sábado, 25 de abril de 2015

Día do Libro

O pasado xoves, 23 de Abril, celebramos o Día do Libro. Foi unha xornada ben completa, pero as celebracións comezaron uns días antes, cando organizamos as exposicións para conmemorar tal día.

Comezamos o luns nalgunhas das aulas da ESO. Primeiro pensamos naquel libro que, por calquera que fora o motivo, deixara pegada en nós. Logo decoramos con eles as pegadas que recortaramos en cartolinas e ó día seguinte utilizámolas para decorar a zona de exposicións. Posteriormente montamos unha exposición con aqueles libros informativos ben fermosos dos nosos fondos e que aínda había quen non os coñecía... mágoa. Erro solucionado!!


O xoves, Día do Libro, algúns grupos da ESO baixaron á biblioteca para compartir os seus libros favoritos co resto do seu grupo. Eses favoritos cos que elaboramos un fantástico libro que deixamos no atril á porta da biblioteca. Foi unha xornada ben fermosa que seguro repetiremos. De cantos libros  marabillosos falamos, cantos lembramos... unha verdadeira celebración do libro e a lectura!!

Álbum de fotos


lunes, 20 de abril de 2015

jueves, 16 de abril de 2015

Francisco Rodríguez e Rosalía de Castro

O pasado martes 14 de Abril, e dentro das actividades desenvolvidas nos Clubs de Lectura do Segrel, o club de lectura de pais e nais celebrou un extraordinario encontro con Francisco Rodríguez o recoñecido escritor, mestre e político, arredor da figura de Rosalía de Castro.

Este encontro xurdiu trala lectura de "A memoria da choiva" de Pedro Feijoo. Na xuntanza do club, algúns dos seus membros preguntábanse canto de certo habería da vida de Rosalía no argumento desta fantástica obra así que decidimos que ninguén mellor, para aclararnos todas as nosas dúbidas, que Francisco Rodríguez, estudoso da súa obra e autor, entre outras, de "Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria".

Francisco Rodríguez clarificounos moitos aspectos da vida e da obra de Rosalía. botando fóra tópicos e prexuizos e amosándonos o seu carácter de muller culta, descendente dunha familia fidalga do rural, sen ningún tipo de trauma por ser filla de solteira e de crego, familia que tivo especial cuidado na súa formación. Rosalía estudou francés, música, literatura europea..., e tiña aspiracións para ser independente. Unha imaxe ben diferente da que se proxectou dende as institucións.

Francisco deixou ben claro que so hai que lela para coñecela porque na obra de Rosalía está "todo"...
  • "En las orillas del Sar": A Rosalía derrotada, a súa visión de Santiago.
  • "Jamás lo olvidaré": Conflitos entre a burguesía e o arzobispado de Santiago.
  • "Follas Novas" - "Nin ás escuras", "O encanto da pedra chan": Afectividade sexual, identidade de xénero, travestismo, homosexualidade...
  • "Eva": Un poema feminista.

Francisco leunos poemas e algunha das cartas nas que Souto Freire ou Pondal, entre outros, confesan a súa fonda amizade con Rosalía. 

E máis, moito máis, todo o que dou unha interesantísima e esclarecedora charla que durou máis de catro horas e que, de non ser que deron as nove da noite, aínda estaríamos de conversa... polo que non descartamos unha nova xuntanza.



Related Posts with Thumbnails