como veñen empurrando estes mozos e mozas!!). Chegou o martes pasado a clase e comentounos que vira unha "especie de periódico" que lle parecía moi interesante e quería que lle aprendéramos a facelo.


Ensinounos un exemplo e claro, nin idea do que nos estaba a falar, pero tiña tanto interese que hoxe martes, unha semana despois, Scoop.it xa conta entre os seus seguidores co Segrel que xa é quen de poder darlle a Javi un cursiño acelerado para que tamén el poida sacarlle proveito.


"Scoop.it" é unha nova ferramenta que permite seleccionar e compilar contidos e presentalos nunha páxina como a que podedes ver nesta imaxe do Scoop.it do Segrel


Podemos conectarnos con Tumblr (non podemos facelo co noso blog porque non é de Wordpress... mágoa!) coas contas de Facebook, Twitter e a través delas saber se os nosos contactos tamén están aí.


Os artigos poden incluir imaxes, videos, presentacións... podemos editalos, etiquetalos, admiten comentarios, podemos compartilos..., todo un feixe de posibilidades. En definitiva, un extraordinario repositorio de enlaces que nos permite organizalo segundo os nosos intereses, pero o mellor é que lle botedes unha ollada e vós mesmo decidades se pode ser ou non do voso interese.

Dende aquí dar as grazas a Javi e vós xa nos contaredes!!

venres, 25 de novembro de 2011

25N Día Contra a Violencia de Xénero


As penurias que unha nena sufre ao longo da súa vida polo feito de ter nacido muller


O acceso á Educación e os Dereitos Humanos poden romper o ciclo da pobreza e a discriminación que as nenas sufren en todo o mundo.

luns, 21 de novembro de 2011

Por que tería que cambiar a Educación?



"A Educación ten que preparar aos rapaces, non para o mundo que foi, senón para o que será"


Henry Jenkins



Reflexionemos sobre o noso papel nas aulas do século XXI !!


(Vía)

domingo, 20 de novembro de 2011

O Sistema Educativo é Anacrónico!



"Non aprendemos repetindo, senón facendo, emocionándonos"



"O valor da educación está no camiño, non na meta"


Logo fagamos ese camiño emocionante e deste xeito emocionarémolos!


O Segrel


(Vía)

martes, 15 de novembro de 2011

As Regueifas do BET 2011

E como ao Segrel non hai quen o faga ir cara atrás cando de retos se trata, velaquí tedes as regueifas do Congreso de Bibliotecas Escolares en Tránsito.

Animámosvos a que vos unades e fagades posible este traballo colaborativo que posteriormente será compartido con tod@s vós nun libro dixital.

Máis se alguén ten algunha dúbida e pensa que non é quen de escribir unha regueifa, que bote unha ollada a esta lección maxistral a cargo de dous extraordinarios regueifeiros Benito Lobariñas e Josinho da Teixeira no obradoiro de Oralidade que se desenvolveu en O Segrel hai un par de anos.




Xa rematou o Congreso

todos de volta na casa

grande chute de enerxía

do que "Celaya" falaba.


Bibliotecas Escolares,

libros e información

as "novas" tecnoloxías

todo envolto con paixón.


Máis os Plambeiros de pro

o que nós máis celebramos

son os momentos de maxia

de bicos, bailes e cantos.


Momentos de compartir

experiencias e cultura

linguas e mais tradicións

vaia o que fai a lectura!


E agora benqueridos

e benqueridiñas todas

se Plambeir@s de pro sodes

esta Regueifa é vosa...


Por certo... pasaremos nesta ocasión das 40 regueifas como naquela Semana da Literatura de Tradición Oral ? Estaredes á altura? Non sei eu que dicir !!!!

Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito

Despois de tres días ben intensos no Congreso de Bibliotecas Escolares en Tránsito en Santiago, voltamos coas pilar ben cargadas, foi un verdadeiro "chute de enerxía" que diría Javier Celaya.


Falouse de bibliotecas escolares, da transformación que están a acometer, do seu papel na sociedade de hoxe en día, de lectura, de información...



O Congreso foi inaugurado polo Ministro de Educación Ángel Gabilondo que falou do valor da lectura como parte substancial da nosa vida, e disfrutamos coa Nova Galega de Danza, logo cantamos con Constanza Mekis ao ritmo dos seus libros castañuelas, limos a Benedetti nun balón poema, e dimos un pequeno paseo polo que se está a facer en Extremadura, Navarra, Andalucía e Galicia. Para rematar a primeira xornada visitamos a Cidade da Cultura.


O venres comezamos a xornada con Javier Celaya que, como sempre, nos levou un pasó máis aló e nos achegou á narrativa transmedia, á realidade aumentada. Extraordinario! E chegou a pausa para o café e disfrutamos dun vídeo que facía un pequeno percorrido por algunhas das nosas bibliotecas escolares. Trala pausa outra vez o "corazón partido", cal elixir das dúas fantásticas mesas redondas? Decidímonos por Cassany e Joaquín Rodríguez - este último foi para nós o grande descubrimento deste Congreso. Fantástico!- Falaron da Lectura despois de internet.

Trala comida a tarde comezou con varias experiencias simultáneas de Boas prácticas de integración cultura impresa/cultura dixital. Experiencias de fomento da lectura nas distintas CCAA, e nesta ocasión non tivemos opción, estabamos nunha delas. Para O Segrel foi un verdadeiro honor dar a coñecer o magnífico Proxecto Colaborativo que se está a desenvolver nas Bibliotecas Escolares do Plambe-Ferrolterra.


Para rematar a xornada disfrutamos e nos emocionamos con Victor Freixanes que nos falou das Bibliotecas escolares e do seu papel na contrución da sociedade lectora. O segundo día a visita cultural levounos polas bibliotecas universitarias: Fonseca e Xeografía e historia, magníficas ambas!


E chegou o sábado, última xornada do congreso e novamente toca decidir e eliximos "La biblioteca escolar y la competencia en información" Rosa Piquín e Puerto Menéndez moderadas por Juana Vázquez. Fantástico exemplo de magnífico traballo nun CEIP e un IES. E tras unha pequena pausa para un café chegou a conferencia final a cargo da antropóloga e estudiosa do mundo da lectura Michèle Petit "Leer y hacer uso de una biblioteca escolar: ¿y eso para qué sirve hoy en día?

O congreso rematou coa lectura dun documento coas aportacións do Congreso que en breve publicaremos.


Dende O Segrel os nosos parabéns ás nosas asesoras Cristina Novoa e Pilar Sampedro polo seu bo facer. Sempre que rematamos unhas Xornadas, Encontros... parece imposible que se poidan superar, pero elas, sempre se superan. Xefas, sodes incribles!!


Os vídeos de todas as ponencias en Radio Barullo (Vía)


Crédito das imaxes Montse, Xarela e Loly

martes, 8 de novembro de 2011

Congreso Bibliotecas Escolares en Tránsito 2011

Durante os días 10, 11 e 12 de novembro celebrarase en Santiago de Compostela o Congreso "Bibliotecas Escolares en Tránsito" organizado polo Ministerio de Educación e a Consellería de Educación.

Nel daranse cita profesorado responsable, coordinador de bibliotecas escolares, membros dos equipos de bibliotecas, membros dos equipos directivos ou dos servizos de inspección, asesores de formación no ámbito das bibliotecas escolares e a lectura, así como responsables de todas as Comunidades Autónomas no desenvolvemento de programas de bibliotecas escolares.

Un extraordinario programa que contará coa presencia de relatores de recoñecido prestixio e, como ven sendo habitual neste tipo de actividades, todas as ponencias serán retransmitidas en directo, polo que estaremos puntualmente informados de todo o que alí aconteza.

domingo, 6 de novembro de 2011

Extraordinario Forges!


O noso eterno agradecemento por alegrarnos cada mañá, ou non...!

venres, 4 de novembro de 2011

Refráns para o Outono


Fermosísima selección de refráns do outono feita polos amigos do CEIP de Esteiro a quen, dende aquí, enviamos os nosos parabéns polo traballo e o agradecemento pola súa xenerosidade compartindoo con todos nós.

domingo, 2 de outubro de 2011

Sáhara: "Coñecernos para querernos"

"Coñecernos para querernos" este é o título dos proxectos documentais que imos desenvolver na ESO e nos Clubs de lectura do alumnado. Proxectos que xirarán en torno ao continente Africano. Queremos saber como son os nosos "veciños", coñecer a súa cultura, as súas tradicións... Comezaremos achegándonos ao pobo saharaui, aos campamentos de refuxiados en Smara e a partires de aí, todo un país por percorre e moito por coñecer...

Pero non pensedes que este proxecto xurde sin máis, non, é un proxecto que comezou a planificarse o pasado mes de xuño e se perfilou nunha inesquecible xuntanza entre os coordinadores de varias bibliotecas escolares de Ferrolterra e o noso benquerido e admirado Gonzalo Moure, un dos artífices do marabilloso proxecto do "Bubisher" do que esperamos formar parte xunto co noso alumnado e demais membros da nosa comunidade educativa.

Para comezar, velaí vos deixamos unha fermosísima curtametraxe onde a través de Lalia nos adentramos na realidade dos habitantes dun campo de refuxiados en Arxelia


Lalia from ASPA on Vimeo.
Para saber máis do problema saharaui e poder chegar a entender a situación na que se atopan na actualidade, tedes unha compilación de documentais que tratan o tema en Radio Barullo, a nosa radio escolar.

sábado, 1 de outubro de 2011

Escola Pública para Tod@s



Sempre hai quen se lembra de nós...
Graciñas Necho!!

domingo, 25 de setembro de 2011

Kseniya Simonova. Extraordinaria!!


Kseniya Simonova foi a gañadora dunha das edicións de "Ukreine's got talent" por animación con area.

Kseniya acadou a final e, durante a súa actuación en directo executou, ante un emocionado público, unha animación sobre a invasión de Ucrania durante a segunda guerra mundial, utilizando os seus dedos e area.

Puro arte. Extraordinaria!!

Graciñas Olga.

martes, 13 de setembro de 2011

AS BIBLIOTECAS GALEGAS DESPIDEN A Mª DOLORES

Comezamos o curso con tristeza.

Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.

Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto! Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.

Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.

Cristina Novoa
Pilar Sampedro
Asesoría Bibliotecas Escolares

posanollocurtiscambre
jdoloresj
teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig

Related Posts with Thumbnails