domingo, 18 de abril de 2010

Encontros de Bibliotecas Escolares

O xoves e venres da semana pasada, celebráronse en Santiago os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares 2009/2010. Uns Encontros, inaugurados polo Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria que estivo acompañado polo Director Xeral de Centros e Recursos Humanos e o Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e por suposto de Cristina e Pilar, as verdadeiras artífices duns Encontros aos que ano tras ano somos convocad@s @s responsables das bibliotecas escolares acollidas ao Plambe co fin de afondar na nosa formación no campo das Bibliotecas escolares.

Nesta ocasión, á primeira xornada só foron convocados os centros de nova incorporación, polo que moitos de nós non puidemos disfrutar da sempre inestimable presencia de Juan Mata de quen nos confesamos admiradores e fieis seguidores, e cuxa conferencia, en palabras dalgúns dos alí presentes, "Foi marabillosa e emocionante", "Extraordinaria, o mellor", "A min fíxome chorar"... Sentímos enormemente non ter asistido e a todos aqueles que non o teñades lido, que imaxino seredes ben poucos, dende O Segrel queremos recomendarvos "Como mirar a la luna" Imprescindible cando se fala de acompañamento no proceso lector.

Nesa primeira xornada tamén se falou do Plambe, do programa de xestión Meiga, da Integración da biblioteca no currículo e da selección dos fondos da biblioteca.

A segunda xornada comezou cunha interesantísima conferencia a cargo de Manuel Area que nos falou de Bibliotecas Escolares e ALFIN, poñendo énfases na importancia da metodoloxía sobre o recurso utilizado; no sentido da biblioteca na era dixital, na sociedade da cultura dixital e na imprescindible necesidade de replantexarnos o modelo de escola que queremos.

Despois a pausa-café, un tempo imprescindible neste tipo de xuntanzas, onde o encontro cos compañeiros, os amigos de sempre, é esa inxección de forzas e folgos que nos dan pulo para continuar nesta tarefa tan intensa de levar adiante as nosas bibliotecas escolares, ademáis dun tempo necesario para ver algúns dos magníficos traballos que se están a desenvolver dende as nosas bibes así como poñer cara aos novos membros desta nosa familia Plambeira, que no caso do grupo Plambe-Ferrolterra foi ben importante, pois dende aquel primeiro encontro no ano 2008 cando este grupo estaba formado por 13 membros pasamos aos 29 de agora. Estamos encantados e moi ilusionados co novo futuro que se nos plantexa de traballos colaborativos, de intercambio de experiencias e de postas e común, así como coas novas "asesoras responsables" de Bibliotecas Escolares no CFR de Ferrol Ánxela Loureiro e Gabriela Sánchez. Benvidas ás dúas!!

E tras o café o que para moitos de nós foi un gran descubrimento, Puerto Menéndez Prieto que nos presentou algunhas das fantásticas experiencias ALFIN que está a levar a cabo no IES nº5 de Avilés. Extraordinario traballo!!. E posteriormente Carmen Campos presentounos o portal Ler.es, portal virtual do Ministerio de Educación para o fomento da lectura en todo tipo de soportes.

Tras o Encontro por zonas e a pausa-café da tarde, Roser Lozano da Universidade Rovira I Virgil de Tarragona falounos da función das bibliotecas escolares na formación de novos lectores. E tras dela chegou a clausura dos Encontros que correu a cargo de Cristina Novoa e Pilar Sampedro da Asesoría de Bibliotecas Escolares e artífices dun programa, como sempre, ínmellorable, a quen queremos felicitar polos magníficos Encontros aos que vimos de asistir e que teredes a posibilidade de seguir a través da páxina Moodle da Asesoría onde xa están todas as ponencias e axiña os vídeos das mesmas.

E como non pode haber Encontros sen reportaxe gráfica, velaí a tedes...

3 comentarios:

Mik dixo...

¡Fantástica reportaxe! Acabo de actualizar a entrada do meu blog cunha ligazón a este artigo. Grazas.

O Segrel do Penedo dixo...

Grazas Mik... está visto que ei acabar "adorando" a "eses marditos roedoreeeee"!!!!
Apertas de queixo dende Fene

Encarna dixo...

A RAIOTECA tamén lle parece unha estupenda reportaxe.
PARABÉNS!!!

Related Posts with Thumbnails