martes, 25 de novembro de 2014

II Xornadas de Tradición Oral: As Regueifas


Comezaron as II Xornadas de Tradición Oral no Segrel e fixémolo dun xeito inmellorable, achegando á rapazada a unha tradición cultural e lingüística milenaria, as Regueifas, da man dun dos mellores regueifeiros do país, Josinho da Teixeira

Josinho falounos da orixe da Regueifa, da súa medida, a rima e o ritmo. Un obradoiro que nos soubo a ben pouco, case que dúas horas que se pasaron nun suspiro, ou mellor dito, nun "Tara riro riro riro" e no que grazas a Josinho, un mestre na arte do inxenio e a improvisación, descubrimos algúns verdadeiros artistas entre a nosa rapazada, entre eles Julián, alumno de 2º ESO, quen compuxo unha regueifa que mereceu os parabéns do mestre.

Grazas Josinho, ata a próxima!!

Velaí tedes unha mostra de como transcurriu unha tarde de música, risas e festa no Segrel.



Unidade Didáctica As Regueifas 
Elaborada polo grupo de profesorado da Biblioteca O Segrel
 
Álbúm fotográfico da Xornada

luns, 24 de novembro de 2014

A Semana dos Xogos de Mesa Tradicionais

A pasada pasada no Segrel celebramos a Semana dos Xogos de Mesa Tradicionais e foi todo un éxito. Por primeira vez, durante os recreos, os ordenadores da biblioteca quedaron sen usuarios... non é que nós sexamos contrarios a o uso das novas tecnoloxías da información e a comunicación, pero gozamos moitísimo comprobando que cando á rapazada de todas as idades, dende 1º da ESO ata 2º de Bacharelato, cando se lle ofertan novas posibilidades no seu tempo de lecer a súa resposta é extraordinaria.

Ana e Suso, veciños e usuarios do Segrel (Suso é membro do noso club de lectura de pais e nais dende a súa creación, as súas dúas fillas Iria e Aldara, foron alumnas do noso centro), propietarios da empresa Buxaina, (dende O Segrel apoiamos as tendas do noso barrio, ao pequeno comercio e aos emprendedores) o pasado luns chegaron  cargados de maravillosos xogos de mesa e logo dunha pequena presentación onde nos falaron da súa historia e evolución comezamos a xogar.

Durante unha semana o Carron, un dos xogos de mesa máis antigo que se coñece, moi popular na India e o favorito do noso alumnado máis novo; o Muíño, a súa orixe remóntase ao Imperio Romano; as Damas chinesas, que teñen a súa orixe na Alemaña do século XIX; o Chaturanga, orixinario da India e considerado o avó do xadrez, foi un dos pedidos polo alumnado de bacharelato..., o Surakarta, orixinario de Indonesia; o Alquerque, a súa orixe remóntase ao antigo Exipto; o Tablut, de orixe viquingo; o Bagh Chal, tradicional do sur de Asia e que, aínda hoxe, goza dunha grande popularidade en Nepal; o Ritmomaquia, xogo de cálculo matemático que ten a súa orixe na Idade Media; o Parchisi, precursor do Parchis e un dos xogos de mesa máis importantes da India, o Senet, inspirado no Senet de Amenhotep III que hoxe se exhibe no Museo de Brooklin en Nova York; Cans e Chacais, do Antigo Exipto e un dos xogos de mesa máis antigos que se coñecen, e moitos máis...

Como podedes comprobar, durante a semana que dende Buxaina nos achegaron a esta fantástica colección, xogamos e viaxamos no tempo por distintas culturas. Unha semana que non nos chegou a nada e xa estamos esperando, como auga de maio, que nos chegue o pedido co que O Segrel quer agasallar aos seus magníficos "visitantes" (non nos gusta nada o termo "usuario"!!).

Velaí tedes unha mostra do que aconteceu nesta última semana no Segrel.

Álbum fotográfico

venres, 14 de novembro de 2014

Jorge Mira "A Ciencia no Punto de Mira"


Con motivo da celebración do Mes da Ciencia en Galego, coa intención de poñer en valor o uso do galego no ámbito científico e de contribuir á investigación desenvolvida na nosa lingua, e dentro do programa "Fene coa ciencia en galego", o catedrático da área de Electromagnetismo do Departamento de Fisica Aplicada da USC, Jorge Mira, impartiu unha charla "A ciencia no punto de Mira" no IES de Fene.

Esta é a crónica feita pola rapazada:

"O pasado mércores, Bachiller e 4º de ESO asistimos a unha charla do famoso Jorge Mira, que, como el mesmo comentou, se lle coñece noutros centros aos que asistiu por "el matemático de Cifras y Letras". Despois dunha emotiva introdución dun dos nosos ex-profesores, Antonio Orozco, puidemos coñecer que este ano é a primeira vez que se celebrará o Mes da Ciencia en Galego, e ese é un dos motivos polos que ambos estaban alí.

Fixo un comezo explicando a evolución da reprodución, tanto animal coma humana: Parece ser que, nun principio, o aparello reproductor masculino non tiña a forma que hoxe coñecemos nunha gran parte das especies, o que dificultaba o acto sexual. "A natureza atopou entón o sexo. Que eso non significa que atopara unha páxina porno", concluíu con retranca.

 A importancia do pelo púbico, as recentes preferencias faciais dun home ante as mulleres, a venda que a publicidade fai dun corpo feminino anoréxico e con peso excesivamente baixo, ou unha explicación de que as mulleres están inconscientemente máis atractivas nos días de ovulación foron unha parte dos temas tratados. Explicado dunha forma moi dinámica e fresca, Jorge foi capaz de atraer a atención de todos e relatar as cousas con exemplos divertidos e sinxelos de entender, ademáis de asegurarnos con datos de todo tipo as cousas que nos estaba amosando.

 O tempo foi curto, así que a parte final quedou para unha das súas maiores anécdotas como científico. Querendo comprobar xunto a un amigo unha estrofa de Isaías, da Biblia, que falaba sobre o ceo, amosaron con probas que o Ceo estaba máis frío ca o Inferno, e o publicaron nunha importante revista inglesa. Poucos días despois, Mira recibiu unha chamada dunha inglesa. "Tiña un acento moi raro", dixo a súa nai; "Pois debe de ser de Camariñas", dixo responder el cando aquilo sucedeu, un chiste que os da Costa da Morte podemos entender moi ben. A xove aseguraba que o seu artículo era erróneo, pois facía anos un científico inglés calculaba que era o Ceo o que estaba máis quente ca o Inferno. A escandalosa nova apareceu en multitude de revistas e xornais españois, italianos e alemáns, e os pobres tiveron que facer un novo texto onde disculpar que a quen estaban rebatindo era ao personaxe da Biblia, e non ao outro señor.

 En resumo, a charla foi grandiosa. Repleta de datos interesantes que non se explican nos libros de texto, amena, fácil de entender, levadeira... Definitivamente foi unha conferencia que tumbou ao estereotipo de charla aburrida, e asegurou unha forma eficiente de reflexarnos algunhas cousas da maneira máis natural posíbel. Ogallá se puidera repetir a experiencia, todos quedamos con ganas de máis!"
Mariña Gándara 1º Bacharelato

"Hoxe tivemos unha charla co catedrático Jorge Mira. Sinceramente, foi a mellor charla que tiven nunca. Xa que conseguiu que non nos aburrísemos en ningún momento.

Jorge falounos de moitas cousas relacionadas coa ciencia, pero a parte que máis me gustou foi cando falou das modelos de hoxe en día, xa que a súa masa corporal media estaría en tercer grado de desnutrición, algo horrible que non entendo como se permite na nosa sociedade. E ahí é cando Jorge di una frase que me encantou: “ Están turpando a súa esencia”. Con isto refírese a que non a tratan coma mulleres, senón coma perchas colgantes.

Outra cousa que me pareceu moi interesante foi cando falou dun traballo que fixera cun compañeiro seu sobre a temperatura á que estaba sometida o ceo e mais o inferno. Cando o remataron, a Jorge chamoulle unha rapaza dende Canadá dicíndolle que ese mesmo traballo o facera un tal David Allan, pero con calculara mal e isto causou unha gran polémica medíatica por todo o mundo.

Finalmemte gustoume os premios nobels que foran otorgados a descubrimentos moi curiosos.

Jorge fálanos do seu novo libro " A ciencia no punto de mira" e danos o seu tweeter : @JorgeMiraUSC."
Miriam Martínez 4ºESO

"A min en particular, gústoume moitisimo esta charla porque penso que todos os aspectos a tratar, eran uns temas moi divertidos e el soupo chegar a todo tipo de persoas, tanto ao profesorado, coma ao alumnado do centro e isto fixo que a sua presenza fora tanto didáctica como divertida. 

De verdade que me encantou e pareceume moi simpatico. Gustaríame que un día volvera para poder falar e aprender moito máis desta forma tan divertida!"
Noa Rascado 4ºESO

"A miña opiniòn persoal sobre a visita do Físico galego Jorge Mira ao noso Instituto fascinoume xa que a física é unha das miñas materias favoritas e tamén porque os temas que abordou na charla me encantaron, a pesar de que o tempo fose pouco."
Marcos Varela 4º ESO




mércores, 5 de novembro de 2014

Exposición "O Pazo de Barallobre e o Pintor Antonio Jaspe"

O alumnado de 4º ESO, visitou a Exposición "O Pazo de Barallobre e o Pintor Antonio Jaspe" que ata o día 13 permanecerá aberta no local da Liga de Amigos. 

A exposición, que foi comentada por Enrique Sanfíz, realiza un percorrido pola edificación señorial do Pazo de Barallobre, construido en 1591 e derrubado en 1979 no lugar onde foi construido o IES de Fene. Tamén recolle boa parte da obra do pintor romántico de Barallobre Antonio Jaspe Moscoso, que conta con cadros no Museo de Belas Artes da Coruña, Museo de Pontevedra e Museo Jovellanos de Gijón.

Related Posts with Thumbnails