Amosando publicacións coa etiqueta Relatos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Relatos. Amosar todas as publicacións

martes, 28 de abril de 2020

Día do Libro

Este ano no IES de Fene celebramos o Día do Libro desde o confinamento, obrigados pola crise sanitaria. Iso non foi unha excusa para deixar pasa unha data tan sinalada, que coincide, ademais, co aniversario da nosa saída ás redes, pois foi o 23 de abril de 2007 cando este blog viu a luz por primeira vez.

Era necesario rendir unha merecida homenaxe aos libros que nestes días se converteron nos mellores compañeiros, nos permitiron viaxar a lugares marabillosos  e correr mil aventuras sen movernos das nosas casas. Para iso os departamentos de Lingua Galega e Castelá propuxeron á nosa comunidade dúas actividades que resultaron emotivas e inspiradoras e nos deixan marabillados da capacidade de imaxinación dos nosos nenos e tamén dos nosos profes.

Nunha destas actividades, "Mi libro favorito", o alumnado e profesorado tiña que facerse unha foto, ao carón dunha fiestra, cun libro que teña un significado especial. Vos deixamos unha mostra das propostas recibidas, na presentación que tedes a continuación:




Para a outra actividade, "Os libros escriben historias", os participantes debían seleccionar unha serie de títulos e inventar unha historia con todos eles. De aquí saíron relatos espectaculares dos que vos deixamos unha mostra:
 


Podedes atopar máis historias das que contan os libros do noso alumnado e profesorado no seguinte enlace




Felicidades a todos os participantes polo traballo feito!!!

mércores, 19 de decembro de 2007

II Concurso Relato Curto - Contra a Violencia de Xénero

O pasado mes de novembro convocouse o II Concurso Literario Contra a Violencia de Xénero do que resultou gañadora Antía Díaz Castro (1º Bacharelato) co relato "As Estacións", quedando finalistas Michelle López (1º ESO) e Bruno Currás (2º Bacharelato). Noraboa aos tres!!!
Relato gañador: As estacións
Autora: Antía Díaz Castro PARABÉNS ANTÍA!!
Curso: 2º Bacharelato

AS ESTACIÓNS
A primavera... comezo dunha historia interminale, ou iso pensaba eu. El era amable, atento, simpático, un príncipe azul de ollos verdes, o home perfecto que sempre esperas atopar, pero que só aparece nos teus máis profundos soños.

O verán... a calor, a praia, as tardes paseando, as noites de festa que enlazan unha posta con outra posta de sol, o sentirse querida, vivir soñando esperta... a felicidade suprema.

O outono... o cambio, o non saber onde remata a miña vida e onde comeza a súa, os celos, as discusións, o afastamento, o non entender nada, ver que o sentido da miña vida é compracelo, doume de conta de que o suposto prícipe azul non é máis que un lobo coa pel de cordeiro... o comezo do ceclive.

O inverno... de súpeto, máis encanto, máis amabilidade, máis dependencia... ¿quizais un golpe de sorte?... ¿quizais o destino?... ¿ou quizais o arrepentimento? Eu acéptoo simplemente, perdoo e olvido. Como se todo fose tan fácil.

A primavera... os cambios continuos. Regalos que compensan ofensas, a importancia das aparencias. O estúpido "que dirán" dirixe o meu destino.

O verán... consumirme añorando os bos recordos do verán anterior. Ata o tempo parece estar na miña contra, chovendo todo o día. A doce auga da choiva mestúrase coas bágoas salgadas que brotan dos meus ollos cada vez que me asomo á ventá e vexo unha parella feliz.

O outono... Onde están os meus amigos? Poida que crean que a tristeza é contaxiosa. As follas das árbores caen, á vez que a miña alegría descende.

O inverno... a dor, as palizas, a humillación, o intentar escapar e non poder, a soidade, as inútiles súplicas... o descenso a un frío inferno invernal.

A primavera... flotar no aire cara a un mundo mellor, deixando as miserias atrás, e aprender que o destino é cruel e que a sorte so é para quen a busca, e eu xa me cansei de buscar e non atopar... o regreso á felicidade.

...e el dixo: fíxeno porque a quería, pero, que sentido ten a miña vida sen ela?...

...namentres eu ría e pensaba: se eu non podía vivir ó teu lado, ti non poderás vivir agora sen min.

luns, 17 de decembro de 2007

O Club de Lectura dos Segreis máis novos (I)

Hoxe tivemos a primeira reunión do Club de lectura do Segrel dos Segreis máis novos, 12 mozos e mozas da ESO. Xuntámonos na biblioteca durante case tres horas. Vaia tarde!!!!

Na primeira xuntanza, hai xa un mes, eliximos como primeiro libro "El alma del bosque", pero por problemas coa distribución, e despois de esperar moitos días, decidimos comezar polo que quedara en segundo lugar "Cando petan na porta pola noite" de Xabier P. Docampo. Non estabamos dispostos a esperar ata o próximo ano...

Decidimos dividir cada sesión en dúas partes.

Na primeira, falaremos sobre a novela elixida, que por certo esta primeira xornada foi toda unha experiencia. Os comentarios tan acertados dos rapaces, as súas ganas de participar, o xeito de escoitar o que os outros tiñan que dicir... Como se notaba que o que estabamos a facer os tiña engaiolados!!

Durante a segunda parte traballaremos coas novas tecnoloxías. Hoxe xa fixemos comentarios no blog do Club de lectura e estreamos O Blog dos Segreis, un blog que nace coa idea de ser un punto de encontro para o noso alumnado no que poder facer os seus comentarios, as súas suxestións de lectura, cine, música... Un espazo para debater, compartir, colaborar, en definitiva, para aprender. E tanto que aprenderon!!

Algúns deles xa fixeron as súas suxestións de lectura. Todas as entradas son obra súa... Que xeito de aprender!!! Nun momento xa sabían baixar imaxes, enlazar páxinas, modificar cores, textos, etiquetar os posts... Cando nos dimos de conta xa rematara a tarde.... meu deus, a piques estiveron de perder o autobús!!!

Canto disfrutamos falando de contos, de libros... Fixemos planes para o ano que ven!! O primeiro día que nos xuntemos, o luns 14, traeremos cada un de nós un conto que contaremos ao resto. Haberá que falar con avós, pais, veciños... e ver que atopamos. "Se son de medo, teremos que ambientar a biblioteca" foi unha das súas propostas. Así o faremos.

Rapaces, o próximo ano teremos algunha historia que contar!!!

mércores, 21 de novembro de 2007

A teoría evolutiva, uns bonecos e unha canción.

Esta semana recibimos un correo do profesor Walt Andersen, catedrático de Bioloxía Evolutiva nunha universidade europea da que por razóns obvias non daremos o nome. Este home escoitou unha canción hai dezasete anos e, desde esa, non é capaz de quitala da cabeza. Deixou os traballos de investigación de fósiles e dinosauros, para centrarse no estudo minucioso de bonecos folclóricos. Esta semana, dicíamos, con motivo do tropecentos aniversario da publicación da “Orixe das especies” de Charles Darwin, enviounos as fotografías que mostran como os bonecos, ao igual que calquera especie, tamén evolucionan.




Se alguén quere escoitar a canción que o trastornou, pode facelo neste vídeo. Pero advertimos que quitala da cabeza é moi, moi difícil.



xoves, 1 de novembro de 2007

Ás veces, vexo mortos.



Esta era unha frase clave na película “O sexto sentido”. Aos poucos meses da súa estrea, aparecía nas carteleiras “Los otros”. Unha peli española cun argumento parecido e na que xogaban un papel importante unhas fotografías de defuntos no seu cadaleito. Ese tipo de fotos eran habituais hai algúns anos tal e como se pode comprobar nos traballos de Virxilio Viéitez... A realidade supera sempre á ficción.
Estes días está nas salas “El orfanato”. Seica é moi recomendable. Ireina a ver. Pero antes vouvos contar algo moi estraño que me pasou hoxe. Non sei como, fun ao cemiterio e, o que son as cousas, vin a lápida dun que se chamaba coma min, que naceu o mesmo día ca min e que morreu o día que tiven o accidente... A realidade supera sempre á ficción.




luns, 22 de outubro de 2007

Déjà vu

Dona Josefita Barallobre vive na súa casa de Serantes desde hai setenta e dous anos. No salón ten un loro tan vello que, cando fala, faino en galego medieval. Regaloullo Gonzalo Torrente Ballester cando era nova. Dona Josefita tamén ten un álbum de fotos "coincidentes". Chámalles así porque, sen ter relación as unhas coas outras, presentan parecidos. Agradecemos a xentileza de Dona Josefita por enviarnos dúas desas fotografías para que lles busquemos as semellanzas e lle digamos onde se fixo a de Marion Jones e onde está a escultura do gálata moribundo.

mércores, 3 de outubro de 2007

El dinosaurio




Cuando despertó, el dinosaurio todavía estaba allí.






Augusto Monterroso


Esta é unha historia real que lle ocorreu a Manolo, "O Gafas", natural dunha parroquia de Monterroso, alá entre a Terra Cha e o Xistral. Foi o sábado pasado, cando levou á muller e aos fillos a un centro comercial de Lugo. Quedouse no coche, botando unha sesta e cando espertou viu o que viu. O home aínda tivo valor para facerlle unha foto.

Este ano, no San Froilán non se falará doutra cousa.


Related Posts with Thumbnails