martes, 30 de maio de 2017

Roteiro Coruñés



Hoxe, martes 30 de maio, realizamos unha visita á Cidade da Coruña co alumnado de 3ºESO.

Como complemento da visita á RAG e á Casa-Museo de Emilia Pardo Bazán, o alumnado realizou un percorrido previo pola cidade vella da Coruña.

Comezou a andaina no castelo de San Antón, fortaleza defensiva do s. XVI, cárcere e actualmente, museo arqueolóxico. O seguinte punto foi o Xardín de San Carlos, co sepulcro de John Moore onde se leu o poema de Rosalía a el dedicado.

Despois visitamos a praza de Sta. Bárbara, a colexiata de Sta. María e a Praza de Azcárraga (antiga praza da fariña). Tamén lemos uns poemas diante da casa na que viviran Rosalía e Murguía no 1870.

Xa pola tarde, mentres a metade do grupo visitaba a exposición de Urbano Lugrís, a outra metade percorría os Xardíns de Méndez Núñez parándose diante dos monumentos dedicados a Curros Enríquez, Castelao, Pondal, Murguía e Pardo Bazán. En  cada un deles léronse textos dos correspondentes autores, e para rematar este fantástico roteiro pola cidade vella da Coruña, cantamos o mítico tema Imagine, diante do monumento a John Lennon. 
Roteiro Coruñés

 Clicar na imaxe para ir ao álbum

xoves, 18 de maio de 2017

Carlos Casares no Segrel

O pasado xoves, 18 de maio, O Segrel celebrou o Día das Letras adicado, este ano, á figura de Carlos Casares. E que mellor xeito de achegarnos á figura deste grande das nosas letras que a través da persoa de Ramón Loureiro.
Durante case dúas horas, que se nos fixeron ben curtas, Ramón foi quen de facer posible que sentíramos a Casares ben preto de nós. E a maxia foi posible a través das súas palabras, en moitas ocasións emocionadas, que amosaron a fonda amizade e a grande admiración que Ramón sentía e sente polo escritor, pero sobre todo pola persoa de Casares de quen dixo era "moi bo e xeneroso, unha grande persoa".
O encontro foi presentado por Carlos Ardá e Sabela Seco (3ºESO). E rematamos cunhas fermosas lecturas a cargo de Ramón, que leu un dos artigos de Casares, e de Anxo Cabrero (3ºESO) que leu  "Deus sentado nun sillón" do libro Casares escrito por Ramón e que remata así...
"[...] Casares conseguiu que hoxe siga tendo, ademáis dunha lingua, esperanza.
E eu non sei se haberá mil primaveras, esas mil primaveras que Cuqueiro ansiaba, pero estou convencido de que aínda nos quedarán varias. E de que é, por iso, non por ninguna outra razón, polo que os paxaros cantan."

Graciñas Ramón, por facer posible que a túa emoción tocara o noso corazón.
Encontro Ramón Loureiro

A reportaxe dese encontro tan especial no Segrel (Clicade na foto). 

Caricatura de Casares obra do debuxante Santy Gutiérrez


Related Posts with Thumbnails