martes, 24 de febreiro de 2009

Sacapenas para Gaza

Unha antiga tradición guatemalteca di que cando @s nenos teñen unha pena, lla contan ao moneco sacapenas que colocan baixo a almofada antes de ir durmir. Ao espertar as penas terán desaparecido.

Dende o CEIP A Rúa (Cangas) xurde unha fermosa iniciativa que consiste en facer monecos sacapenas para enviar aos nenos e nenas de Gaza. O obxectivo é que sintan a solidariedade e o agarimo dos nenos e nenas galegas, que sintan que non están sós.

Esta proposta foi moi ben acollida tanto polo profesorado do grupo da biblioteca como polo alumnado do noso instituto así que decidimos organizármonos.

Sabela, profe de galego e especialista en todo tipo de manualidades, é a que dirixe o "obradoiro" para o profesorado, nós somos os primeiros que temos que aprender para logo traballar co alumnado. Xa nos aprendeu a facer dous tipos distintos de monecos, gorros de ganchillo, vestidos, perrucas... en fin, que esto xa comezou e agora non haberá quen nos pare...

Pero esta iniciativa non quedou no centro, xa saíu fóra del, de feito, algúns dos membros das nosas familias tamén están a botar unha man. Disque a unión fai a forza...

Velái tedes un pequeno vídeo de como vai o proceso...



Á volta das vacacións comeza a súa participación o alumnado, xa vos contaremos...

3 comentarios:

Encarna dixo...

Que bonecos tan bonitos!!!!
Parabéns polo traballo que estades a facer, especialmente a Sabela, xa coñezo eu as súas artes manuais...
Recordos e agarimosos saúdos para todos e todas.
Encarna F.

Anónimo dixo...

Pois si que son bonitos os bonecos, pero máis bonita aínda é a iniciativa e mellor aínda o traballo que realizades.

Loly dixo...

Realmente estamos moi implicados nesta fermosísima iniciativa, e algúns dos rapaces, dende que viron feita a primeira moneca, están desexando aprender.
Á volta de vacacións comeza o seu traballo!!

Related Posts with Thumbnails