O pasado 22 de marzo o alumnado de 4º da ESO mantivo un encontro coa escritora Paula Carballeira, con motivo da presentación do libro sobre Begoña Caamaño, autora homenaxeada polas Letras galegas 2026: Begoña Caamaño. O transgredir das ondas.
Ademais do propio encontro, no que nos contou moitas anécdotas e o alumnado tivo ocasión de facerlle preguntas sobre cando comezou a escribir e cales foron os motivos que a levaron a adicarse a esta profesión, a mañá comezou con moitas emocións. Paula Carballeira foi alumna do noso centro e desde hai tempo tiñamos un desexo que por fin puido cumprirse. Queriamos que tivese un lugar destacado no centro e que pasase a formar parte dos espazos que xa están adicados a outros persoeiros ilustres do noso concello, a biblioteca O Segrel do Penedo, o salón de actos Xaquín Marín ou a aula de Música Daniel Bellón. Desde ese día Paula tamén ten un lugar que quixemos destacar cunha placa, obra da ceramista e ilustradora, tamén fenesa, Carme Romero, o espazo aberto Paula Carballeira, unha zona con moita vida, onde se fan exposicións, feiras e moito alumnado pasa nel os recreos. Paula amosouse moi agradecida e honrada de que o seu nome quede reflexado nun lugar destacado do seu antigo centro educativo e prometeu volver noutras ocasións.
Moitas grazas por compartir con nós todas esas locas anécdotas.








Ningún comentario:
Publicar un comentario