sábado, 31 de maio de 2008

Xabier Docampo no "Canal YouTube de Radio Barullo"


O pasado mércores, recibimos a visita de Xabier Docampo. O alumnado de 1º e 2º de ESO disfrutou da súa charla.

O seu libro “Cando petan na porta pola noite” foi o primeiro que limos no Club de lectura e na sesión do club fixeron comentarios ben interesantes que unha vez diante do “autor” parece que non foron quen de facelos, deberon ser os nervos...

Xabier Docampo falounos de literatura, de libros, de escritura…

Eu non estou orgulloso dos libros que escribín, o que si estou é orgulloso dos libros que lín

Lendo decateime que os libros falaban de min… contaban o que eu sentía, ou eu sentía o mesmo que sentía o autor

Eu, escribo tamén para lerme. Impórtame o que escribo, para lerme

Eu podo vivir sen publicar, o que non podo é vivir sen escribir. Se non escribo non sei quen son

A charla foi ben amena, Xabier sabe como chegar aos rapaces, e aos nosos chegou e de que xeito!! Fixo que se sentiran moi a gusto e que disfrutaran da súa conversa.

Gracias Xabier, por facerlles ver que a lectura pode ser un verdadeiro pracer!!


E para rematar, asinounos a profes e alumnos, algúns dos seus libros e tamén asinou no noso Libro De Ouro.

Visitade Radio Barullo e a través do seu Canal Youtube podedes ver o encontro que mantivemos con este magnífico escritor.


luns, 26 de maio de 2008

Roteiro polas Bibliotecas Escolares (V): O IES Alexandre Bóveda


Acta, informal, do acontecido a mediados de maio en Vigo e arredores:

O comité de recepción (Beni) na porta principal. O señor director no recibidor. O xefe de estudos pendente da nosa chegada. Que ben saben facer as cousas no IES Alexandre Bóveda de Vigo. Como se esmeran cando son visitados-inspeccionados polo inspectores de bibliotecas escolares.



Os GBI (A nosa biblioteca, Biblioafonso e O Segrel do Penedo) tivemos insistentes chamadas para visitar a biblioteca deste centro de Vigo. Mesmo tivemos que pospoñer outra visita xa concertada con anterioridade. Que nos quería amosar Beni? Cal era a razón da súa insistencia?
No recibidor do centro xurde, desde o século XIX, Xulio Verne. O globo dalgunha das súas famosas novelas sobrevou as nosas cabezas. Todo o que se pode expoñer sobre o autor francés, incluso a noticia da súa presenza en Vigo, está amosado na completísima exposición que enche de vida os corredores do Alexandre Bóveda. Traballo de moitos meses reflectido nas paredes.
Pero, onde estaba a biblioteca?


Por fin, tras múltiples explicacións sobre a colaboración dos departamentos (magnífico polbo realizado por Cristina de plástica) e os contidos da exposición, conseguimos entrar na biblio. Mais, que é unha biblioteca? un almacén de libros ordenados, tan só iso? Sofás, ordenadores, televisor, canón de vídeo, dvds, revistas e libros, moitos libros nun espazo atractivo e agradábel. Polo tanto, se xulgáramos a calidade dunha biblioteca pola utilización que dela fan os seus principais destinatarios (o alumnado) o IES Alexandre Bóveda, conta cunha extraordinaria biblioteca. Biblioteca que non só ten un curruncho para Xulio Verne senón que tamén ten un zombi, si, si, un auténtico zombi para animar á lectura e á busca de información. Ai se o seu traxe falara!!!

Tras a inspección, degustamos?, devoramos? un suculento guiso de peixe no restaurante Camineira en Aldán acompañados por todo o grupo da Biblio. Foi unha comida ben agradábel na que rimos e falamos de libros, dinamización, Bibliotecas Escolares, reivindicacións...

E despois da comida que? Unha viaxe na que quedamos abraiados coa beleza desta ría e impactados coa fermosura do conxunto arquitectónico de santo André de Hío. Difícil será superar a calidade da acollida recibida polos GBI. Quen se atreverá a organizarnos a seguinte inspección deste grupo despois da visita a Vigo-Aldán?

Grazas Super Beni, Sara, Cristina, Paco... a nosa primeira saída oficial fóra da provincia da Coruña tivo un resultado excelente.

Que se vaian preparando por Monforte!!!



Outros Roteiros
CEIP Milladoiro-Malpica
CEIP José Cornide (A Coruña)
IES Uxío Novoneyra (A Coruña)
IES de Arzúa

Tamén nos outros GBI Blogues
A Nosa Biblioteca
Biblioafonso

xoves, 22 de maio de 2008

Toy story

free music

Había unha vez tres lindas princesas que foron á academia de policía.



A súa misión foi levar a toda esta tropa...

...a unha exposición.


luns, 19 de maio de 2008

Día das Letras Galegas

O pasado venres celebramos o Día das Letras Galegas.

Sempre é un día grande no IES de Fene, pero nesta ocasión foino, se cabe, un pouco máis pois tamén celebrábamos o premio acadado polo blogue da nosa biblioteca.

O Segrel do Penedo, “2º Premio de Blogues de Centros” no II Premio Espiral Edublog.

As actividades comezaron ás 10.25 con “Poemas para Un Día”, actividade realizada polo alumnado de 1º e 2º de ESO e na que a poesía galega e os seus autores son os protagonistas principais.

Cada alumno confecionou o seu libriño de poemas e os gañadores da proba leron un poema elixido por eles en Radio Barullo.

Ás 11.15 pasamos á seguinte actividade “As Caras das Letras". Nesta ocasión, os participantes tiñan non só que organizar o seu libro con distintos autores aos que se lles adicou o Día das Letras, senón que tamén debían buscar certa información sobre os mesmos.

Mentras, o alumnado de 3º de ESO, e durante dúas horas, realizaba unha Webquest sobre Álvarez Blázquez. Webquest froito dun traballo colaborativo entre o IES Afonso X de Cambre e o IES de Fene.

Despois do recreo, que algún dos equipos participantes prefiriu dedicar a rematar as probas anteriores, comezou a segunda parte da celebración na que participaban todos os grupos, dende 1º a 3º de ESO. (Nesta ocasión non tivemos conosco ao alumnado de 4º xa que tiñan unha saída á Coruña)

Ás 12.30 comezou a Xincana Cultural, oito probas que remataban cunha novidade, a lectura dun acto da obra de teatro "O cartafol de Ruperto" de Xosé Agrelo Hermo.

Tamén enchemos os corredores que levas á nosa biblioteca coas suxestións de lectura dalgún dos nosos libros favoritos. Nesta ocasión fixemos nosa unha actividade que propón o protagonista dunha das historias da última obra de Agustín Fernández Paz "O único que queda é o amor" e que dende aquí recomendamos a súa lectura.

E como non, tamén participamos no festival "A Mocidade Coa Lingua" que tivo lugar no Parque Raíña Sofía en Ferrol coa actuación do grupo "Matutanos" formado por alumnado de 3º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato.

Os rapaces e rapazas participaron nunha serie de actividades nun contexto onde a busca de información, os libros, a literatura, a nosa cultura, a música e a diversión estiveron presentes ao longo de toda a xornada. Todo un éxito.

Parabéns a todos e todas as participantes, alumnado e profesorado. O ano que ven máis!!!!!


venres, 16 de maio de 2008

Os Nosos Venres Musicais (XVIII)

Recibimos un e-mail de Nilo, un camioneiro checo que fai a ruta Praga–Narón todas as semanas. Sempre para a comer en Vega de Valcarcel. Alí coñeceu a Elba, unha profesora de galego no Bierzo. Empezaron a falar porque os dous, despois do postre, sempre se levantaban a tomar o café na barra para escoitar as noticias do telexornal. Nilo volveu ao camión despois de dous meses sen traballar, por culpa dunha lumbalxia, e está bastante preocupado porque non atopa a Elba. Pídenos axuda para ver se somos quen de volver a poñelos en contacto e quere que lle dediquemos esta canción de Willie Nelson...





Tamén nos di que Elba lle prestou un libro moi chulo, “Galicia en cen prodixios” e que el atopou un prodixio máis, porque lle parece ben raro que, nun país con tantos ríos, alguén puxera un letreiro tan grande a un regato na A6 a uns dez quilómetros de Lugo.







Nota da redacción: ás cinco horas de publicar esta entrada, recibimos un correo de Elba no que nos pide a versión de Katie Melua dun vello tema de Cannet Head, para dedicarllo a Nilo e decirlle que o prodixio do letreiro ten unha explicación, aínda que a ela lle interesa máis a marabilla de volver a saber del.




sábado, 10 de maio de 2008

Agustín Fernández Paz no IES de Fene (II)

Agustín Fernández Paz - Obra



Se queres saber que obras de Agustín Fernández Paz hai nos fondos da nosa biblioteca preme na imaxe, e para ampliala só tes que entrar en "Options" e elixir "Single page mode"

E non deixes de entrar en Radio Barullo para disfrutar dalgúns dos momentos do seu paso polo noso Instituto.


Non queremos deixar de disfrutar da visita de tantos e tan bos amigos que pasan polo IES de Fene, e por iso hoxe inauguramos o noso Canal Youtube e a verdade é que non podíamos ter mellor padriño.

Que o disfrutedes coma nós!!!

venres, 9 de maio de 2008

Agustín Fernández Paz no IES de Fene

Hoxe, no IES de Fene, tivemos a enorme fortuna de poder disfrutar da presenza de Agustín Fernández Paz.

Esta mañá e durante hora e media, que nos soupo a ben pouco, reunímonos o alumnado de 2º e 3º de ESO, os membros do Club de Lectura e algúns profes, con este home extraordinario e que fixo a ledicia de todos e todas nós. Tamén tivemos unha “invitada especial” Antía, alumna de 2º de bacharelato, unha boa lectora e mellor escritora, e cuxo libro favorito, que recoñece saber case de memoria, é “Corredores de Sombra”. Como é lóxico, non quixemos que perdera a oportunidade de escoitar ao seu escritor favorito.

Agustín falounos do “chispazo”, de como xorden as ideas das que despois saen as historias, de cal é o proceso que el segue para escribir as súas novelas, dos 6 ou 7 borradores previos ao definitivo “Salvo aos xenios, e eu non o son, ás persoas normais as cousas non nos saen á primeira”. Ensinounos o seu borrador cero, esa marabillosa libreta amarela, unha xoia que nos permitiu non só ver, senón ler e fotografíar.

Este home tan cercano, afable, e fantástico contador de historias, engaiolounos a todos, e notouno nos nosos ollos, e así nolo fixo saber na súa despedida.

Como dixo Inma, profe de Ciencias, “Se alguén non tivera lido un dos seus libros, despois de escoitalo non deixaría de facelo. Vaia xeito de fomentar a lectura!”

E rematada a conversa algúns rapaces e profes achegámonos co noso libro favorito para que no lo asinara. Por suposto que tamén asinou no Libro de Ouro de O Segrel do Penedo.

Non podería haber xeito mellor de comezar a celebración do Mes das Letras.

Nuns días, e a través de Radio Barullo, poderedes disfrutar do video desta conversa con Agustín Fernández Paz.


xoves, 8 de maio de 2008

Entrevista a Antía dende Radio Barullo



Esta semana, e despois de superar algúns problemas "técnicos" Radio Barullo sae novamente á blogosfera cunha entrevista a Antía, alumna de 2º de bacharelato, gran lectora e mellor escritora, e agora tamén compoñente dun dos grupos musicais que se formaron este curso no instituto "Los Matutanos".





Nos vos perdades a entrevista que lle fixo Roberto.

mércores, 7 de maio de 2008

Finalistas II Premio Espiral!!

GRACIÑAS A TOD@S !!!



Picade no logo e teredes a relación dos finalistas grazas a ANB


martes, 6 de maio de 2008

1ª Xuntanza do Plambe-Ferrol

Hoxe, día 5, do mes 5 ás 5 da tarde reunímonos no CFR de Ferrol 9 responsables das 13 bibliotecas escolares de Ferrolterra incluidas no PLAMBE. Realmente éramos 11, pois dúas compañeiras xustificaron a súa ausencia e prometeron non faltar á seguinte. (A inauguración da Biblioteca de Somozas é causa máis que xustificada para non vir. Están cos preparativos da celebración!!!! Dende aquí enviámoslles os nosos parabéns.)

Nesta ocasión fixo de mestre de cerimonias Antón Cortizas, en Sanxenxo foi Pilar Sampedro, así que os dous quedan nomeados "Membro Honoris Causa" do grupo Plambe-Ferrol.

Comezamos presentándonos, xa que non nos coñecíamos todos, e expoñendo o motivo que nos traía á reunión, que non era outro que "botar a andar unha nova etapa de colaboración e reflexión compartida". O traballo colaborativo, a posta en común das nosas experiencias e tamén, como non, facer terapia de grupo, que sempre ven moi ben, é causa máis que suficiente para este "mini-encontro plambeiro".

Falamos do que estamos a facer, dalgúns dos nosos proxectos, fixemos terapia... e despois dunha hora longa de conversa, chegamos ás seguintes conclusións:
  • Reunírmonos unha vez ao mes. A próxima reunión será o luns 2 de xuño ás 5 da tarde no CFR de Ferrol
  • Reunírmonos unha tarde para irnos poñendo ao día nesto das novas tecnoloxías.
  • Redacción dun escrito para enviar á Dirección Xeral, á Asesoría de Bibliotecas Escolares e ao CFR de Ferrol no que queremos reivindicar:
    • A asesoría de Bibliotecas Escolares no CFR de Ferrol
    • O recoñecemento da figura do/a Responsable da Biblioteca Escolar no ROC

Creemos que para ser o primeiro día, e chegar todas unha miaxiña tímidas, non o fixemos nada mal, non si?

O noso desexo é que este sexa o principio dunha nova andaina positiva e enriquecedora para todas nós. Do traballo colaborativo é de onde saen as mellores experiencias.

Tamén en:

venres, 2 de maio de 2008

Que mellor no "Día do Ensino"?

Hoxe, "Día do Ensino" e lendo as entradas no noso blogroll (meu deus que xeito de pasar e pasar artigos… algúns deles nin os vemos!!) atopo dúas, para min, fantásticas. Son a de Bibliocaxado e a de Castro de Baroncelli.

As dúas falan de libros, de lectura e… unha delas, ademáis, de Ferrol...

Bibliocaxado enlaza co artigo de Manuel Rivas que aparece hoxe no Pais “Os barcos, o leite e os libros”
Unha das cousas que máis se parece a un libro é un barco. E iso foi o que fun contar a Ferrolterra, o mellor porto natural do Atlántico, o grande obradoiro do mar, alí onde se formou, laboriosamente, a estirpe dos mellores construtores de naves. E non lle deixan facer naves! Máis que xeopolítico, o de Galicia éche un caso de sadomasoquismo histórico. Sabemos facer barcos, hai demanda, mais non nos deixan. Temos un millón de vacas, aumenta a demanda e o prezo do leite para o consumidor, mais as familias gandeiras van á ruína. Temos unha lingua, e unha industria cultural que leveda, e aínda hai xente que dedica a vida a escornar contra dela, como os calamitosos que aínda andan a botar dinamita no mar.”

Castro de Baroncelli acércarnos á figura e á obra de Ruvem Alves e a un dos seus artigos "O prazer da leitura"
Se os jovens não gostam de ler, a culpa não é deles. Foram forçados a aprender tantas coisas sobre os textos - gramática, usos da partícula “se“, dígrafos, encontros consonantais, análise sintática –que não houve tempo para serem iniciados na única coisa que importa: a beleza musical do texto literário: foi-lhes ensinada a anatomia morta do texto e não a sua erótica viva. Ler é fazer amor com as palavras. E essa transa literária se inicia antes que as crianças saibam os nomes das letras. Sem saber ler elas já são sensíveis à beleza. E a missão do professor? Mestre do kama-sutra da leitura...”

Entrevista a Ruvem Alves onde fala da súa idea do ensino e do papel do profesor.
Non a perdades!!


Que mellor no "Día do Ensino" que ler e falar sobre a nosa lingua, literatura, ensino, mestres...?
Related Posts with Thumbnails