sábado, 27 de xuño de 2009

Despedida Club de Lectura !!


O pasado xoves celebramos a xa tradicional comida de celebración de fin de curso do Club de Lectura de pais, nais e profes.

Foi unha comida, como sempre que nos reunimos, moi agradable, onde houbo risas, emocións e sobre todo moitísima complicidade, froito de tantos e tan bos momentos nos que compartimos algo máis que boas lecturas.

Despois dos postres chegaron os agasallos. Todos eles recibiron unha bolsa das Bibliotecas Escolares Galegas e un caderno de notas coa portada chea de fotos dalgúns dos momentos das reunións do club. Un pequeno detalle que lles lembre as nosas citas dos luns.

En cada bolsa levaban "os deberes" para o verán:
"El consuelo" de Ana Gavalda, préstamo do Club de Lectura Ars Legendi.
"El Club de la calceta" de María Reimóndez, préstamo do Club de Lectura Arao.
E, por suposto, como podedes imaxinar se nos seguíchedes nas nosas lecturas, "La reina en el palacio de las corrrientes de aire" de Larsson.

Despois dos bos ratos que nos proporcionaron os dous primeiros títulos da triloxía e a adaptación cinematográfica de "Los hombres que no amaban a las mujeres", -tamén nós tivemos "cine palomitas"- non me perdonarían que non tivera feitas as reservas na nosa libería habitual.

Eles, sempre tan agarimosos, agasalláronme cun libro ben fermoso "El jardín de Hipatia" de Olalla García, no que deixaron unhas dedicatorias que me emocionaron.

"Gracias por enseñarme "el mundo de los libros"" (Ana)

"A lectura e a amizade, o mellor do mundo" (Mª Carmen)

"¡Y ya van 2 cursos!" (Rosi)

"Gracias por dejarme compartir estos momentos con vosotros" (Marga)

"Cantas verbas malgastamos antes de decir o que de verdade sentimos. As diferenzas non sempre fan distancias: tenden pontes. Incluso aos ratos" (Maribel)

"A raíña dos contos, das historias, dos poemas a medio facer.
A raíña das emocións, dos encontros concertados o luns.
Grazas polo "chispazo"
Non é doado reunir ás persoas. Ti o fas, porque todos temos algo en común. "A aprendizaxe" Para Loly (Mariola)


"Gracias por pasar unos momentos tan entrañables en el mundo de la lectura" (David)

"Con afecto" (Bau)

"Te queremos" (Pilar)

"Para una Ferrolana de pro" (Jose)

"Por esos momentos que pasamos que siempre se hacen muy cortitos. Con cariño" (Meren)

"Gracias por los buenos ratos que pasamos" (Begoña)

Emocionantes, moi emocionantes!!

Eu, só podo darvos as GRAZAS!!:

"Grazas por tanto como aprendo con todos vós e de todos vós."

"Grazas por permitirme disfrutar dunha das miñas paixóns en tan boa compañía."

"Grazas por compartir "afectos" e "efectos""

"Grazas por tantos e tan bos momentos cheos de complicidade"

"Grazas pola vosa amizade"

"Grazas por querer seguir esta andaina un ano máis "aínda que teñamos que mercar nós os libros" como confesou Ana durante a comida..."


Se pode pedir máis?

Queridos amigos e amigas, ata o vindeiro curso. Espero volvervos a ver a todos e cos deberes feitos !!!

Se queredes ver as fotos dalgunhas das sesións do noso club, só tedes que entrar no noso Álbum

venres, 26 de xuño de 2009

Os Nosos Venres Musicais: "Michael Jackson: In Memoriam"


Michael Jackson faleceu onte nos Ánxeles, víctima dunha crise cardiaca.

Neno prodixio nos anos 60, formou xunto a catro dos seus irmáns o famoso grupo "Os Jackson Five", que abandonou, para iniciar a súa carrera en solitario, no ano 1972.

O seu disco "Thriller" marcou un hito na historia da música moderna, do que se venderon máis de 100 millóns de copias en todo o mundo e conseguiu oito premios Grammy e 60 discos de platino.

Marcado por unha vida chea de excentricidades, a súa constante obsesión pola cor da súa pel e a súa polémica paternidade, fixeron correr ríos de tinta da denominada prensa do corazón.

Pero quen fora considerado "O rei do pop" sempre será lembrado por ser un referente no mundo da música e do baile modernos.



Dende A Rúa: Un Sacapenas Moi Especial !!


Onte recibimos un "Sacapenas" moi especial agasallo dos nosos AMIGOS do CEIP A Rúa.

Un envío urxente dirixido "Á atención das persoas que colaboraron no envío de Sacapenas a Gaza"

Nada máis abrilo a sorpresa foi enorme. Unha fermosísima moneca Sacapenas, cun meniño precioso da mán, dábanos as Grazas "en Galego e en Árabe" (vaia exemplo máis ben traído de que as linguas "sempre" suman...)



Grazas por compartir unha ilusión
Grazas por facela posible

Grazas polo traballo ben feito

Grazas por sumar afectos

Grazas por construir unha escola aberta ao mundo

G
razas :-)


Que dicir que non sexa darvos as Grazas por ser como sodes?

Grazas por compartir o voso soño
Grazas por permitirnos facer o camiño con vós
Grazas por unir esforzos e afectos
Grazas por levar amor onde hai tanta tristura

Grazas pola vosa infinita xenerosidade

Gr
azas :-)

O voso Sacapenas sempre estará nun lugar moi especial da nosa Biblioteca en compañía de boas amizades e vós, por sempre nos nosos corazóns!!

Máis fotos no noso álbum

martes, 23 de xuño de 2009

Festival Fin de Curso !!


Hoxe, como estes últimos cursos -xa vos comentamos que dende que Bárbara, a profe de música, chegou ao noso centro, os finais de curso son de gran festa- profes e alumnado celebramos que o curso chegou ao fin, ou o principio das vacacións, como prefirades...

Nesta ocasión comezamos ás 10.30, despois do primeiro recreo, e rematamos ás 14.00, cun programa ben completo ao que podedes botarlle unha ollada. Non me digades que non hai música para todos os gustos, eh?

O alumnado da ESO demostrou os seus progresos ao longo do curso. Que ben o fixeron! Pero os profes, como comprobaredes nuns días no canal You Tube de O Segrel, tampouco o fixemos nada mal. Como se entere algún caza talentos veredes onde acaba máis dun, ou dunha!!

Velaí vos deixo unha pequena mostra do que aconteceu hoxe no noso salón de actos...


Se queredes ver máis fotos, entrade no noso Álbum

E nuns días, como xa vos comentei, teredes máis en Radio Barullo e no Canal You Tube de O Segrel.

luns, 22 de xuño de 2009

Publicidade

sábado, 20 de xuño de 2009

Vicente Ferrer: In Memoriam

Onte deixounos Vicente Ferrer, máis o seu espíritu seguirá connosco a través da súa marabillosa obra de amor e paz na India.

Na súa loita contra a pobreza creou a Fundación Vicente Ferrer, unha ONG de desenvolvemento comprometida co proceso de transformación das comunidades máis desfavorecidas de Anantapur, á que lle dedicou os seus últimos 40 anos. Toda unha vida dedicada a erradicar a pobreza, axudando a 2.500.000 persoas de 1800 pobos.

"A pobreza non está para que a entendan, está para que a solucionen"

"Na pobreza máis extrema, na humanidade espida, teño atopado a riqueza máis grande"

"O único que importa, o que non podes dubidar, é de facer o ben, o ben concreto"

"Sen unha acción boa, o mundo estaría baleiro e non tería sentido ningún"

"Se non existirán a solidariedade e a compaixón neste mundo, entón a humanidade non tería dereito á existencia"

"A utilidade dos libros é que inspiran e axudan ao home para entender e descifrar o seu propio corazón"

"Cando penso na morte, penso na felicidade!"


VICENTE FERRER, TODA UNHA VIDA DEDICADA AOS DEMAIS!!



venres, 19 de xuño de 2009

Os Nosos Venres Musicais (L)

"No line on the Horizon" é o título do último disco da banda irlandesa U2 que comezará a súa xira mundial "U2 360º tour" no Camp Nou.

Dende o 1 de xuño, os compoñentes da mítica banda atópanse en Barcelona onde o vindeiro 30 de xuño tocarán o seu primeiro concerto, do que se esgotaron as 90.000 entradas postas á venda en 54 minutos, todo un record!!

Disfrutade cunha pequena historia deste tema!!

mércores, 17 de xuño de 2009

Suxestións de Lecturas Verán 09

Por un verán cheo de lecturas compartidas!!




martes, 16 de xuño de 2009

Os monólogos de Tony River

Que pasou? Estiven unhas semanas fóra e, á volta, encóntrome cun enredo sobre o galego. Non se vos pode deixar solos. A min paréceme que os que levan anos traballando pola lingua temen os resultados da enquisa. Pero, meus reis e miñas raíñas, nin que estiveramos a falar dun idioma con connotacións negativas que puideran reflectirse na enquisa. Iso son contos do pasado. Mirade se o galego goza de boa saúde que pouco falta para que o comparen co inglés. Case parece que che preguntan se prefires inglés ou galego. Nin nos mellores soños de Castelao aparecían ao mesmo nivel.
É unha iniciativa ilusionante porque seguro que a cousa non para aí e nos van seguir preguntando por máis historias. A partir de agora, antes de decidir preguntarán e despois entre eles e os técnicos da materia chegaran á conclusión mellor para todos. Estou tan ilusionado que incluso vou votar, perdón, vou contestar nas cinco enquisas que me pasaron (unha por cada fillo).
No meu edificio hai un cristo dos gordos no 2º A. Só teñen un neno e no matrimonio non opinan igual. Tócalles unha enquisa para dous (o rapaz cala). Problema á vista. A ver en que queda o asunto porque non lles da tempo a facer outro cativo!!
Xa non vos conto o problema no caso dos divorciados con fillos e despois arrimados. A parella actual pensa dunha maneira e o ex doutra. A enquisa non recolle o caso.
E o do 1º. Ten moito carácter (do malo). Está cabreado porque, como non ten fillos en idade escolar, non pode opinar. Xa antes nos miraba mal a todos. Pois, agora...
O animal que temos no 3º C díxome que isto era para cargarse o galego. Que burriño é! Non ves que a primeira das opcións é “todo en galego”? É a lingua A, chaval!! No instituto non che ensinaron aquilo da diglosia e a lingua A e a B?
Ás veces paréceme estar vivindo no nº 13 da rúa do Percebe. Un nome moi galego, por certo. No baixo vive unha tía especialista en leis. Díxome que había consenso no Plan de normalización, pero que no Decreto 124 non, aínda que dicían o mesmo. Ben, pois a recortar o Plan e xa está. Sen consenso nos dous e todos contentos. Faise así:


E pregunto eu: si entregas a enquisa o luns e cambias de opinión o martes, que fas o mércores? Para evitar iso xa non deixan facer campaña. Como se fose unhas eleccións. Non é por se había tortas. Non, non. É para evitar o follón en caso de cambio de opinión. Eh! Que viñeron os da Mesa e quero cambiar as respostas. Eh! Que escuché a los de Galicia Bilingüe y quiero poner otra cosa. Pois non! A achantar co que se pon. Debían prohibir tamén os sms, os e-mail, os blogs e poñer música clásica na tele e na radio. Toda unha semana!!!
Dan ganas de provocar e facer promoción do uso do galego. A ver se hai “güevos” a expedientar a un. Dúas décadas e media de leis de normalización lingüística con incumprimentos por todas partes e agora, aos 100 días do novo goberno e a 1 semana de acabar o curso, ir preso por dicirlle aos alumnos que as troncais se deben impartir en galego!! Xa o sabedes os dos equipos de normalización. Tedes vacacións unha semana antes que o resto!!!
A verdade é que son partidario de controlar non dúas, nin tres linguas. Na enquisa podían ter posto o francés, o alemán, o ruso, o chinés, o árabe...e dous ovos duros!!


Agora en serio. É moi importante saber idiomas. Máis que nada para non facer o ridículo. Imaxinade: comprades un coche super ilusionados, un coche calquera...o Nissan Pixo por exemplo, e chegades á aldea e dicides “Mirade que Pixo máis bonito teño!” Pufff, matades de risa á metade das vellas. Seguro que aínda sobrevive algunha para contestar: “que pequeno”, porque ademais é un coche pequeno!! Ou imaxinade estoutra situación “esta tarde non podo quedar porque vou lavar o Pixo”. Mortal!!! Hai que avisalos disto cando cambien os Audis!!
Recordade, meus reis e miñas raíñas, o “saber non ocupa lugar”. Hai xente que cre que por saber máis, aprendes menos. Ocorrerálles a eles! Vóuvolo explicar cun exemplo musical: é moi bonito saber tocar o piano, pero se ademais o sabes tocar a catro máns...

Unha aperta. (Bueno, un abrazo que así me entendéis todos)

luns, 15 de xuño de 2009

Publicidade

Grazas aos amigos de Lucha Motera que se pasaron polo instituto.

venres, 12 de xuño de 2009

Os Nosos Venres Musicais (XLIX)

"Born in the USA", séptimo álbum de "O Boss" ven de cumplir o seu 25 aniversario, e como non podía ser menos, en O Segrel queremos celebralo, e pensamos que non hai xeito mellor de facelo que convidarvos a entrar nun dos nosos blogs amigos, "Iniciarte", que dende hai xa un tempo venlle adicando ao seu ídolo a súa entrada dos domingos.

E para ir abrindo boca, velaí vos deixamos uns cantos vídeos de Bruce Sprinting Springsteen (Glup!!), selección feita polo artífice de tan magnífico blog.

A disfrutalos!!


luns, 8 de xuño de 2009

Publicidade

domingo, 7 de xuño de 2009

Discurso de Agustín Fernández Paz

Hoxe, e a través de Twitter Brétemas, achegámosvos o discurso pronunciado polo noso benquerido e sempre admirado Agustín Fernández Paz con motivo da celebración dos XXVI Premios Xerais, o pasado 6 de xuño.

Sobran as nosas palabras, ledeo e emocionádevos coma nós.

Grazas mil Agustín!!




Actualizado o martes 9 de xuño: "Agustín lendo o seu discurso en Radio Barullo"

Xornada dos Clubs de Lectura


O pasado venres día 5 os coordinadores e coordinadoras dos clubs de lectura de centros públicos asistimos á "Xornada dos Clubs de Lectura" en Santiago. Un día ben intenso e que necesita dun tempo para a reflexión de tanto como alí poidemos escoitar e aprender.

As xornadas, inauguradas polo subdirector xeral Carlos Encisa, comezaron coa conferencia de Mireia Manresa que nos falou sobre "Os hábitos de lectura como punto de partida para a formación de lectores". Facendo especial fincapé na necesidade de reflexionar sobre a programación de actividades de lectura e que estas estean ben fundamentadas.

"O primeiro paso para a formación lectora consiste en ler moitos libros e diversos"

"O lector na adolescencia vaise quedando só fronte a lectura"

"En cantos institutos de España o libro é unha realidade cotiá nas aulas?"

Despois do tempo do café, imprescindible para a conversa coas amizades de sempre, para facer outras novas, o intercambio de ideas, a presentación de materiais,... asistimos á conferencia de Rosa Aneiros que nos falou da súa experiencia como escritora pero sobre todo do aprendido nos numerosos encontros cos seus lectores. Que xeito de transmitir o seu amor polos libros e a lectura!.

"O importante non é o que contas, o importante é o que comunicas"

"Lemos o que queremos ler, en función das nosas vivencias, da nosa propia vida"

"Hai que ser moi permeables ás necesidades dos rapaces"

"A literatura é xogo de espectativas, xogo de ilusións"

A tarde comezou cunha Mesa de Experiencias na que catro responsables de clubs de lectura de centros de ensino secundario, o IES A Sardiñeira, Trafegando Ronseis, IES de Foz e As catro esquinas do quinto nos falaron do seu magnífico labor en prol da lectura.

A clausura das Xornadas correu a cargo de Mercedes Caballud e Carmen Carramiñana que nos presentaron a iniciativa "Ler Juntos", un programa de educación literaria no que participan familias, escola e biblioteca pública e que veñen desenvolvendo dende 1993 en Ballobar (Huesca)

"O paraugas da lectura cuida do corazón e da cabeza"

"O modelo adulto lector (pais, profesorado...) é moi escaso"

"A lectura crece nunha rede de afectos: contaxios"

E como sorpresa, para o remate da xornada estivo connosco o poeta e contacontos Celso Fernández Sanmartín que nos fixo rir e moito coas súas historia de amor, o conto do "Bobo" non tal, e as anécdotas das cereixas, as mazás, o queixo da verza... Un fin de festa divertidísimo para unha Xornada magnífica na que, como sempre, a organización foi inmellorable.

Agora toca reflexionar e sacar as conclusións que nos axudarán a seguir crecendo e facendo camiño nesta fermosa andaina de acompañamento aos nosos rapaces na súa formación lectora.

Velaí algunhas fotos da Xornada.

venres, 5 de xuño de 2009

Os Nosos Venres Musicais (XLVIII)

No Ano Internacional da Astronomía e no Día Mundial do Medio Ambiente podería recomendar un libro:

Ou unha web: http://observatorio.info/

O caso é que prefiro dispararche ao corazón cunha canción...

xoves, 4 de xuño de 2009

Aquí, Tokío.

Levo sete horas “mangao” en Narita, o aeroporto internacional de Tokío, agardando polo voo 2785. Está retrasado e non teño nin idea de cando poderei subir ao avión. Menos mal que paso o tempo co miniportátil nunha das zonas wi-fi. (Esa tía de enfronte estase a quedar comigo). Quería falarvos de Haruki Murakami e do seu último libro publicado en galego.

Recoméndovolo aos deportistas. (Non para de mirar e estoume desconcentrando. A quen me recorda?). Murakami é un superventas mundial que estivo en marzo en Galicia para recibir o premio San Clemente. A crítica considérao un autor pop e, para moitos, xa é un clásico. (Hum...estame sorrindo.)



Iso...É un clásico. (Xa sei!!!! Parécese a Amy McDonald!!!)

**Passengers for flight 2785. Please, get on board through gate...**!!!

Jod….!!!!


martes, 2 de xuño de 2009

17ª Xornadas Bibliotecas Infantis, Xuvenis e Escolares

Durante os días 28, 29 e 30 de maio, un grupo de responsables de bibliotecas escolares galegas (Biblioafonso, Milladoiro, Paseo das Pontes e O Segrel) asistimos en Salamanca ás 17ª Xornadas de Bibliotecas infantis, xuvenís e escolares organizadas pola FGSR baixo o lema "Lecturas na rede e redes en torno á lectura".

A inauguración correu a cargo de Jordi Adell. "Novos medios para comprender o mundo". Falounos do impacto das novas tecnoloxías nas novas xeracións, do concepto de "prosumidor", do aproveitamento da intelixencia colectiva a través da arquitectura da participación... Canto disfrutamos da súa conferencia!!

Pola tarde, tanto xoves como venres asistimos ao "Taller web 2.0" a cargo de Ángel García, membro do CITA e que fixo un percorrido polas distintas ferramentas que a web 2.0 pon ao noso dispor.

O venres comezou a xornada con Jane Kunze, bibliotecaria da área infantil da Aarthus Public Librazy (Dinamarca) que nos achegou a magnífica experiencia que están a levar a cabo xunto coas familias.

"Parents are the main reason why children go to the library!!"

Tras dela Kari Lämsä, director da Library 10 de Helsinki (Finlandia), amosounos a experiencia que se está a desenvolver nesta moderna biblioteca musical situada no centro da capital finesa.

"When other libraries staff is making plans we are making mistakes!!"

O sábado as intervencións correron a cargo de Roser Lozano, directora da Biblioteca Pública de Tarragona e de Juan Mata, profesor titular do Departamento de Didáctica da lingua e literatura da Universidade de Granada.

Juan Mata a través da súa conferencia "Bibliotecas, clubes, redes e outras fraternidades" transmitiunos dun xeito emocionante o seu optimismo e a súa paixón pola lectura.

"Los jóvenes son las víctimas de nuestros miedos"
"Los jóvenes, si los educamos bien, pueden leerlo todo!"

Falounos da lectura como oportunidade de reflexión; dos pais, as familias, as aulas, as bibliotecas, as amizades... como os distintos nús que ben entretexidos son os que forman ao lector; do importantísimo papel do mediador...

Un verdadeiro placer escoitalo e un inmellorable remate das xornadas.


O venres á noite cena de confraternidade en "Las Caballerizas". Alí coñecimos a Mª José e a Teresa de Asturias; a Francisca e Antonia de Baleares; a Amalia de Cataluña; Ana Isabel de Navarra; a Luismi e a Rafael Muñóz da FGSR... que pena que esta reunión non a tiveran organizado o primeiro día.

E nesta apretada axenda tamén fixemos un oco para poder admirar a magnífica exposición sobre Alphonse Mucha no Museo da Casa Lis. A primeira vez que disfrutamos da súa obra foi en Praga esta vez en Salamanca. Unha marabillosa sorpresa para completar unha viaxe fantástica en compañía dos amigos.

Hoxe, un deses amigos de verdade, dos que fan certo o refrán que di "Quen ten un amigo ten un tesouro", agasállanos cunha entrada "Claud Monet: Papoulas" no seu magnífico blog de aula, logo dun camiño de volta a casa no que puidemos disfrutar da marabilla que supón ver os campos de castela adornados con fermosísimas papoulas, a nosa flor favorita. Que máis se pode pedir?

luns, 1 de xuño de 2009

Related Posts with Thumbnails