domingo, 22 de abril de 2007

O Segrel do Penedo

Esta era a forma coa que se autodesignaba Pérez Parallé. Vexamos as motivacións de tan singular denominación.

SEGREL: O segrel era o poeta da lírica medieval, autor e intérprete das súas composicións, que cobraba polo exercicio da súa arte. Procedían das capas intermedias da sociedade (baixa nobreza, burguesía...) e aparecen nos Cancioneiros designados con nome, apelido e, se é o caso, lugar de procedencia, fronte aos xograres (intérpretes de composicións alleas), de orixe popular e designados só co nome seguido do alcume ou, ás veces, só o alcume, e aos trobadores (autores, non intérpretes e que non cobran) que procedían da nobreza, figurando nos Cancioneiros con nome e apelidos precedidos do tratamento de “don”.

Xosemaría Pérez Parallé asistiu ás clases de Armando Cotarelo Valledor, catedrático de Literatura da Universidade de Santiago, quen, desde a correspondente sección do Seminario de Estudos Galegos, realizou por primeira vez o labor de estudo sistemático e divulgación nas aulas universitarias galegas da nosa lírica medieval. A súa transcendencia foi tal que varios dos seus discípulos (Bouza Brey, Cunqueiro, Álvarez Blázquez...) imitaron en maior ou menor medida os temas, técnicas, procedementos e lingua das cantigas medievais. O propio Parrallé foi permeable a estes influxos no seu facer poético e, identificándose co facer dos segreis medievais, adoptou esa denominación.

Nos anos 70 xorde en Barallobre un grupo musical, do que forma parte o propio poeta e canta composicións del, e que como nome OS SEGRELES. Pódese escoitar aquí (http://www.archicompostela.org/barallobre/)

O PENEDO: Aínda que nacera o 4 de agosto de 1909 no barrio ferrolán de Canido, pasou a meirande parte da súa vida na parroquia de Barallobre. Vivía no Casal de Sandulfe no lugar do Penedo e alí foi onde creou a práctica totalidade da súa obra.

Ningún comentario:

Related Posts with Thumbnails