luns, 26 de abril de 2010

O Mes do Libro en O Segrel!!

Este ano tivemos un Mes do Libro ben especial.

Comezamos celebrando o Día Internacional do libro infantil e xuvenil cunha fermosa xornada de lecturas, xogos e cancións compartidas co alumnado de infantil do CEIP Os Casais.

Chegou logo o Día do Libro e organizamos unha Maratón de Lectura co alumnado de 1º, 2º e 3º de ESO. Pedímoslles que trouxeran o seu libro favorito para que despois de ler un pequeno fragmento nos contaran o motivo polo que nos recomendarían a súa lectura. Como sempre que organizamos este tipo de lecturas compartidas a resposta foi magnífica. Comentarvos que os autores favoritos do grupo de alumnado participante son Xabier Docampo e Final Casalderrey e a súa temática preferida o terror, as sagas vampíricas e, por suposto, as lendas. Ano tras ano, o libro "De Lenda en lenda" está presente entre os nosos favoritos.

Pero como xa todos sabedes a actividade estrea, polo número de Implicad@s, foi a iniciativa Para que les?

A súa paración comezou ben axiña, alá polo mes de novembro. O noso obxectivo, organizar unha macro exposición colectiva entre o maior número posible de Bibliotecas Escolares, e podemos dar fe de que ese obxectivo acadouse. Máis de 100 centros de toda Galicia e un de Lleida quixemos saber o motivo que nos leva a coller un libro nas máns e deixarnos abrazar pola maxia das súas palabras.

A resposta non poido ser mellor, recibimos máis de 250 respostas á gran pregunta lanzada dende Implicadas No Desenvolvemento. Para que les?

Agora, unha vez enmaquetadas, coloreadas e colocadas todas esas respostas en portas e paredes do noso instituto toca reflexionar e debater, dentro e fóra das aulas, e de xeitos ben diversos, sobre eses motivos tan marabillosos que a xente tan dispar nos leva a ler.

Dende O Segrel queremos agradecer a todas e cada unha das persoas, coñecidas ou non, que se implicaron nesta fermosa iniciativa, que nos permitiran facérnos partícipes dos seus sentimentos, das súas emocións e que dende a pasada semana podamos disfrutar do placer que supón a lectura das súas respostas.

Velaquí unha pequena montaxe para a que utilizamos unha nova ferramenta "Flixtime". Grazas Mesturas



Actualizado o martes día 27 de abril
Entrade en Radio Barullo e podedes escoitar a entrevista que con motivo da celebración do noso terceiro aniversario na blogosfera nos fixeron en A Fenestra de Radiofusión

sábado, 24 de abril de 2010

Para Que Les?

Para que les?

Para que lemos?

Velaí tedes unha pequena escolma das máis de duascentas respostas recibidas. Fermosísimas, non si? Pois todas elas están a encher as paredes do noso instituto.

Cantas cousas nos unen, por moi diferentes que sexamos... e a lectura é unha delas!!


venres, 23 de abril de 2010

Tamén Len!!

Actividade organizada dende o CEIP Milladoiro - Malpica, con motivo do Día do Libro, e que forma parte, xunto co "Para que les", da exposición que comezamos a montar a pasada semana e da que estamos a disfrutar non só en O Segrel senón en 102 colexios e institutos de Galicia.

Exposición que xorde fruto dun traballo colaborativo doutras tantas Bibliotecas Escolares Galegas.


Sentímonos moi orgullosos de que neste grupo dos que "Tamén len" figuren dous dos nosos antigos alumnos "Edgar Vigo e Fátima Ameneiro". Dous intrépidos e solidarios viaxeiros que nos acompañaron na xornada de inauguración deste curso para falarnos da súa experiencia no Rally Solidario a Mongolia.

Feliz Día do Libro !!

Como cada 23 de Abril, "Día Internacional do Libro" dende O Segrel, queremos felicitarvos a tod@s vós, amig@s e visitantes, e desexarvos unha vida chea de femosos momentos de lectura como os que hoxe queremos presentarvos.

Distintos momentos, distintos lugares e, como non, uns protagonistas ben dispares, pero velaí tedes eses momentos de lectura polo mundo...

Que o disfrutedes tanto coma nós !!

Hoxe Cumplimos 3 Anos !!

E parece que foi onte cando entramos a formar parte desta "tolemia colectiva"!!

Hoxe, 23 de abril, "Día do Libro" O Segrel cumple tres anos na blogosfera e, como xa é habitual en cada aniversario, temos unha sorpresa especial...



No noso 1º Aniversario saiu á blogosfera Radio Barullo; no 2º Aniversario comezamos a dar os nosos primeiros pasos en Twitter e hoxe, no 3º Aniversario "Xa temos perfil no Facebook!!".

Pero esta celebración non tería sentido algún se non a compartíramos con tod@s vós, pequechos e grandes, amig@s de aquí e de acolá, con tod@s @s que, de calquera xeito, estades a facer este camiño ao noso carón.

Grazas por estar sempre aí e que sexan moitos máis en tan boa compaña!!


domingo, 18 de abril de 2010

Encontros de Bibliotecas Escolares

O xoves e venres da semana pasada, celebráronse en Santiago os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2009/2010. Uns Encontros, inaugurados polo Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria que estivo acompañado polo Director Xeral de Centros e Recursos Humanos e o Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e por suposto de Cristina e Pilar, as verdadeiras artífices duns Encontros aos que ano tras ano somos convocad@s @s responsables das bibliotecas escolares acollidas ao Plambe co fin de afondar na nosa formación no campo das Bibliotecas escolares.

Nesta ocasión, á primeira xornada só foron convocados os centros de nova incorporación, polo que moitos de nós non puidemos disfrutar da sempre inestimable presencia de Juan Mata de quen nos confesamos admiradores e fieis seguidores, e cuxa conferencia, en palabras dalgúns dos alí presentes, "Foi marabillosa e emocionante", "Extraordinaria, o mellor", "A min fíxome chorar"... Sentímos enormemente non ter asistido e a todos aqueles que non o teñades lido, que imaxino seredes ben poucos, dende O Segrel queremos recomendarvos "Como mirar a la luna" Imprescindible cando se fala de acompañamento no proceso lector.

Nesa primeira xornada tamén se falou do Plambe, do programa de xestión Meiga, da Integración da biblioteca no currículo e da selección dos fondos da biblioteca.

A segunda xornada comezou cunha interesantísima conferencia a cargo de Manuel Area que nos falou de Bibliotecas Escolares e ALFIN, poñendo énfases na importancia da metodoloxía sobre o recurso utilizado; no sentido da biblioteca na era dixital, na sociedade da cultura dixital e na imprescindible necesidade de replantexarnos o modelo de escola que queremos.

Despois a pausa-café, un tempo imprescindible neste tipo de xuntanzas, onde o encontro cos compañeiros, os amigos de sempre, é esa inxección de forzas e folgos que nos dan pulo para continuar nesta tarefa tan intensa de levar adiante as nosas bibliotecas escolares, ademáis dun tempo necesario para ver algúns dos magníficos traballos que se están a desenvolver dende as nosas bibes así como poñer cara aos novos membros desta nosa familia Plambeira, que no caso do grupo Plambe-Ferrolterra foi ben importante, pois dende aquel primeiro encontro no ano 2008 cando este grupo estaba formado por 13 membros pasamos aos 29 de agora. Estamos encantados e moi ilusionados co novo futuro que se nos plantexa de traballos colaborativos, de intercambio de experiencias e de postas e común, así como coas novas "asesoras responsables" de Bibliotecas Escolares no CFR de Ferrol Ánxela Loureiro e Gabriela Sánchez. Benvidas ás dúas!!

E tras o café o que para moitos de nós foi un gran descubrimento, Puerto Menéndez Prieto que nos presentou algunhas das fantásticas experiencias ALFIN que está a levar a cabo no IES nº5 de Avilés. Extraordinario traballo!!. E posteriormente Carmen Campos presentounos o portal Ler.es, portal virtual do Ministerio de Educación para o fomento da lectura en todo tipo de soportes.

Tras o Encontro por zonas e a pausa-café da tarde, Roser Lozano da Universidade Rovira I Virgil de Tarragona falounos da función das bibliotecas escolares na formación de novos lectores. E tras dela chegou a clausura dos Encontros que correu a cargo de Cristina Novoa e Pilar Sampedro da Asesoría de Bibliotecas Escolares e artífices dun programa, como sempre, ínmellorable, a quen queremos felicitar polos magníficos Encontros aos que vimos de asistir e que teredes a posibilidade de seguir a través da páxina Moodle da Asesoría onde xa están todas as ponencias e axiña os vídeos das mesmas.

E como non pode haber Encontros sen reportaxe gráfica, velaí a tedes...

xoves, 15 de abril de 2010

Madriñas e Padriños Lectores en "Os Casais"

O pasado martes celebramos o Día do Libro Infantil e Xuvenil dun xeito ben especial.

Os protagonistas, os nenos e nenas de infantil do CEIP Os Casais (Fene) e 6 mozas e un mozo de 2º de bacharelato do noso instituto. Unha fermosísima experiencia de lectura compartida, onde o compoñente afectivo estivo ben presente, non hai máis que ver a morea de bicos co que nos despediron os nosos marabillosos anfitrións.

O noso alumnado preparou a actividade con moitísima ilusión e dedicaron un par de recreos para ensaiar o tono, o ritmo, en definitiva, o xeito de ler un conto aos máis pequechos, e non só ler, pois montaron un pequeno teatro de monicreques e acabaron cantando e xogando cos nenos e nenas acompañados pola música de "Contos en Cantos".

O resultado, que vos vou contar eu se teño que recoñecer que nesta ocasión a obxectividade é imposible. Nós, quedamos convidados para seguir compartindo lecturas.


O conto elixido foi "Corre corre, Cabaciña". Adaptación de Eva Mejuto dun fermosísimo conto popular portugués ilustrado por André Letria e publicado por OQO Editoria.

Música: O tema "Corre corre, cabaciña" de Contos en Cantos de Almudena Janeiro, publicado por OQO Editora.

O noso agradecemento ao alumnado e profesorado do IES Os Casais polo seu agarimo. Ata sempre!!

luns, 12 de abril de 2010

Nen@s e Xoves do Mundo III (Exipto II)

Hoxe, como xa vos comentamos, imos amosarvos o pobo Nubio unha xente hospitalaria, agarimosa e dunha beleza, como ides comprobar, extraordinaria.


Foi esta unha experiencia inesquecible como sempre que se viaxa coa mente ben aberta para poder voltar coa mochila repleta de marabillosas experiencias compartidas con xente extraordinaria que nos axudarán a ser mellores persoas.

Grazas mil de novo a Ibrahim e Alaa por achegarnos ao seu pobo e á súa cultura. Ata sempre amigos!!

sábado, 10 de abril de 2010

Nen@s e Xoves do Mundo III (Exipto I)



Hoxe retomamos o percorrido que comezamos o ano pasado (Tibet, Nepal) para achegarvos aos nen@s e xoves do mundo e o facemos dende Exipto.

Un país fermosísimo ao que todos cremos coñecer, pero que no mesmo momento en que nos adentramos polas súas rúas, e nos achegamos ás súas xentes, nos damos de conta de que ese coñecemento é máis ben superficial e cheo de prexuizos.

Sabemos da súa historia pasada, pero ben pouco das xentes que viven nun país que sempre nos provocou unha enorme atracción e que despois dunha marabillosa viaxe esa atracción aumentó e non vemos o momento en que poidamos voltar, máis non perdemos a esperanza...

Alí nos esperan bos amigos, Ibrahim, Alaa, Shimaa, ماجد رشدى ... para todos eles o noso agarimo, polos marabillosos momentos que pasamos xuntos e que fixeron posible ese achegamento ao seu pobo e a súa cultura.


Para saber máis:

Contos e lendas do Antigo Exipto

Un pouco de historia para os máis pequenos

Pronto a segunda parte, "Visita ao pobo Nubio"!
Actualizado o 12 de abril

xoves, 8 de abril de 2010

Un Día do Libro Moi Especial, "Implícate"!!

Curiosidade... Que están a ler? (Atopámola aquí)

Este ano, o 23 de Abril vai ser un Día do Libro especial en moitas Bibliotecas Escolares Galegas.

Unha iniciativa que partiu do Club de Lectura Virtual de Implicadas e que chegou a nós a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares, espallouse por toda Galicia dun xeito extraordinario. Neste momento xa somos 103 coles e institutos os "Implicandos" nun fermoso traballo colaborativo e compartido.

A proposta consistía en respostar á pregunta PARA QUE LES? en non máis de 140 caracteres. Ao blog de Implicadas comezaron a chegar respostas que, coa autorización de todos os participantes, fomos recollendo e enmaquetando nuns fantásticos carteis obra de Jaime Eizaguirre Santillán, extraordinario arquitecto, debuxante, ilustrador... que nos agasallou cuns magníficos deseños. (Dende 2007 publica as súas viñetas en Ana + Eiza )

Agora, e unha vez enmaquetadas as respostas, o que se está a facer nos centros, e coa axuda de alumnado e profesorado "implicado", é darlles o noso toque persoal utilizando cores e texturas diferentes, coa idea de facelos cada un de nós un pouco máis nosos.

O obxectivo é que o día 23, portas e paredes dos nosos coles se enchan de fermosos comentarios que nos fagan reflexionar aos distintos membros das nosas comunidades educativas sobre os motivos que levan a xente coñecida, ou non, a ler. Motivos tan dispares e diversos como as persoas que participan nesta fermosa iniciativa que son moitas, pois moitos son os usuarios e amigos das bibliotecas escolares galegas.

Se queres, aínda estás a tempo de participar nesta celebración do Día do Libro. IMPLÍCATE!!

Onte presentamos a iniciativa PARA QUE LES? en A Fenestra, o magazine local de Radiofusión de Fene.

Podedes escoitar a entrevista completa en Radio Barullo

mércores, 7 de abril de 2010

Revolucionario dispositivo de acceso á información

No sitio www.leerestademoda.com preséntannos o orixinal dispositivo de acceso á información con todos os seus accesorios. Non vós perdades o vídeo e disfrutade deste innovador "gadget". Imprescindible, a ademais temos moitos no "insti" que están preparados para o seu uso. Non hai que esperar que nos manden os novos "trebellos" desde a Consellería de Educación :-)

martes, 6 de abril de 2010

A Frase do Mes









"O libro que se suprime consigue máis atención como pantasma da que tería conseguido en vida; o escritor que hoxe é silenciado faise famoso mañá por ter sido silenciado. Incluso o silenzo, nun contorno de censura, pode ser elocuente."






J. M. Coetzee
(Nobel de Literatura 2003)




Fotografía de Javier Pedro Fernández Ferreras. Atopámola aquí

domingo, 4 de abril de 2010

Libros Prohibidos e Censurados

Na semana da Literatura Infantil e Xuvenil queremos achegarvos unha serie de libros que en distintas épocas e por distintos gobernos foron e están a ser prohibidos ou censurados por ser considerados "perigosos"

Tres deses libros, escritos por Beatriz Doumerc e Ayax Barnes; son "La Línea", "El Pueblo que no quería ser gris" e "Una pluma con historia", que tal e como aparece recollido en "Un golpe a los libros (1976-1983)", a dictadura militar arxentina censurou.

Podemos ver unha interesante relación en Forbidden Library. De entre todos eles fixemos unha pequena selección á que engadimos os motivos polo que son merecedores de estar entre os elexidos", (non teñen desperdicio...)

Nesa escolma, como podedes comprobar, hai algunha xoia da literatura infantil e xuvenil.

- Mark Twain; "As Aventuras de Tom Sawyer". Polos insultos racista.

- Lewis Carrol; "Alicia no Paí­s das Marabillas". Prohibido en China por poñer ao mesmo nivel a homes e animais.

- Roal Dahl; "Charlie e a fábrica de chocolate". Pola súa mala filosofía da vida.

- Jonathan Swift; "As viaxes de Gulliver". Por obsceno.

- Irmáns Grimm; Os seus contos. Pola súa excesiva violencia

- J. K. Rowling; "Harry Potter"; numerosas comunidades relixiosas considérano diabólico.

- Justin Richardson and Peter Parnell; "And Tango makes three"; editado en castelán por RBA "Tres con Tango"; a tenra historia dunha parella de pingüinos machos que adoptan un ovo do que nace Tango, por terceiro ano consecutivo, ocupa o primeiro posto nas listas dos libros máis censurados, os motivos, por promover a homosexualidade e ir contra a familia. E pensar que está basado nunha historia real ... !!

"Os libros e as ideas son as armas máis efectivas
contra a intolerancia e a ignorancia"
Lyndon B. Johnson

venres, 2 de abril de 2010

Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil

"Un libro espera por ti, búscao!"

É o lema baixo o que hoxe, día 2 de abril, se celebra o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil.

Dende 1965, o IBBY promove esta data para homenaxear e conmemorar o día do nacememto de Hans Christian Andersen.

Asímesmo, cada ano publica un cartel cunha mensaxe e unha ilustración deseñados por un escritor e un ilustrador do pais onde se celebra o Congreso Internacional IBBY. Este ano celebrarase en Santiago de Compostela, polo que os dous son obra de artistas españois, a ilustradora Noemi Villamuza e o escritor Eliacer Cansino.

A través do blog Hora de Ler accedemos ao tríptico nas catro linguas do estado. Non deixedes de ler o fermosísimo texto de Eliacer Cansino. Emocionante!


Velaí tedes os carteis destes últimos anos.
Carteis Vía Imaginaria (Para ver os pés de foto hai que premer no "bocadillo" que aparece na esquina inferior esquerda. Deberá estar de cor verde)

Para ver os carteis dos dez últimos anos e os textos que os acompañan, visitade o Club de Lectura O Segrel e os atoparedes no lateral esquerdo. Premede neles e poderedes ler eses extraordinarios textos. Merece a pena!!

En "O Segrel do Penedo", este ano, a celebración do Día do Libro Infantil e Xuvenil, e grazas ao profesorado e alumano do CEIP Os Casais (Fene), vai ser algo ben especial. Pero isa é outra historia que vos contaremos ao seu debido tempo...

Related Posts with Thumbnails