xoves, 31 de marzo de 2022

Charla de Federico Martinón no Pazo da Cultura

O día 29 de marzo o alumnado dos IES Fernando Esquío de Neda, IES Cabo Ortegal de Cariño, CPI do Feal e IES As Telleiras de Narón, IES Concepción Arenal, Sofía Casanova e Saturnino Montojo de Ferrol, e o CPI A Xunqueira e o IES Fene de Fene,  asistiron no Pazo da Cultura de Narón á charla “Verdades e trolas sobre as vacinas e a covid-19” a cargo do pediatra e investigador Federico Martinón-Torres, ourensán e xefe e coordinador do servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Trala intervención do profesional sanitario, de aproximadamente unha hora, os estudantes tiveron a oportunidade de realizarlle preguntas.

Esta actividade está organizada pola biblioteca do IES de Fene coa colaboración do Club de Ciencias do mesmo centro xunto coa concellería de Ensino de Narón. A presentación da mesma fixérona dúas alumnas de Bacharelato: Alba Rocha e Sabela López.

O Pazo da Cultura acolle anualmente, a excepción do pasado curso polas restricións da covid-19, unha charla dirixida a alumnado de Ferrolterra e Ortegal sobre temas de divulgación científica na que os relatores buscan a implicación da rapazada, con intervencións dinámicas, para que vexan a importancia do traballo que realizan e espertar as vocacións científicas.

Temos que dar as grazas á concelleira de ensino de Narón Mercedes Taibo e ao Pazo de cultura por permitirnos desenrolar esta fantástica actividade.

 

 

luns, 21 de marzo de 2022

Poesía e Matemáticas

Co gallo do Día Internacional das Matemáticas e o Día de Pi o club de ciencias do IES de Fene, Conciencia Fene, organizou un concurso no que a rapazada tiña que escribir décimas (poema de dez versos octasílabos con rima consoante e estrutura abbaaccddc) e cuxa temática estivera relacionada co lema "Matemáticas que nos unen" e o número pi.

Os gañadores, de entre vinte participantes, foron:

  • 1º premio Marcos Bares de 2º ESO A.

  • 2º premio Lucía García de 2º Bacharelato B.

  • 3º premio Sara Lorente de 1º Bacharelato A.

Hoxe, 21 de marzo, Día da Poesía, os tres gañadores leron as súas composicións para os seus compañeiros na biblioteca.

Noraboa aos premiad@s e grazas a tod@s por participar.

venres, 4 de marzo de 2022

Plataforma E-ELBE.2. Lectura dixital de balde

 Xa está dispoñible a plataforma de préstamo e lectura dixital E-ELBE.2

Pica no enlace para ir á web E-ELBE.2



Semana da Prensa

Como todos os anos por estas datas estamos a piques de celebrar a Semana da Prensa. Nesta ocasión será entre o 7 e o 11 de marzo.

Co gallo da citada conmemoración o alumnado de Economía de 1º de bacharelato, coa súa profesora Mª del Carmen Feijoo, estiveron traballando coa prensa na biblioteca. Despois de ler as novas da sección de economía, comentáronas e fixeron observacións das mesmas, sempre en relación a materia dada en clase.

Importante que nestes tempos de sobreinformación o noso alumnado sexa consciente da necesidade de facer análise das novas que chegan e de mostrarse críticos para así evitar a desinformación.


 

Related Posts with Thumbnails