Curiosidade... Que están a ler? (Atopámola aquí)
Este ano, o 23 de Abril vai ser un Día do Libro especial en moitas Bibliotecas Escolares Galegas.
Unha iniciativa que partiu do Club de Lectura Virtual de Implicadas e que chegou a nós a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares, espallouse por toda Galicia dun xeito extraordinario. Neste momento xa somos 103 coles e institutos os "Implicandos" nun fermoso traballo colaborativo e compartido.
A proposta consistía en respostar á pregunta PARA QUE LES? en non máis de 140 caracteres. Ao blog de Implicadas comezaron a chegar respostas que, coa autorización de todos os participantes, fomos recollendo e enmaquetando nuns fantásticos carteis obra de Jaime Eizaguirre Santillán, extraordinario arquitecto, debuxante, ilustrador... que nos agasallou cuns magníficos deseños. (Dende 2007 publica as súas viñetas en Ana + Eiza )
Agora, e unha vez enmaquetadas as respostas, o que se está a facer nos centros, e coa axuda de alumnado e profesorado "implicado", é darlles o noso toque persoal utilizando cores e texturas diferentes, coa idea de facelos cada un de nós un pouco máis nosos.
O obxectivo é que o día 23, portas e paredes dos nosos coles se enchan de fermosos comentarios que nos fagan reflexionar aos distintos membros das nosas comunidades educativas sobre os motivos que levan a xente coñecida, ou non, a ler. Motivos tan dispares e diversos como as persoas que participan nesta fermosa iniciativa que son moitas, pois moitos son os usuarios e amigos das bibliotecas escolares galegas.
Se queres, aínda estás a tempo de participar nesta celebración do Día do Libro. IMPLÍCATE!!
Onte presentamos a iniciativa PARA QUE LES? en A Fenestra, o magazine local de Radiofusión de Fene.
Podedes escoitar a entrevista completa en Radio Barullo
Ningún comentario:
Publicar un comentario