venres, 26 de febreiro de 2021

Día da Ilustración e da Paz

O pasado 30 de xaneiro conmemoramos o Día Internacional da Paz e a Non Violencia, pero ademáis tamén celebramos o Día da Ilustración, coincidindo co nacemento de Castelao.

Como non queriamos deixar unha actividade pola outra ocorréusenos, en colaboración cos departamentos de Normalización Lingüística, Lingua Galega e Plástica, convocar un concurso de ilustración con lema. Os participantes debían elixir un poema, relato, frase ou lema sobre a paz ou a non violencia e ilustralo. O texto podía ser orixinal ou de autoría coñecida.

Despois das deliberacións xa temos gañadoras dos tres premios. En primeiro lugar María Alfonso Doval de 1º de ESO A e empatadas na segunda posición Claudia Iglesias Sanmartín, tamén de 1º ESO A e Rosa Mª Gómez Pita do Ciclo Medio de Mantemento Electromecánico. 


Noraboa ás tres e desfrutade do premio!!

Traballo de María Alfonso Doval. 1º Premio

Traballo de Claudia Iglesias Sanmartín. 2º Premio

Traballo de Rosa Mª Gómez Pita. 2º Premio


mércores, 24 de febreiro de 2021

Día de Rosalía 2021

Neste 24 de febreiro quixemos sumarnos ao Día de Rosalía conmemorando así o 184 aniversario do nacemento dunha das máis grandes figuras da cultura galega.

Con motivo desta data o alumnado de 2º de ESO prepararou textos en galego, castelán, inglés e francés e organizamos na biblioteca unha pequena sesión, dada a limitación de aforo, para a lectura dos poemas. 

Grazas á rapazada por prestar as súas voces para dar vida á obra da nosa Rosalía.


xoves, 11 de febreiro de 2021

Día da Muller e a Nena na Ciencia

O 11 de febreiro, como nos últimos anos, vimos conmemorando o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. É unha data que non nos gusta demasiado porque significa que aínda é preciso recordar que na investigación científica, como en moitos outros aspectos da vida, aínda non se acadou a igualdade entre mulleres e homes e temos que seguir loitando ata que chegue ese momento. 

Ben é certo que nestes últimos tempo se está dando visibilidade a multitude de mulleres que dedicaron e dedican a súa vida á investigación científica e que co seu traballo contribúen ao desenvolvemento e a mellora das condicións e da calidade de vida. Arquitectas, enxeñeiras, biólogas, químicas, matemáticas, astrónomas, programadoras, xenetistas, entomólogas, físicas, biotecnólogas, meteorólogas,...

Ao longo de toda a semana e en colaboración co Club de Ciencia, ConCienciaFene, e o alumnado do centro estamos enchendo o noso mapa interactivo, Científicas do Mundo, mostrando o máximo número de lugares onde unha científica desenvolve o seu traballo. Queremos que elas sexan un referente e un modelo a seguir para que as nosas nenas se decanten polas chamadas carreiras STEM.

Padlet aberto a todos os que queirades participar. 

Feito con Padlet
Related Posts with Thumbnails