E como íamos rematar o ano sen facer memoria de todo o que nos ten acontecido?
Que non foi pouco... O que deron de si estes meses!!
Deixámosvos algunhas imaxes do que supuxo para nós este ano.
Un ano de moito traballo, de moitos proxectos, de moitas ilusións, dalgún soño cumplido e de moitos por cumplir.
Un ano no que aprendemos moitísimo e no que somos conscientes de todo o que nos queda por aprender.
Un ano no que fixemos novas amizades e no que os amigos de sempre non deixaron de estar aí.
Un ano que tanto temos que agradecer a tantos amigos e compañeiros que fixeron que a nosa andaina fora sempre moito máis doada e estivera chea de ledicia.
Grazas a todas e todos por axudar a que este, o noso traballo, continue a ser unha das nosas paixóns!!
Esta semana, e como non podía ser menos, a nosa selección musical ten que ver coa época na que estamos, así que deixámosvos aquí algunhas das cancións máis universais cantadas por tres das mellores voces de todos os tempos.
As nosas Mochilas Viaxeiras emprenderon a súa primeira viaxe neste curso.
Unha viaxe cara a portos onde desexamos as familias atopen ese tempo propicio para as lecturas compartidas, as conversas, as risas... Ese tempo, ás veces tan escaso, pero que non debemos deixar escapar.
Ese tempo para lle adicar a ese poema que nos emocionará ata as bagoas, a esa novela que nos terá pegados ao sillón ata rematala e cando esteamos a piques de chegar ao final non quereremos que termine, a esa película que nos fará rir a gargalladas, a esa fermosísima canción que nos traerá inesquecibles recordos... ese tempo marabilloso que non esqueceremos xamáis, un tempo para disfrutar cos nosos.
Ese é o noso obxectivo, propiciar tempos para compartir, tempos para vivir e ser felices.
Acabo de saber cun idiota lle mandou a Papá Noel e aos Reis Magos a foto que acompaña esta entrada. O resultado é que eses catro están pensando en regalarnos algo de tempo para que llo dediquemos aos demais. Aviso, como non me traigan o reprodutor mp4 para os vídeos que non terei tempo de ver, a videoconsola cos xogos que non chegarei a dominar, os libros que non lerei, a cámara dixital que non aproveitarei, o kit de ferramentas que non usarei, o GPS que non me fai falta, o cheque-regalo que non saberei en que gastar e o pantalón especial para travesías de alta montaña en climas extremos que non me serve para nada...aviso, dicía, aquí vai haber máis que palabras!!!
Nas vindeiras semanas celebrarase o 50 aniversario da fundación da compañía de discos Motow. Segundo a WikipediaMotown Records, tamén coñecida como Tamla-Motown, é una discográfica estadounidense especialmente dedicada á música negra. Orixinalmente fundouse en Detroit (coñecida como «Motor City», a cidade do motor, de aí “Mot”, raíz de motor, e “town”, que significa pobo/cidade), e desde entón xogou un papel fundamental na difusión da música popular estadounidense, tendo repercusión na maioría dos estilos actuais. Foi creada o 12 de xaneiro de 1959 por Berry Gordy, baixo o nome de Tamla Records, momento a partir do cal a súa difusión foi tal que abarcou a 45 selos musicais distintos. A década dos sesenta supuxo o cénit da discográfica, chegando a conseguir o seu propio son “Motown Sound”, que a distinguiría do resto e faríaa xa que logo única.
Pois ben, para celebrar os 50 anos da fundación celebrouse un concurso público para escoller a mellor canción da discográfica, resultando gañadora a coñecida “My girl” de The Temptations.
The Temptations (Detroit,1961), grupo de música soul, rhythm and blues e pop, aínda que se achegaron igualmente a distintas fusións de estilos musicais e ao funk con certa carga política. Foi o máis importante grupo vocal masculino dos anos sesenta. En 1965 presentaron a que sería a súa canción máis coñecida, "My Girl", un número un do pop.
Agradecemos ao blogue amigo Iniciarte esta entrada que elaborou pensando nos nosos Venres Musicais.
E eu me pregunto, alguén ten seguidores tan fantásticos?
Como novidade, este curso decidimos que en cada sesión do club, un de nós faría a súa proposta de lectura ao resto. Sería a proposta desa lectura que máis nos gustou e que o resto do grupo non debería perderse. Temos que dicir que está a ser todo un éxito.
Na primeira sesión dos rapaces, Xano trouxo un libro de lendas da zona de Ferrolterra "De Lenda en Lenda" e tras a primeira lenda seguiu a segunda, a terceira e ata a cuarta. Encantoulles este libro, tanto foi así que na segunda sesión do club, Laura trouxo o seu exemplar, tamén o tiña na casa, e limos algunhas lendas máis.
No club de pais e nais a primeira lectura fíxoa Maribel que nos leeu un fermoso poema, pero quen nos emocionou de verdade foi Mariola, a nosa poetisa.
Mariola naceu nunha pequena aldea e aos sete anos trouxéronna para Fene, ou como ela di, "arrincáronme do carón dos meus avós", e desa terrible experiencia ela escribiu un fermosísimo poema. A súa sentida lectura fíxonos chorar, e pedímoslle que seguira lendo, e o seu segundo poema falaba de violencia, da violencia de xénero.
Mariola, é un verdadeiro pracer escoitarte ler os teus fermosos poemas.
O pasado día 2, e seguindo cos nosos obradoiros sobre Tradición Oral, puidemos disfrutar da visita ao noso centro de Antón Castro.
Antón, mestre de Audición Musical e un dos membros do histórico Fuxan os Ventos, onde mesmo canta que toca a gaita, a flauta, a zanfona... home preocupado pola recuperación das nosas tradicións e a nosa cultura, pero sobre todo moi implicado na súa conservación e transmisión desenvolveu dous obradoiros, un con alumnado de 1º e 2º de ESO, e outro con profesorado e alumnado de adultos.
Foi unha tarde na que non só falamos e aprendemos moito sobre oralidade, senón que tamén rimos e disfrutamos moitísimo co humor e o bo facer deste grandísimo artista.
Pero se queredes ver parte do que aconteceu na biblioteca de "O Segrel", acomodádevos ven, entrade en Radio Barullo e preparádevos a pasar un rato onde a risa será a principal protagonista.
As nosas suxestións de lectura para este Nadal son marabillosos álbumes ilustrados, libros de arte e artistas e cómics que esperamos vos fagan disfrutar do pracer da lectura.
Pero ademáis non deixedes de visitar o blog da Asesoría de Bibliotecas Escolares, onde atoparedes as Lecturas Recomendadas para Nadal de moitas das nosas Bibliotecas Escolares Galegas.
E para acompañar estas suxestións deixovos este fermoso corto "A Cidade dos Libros" que coñecimos vía BlogFesquioun dos nosos blogues amigos.