domingo, 12 de xuño de 2011

Xoán Farias "In Memoriam"

Onte deixounos Xoán Farias, un grande da literatura xuvenil a quen as bibliotecas escolares dos centros públicos de Ferrolterra lle dedicamos esta ano o Día do Libro Infantil e Xuvenil. Foi a nosa pequena homenaxe a este extraordinario escritor ferrolán e en O Segrel estivo Xabier Docampo para falarnos da vida e a obra do seu grande amigo, un marabilloso exemplo do valor da AMIZADE.




Traballos arredor da vída e a obra de Xoán Farias elaborados polos CEIP e IES de Ferrolterra.









O noso agarimo para a súa familia e amigos nestes momentos de dor.



Biblioteca Xoán Farias

La Voz de Galicia


Público.es


sábado, 4 de xuño de 2011

Proxecto Documental "Mark Twain"

mércores, 1 de xuño de 2011

A Insoportable Levedade das Bibliotecas Escolares Galegas

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

martes, 17 de maio de 2011

Letras Galegas 2011: Salvando Libros

SALVANDO LIBROS

Que libro salvarías ti?

Esta exposición xorde dun traballo colaborativo entre 96 bibliotecas escolares galegas e pretende ser unha chamada de atención sobre a importancia de apreciar, coidar e manter o noso patrimonio cultural escrito.

Pretendemos difundir a idea de que é imposible destruír os libros e os valores que neles se transmiten se somos quen de conseguir que formen parte de nós para sempre.

Maio 2011


Queremos dar moi especialmente as grazas a Jaime Eizaguirre Santillán, ex-alumno do IES Sánchez Cantón, que unha vez máis deseñou estes carteis tan fermosos para facer posible a actividade.
Podedes ver o perfil de Jaime, arquitecto e debuxante, aquí

e algunhas das interesantes cousas que fai aqui

e tamén aquí….

Grazas de novo, Jaime, pola túa xenerosidade
salvandogrande





1

5
3 2



4

Moitísimos libros están a ser salvados nas nosas bibliotecas, que organizan as súas propias exposicións e actos.
Esta é só unha pequena escolma dos que representan a cada un dos centros que participaron na actividade.

Salvar un libro consiste en aprender de memoria un pequeno fragmento para simbolizar a asimilación de todo o seu contido. Entón xa seremos unha persoa-libro e poderemos preservalo para sempre.

A idea está baseada na obra de Ray Bradbury “Fahrenheit 451”.

Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Educación Infantil



Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Educación Primaria




Esta é a escolma de libros que representan aos centros de Educación Secundaria e algúns persoeiros relacionados co mundo das letras e a cultura




ESTA ACTIVIDADE FOI COORDINADA DESDE AS BIBLIOTECAS ESCOLARES:


luns, 2 de maio de 2011

"O Cine na Comarca de Ferrol" (1897-2010)

Hoxe, O Segrel quere recomendarvos un libro ben especial "O cine na comarca de Ferrol. As súas xentes. Os seus recursos (1897-2010)". Especial porque fala de cine, e xa sabedes o cinéfilos que somos, especial porque fala do cine na comarca de Ferrol, das súas xentes e os seus recursos, pero tamén é moi especial porque unha das súas coautoras é membro do noso club de lectura, María Xesús Arias Rei, "Pitusa" para todos nós.

Un ensaio sobre o cine da nosa comarca que vos recomendamos porque como nos lembran os seus autores na súa presentación...


"Es una noble misión rescatar del olvido a quienes merecen ser recordados"
Plinio el Joven

Na súa presentación no Casino de Perlío (Fene) Pitusa falounos dos cines de Fene, daquelas oito marabillosas salas das que hoxe non se conserva ningunha... a última, o cine perla, pechou no 2005 -sobran comentarios, non si?- pero tamén lembrou aquela primeira vez cando, ben pequerrecha, foi ao cine Cardoeiro cos seus pais a ver "Psicosis" e aqueles pesadelos nos que era asesinada por "Pepín o das barcas", pero non na bañeira, no seu caso, Pitusa morría no horta da casa... Un momento moi especial ao que contribuiron moitos dos asistenten contando as súas anécdotas e lembranzas.

E con tanta lembranza veunos á cabeza o noso primeiro día de cine ... O primo Carucho, quen anos despois tamen foi quen nos aprendeu a liar os pitos, (que ben recrea a escea o gran Luis Seoane) levounos ao cine de Covas, un edificio que soubemos, gracias a este libro, que é obra de Rodolfo Ucha... Aquela foi a nosa primeira saída nocturna e non somos quen de lembrar que película fumos ver! Máis o que nunca esqueceremos son os asubíos do público cando no momento en que os protagonistas estaban a piques de bicarse o que seguía era un "oportuno" corte... ai, aquela censura! Unha censura da que non se librou tampouco a literatura galega...

E non podemos esquecer o "Cinema" e aquelas pelis que íamos ver sempre e cando "houbera moza", é que doutro xeito non nos gustaban... que novas éramos!!, e o "Avenida" e a nosa primeira peli para "maiores", o "Teatro Jofre", o Rena, o Capitol, o Callao, o Madrid-París... e tantos outros hoxe en día xa desaparecidos en Ferrol... Cantas lembranzas!!

Non deixedes de ler este ensaio, que como di na súa contraportada...
"Esta publicación, sobre o cine e a súa impronta na comarca de Ferrol trata de recoller a memoria colectiva dunha centena de anos e a súa importancia na sociedade"

sábado, 23 de abril de 2011

Hoxe Cumplimos 4 Anos !!

Así é, xa levamos catro anos e a experiencia segue a ser ben gratificante.

A través deste blog da nosa biblioteca escolar entramos na blogosfera o 23 de abril de 2007, e a partir de aí todo foi un non parar... ese primero ano creáronse tamén o blog do club de lectura, o blog dos segreis e o álbum fotográfico, ao ano seguinte sairon a nosa Radio Escolar e a Canle de YouTube, no 2009 entramos nas redes sociais a través de Facebook e o ano pasado en Twiter. E en todas estas ocasións a data clave foi o 23 de abril, o Día do libro e os dereitos de autor. Que mellor data para festexar nunha Biblioteca Escolar, non?

E que imos facer este ano? Cal será a sorpresa que O Segrel nos ten agochada?

Nesta ocasión a sorpresa ten que ver cun obxectivo que tiñamos en mente dende hai xa ben tempo, pero que por iso mesmo, polo tempo, ou mellor dito, pola falta del, non puidemos acometer ata este curso.

Como ven sendo habitual dende que entramos no Plambe, alá polo 2005, -canto camiño percorrido...!!- todos os cursos solicitamos un Grupo de Traballo xa que ese foi o compromiso asumido cando nos presentamos á convocatoria do Plan de Mellora. Con este, xa son 6 anos de formación continuada de todos os membros do grupo da biblioteca -máis de 2.400 horas de formación sumamos entre todos, e só tendo en conta as horas destes grupos de traballo-.

Nesta ocasión decidimos traballar na elaboración dunha base de datos de recursos que hoxe queremos presentarvos e animarvos non só a que a utilicedes, senón a que colaboredes con nós para continuar enchéndoa de contido e conseguir que sexa unha gran base de datos.


E non deixedes de entrar no que será a nosa base de cine, onde atoparedes non só información das películas dos nosos fondos, senón tamén guías didácticas para o traballo nas aulas.


Esperamos que vos sexa de utilidade!!

Podedes entrar nas bases de datos clicando nas imaxes.

sábado, 9 de abril de 2011

Encontros do Plambe 2011

Onte, e como xa ven sendo habitual nestas xuntanzas dos centros que formamos parte de PLAMBE, a labor da Asesoría de Bibes Galegas foi excelente. Excelente pola organización, (xefas, fantástica esa comida no campeiro...!!), @s magnífoc@s poñentes, -como sempre tamén nestas ocasións, tiñamos "o corasón partío " nas sesións simultáneas, así que decidimos ir ao obradoiro de Kiko da Silva no que xurdiu o que pode ser o Proxecto do vindeiro curso- (a cabesiña, que non para....!) o ambiente que se crea entre os asistentes, as reunións dos grupos de zona... todo sen excepción perfecto!! Parabéns Cristina e Pilar polo voso bo facer!!

Máis estes Encontros estarán sempre marcados por un peche moi especial, un peche extraordinario a cargo de D. Xosé Neira Vilas, quen, en palabras de Pilar Sampedro na súa presentacion é "o único clásico que aínda queda vivo" quen, "sempre amosou o seu compromiso con Galicia e a súa mocidade" e que grazas a xente como el "Galicia ten un lugar no mundo".

E que se pode engadir sobre un dos grandes do noso país que non se dixera xa?

Foi un verdadeiro placer escoitar a súa lembranza daquela escola rural a 8 km. da casa e cunha biblioteca chea de "vidas de santos". Do extraordinaria que foi para el a descuberta da escrita. Do seu gosto dende ben neno pola lectura. Dos libros agochados baixo as tellas. Dos cartos gañados "honradamente" para mercar máis libros. Daqueles libros mercados contra rembolso e do consello do seu pai "pide libros, pero con moderación"...

Da emigración a Arxentina, "emigro, en certo sentido, para achegarme aos libros", e a súa primeira relación alí coas bibliotecas escolares ás que lles doaba os libros que mercaba nas librerías de vello da Praza de Maio. O seu apadriñamento en Cuba do Colexio Concepción Arenal.

A súa labor á fronte da Editorial Follas Novas cuxo obxectivo era o de difundir a Literatura Galega. A publicación da revista "Zunzún" e a súa relación tan estreita e persoal cos lectores. As actividades de fomento da lectura que levaban a cabo e segue a levar dende a súa Fundación...

Neira Vilas falou as súas "experiencias persoais arredor do libro e a lectura" e coa presencia constante da súa compañeira Anisia con quen compartiu vida, soños e proxectos. Unha lembranza que nos fixo emocionar fondamente acompañada pola figura de Balbino "Memorias dun neno labrego" do que se está a celebrar o cincuentenario da súa publicación e que supuxo o comezo da literatura xuvenil en galego, "aínda que non fora escrita para nenos".

Con este grande das nosas letras rimos e choramos, compartimos lembranzas e o seu amor pola nosa terra, a nosa cultura e a nosa lingua.

Grazas Don Xosé!!



Ligazóns do artigo vía Asesoría

Programa dos Encontros clicando no cartel.

Todo sobre estes Encontros, no espazo Moodle no que se pode entrar como convidado.

Pasade e disfrutade case tanto coma nós!!

xoves, 7 de abril de 2011

Roteiro polas Bibes de Ferrolterra (III) - CEIP O Ramo

O pasado xoves, e seguindo con esta boa costume de facer as reunións do Grupo de Bibes de Ferrolterra de visita polas distintas bibliotecas escolares da comarca, chegoulle o turno á Biblioteca do CEIP O Ramo de Fene.

Unha biblioteca que está a ser renovada e á que xa se lle ve o marabillosa que quedará despois da ampliación. Pero antes de entrar na biblioteca, Flor e Rebeca fixéronnos un percorrido polo centro. Quedamos abraiadas polas marabillosas portas que están a deseñar para cada unha das aulas e que o alumnado, durante a hora de titoría, se encarga de facer utilizando distintos materiais, plastilina, serrín,... e cores, moitas cores.

Un centro que ten unha marabillosa ludoteca, un recuncho cheo de maxia e que, estamos seguras, fai as delicias de grandes e pequechos.

E unha vez feito o percorrido e xa na biblioca falamos de proxectos e ultimamos os detalles da homenaxe a Xoán Farias do pasado día 2, mentres dábamos conta de dúas deliciosas tartas con café e infusións. Que estas anfitrionas non perden detalle e xunto co café chegaron chocolates e libretiñas de notas para cada unha das asistentes.

A reunión foi tan estupenda, que a piques estivemos de esquecer darlles o cariño que lles levamos... Un exemplar de "La verdadera historia de los tres cerditos" Ufffffffffffff, vaia despiste!!!!

Foi unha tarde ben aproveitada e dende aquí o noso agradecemento as dúas magníficas anfitrionas coas que xa estivemos a argallar algunha actividade conxunta.


A próxima reunión podería ser o 27 de abril na Biblioteca Saturnino Hemida do IES Concepción Arenal de Ferrol. Que che parece Ana?

domingo, 3 de abril de 2011

Homenaxe a Juan Farias no Día da LIX

O pasado venres, en "O Segrel" celebramos o Día do Libro Infantil e Xuvenil cunha pequena homenaxe a Juan Farias, un dos grandes escritores da literatura xuvenil.

Unha homenaxe que xorde nunha xuntanza das Bibliotecas Escolares de Ferrolterra, a proposta da Biblioteca do CEIP de Pazos que leva o nome deste autor.

Nesta pequena homenaxe, connosco estivo non só un grande da literatura do noso país, Xabier Docampo, senón unha extraordinaria persoa para quen o valor da amizade é tan importante que non dubidou en achegarse á nosa biblioteca para compartir un par de horas co alumnado de 1º e 2º de ESO para falar, non da súa persoa, nin da súa obra, senón para falar da persoa e da obra do seu amigo Juan Farias de quen se recoñece un grande admirador.

Xabier falounos de Farias, desa fonda amizade que os une dende hai moitos anos, da súa vida, plagada de anédoctas, e da súa obra, centrándose especialmente na novela "Os nenos numerados" que foi a que lemos tanto nas aulas como no Club de lectura.

Dende O Segrel, agradecer a Xabier o tempo que nos adicou e o xeito tan agarimoso de achegarnos á figura e á obra deste autor.

Velaí tedes unha mostra dese fermoso encontro no que o alumnado tivo unha participación especial coa lectura de distintos parágrafos da novela elixidos por eles por ser os que lles provocaron algún sentimento especial. Ao remate desta lectura Sara Permuy, alumna de 1º de ESO, interpretou ao clarinete "Greensleves".


A vindeira semana teredes os vídeos deste encontro en Radio Barullo

sábado, 2 de abril de 2011

2 de Abril con Xoán Farias



Noraboa a todos os nenos e nenas, mozos e mozas que participaron e encheron de vida os libros de Xoán Farias.

Preme no cartel para acceder ás actividades dos distintos centros que participan nesta homenaxe.

domingo, 20 de febreiro de 2011

Roteiro polas Bibes de Ferrolterra (II) - IES Fernando Esquío

O pasado xoves, e seguindo coa boa costume de levar a cabo as reunións mensuais do Grupo de "Plambeir@s" de Ferrolterra visitando as Bibes da zona, estivemos na Biblioteca do IES Fernando Esquío de Neda onde Begoña, a súa "alma mater" fixo de extraordinaria anfitriona. Unha reunión na que non faltou un bo café e un mellor biscoito feito por Mari Gelis, mebro do fantástico equipo desta biblioteca exemplo de bo facer.

E arredor dese café falamos de libros, fixemos algún que outro intercambio de lecturas e demos os últimos toques a un proxecto común que levaremos a cabo con motivo do Día da Literatura Infantil e Xuvenil e que xa vos comentaremos máis polo miudo...

Grazas Begoña, foi un placer compartir proxectos en tan boa compaña e nunha biblioteca tan chea de vida!!

Velaí tedes unha mostra deste traballo en equipo que tanto nos gusta....


Fotografías: Maribel (CEIP Os Casais - Fene)
Montaxe: Rosana (CEIP de Pazos - Ferrol)
Grazas compañeiras!!

Reportaxe tamén en Biblioteca Xoán Farias

A próxima reunión será o 23 de marzo no CEIP O Ramo de Fene. Alí estaremos!!

martes, 15 de febreiro de 2011

Sobran Etiquetas !!


Sobran etiquetas, catalogacións, compartimentos estanco, illamentos... !!

Fóra prexuizos, muros, barreiras ...!!

Vía Grazas Jose

luns, 14 de febreiro de 2011

Poemas no Día do Amor !!


E que mellor xeito de celebrar o "Día do Amor" que cunha pequena escolma dalgúns dos máis fermosos poemas de amor...

Cal é o teu poema preferido?

venres, 11 de febreiro de 2011

Lecturas con Moito Amor !!


Calquera motivo é bo para sacar dos andeis do Segrel unha pequena selecciòn dos nosos fondos.

Calquera momento pode ser o axeitado para achegarvos algúns deses títulos que vos poden facer pasar un momento inesquecible...

Nesta ocasión, a festa de "Cupido" é a que nos leva a facervos estas suxestións. Unhas suxestións que teñen que ver co AMOR con maiúsculas, no máis amplo sentido da palabra...

Que, anismádevos a coller algún deles?

xoves, 3 de febreiro de 2011

Feliz 4709, O Ano do Coello!!

Hoxe, segundo o calendario Chinés, comeza o ano 4.709, o ano do coello.
Que vos parecería como recomendación, para que pasedes un fantástico momento de lecturas compartidas coa familia ou os amigos, unha pequena obra de arte onde aparece un "coello" moi especial?

Xa sabedes que somos uns namorados dos pop-up, así que hoxe vos traemos un que, para nós, foi todo un descubrimento, alo menos nunha das súas versións. "Alicia en el país de las maravillas" para ipad!!

Tíñades visto algo tan chulo antes? Nós, debemos confesar que non...





Cal vos gusta máis?

Nós non sabemos cal elixir...

martes, 1 de febreiro de 2011

"Blaksad" tamén nos nosos fondos...


Blaksad é un cómic que está a arrasar, dentro e fóra das nosas fronteiras, e que, como non podía ser menos, forma parte dos fondos da nosa biblio.

Anímate e descúbreo, se aínda non tiveches ocasión de facelo.

sábado, 29 de xaneiro de 2011

30 de Xaneiro: Día da Non Violencia e a Paz


Pequena selección dos nosos fondos sobre Paz e Non - Violencia.


Cando chegará o día en que non sexa necesario reivindicar o Dereito a Vivir en Paz?


"Co puño pechado non se pode intercambiar un apretón de máns"
Indira Ghandi

Pola convivencia pacífica entre todos,


Polo respecto ás diferencias que nos enriquecen,


Pola PAZ!!

"IRMAUS": Fuxan os Ventos

xoves, 27 de xaneiro de 2011

Nas noites de inverno

Nas noites de inverno, os colosos cubertos de neve saben que os campións pasan pero eles permanecen.






Bicis + Lectura = Aventura



sábado, 8 de xaneiro de 2011

Daniel Cassany: Ler e escribir en tempos de internet


  • Literacidade Crítica
  • Influencia das TIC
  • O rol do profesorado...
Cassany, tan claro coma sempre.

Vía Twitter Manuel Area

mércores, 5 de xaneiro de 2011

Muda o Ano, Mudemos Metodoloxías Caducas!!


Enfrentar ao alumnado a experiencias reais para que aprendan por sí mesmos. Interactuar co mundo real.

Plantexar problemas e permitirlles que den rienda solta á súa creatividade para atopar as posibles solucións.

Aprender dos erros...

Cantos estamos dacordo con estas premisas, alomenos así o manifestamos públicamente, e logo cando chega o día "D" se seguen a escoitar frases do tipo...

"Que mágoa, estábao a facer moi ben, pero o exame saiulle fatal...."

"Non sei que lle pasa, pero nas probas non é tan brillante como nas súas respostas diarias na aula...."

Ata cando pensamos agardar para modificar metodoloxías caducas?

Cando comezaremos a por en práctica o sentido común? Aínda que pensandoo ben, é miaxiña complicado, se como dí un bo amigo, "é o menos común de todos os sentidos", pero poderíamos intentalo, non si...?


Feliz volta ao traballo!!

(É posible ver este vídeo subtitulado, só tedes que premer en "view subtitles" e elixir a lingua...)

Vía El balcón abierto

luns, 3 de xaneiro de 2011

O noso 2010 en Imaxes!!


Estes son, recollidos en 35 segundos, algúns dos momentos vividos no Segrel durante o 2010. Un ano que para nós rematou dun xeito ben especial, cun premio que recibimos cunha grande ledicia, polo premio en si que nos enche de orgullo, pero tamén polas extraordinarias mostras de agarimo que tantos e tantos amigos e amigas nos fixeron chegar.

Velaí tedes unha mostra do que realmente nos alegra e emociona, por vir de quen está a facer este camiño con nós. Grazas por estar sempre aí...

sábado, 1 de xaneiro de 2011

Todo o Mellor Para o 2011 !!

Related Posts with Thumbnails