Amosando publicacións coa etiqueta Inauguración Bibes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Inauguración Bibes. Amosar todas as publicacións

mércores, 7 de novembro de 2007

Inauguración de "O Segrel do Penedo" (III)

Ou dos sentimentos e as emocións que se mesturaron nesa xornada tan “especial”. E que difícil é expresar o que sentimos, polo menos o é para min.
Comezou o día cos nervios propios do que estaba a piques de acontecer.
Despois de dezasete anos, o noso soño era unha realidade. E inevitablemente ao botar a vista atrás, que diría o poeta, vimos a todos os compañeiros e amigos que apoiaron, animaron, colaboraron, traballaron, e tamén a todos os que criticaron, tentaron poñer pedras no camiño (que tamén os houbo) e o mellor de todo e que nesa mirada non hai nin unha pinga de rancor ou un mal sentimento, todo o contrario, todas esas experiencias, incluso as negativas, fixéronnos crecer como persoas e como profesionais. Ao volver a vista atrás vemos unha andaina non exenta de dificultades pero moi chea, ateigada de compañeiros e compañeiras, amigos e amigas que fixeron desa andaina unha tarefa común. Queríamos contar todas esas experiencias tan enriquecedoras e decidimos facelo publicamente, nesa xornada de celebración. Que mellor momento podería haber para recoñecer o papel fundamental que Toño desempeñou e segue a desempeñar na nosa biblioteca! Como non agradecer a todos e todas os compañeiros e compañeiras que sempre estiveron ao noso carón traballando a cotío, a todos os PLAMBEIR@S a súa xenerosidade, o seu exemplo e o seu bo facer. E agradecémosllo á representación alí presente, a Gracia e a súa biblioteca virtual a súa loita polos dereitos humanos (algo moi importante vai pasar e alí estaremos nós), a Concha e as súas ideas para crear o curso pasado o noso primeiro club de lectura, e neste curso o noso “Recanto da Poesía”, e a Antonio esas mans que non deixan de levarnos a todas as bibliotecas escolares galegas dentro e fóra de Galicia. E a Cristina e Pilar polo seu traballo e por estar sempre aí. (Non había moito tempo, pero gañas e motivos non nos faltaban para seguir agradecendo con nomes e apelidos, outra ocasión haberá...)
Sentímonos arroupados polos amigos. Notamos algunhas ausencias, pero canto encheron as presencias, foron o ungüento que todo o alivia, que todo o cura. Os abrazos nos deron a enerxía necesaria para continuar e non saír correndo, os bicos acougaron os nervos... E chegamos á casa e vemos a entrada no blog de “Biblioafonso”, as mensaxes, os correos, (son os bicos e as apertas virtuais que nunca nos faltan) e nos sentimos tan abraiados que non fomos quen de escribir nada. E hoxe as grazas de “A Nosa Biblioteca” e “Eu tamén estiven alí” de “Trafegando Ronseis” (Si que debías dicir “nós”) E nos faltan palabras para agradecer tantas mostras de cariño, só podemos darvos as grazas por ser como sodes e dicir que non sabemos que puidemos facer para merecer AMIG@S tan fantásticos. Con xente coma vós a AMIZADE sempre se escribirá con maiúsculas!!!!

Inauguración de "O Segrel do Penedo" (II)

A Biblioteca encheuse de autoridades!! Esas foron as palabras dunha alumna ao chegar á casa. E tiña razón, estiveron connosco:

O Alcalde de Fene, Iván Puentes, antigo alumno do centro e que lembrou os seus anos de estudante. Que ben falou e con canto sentimento e que claro ten o que debe ser unha biblioteca escolar!! Rematou a súa intervención cun desexo que compartimos, que a colaboración do Concello e o IES de Fene sexa fructífera!!

O Subdirector Xeral, Carlos Encisa a quen sempre agradeceremos as súas palabras tan agarimosas. Estábamos abraiados!! E lanzámoslle unha “indirecta” que dixo recoller.

O Concelleiro de Cultura e Ensino, tamén antigo alumno.

A Concelleira de Xuventude, ocio e deporte, Mª Carmen Silvar, membro do Consello Escolar.

O Concelleiro de Facenda, Manuel López.

A Bibliotecaria e Arquiveira Municipal, Mar Fontenla, membro da Comisión da Biblioteca no Consello Escolar.A nosa inspectora, Berta.

O Delegado Provincial, José Manuel Mouriz, que, en nome da Conselleira de Educación, inaugurou a nosa biblioteca. Que orgullosos estabamos vendo a un compañeiro (é membro do noso claustro) e amigo facer os honores!.


Tamén estiveron connosco a viúva e os fillos de D. Xosemaría Pérez Parallé “O Segrel do Penedo”. O seu fillo, Francisco Pérez Porto, un recoñecedísimo ceramista agasallounos cunha fermosísima placa para a nosa biblioteca. Que honrados nos sentimos coa súa presenza!!


Todos eles asinaron no que para nós é o “Libro de Ouro do Segrel”, pois nel quedarán recollidos os pensamentos, os sentimentos e as emocións de todos os amigos e amigas que veñan compartir connosco un tempo de lectura, de conversa, de aprendizaxe, de diversión, neste noso Punto de Encontro.



martes, 6 de novembro de 2007

Inauguración de "O Segrel do Penedo" (I)

Despois dunha longa andaina, non sempre doada, finalmente chegou o gran día.
Un día moi especial para tod@s os que durante anos traballamos arreo para conseguir a biblioteca escolar da que hoxe tan orgullosos nos sentimos.
Pero quen son eses “tod@s”?
Un xefe de estudos, Antonio Martínez, (hoxe Vicedirector do IES Afonso X de Cambre), que aló polo ano... (meu deus, foi no século pasado!!) e concienciado da labor que unha biblioteca escolar debía desempeñar nun centro de ensino nos propuxo o gran reto, converter aquel almacén de libros nunha verdadeira biblioteca escolar. (Canto lle temos que agradecer!!)
Tod@s os coordinador@s que pasaron por ela: Margarita Suárez, Juan Pablo Patiño, Josefa Seoane, Miguel Anxo Romero e Inma Rodríguez. Recoñecendo o seu traballo recoñecemos o traballo de todos e cada un dos profesor@s que pasaron polo noso claustro que co seu esforzo, a súa dedicación e as súas críticas, das que tamén sacamos sempre o positivo, fixeron posible o que hoxe en día é a nosa biblioteca escolar.
Todos os equipos de apoio da biblioteca. Este curso forman parte del Mª Carmen Arnoso, Begoña Fernández, Malena Mejuto, Alexandre Ripoll, Inma Rodríguez, Sabela Vázquez e Xoán Vázquez.
Todos os equipos directivos que sempre e sen excepción apoiaron, impulsaron e fomentaron o traballo por e dende a biblioteca escolar.
O persoal de administración e servizos co seu traballo e a súa profesionalidade.
Os Plambeir@s dos que tanto aprendemos e a quen tanto temos que agradecer e que onte estiveron tan ben representados na nosa celebración. Alí estiveron para arrouparnos Antonio Alonso, Concha Costas, Gracia Santorum e Toño Martínez.
Pero non foron só eles os que estiveron connosco, Marina Engroba, Dores Fernández, Anxo Fernández, Olga Rodríguez, Charo Sánchez, Juana Vázquez... tamén estiveron alí, senón fisicamente, si o fixeron co seu cariño e o seu ánimo, que boa falla nos facía!!
As nosas “xefas”, como ían faltar? Elas sempre están ai, e de que xeito!!
E como non, os protagonistas principais da xornada, o noso alumnado.
A celebración rematou, como non podía ser doutro xeito, cun recital de poemas de Pérez Parallé a cargo de alumn@s de 1º, 2º e 3º de ESO, e un cantar de cego no que se narraba a vida do Segrel.
Parabéns rapaces e rapazas!!


domingo, 16 de setembro de 2007

Estamos de estrea!!



A falta duns pequenos detalles, esta á a nosa, a vosa biblioteca.
Esperamos que a disfrutedes.
Cada vez máis e mellores Bibliotecas Escolares!!

A nosa nova Biblioteca!!


Despois de dous anos de PLAMBE, moitísimo traballo e algún que outro quebradeiro de cabeza, presentámosvos a nosa nova biblioteca. Grazas a todas e todos os que coa vosa axuda, o voso ánimo e o voso exemplo constantes fixéchedes posible que o noso soño sexa hoxe unha realidade. Pero o mellor aínda está por chegar, o comezo do curso, a chegada do noso alumnado e con eles o inicio desta nova andaina na que temos postas moitas ilusións. Esperamos seguir contando con todas e todos vós, coma sempre. Sodes moit@s, grazas por estares sempre aí.

Related Posts with Thumbnails