A Asociacion de Equipos Directivos da Coruña fai chegar ó Sr. Conselleiro de Educación e a tódolos centros da provincia o seguinte documento no que se valora a adxudicación ós centros do Proxecto ABALAR:
A Asociación de Equipos Directivos da Provincia da Coruña denuncia a grave discriminación por parte da Consellería de Educación dos colexios públicos de educación infantil e primaria no proceso de selección de centros na primeira fase do Proxecto Abalar, de informatización dos centros de ensino dentro do plan Escuela 2.0. Nestas etapas educativa de infantil e primaria (as primeiras e fundamentais etapas do ensino) favorécense aos centros concertados dun xeito “descarado” nas tres áreas da provincia da Coruña: Ferrol, Santiago e A Coruña.
Así a Consellería de Educación favorece ao ensino privado fronte ao público. Mentres aos centros de ensino público lles recorta os gastos de funcionamento para o ano 2010 un 6% aos privados inclúeos de xeito masivo na primeira fase do proxecto ABALAR.
Houbo algúns centros, concretamente colexios públicos integrados, aos que lles dou unha dotación económica específica para instalar a infraestrutura necesaria para participar no proxecto ABALAR e que finalmente non foron incluídos nel. Ningún responsable da Consellería explicou cales foron os criterios seguidos para a selección dos centros participantes realizándose sen ningunha transparencia este proceso.
A relación de centros que se foi publicando na web da Consellería http://www.edu.xunta.es/web/taxonomy/term/242 demostra a clara aposta da Consellería polo ensino privado fronte ao público.
O proxecto ABALAR
Xesús Vázquez Abad: “ABALAR será un referente na implantación das TIC no sistema educativo”
Despois deste anuncio nos medios de comunicación do proxecto ABALAR a falta de información aos centros e a falta de transparencia foi a constante no proceso de selección. Agora atopamos o resultado e supoñemos que ese era o motivo polo que non se nos trasladaba a información.
O proxecto Abalar implicará a dotación dun ordenador para cada alumno. É paradóxico que sendo os centros concertados os que están mellor dotados que os públicos e o alumnado que acude a eles, dada a súa procedencia social, son os que están en mellor situación para ter portátiles, saían favorecidos na implantación deste proxecto. Choca totalmente cun dos plantexamentos "estrela" da Consellería de abandonar a gratuídade dos libros para todos pola gratuídade solidaria para os máis necesitados: os libros gratuitos para quen menos recursos teñen e os ordenadores para as familias de máis recursos.
Esta Asociación esixe que se rectifique e que se inclúan máis centros públicos de infantil e primaria (CEIPs) nesta primeira fase deste importante proxecto de cara a mellora da calidade do ensino. Debería haber máis CEIPs que centros privados para repectar a proporcionalidade destes na rede educativa. Actualmente os CEIPs supoñen escasamente un 10% dos centros seleccionados.
De non ser así pedimos a inmediata dimisión dos responsables deste programa.
Asociación de Equipos Directivos da Provincia da CoruñaPáxina web: http://aedacoruna.org/
Vía Biblioteca Milladoiro-Malpica Grazas !! Difundídeo!!
1 comentario:
e, para rematar con insultos o Delegado do Goberno na Provincia di que os profes da Publica non estamos interesados en formarnos. Tera a cara dura??????
Publicar un comentario