mércores, 21 de xaneiro de 2009

Zana Briski e os seus "Nenos con Cámara"

Hoxe traémosvos uns fotógrafos moi especiais. As súas fotografías non adoitan sair nas portadas de revistas de gran tirada, nin son expostas en famosas galerías de arte... pero adicádelles cinco minutos e veredes como quedades atrapados pola súa marabillosa historia.

A historia dos Nenos con Cámara xurde da man de Zana Briski, unha fotógrafa que entrou no barrio vermello de Calcuta para fotografar ás prostitutas e quedou impresionada polas condicións de vida que estaban a sofrir os seus fillos. Decide entón ensinarlles a utilizar unha cámara fotográfica e a partir de aí fan un documetal "Los Chicos del Barrio Rojo / Born into Brothels", gañador dun Óscar ao Mellor Documental do 2004, e co que Zana intenta dar a coñecer a vida destes rapaces e procurarlles un futuro mellor.


Tapasi, 11 anos
"Cando conseguimos utilizar unha cámara por primeira vez sentímonos moi ben. Nunca antes tivéramos esa oportunidade... Víamos outra xente facéndoo e desexábamos ter tamén unha cámara"

Tapasi quería ser profesora, e soñaba con ser quen de cuidar aos seus irmás pequenos. Fotografaba a crúa realidade da súa vida, utilizaba a cámara para contar a súa historia. Hai dous anos, con tan só 16, deixou a organización Sabera para casar.

Suchitra, 14 anos
"Cando teño unha cámara nas miñas máns síntome feliz. Sinto que estou a aprender algo... sinto que son alguén"

A fotografía que Suchitra sacou da amiga da súa irmá foi elixida como portada do calendario 2003 de Amnistía Internacional. Con 21 anos casou e marchou de Calcuta.

Shanti, 11 anos
"Tía Zana apréndenos tan ben que todo nos entra na cabeza. Gústanos tanto sacar fotografías que esquecemos facer o noso traballo"

A Shanti gustáballe case máis utilizar a cámara de vídeo. Unha das esceas da escola no documental "Born into Brothels" gravouna ela. Segue a estudar en Future Hope e o está a facer moi ben.

Gour, 13 anos
"Quero amosar nas miñas fotografías como vive a xente desta cidade. Quero explicar o comportamento dos homes

A Gour non lle gustaba o seu contorno e quería utilizar a fotografía para cambialo. Parece que segue a vivir no Barrio Vermello pero xa non mantén contacto con "Nenos con Cámara"

Avijit, 11 anos
"Primeiro quería ser médico, despois artista, agora quero ser fotógrafo"

Artista de gran talento innato gañou moitos premios coas súas pinturas. Foi invitado pola World Press Photo Foundation con sede en Amsterdam, como membro xurado xuvenil no ano 2002. No 2005 conseguiu unha bolsa de estudos por catro anos para un dos mellores institutos Americanos. Comezou este curso na universidade e quere facer medicina e cine.


Created with Admarket's flickrSLiDR.

Estes son só algúns dos protagonistas desta fermosa iniciativa.
Se queredes saber máis entrade en:
Calcuta's Red Light Kids
Kid's with Camera

Atoparás nos fondos da nosa biblioteca a película "Born into Brothels / Los niños del Barrio Rojo"

Ningún comentario:

Related Posts with Thumbnails