martes, 3 de febreiro de 2009

Poesía e Arte

SOLDADO
Xorxe, meu vello amigo
¿como fuches parar á tropa?

W.H. Auden
I
Tiña os ollos azules poboados de preguntas

sobre o tempo i as colleitas. Seu pensamento estaba

cos segadores cantando no serán, ao comenzo

do xolpor, cando a noite empeza a ser mociña.

Non comprendía os termos honorábeles,

nin as palabras encheitas de solemno soberbia

nin aos homes aquelados de estúpida suficiencia

que se coidaban importantes

porque os seus devanceiros chegaron a señores

a forza de prostituirse, axionllarse e podrecerse.

Ouvía falar dos deberes co estado soberano,

das sacaras institucións, do orde, da groria

e lembrábase axiña do carballo que había

na porta do seu casal, alá na outa montaña,

perto do río que fungaba un laio monocorde

de escumas entre as pedras; lembrábase asimesmo

do traxe esfarrapado do escolante loiro

que un día fora á guerra e non voltara;

e aínda se lembraba das maletas dos emigrantes

e das anduriñas que pasaban voando cara o sul.

Tiña o corazón cheo de verbas pequeniñas

coma cativas patrias ou pulsos latexantes.

Iletrado e sinxelo, gardaba a sabencia dos bosques

e interpretaba o profundo vento que xeme na noite.

Decía con dozura as súas verbas antigas

e dempóis calaba pra escoitar o silencio

do mundo, dilatado e inmenso coma unha chaira.

Abría as maus labregas,

que agora empuñaban un fusil,

e púñase a miralas con atención lenta e teimosa.


2

De súpeto, nos límites lonxanos do horizonte

fitóu o resprandor dunha cidá en chamas

semellante a un remoto mencer amarelo.

De enriba baixóu un rumor de treboada,

un xordo bruído do río enrabexado,

coma un rouco balbordo cubrindo a paixaxe.

Oubeóu un can nos arrabaldos,

e comenzaron os lóstregos.

O fume,

coma unha palmeira xigantesca

abríu os seus brazos ardentes

i esparexéu pola bóveda celeste

un escuro anuncio de morte.

Asubíos e lóstregos.

Os paxaros da tarde

caíron mortos cal follas de outono.

A sireia da fábrica erguéu o seu chifro

fendendo en dous anacos o día tépedo,

o día húmido e íntimo con sabor de beixo.

Lóstregos.

(Alcendeuse a bombilla.)

Unhas maus deformes afirmaron os cotobelos

no aire estremecido

e un retablo de caras esmaceladas,

mirando para o cumio, increparon aos dioses.

Queimada carne, pernas, pés, ferraduras...

Un touro asexante, coma un Minotaruro perdido

nun laberinto de brazos, rostros, pernas, seos

[tumefactos,

muxía longamente.

(Apagouse a bombilla.)

Un cincel roto

procramóu a súa protesta.

Un cabalo

dislocado, desbocado, agallopóu frenético

sobre os cascos de pedra e nitroglicerina.

Lóstregos.

Fedía a cortello misturado con cloaca e xofre.

(Alcendeuse, apagóuse a bombilla).

Viuse e non se viu unha paisaxe

de brazos, rostros, pernas, dedos,

tellas, seos, portas, aramios...

Lóstregos e os derradeiros estoupidos.

Dempóis, nada. Silencio. Un mesto silencio

de noite nevada ou de terra erma.

Xorxe, meu vello amigo:

tí que estás cos que sofren a historia

i en contra dos que a escriben,

¿cómo fuches parar á tropa?


3

Chegaron ás aforas da cidade

cubertos de borralla e de cansancio.

O teniente berróu "alto, ¿quén vive?";

na inmenda soedá nasceron nardos.

O silencio da noite estrelecida

era un longuísimo camiño branco.

As cartucheiras ían tintintín.

decían tintintín, marcando o paso.

Un bisoño decúbito supino

miraba para o ceo despiadado,

o fusil nunha mau,

na outra mau un saco.

O fillo da súa na estaba morto,

groriosamente morto sobre un charco.

Tiña nos ollos vento. Preguntaba

cunha ollada azul de animal manso.

Xorxe, meu vello, meu esterno amigo,

dime no que estás pensando.




Celso Emilio Ferreiro recrea neste fermoso poema "Soldado" (Longa Noite de Pedra) o Guernica de Picasso.
Un exemplo máis no que poesía e arte combínanse nunha armoniosa conxunción de beleza contra o horror e a barbarie do home contra o home.

Con esta entrada queremos facervos a nosa primeira proposta de poesía dende O Noso Recanto da Poesía, unha proposta que quere achegarvos eses poemas que vos/nos fagan reflexionar, nos motiven, nos conmovan, nos fagan rir ou chorar, eses poemas que non nos deberían deixar indiferentes.

E nesta ocasión, ademais, quer ser un pequeno agasallo para o noso queridísimo blog amigo INICIARTE, do que tanto aprendemos e que xa é un referente cando falamos de Arte, de ensino e de bo facer. Parabéns polo magnífico traballo que estades a desenvolver.

3 comentarios:

Antonio Martínez dixo...

Celso Emilio é un dos poetas galegos, se non o que máis, que máis admiro. E Picasso, bueno, Picasso é Picasso. Moita grazas.

Encarna dixo...

Paréceme unha idea estupenda o do "Recanto de Poesía".
Fantástico video da recreación do Guernica.
Saúdos dende Pontedeume.

O Segrel do Penedo dixo...

Entón ese agasallo fixo pleno... alégrome.
Encarna, despois de traballar todos estes días con poesías ocorreusenos que sería unha boa idea sacar, de cando en vez, algunha "especial" dende "O Recanto da Poesía".
Bicos para os dous.

Related Posts with Thumbnails