martes, 29 de xaneiro de 2013

Agustín Fernández Paz Doutor Honoris Causa Universidade Vigo


Onte, día 28, Agustín Fernández Paz, un dos grandes das nosas letras, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo. Un nomeamento no que se ve recoñecido non so o seu papel no eido da Literatura Infantil e Xuvenil senón como loitador pola nosa cultura e a nosa lingua como podemos comprobar, non sen emocionarnos, cando lemos o seu discurso de investidura que aquí vos achegamos .


Vía

Dende O Segrel, en nome de todos os membros da nosa comunidade educativa, queremos achegar os nosos parabéns por tan merecidísimo recoñecemento ao noso benquerido e admirado Agustín.

luns, 28 de xaneiro de 2013

Fina Casalderrey nos Blogues das Bibes Galegas


Vía Biblioteca do Cole


Con motivo do nomeamento de Fina Casalderrey como membro numerario da Real Academia Galega, en datas recentes, as bibliotecas escolares galegas quixeron xuntarse de forma virtual e facerlle unha homenaxe publicando, nos seus blogues, unha mesma entrada de felicitación e recoñecemento. Con Fina Casalderrey a Literatura Infantil e Xuvenil entra na Academia como o que é, como literatura de pleno dereito. E tamén entra o profesorado cos pés na terra e o corazón vivo. Parabéns!

luns, 21 de xaneiro de 2013

Fina Casalderrey: Unha Escritora de LIX na RAG


RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria
Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada,  escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas).
Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (¿acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!

xoves, 3 de xaneiro de 2013

Presentación da Novela Gráfica "Bóveda"

Hoxe, na Asociación Veciñal de Perlío, tivo lugar a presentación da Novela Gráfica Bóveda, un alegato pacifista contra a inxustiza, con texto de María Xesús Arias, de quen xa tivemos ocasión de falar no Segrel con motivo da presentación da publicación "O Cine na comarca de Ferrol", da que é coautora; e debuxos de Carlos Sardiña magnífico ilustrador a quen coñecemos a través desta novela e non pensamos perderlle a pista, encantounos o seu traballo. 

Esta novela enganchounos dende a súa primeira páxina, pode que tamén axudase o feito de que parte dunha realidade que nos é moi familiar, un rapaz que ten que facer un traballo sobre a figura de Alexandre Bóveda e a súa nai e quen lle bota unha man para facer esa pescuda a través de rede e da información que ela mesma lle facilita. Texto e imaxes métennos de cheo na Galiza de Castelao, de Otero Pedraio, de Ramón Cabanillas, no nacionalismo galego e na guerra civil, e cando rematamos a súa lectura xorde a necesidade de saber máis, de informarnos e de comprobar o actual que hoxe en día está a figura de Alexandre Bóveda, un loitador polas liberdades, un dos grandes do noso país.

Dende O Segrel, os nosos parabéns a Pitusa e a Carlos polo seu magnífico traballo e a todos os que fixeron posible que este proxecto sexa unha realidade.


Related Posts with Thumbnails